Espazo Común advirte sobre a supresión de prazas de estacionamento nos últimos meses nas rúas do Carballiño e propón un plan de mobilidade

11, Outubro 2019

Espazo Común considera que “a recente supresión de moitas prazas de estacionamento en rúas céntricas pode xerar confusión e malestar entre a veciñanza”.

Neste sentido, o grupo municipal salienta a necesidade de poñer en marcha un Plan de Mobilidade que recolla, ademais, accións específicas encamiñadas a superar as barreiras arquitectónicas.

O grupo municipal de Espazo Común en O Carballiño precisa que durante os catro anos anteriores conseguíronse crear arredor de 200 novas prazas de estacionamento nas rúas Evaristo Vaamonde, Otero Pedrayo, Otero Landeiro, Ben Cho Shey e Celso Emilio Ferreiro para aliviar na medida do posible a carga das rúas máis achegadas ao centro da vila”.

Sen embargo, durante os últimos meses, “vemos que se está a emprender un camiño totalmente contrario coa supresión de prazas de aparcamento en rúas como Cuba ou a Avenida do Balneario, aplicando criterios dispares a rúas de iguais características, o cal agrava aínda máis a problemática e multiplica os prexuízos para os afectados”.

Espazo Común recorda que “se acadou un histórico consenso entre tódolos partidos e colectivos sociais para habilitar unhas zonas de aparcamento regulado gratuíto que permitiran maior rotación de coches e, polo tanto, moitas máis opcións dispoñibles” e que, sen embargo, queda pendente “a elaboración dunha ordenanza e a aprobación da partida necesaria para o equipamento dentro dos orzamentos municipais”.