Un panel informativo sobre a "Ruta dos muiños do río Pedriña" ubicado na Ínsua dos Poetas pon en valor este roteiro etnográfico e natural a través dos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás

18, Maio 2020

Co obxectivo de poñer en valor o patrimonio etnográfico do municipio do Carballiño, e por iniciativa do presidente da Asociación de Veciños de Madarnás, Adolfo Otero, o concello ven de instalar nos arredores da Insua dos Poetas, na Esgueva-Madarnás, xunto ao muíño próximo a este espazo cultural e natural, un panel informativo coa ruta dos muíños do río Pedriña.

O panel, que foi deseñado polo biólogo e integrante do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Diego Reboredo, contén información histórica e etnográfica sobre esta ruta dos muíños do río Pedriña, que é un dos principais afluentes do río Arenteiro. Así, describe o conxunto de muíños deste río ao longo dun percorrido de 15 kilómetros, entre a Madalena e Godás do Río, pasando polos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño.

Trátase dunha iniciativa que se enmarca no programa de valorización do patrimonio etnográfico do Carballño, e que complementa outras melloras, como as xa feitas ou que se están realizando no Museo Etnográfico do Arenteiro e o seu entorno.

Coa finalidade de supervisar a súa instalación, desplazáronse ata o lugar os concelleiros de Medio Rural, Rosa Fuentes; de Obras, Rogelio Otero, e de Cultura, Diego Fernández, co acompañamento do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.