O PSOE felicítase polo acordo da Comisión de Sanidade do Parlamento para pedirlle á Xunta que incorpore a reforma do Centro de Saúde do Carballiño nos orzamentos de 2021

30, Decembro 2020

A Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei presentada do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que incorpore a reforma do Centro de Saúde de O Carballiño nos Orzamentos para 2021. A iniciativa, transaccionada cunha emenda do PP, incorpora o compromiso de incluír obras maiores dentro do futuro Plan de Infraestruturas Sanitarias.

A parlamentaria socialista alertou das necesidades sanitarias urxentes deste concello, unha das cabeceiras de comarca máis importantes de Ourense cunha poboación de 14.300 persoas pero que da servizos a case 30.000 habitantes da zona. Ortega lembrou as demandas de mellora das infraestruturas sanitarias e de dotación de persoal, que se remontan ao ano 2016, cando ela mesma fixo estas peticións como concelleira en O Carballiño.

As demandas levaron á Corporación Municipal a acordar unha proposta unánime en decembro de 2019 reivindicando un novo Centro de Saúde ou ben a reforma ampliación do actual. Sinala que os facultativos teñen que atender actualmente máis de 50 pacientes cada día, con listas de agarda que se estenden por máis de 10 días, con eivas sinaladas nos auxiliares de enfermaría ou persoal para o control de acceso e mesmo no servizo de atención telefónica.

Ortega reclamou así a ampliación e mellora do Centro de Saúde, ademais do aumento do persoal médico, de psicoloxía, fisioterapia, enfermaría, auxiliares e mesmo persoal administrativo. Tamén reclamou a mellora da central de chamadas para atender apropiadamente á poboación, que hoxe vese obrigada a desprazarse ao Centro de Saúde para facer calquera trámite, e melloras das infraestruturas, como a recuperación da sala de espera da Radioloxía, hoxe reconvertida en almacén.

A responsable socialista reclamou aumentar os recursos en Pediatría, Xinecoloxía ou Fisioterapia, e puxo o acento na necesidade de “non escatimar esforzos en Saúde Mental” cando, explicou, “no contexto da pandemia, estes servizos supoñen ata un 40 por cento das consultas en Atención Primaria”.

Advertiu ademais a necesidade de atender á poboación dunha comarca que encabeza o envellecemento e que polo tanto ten necesidades específicas de cara a unha sanidade de proximidade. Reivindicou unha “sanidade de calidade e cercana” en resposta ao “mérito, responsabilidade e esforzo demostrados polos veciños e veciñas” e saudou que “logo de moitos anos sexan recollidas as propostas que repercutan na saúde e benestar dos veciños e veciñas”.