En marcha o cuarto Programa Integrado de Emprego do Carballiño, que financia a Xunta e desenvolveráse nos próximos 12 meses

28, Novembro 2019

O cuarto Programa Integrado de Emprego de Galicia no Carballiño 2019/2020, comezou a selección de participantes, que serán un total de 100.

O acto tivo lugar no auditorio municipal, e no mesmo o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Manuel Dacal, presentou as características deste programa. Así, dixo que o programa está financiado pola Xunta de Galicia, e que se concederán por primeira vez becas de 5€ por cada día de asistencia a accións formativas.

Entre os obxectivos do programa, citou dous moi importantes: Mellorar a formación, e polo tanto as posibilidades de atopar emprego das persoas desempregadas, a través de sesións individuais (5 por participante) e accións formativas (un mínimo de 3 por participante); e a busca de ofertas de emprego segundo o perfil de cada usuario.

Este programa constará de oito accións formativas principais: ORIENTACIÓN LABORAL: Pequenos cursos de 1 ou 2 días que inclúen entre outros: Obradoiros de entrevistas de traballo, Técnicas de Motivación para a Busca de Emprego, etc. INFORMÁTICA BÁSICA. MANIPULADOR DE ALIMENTOS. OPERARIO DE CARRETILLA ELEVADORA. FORMACIÓN INDUSTRIAL, do tipo SOLDADURA, CALDERERÍA, MANTEMENTO INDUSTRIAL, ETC. ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS. MÁRKETING DIXITAL e ATENCIÓN AO CLIENTE.

Finalmente, Manuel Dacal recordou aos asistentes que “estades ante unha gran oportunidade para mellorar a vosa formación e conseguir un posto de traballo, polo que confío en que as persoas seleccionadas poidades aproveitar ben este programa e ter unha boa expectativa de futuro”.