Fumega e Cuiña apostan por incrementar a relación entre O Carballiño e Lalin, durante a presentación da Feira do Cocido

14, Febreiro 2017

Os alcaldes de Lalín e O Carballiño, Rafael Cuíña e Francisco Fumega, respectivamente, amosaron este mediodía a boa relación que existe entre ambas vilas dende hai moito tempo, durante o acto de promoción da Feira do Cocido de Lalín, que se celebra o próximo domingo.

Cuíña foi recibido na alcaldía por Fumega, quen se referiu á Feira do Cocido de Lalín como “a gran romaría gastronómica do inverno en Galicia, mentres que a Festa do Pulpo é a gran romaría gastronómica do verán”. Desta maneira quixo deixar constancia da maridaxe que existe entre ambas vilas dende tempos remotos, de cando as mellores casas do Deza tiñan intereses nos viñedos e adegas de Cabanelas. Fumega tamén fixo mención á coincidencia de ser dúas vilas do interior con problemas semellantes, como son o despoboamento e a posta en valor do territorio. Asemade, animou aos carballiñeses a acudir o domingo a Lalín para disfrutar desta feira que acada a súa 49 edición.

En correspondencia, Rafael Cuíña tamén se referiu ao Carballiño como a vila irmá de Lalín. “Vivimos unha boa relación –dixo-, e de feito mantemos iniciativas comúns na Eurorrexión, á cal pertenecemos ambos”. Cuíña agradeceu o patrocinio de Abanca e Gadis coa Feira do Cocido, e púxose a disposición do alcalde e da corporación carballiñesa para calquera iniciativa que quixeran levar a cabo. Finalmente, fixo entrega dunha caixa con productos de Lalín de promoción da Feira do Cocido.

Ambos rexedores, xunto cos concelleiros de Turismo e Cultura do Carballiño así como de Lalín, desprazáronse ata o autobús situado na Praza do Emigrante que promove os produtos gastronómicos do Deza e da Feira do Cocido, para efectuar unha degustación.

Este autobús permanecerá na vila ata as 6 da tarde para ofrecer unha degustación das exquisiteces gastronómicas de Lalín, como a empanada de lacón, o queixo, o chourizo ou pinchos elaborados con productos da horta e do porco.