En defensa da honra e da verdade: basta de ataques persoais contra Susana Iglesias

13, Novembro 2025

I. Condena dos ataques persoais.

XUNTOS POLO IRIXO condena de maneira rotunda os insultos, insinuacións e descalificacións persoais vertidas contra Susana María Iglesias. O texto difundido baixo o título “O raposo, a xineta e o teatro de Susana” constitúe un ataque ad hominem intolerable, alleo ao debate político leal e á crítica amparada pola liberdade de expresión. A honra, a reputación e a dignidade dunha muller non son moeda de cambio nin escusa para o insulto.

II. Mentiras, insinuacións e difamación.

As expresións publicadas —que a presentan como manipuladora, vaga, mentireira, que “pasa horas no bar”, que cobra dietas indebidamente, que beneficia intereses persoais con obras públicas, ou que promove favores a cargo de fondos municipais— son falsas, gravemente inxuriosas e difamatorias.

• Recalcamos que toda a actividade institucional de Susana Iglesias se desenvolveu con suxeición á legalidade vixente e aos procedementos administrativos.

• Denunciamos a utilización de bulos, insinuacións e frases efectistas para fabricar un relato degradante que non achega un só dato verificable nin documento que o avale.

• Advertimos de que ligar o nome de Susana Iglesias con prácticas ilícitas ou inmorais sen probas é unha vulneración frontal do seu dereito á honra.

III. Chamada á responsabilidade pública

Nunha democracia local, os proxectos, as contas e as obras discútese con datos: memorias, orzamentos, licitacións e fiscalización. O insulto e a difamación non son política: son barro. Esiximos elevar o nivel do debate ao que merece a veciñanza do Irixo: respecto, veracidade e transparencia.

IV. Exixencia de rectificación inmediata

Ao abeiro da Lei Orgánica 2/1984, do dereito de rectificación, intimamos aos autores e a quen difundise o escrito a:
1. Retirar de forma inmediata o contido difamatorio de todos os soportes nos que se publicase ou compartise.
2. Publicar unha rectificación clara e de igual relevancia, no prazo máximo de 48 horas, recoñecendo o carácter inveraz e ofensivo das afirmacións persoais vertidas contra Susana Iglesias.
3. Absterse sobre novas publicacións que lesionen a súa honra, imaxe ou vida privada.

V. Reserva expresa de accións legais
Esta parte resérvase o exercicio de cantas accións correspondan en defensa da honra, reputación e imaxe de Susana Iglesias, incluíndo:
• Accións civís ao abeiro da Lei Orgánica 1/1982 de protección do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
• Accións penais por inxurias e calumnias, cando proceda.
• Accións complementarias en materia de protección de datos e comunicacións ilícitas, se se chega a identificar tratamento ou difusión indebida de información persoal.

VI. Conservación de probas
Notifícase que se procederá á preservación e acta notarial das publicacións, comentarios, mensaxes e reenvíos dixitais relacionados, incluídos metadatos e historial de edición, co fin de asegurar a cadea de custodia probatoria.

VII. Compromiso coa veciñanza e coa verdade
Susana Iglesias seguirá traballando con serenidade e dedicación polos intereses dos veciños e veciñas do Irixo. Nin o ruído, nin a lama desviarán ese compromiso. Ás mentiras respóndese con feitos; aos insultos, co Dereito.