Recoñecemento institucional de Xunta e Concello do Carballiño ao Centro Galego de México no 1º Dia da Emigración, que abríu a programación da Festa do Pulpo

25, Xullo 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, xunto ao alcalde en Funcións Pepe Castro-Gil e o concelleiro de turismo Manolo Dacal, participaron no acto de celebración do Día da Emigración no concello do Carballiño, unha iniciativa enmarcada na programación da Festa do Pulpo e que serve coma homenaxe a un colectivo fundamental no desenvolvemento da nosa terra.

Durante a xornada, e antes do inicio do concerto da artista Lucía Pérez incluído no evento, Miranda fixo entrega dunha placa conmemorativa ao presidente do Centro Galego de México, Alfonso Martínez Lorenzo, en recoñecemento ao labor desta entidade centenaria, fundada inicialmente como Orfeón Galego en 1911, e que conta na actualidade con preto de 1.700 socios e socias, todos de orixe galega ou descendentes.

O secretario xeral puxo en valor o papel fundamental que xogou e segue a xogar a emigración na construción da identidade galega, así como o compromiso do Centro Galego de México na preservación e proxección da cultura propia en terras americanas. Precisamente, nesta aposta por reforzar os vínculos coas colectividades galegas no exterior, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, emprenderá mañá unha viaxe institucional a Arxentina e Chile con motivo da celebración do Día de Galicia co obxectivo de continuar afondando nas relacións con estas comunidades e informar sobre as políticas de retorno que promove a Xunta.