Veciños de Garabás contra unha estación base de telefonía móbil

30, Maio 2016

Os veciños de Garabás (Maside) están preocupados polos efectos da radiación electromagnética dunha estación base de telefonía móbil que está a ser instalada a 100 metros das súas casas. Din non entender a necesidade de situala tan próxima ás súas vivendas cando o territorio de Maside conta con 40 quilómetros cadrados, e sería posible unha localización a máis dun quilómetro de calquera núcleo de poboación. Trátase dunha estación emisora e receptora que vai emitir radiacións electromagnéticas 24 horas ao día 365 días ao ano.

O colectivo manifesta que o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro informa que a radiación electomagnética é potencialmente canceríxena, e que tanto o Concello de Maside, como a empresa de telecomunicacións, deberían  ser máis responsables á hora de situar este tipo de instalacións tan próximas ás súas vivendas.

Doutra banda Plataforma Masidá, colectivo que se sitúa ao lado dos veciños de Garabás, denunciou ao Ministerio Fiscal un verquido de residuos procedentes da construción na leira que permitiu o acceso á instalación desta antena. Cascallos que conteñen cadmio, chumbo, amianto, entre outros materiais tóxicos, o que para Plataforma Masidá constitúe un delito contra o medio ambiente pola posibilidade de filtrarse aos acuíferos. E non entenden como o Concello de Maside, coñecedor deste vertido, mantívose á marxe.