O PSOE esixe a "dimisión inmediata do tenente alcalde de Punxín, Eladio Fernández, polas súas faltas de respecto e ameazas".

O PSdeG-PSOE de Punxín esixe a dimisión “inmediata” do tenente de alcalde do municipio, Eladio Fernández, tras un pleno celebrado onte e marcado polas continuas faltas de respecto e ameazas pola súa parte.
Os socialistas consideran que a actitude e o comportamento do líder de CxG en Punxín, que cogoberna co PP, “son totalmente inadmisibles para un cargo público”. Dende o grupo municipal socialista poñen de manifesto que no pleno municipal celebrado no día de onte quedou patente a “total ruptura do actual grupo de goberno en Punxín, conformado polo Partido Popular e CxG”. As e os socialistas subliñan que a sesión plenaria “foi un auténtico despropósito e un exemplo do comportamento incívico do tenente de alcalde, que non pode seguir un minuto máis formando parte do goberno municipal”.
Durante a sesión plenaria, Eladio Fernández dirixiuse en varias ocasións ao alcalde con expresións ameazantes e con faltas de respecto continuadas. Tal e como explican dende o PSOE de Punxín, proferiu frases tales como “isto vaille traer consecuencias”, “non te xogues o tema” ou “non te columpies”. As e os socialistas consideran que estas frases “foron pronunciadas nun claro ton intimidatorio, algo que consideramos impropio do cargo que ostenta e son contrarias aos principios democráticos que deben rexerse nas institucións públicas”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, sinala que o corrido no pleno “é un feito de extrema gravidade” e apunta a que “non se pode normalizar a violencia verbal, nin as ameazas dentro dun órgano democrático”. Ante esta situación a edil socialista esixe “responsabilidade e respecto institucional” e subliña que “non seremos nós quen defendamos a actuación do alcalde ou do grupo de goberno á fronte do concello, pero xamais se pode permitir esta linguaxe e comportamento, xa que o respecto ten que estar por riba de todo”.
“Dende o PSdeG-PSOE de Punxín consideramos que este comportamento invalida a continuidade do tenente de alcalde no goberno municipal”, afirma Peleteiro Vázquez, que tamén lle reclama ao Partido Popular e ao rexedor que “actúen con firmeza, adoptando as medidas necesarias para preservar a dignidade das institucións locais”.
O grupo municipal socialista tamén estudia a adopción de medidas adicionais, incluída a posibilidade de elevar unha denuncia formal, senón se produce unha resposta contundente por parte do equipo de goberno, ante as actividades levadas a cabo por parte do actual tenente de alcalde en nome do concello e sen ningún tipo de autorización, nin acordo.
Neste senso as e os socialistas fan fincapé en que Eladio Fernández “elabora notas de prensa que saca en nome do concello, sen dar conta aos seus compañeiros de goberno, ademais de abrir unhas redes sociais do concello de Punxín, sen ningún tipo de autorización e facelas pasar como oficiais para confundir á veciñanza”.