1.300 persoas pasan este verán as súas vacacións na Residencia de Tempo Libre do Carballiño

1, Setembro 2024

Máis de 2.200 persoas pasan este verán nas Residencias de Tempo Libre da Xunta de Galicia no Carballiño e en Panxón (Nigrán). Case 1.300 persoas na primeira, e preto de 1.000 na segunda, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou ás familias que remataron a última quenda de agosto no Carballiño.

No marco do programa Vacacións en Familia, o Goberno galego ofrece un ano máis estadías de seis días no período estival a prezos económicos. En total, máis de 12.000 noites de aloxamento, entre os meses de xullo, agosto e setembro. As familias numerosas, monoparentais e acolledoras, así como as vítimas de violencia de xénero, teñen preferencia á hora de solicitar este programa.
Campamentos para persoas con discapacidade

As Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón, ademais do albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), acollen tamén os campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade. Este ano, a Xunta ofertou 250 prazas para persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% e con idades comprendidas entre os 11 e os 50 anos. Os campamentos desenvolveranse ata setembro nun total de 15 quendas de 10 días de duración.