A conselleira do Mar anuncia o apoio da Xunta á 33 Festa de exaltación do Pan de Cea onde tamén se poderán degustar produtos do mar de Galicia

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, confirmou ao alcalde de Cea e ao presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, José Luís Valladares e Juan Luis Calviño, respectivamente, que o departamento que dirixe vai renovar a colaboración para seguir promocionando os produtos do mar de Galicia nesta festa de exaltación doutro dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega.
Deste xeito, a Consellería do Mar volverá estar presente na trixésimo terceira edición desta celebración, que en xullo volverá reunir na localidade de San Cristovo a profesionais da panadería cunha longa tradición e recoñecemento dentro e fóra de Galicia. A conselleira destacou a importancia de promocionar os produtos do noso mar en concellos do interior, por iso a Consellería cederá conservas e mexillón para que se poidan degustar xunto cun dos pans de maior calidade que existen.
Trátase de apoiar iniciativas que poñen en valor os produtos locais e o traballo dos profesionais do sector alimentario galego, pois tamén contribúen á dinamización económica e turística dos concellos. Neste senso, subliñou que o Pan de Cea representa “un exemplo de tradición, calidade e identidade gastronómica que forma parte do noso patrimonio”.
A reunión permitiu así avanzar na coordinación institucional para impulsar esta xornada de exaltación, que busca seguir consolidándose como unha referencia na promoción da panadería tradicional galega e na posta en valor do territorio.