Falece Antonio Bernárdez, o cura de Loureiro, incansable loitador social e fundador da Cooperativa de Santa Mariña.

26, Xullo 2024

O concello do Irixo perde a un dos seus fillos predilectos, ven de falecer aos 92 anos de idade D. Antonio González Bernárdez "o cura de Loureiro", como máis popularmente era coñecido tanto no Irixo como no resto da comarca.

Foi  fundador e ata fai poucos anos alma-mater da Cooperativa de Santa Mariña de Loureiro, na parroquia na que exerceu o sacerdocio e foi o seu párroco, durante máis de 50 anos, precursor e pioneiro do cooperativismo na comarca do Carballiño.

O cura de Loureiro, don Antonio para os seus parroquianos, aínda que lle molestase o don, estivo presente en mil batallas, sempre traballando polos intereses da súa parroquia, promoveu a chegada da luz eléctrica, exerceu como mestre ensinando aos seus feligreses, activista na defensa da natureza e os postulados ecoloxístas, e unha das últimas das súas grandes causas foi a súa rotunda oposición á instalación da incineradora de lixo que a Xunta pretendía ubicar no Irixo.

O velorio instalouse no centro social de Loureiro, a condución e funeral será este sábado dia 27 de xullo ás sete da tarde na igrexa parroquial de Santa Mariña de Loureiro.