O Concello do Carballiño impulsa un novidoso plan de microasfaltado para a reparación das rúas do casco urbano

O Concello do Carballiño impulsa un novidoso plan de microasfaltado en tres rúas da vila para reparar os firmes tralo deterioro causado polas intensas chuvias dos últimos meses. O alcalde en funcións, José Castro, detallou o sistema no pleno ordinario desta mañá: “Esta intervención, que se está levando a cabo desde hai pouco nas autoestradas galegas, inclúe unha primeira capa para tapar as fochancas e unha segunda capa de microasfalto dun centímetro por riba”.
O proxecto, xa adxudicado, comezará nos próximos días e levarase a cabo ao longo do mes de marzo nas rúas Centro de Carballiño en Bos Aires, Julio Rodríguez Soto e Conde Vallellano, onde a vía presenta un estado de deterioro avanzado. “Se este novo sistema de microasfaltado funciona, ampliarémolo ao resto das vías afectadas polas fochancas”, avanzou Castro.
Nesa liña, a previsión do Concello do Carballiño é replicar esta actuación nas rúas Martínez de Abellanosa, Blanco Amor, Juan Corral, Saleta, Cesario Tizón, Aquilino Sánchez, Evaristo Vaamonde, Alberto Vilaboa, Alexandre Bóveda, Tellado, Comunidade de Madrid, Colombia, País Vasco, Principado de Asturias, Cantabria, Barrio Quintero e Campo da Festa, Boborás, Gómez Román, circunvalación, Murcia e Toscaña.
Pola súa parte, Alberto Otero, concelleiro de Obras, deu conta no pleno das dificultades da brigada municipal para cubrir as fochancas durante o período de chuvias intensas.
“Intentamos asfaltar, pero a chuvia non o permitía, así que tivemos que optar polas placas metálicas, sabendo as molestias de ruido que causan”, lamentou Otero. “Agardamos que o microasfaltado supoña unha medida correctiva para o estado das vías, en lugar de tapar as fochancas de xeito preventivo ata que volva chover”, apuntou.