Solidariedade con quen?

14, Decembro 2016

Resulta cando menos curioso que para inscribirse nunha “carreira solidaria” que organiza o Concello do Carballiño ó Traverso da Concellería de Deportes haxa que recurrir a unha páxina privada de internet. Aínda máis, que unha vez anotados os teus datos de nome, data de nacemento e NIF (*), te vexas na obriga de dispor dunha tarxeta de crédito para abonar o importe (*) de 4 euros máis outro euro máis para o aluger dun chip. É dicir, unha proba benéfica en favor de Cáritas e Cruz Vermella, na que como participante convídaseche a donar alimentos, convértese nun saco de recadación de cartos sen destino coñecido. Sobre todo, tendo en conta o carácter altruista do evento, que unha vez vista a web, favorece o pensamento de que tamén está “externalizado” polas autoridades municipais e que, coma nestes casos, hai que pagar os servizos á empresa correspondente. Finalmente, resulta evidente que os que carecemos de ‘crédito’ non podemos aportar o noso grao de área. Unha mágoa.