O Punto Limpo recibe nas súas instalacións a estudantes do colexio Vila do Arenteiro

13, Marzo 2017

Un grupo duns trinta alumnos e alumnas do colexio Vila do Arenteiro visitaron hoxe o punto limpo, dentro da campaña de promoción desta instalación posta en marcha hai uns meses pola concellería de Medio Ambiente.

Precisamente, a concelleira Érika Paz acompañóu aos escolares no percorrido que realizaron xunto con profesoras do centro. Técnicos do servizo de recollida do lixo explicaron nunha aula da mancomunidade as distintas fases do proceso de recollida e tratamento de lixo, así como a necesidade de reducir, reciclar e revalorizar os residuos sólidos urbanos, facendo especial fincapé no servizo do punto limpo.

Posteriormente, dirixíronse á zona de depósito de residuos perigosos ou contaminantes como pinturas, pilas, etc., que se atopan en contenedores nunha caseta pechada, e á zona de contenedores de depósito de residuos voluminosos como mobles, electrodomésticos, etc., que conta con seis grandes contenedores descubertos.

Está previsto que o próximo xoves visiten estas mesmas instalacións alumnos e alumnas do colexio Sagrado Corazón, e nas semanas seguintes o farán outros demáis centros educativos do Carballiño.

Con esta campaña, que se desenvolve co lema O Carballiño, vila limpa e sostible. Depende de ti, inténtase promover o uso do punto limpo pola cidadanía. A través de charlas, folletos e diverso material de difusión, a campaña pretende informar e concienciar á poboación sobre as posibiidades deste servizo municipal, que é gratuito, e que está acondicionado para albergar obxectos domésticos inservibles como mobles, colchóns, electrodomésticos e similares, e residuos perigosos do fogar como aerosoles, fluorescentes, disolventes, pinturas, etc.

O punto limpo atópase na estrada do Carballiño a Cea, fronte ao matadoiro, está operativo de luns a venres, en horario de 10,00 a 14,00 h., pero tamén permite que ese tipo de obxectos se depositen á beira dos contenedores da rúa calquera xoves non festivo, chamando previamente ao teléfono 662199635 para dar aviso.