Punxín acolle un curso sobre "Apoio no fogar de persoas con dano cerebral". Escoita aquí a entrevista a Carla Miranda.

14, Novembro 2024

En COPE O Carballiño conversamos con Carla Miranda, responsable de proxecto de Dano Cerebral Galicia, que organiza as xornadas "Apoio no fogar de pesoas con dano cerebral", que terá lugar en Punxín nas tardes dos dias 25 de novembro, e 4 e 9 de decembro. Podes escoitar a entrevista no PODCAST adxunto a esta información.

Dano Cerebral Galicia abriu o período de inscrición nunha nova edición do curso ‘Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido’, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, que afecta a máis de 35.000 persoas en toda Galicia.

Este curso, presencial e gratuíto, está dirixido tanto a profesionais sociosanitarias dedicadas á atención e coidado de persoas con dano cerebral adquirido como a familiares e coidadoras informais. Ten unha duración de dez horas que se van repartir nas tardes do 25 de novembro (16:30 a 19:30), 4 de decembro (16:00 a 20:00) e día 9 do mesmo mes (16:30 a 19:30).

 A inscrición pode realizarse a través do do formulario online ao que se accede a través da seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/mHwNFp2TNT?origin=lprLink As persoas que completen o curso recibirán un certificado emitido pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), do Sergas.

A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dependente da devandita Axencia, participa na organización da actividade formativa. Dano Cerebral Galicia conta tamén coa colaboración do Concello de Punxín, e co financiamento do Grupo Tragsa, no marco da convocatoria ‘Solidarios Nacionales’.

O obxectivo da formación, que imparten profesionais de Dano Cerebral Galicia, é mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido través da capacitación de quen que se fai cargo do seu coidado na casa. Ademais, este curso tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, pois aprenderán técnicas que limitarán o seu desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa en situación de dependencia. Así, o temario de contidos do curso combina teoría e práctica e aborda os seguintes aspectos: ‘Detección do DCA’; ‘Pautas para avaliar a evolución da persoa con DCA’; ‘Comunicación coa persoa con dano cerebral adquirido e habilidades comunicativas’; ‘Alteracións cognitivas e condutuais’; ‘Ocupacións: Accesibilidade e produtos de apoio'; ‘Alimentación, deglutición e medicación’; ‘Tratamento da intimidade e da privacidade’; ‘Hixiene, curas e prevención de úlceras’; e ‘Acompañamento no tempo libre e actividades de lecer’.

Dano Cerebral Galicia -ata agora Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)- é a entidade que une e representa as cinco asociacións de dano cerebral adquirido que hai en Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Xuntas aglutinan a máis de 2.200 persoas socias.

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos), pero tamén por traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais, anoxias ou infeccións. Produce unha serie de secuelas -moitas delas invisibles, provocando unha enorme incomprensión- que se manifestan en diferente medida e cantidade en función da persoa, e que impactan a nivel físico, sensorial, cognitivo, condutual, emocional, traendo tamén fondas repercusións a nivel social e económico.