Sobre o Servizo de Conciliación no concello de Leiro

27, Xuño 2025

O PSdeG-PSOE de Leiro lembra que o servizo municipal de conciliación foi unha proposta socialista rexeitada polo PP en 2022.

O grupo municipal socialista de Leiro lembra que a posta en marcha do servizo de conciliación familiar, que actualmente está en funcionamento e recibe valoracións positivas, foi unha proposta presentada polo PSdeG-PSOE en xuño de 2022, e que naquela ocasión foi rexeitada co voto en contra do grupo de goberno do PP.

A proposta socialista foi defendida no Pleno do 24 de xuño de 2022 como unha medida necesaria para facilitar a vida das familias traballadoras, promover a igualdade e ofrecer unha alternativa útil de apoio á crianza dende o ámbito municipal. Sen embargo, o alcalde e os concelleiros do Partido Popular opuxéronse sen argumentos sólidos, bloqueando a súa aprobación.

Tres anos despois, o Concello de Leiro conta cun servizo de conciliación que funciona con normalidade e que mesmo está a ser promovido polo goberno local como unha iniciativa propia. Para o PSdeG-PSOE resulta incoherente e oportunista que agora se saque peito dunha proposta que foi desprezada cando partía da oposición.

“Celebramos que o servizo estea en marcha e funcione, porque é bo para as familias e para a veciñanza. Pero tamén esiximos respecto e recoñecemento: esta foi unha idea que naceu do noso traballo e da nosa visión de futuro para Leiro”, sinalan os concelleiros socialistas Manuel e Pedro José, voceiro e voceiro adxunto do grupo municipal socialista.

Desde o PSdeG-PSOE reiteran o seu compromiso cunha oposición propositiva, baseada en melloras reais para a veciñanza, e denuncian a estratexia sistemática do PP de bloquear as boas propostas da oposición para apropiarse delas anos despois, cando ven que teñen utilidade social.