Os concellos do Carballiño, Piñor, Cea, Maside e Boborás únense para poñer en marcha a "Axenda Urbana da área funcional da comarca do Carballiño"

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes dos concellos de Boborás, Maside, O Carballiño, Piñor e San Cristovo de Cea, xunto coa empresa EOSA, para avanzar na elaboración da Axenda Urbana da área funcional da comarca do Carballiño.
Durante o encontro analizáronse os pasos a seguir na redacción deste documento estratéxico, chamado a definir unha folla de ruta compartida para o desenvolvemento do territorio, baseada na cooperación institucional e na identificación de retos e oportunidades comúns.
Menor destacou que “esta Axenda Urbana é unha oportunidade para aliñar esforzos e construír unha visión conxunta de futuro, desde a colaboración entre administracións e contando co conxunto do territorio”. Neste sentido, lembrou que a Deputación mantén como eixo estratéxico a colaboración institucional nesta materia, con traballo xa desenvolvido noutras áreas da provincia como Ourense Sur, Valdeorras ou Monterrei.
Subliñou tamén o presidente provincial que o obxectivo desta acción é “converter esta planificación nunha ferramenta útil, que nos permita priorizar actuacións, mellorar a coordinación e aproveitar mellor as oportunidades de financiamento para seguir avanzando no desenvolvemento da provincia”.
Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Axenda Urbana Española e permitirá identificar retos estratéxicos, establecer liñas de actuación conxuntas e mellorar a coordinación das políticas públicas no territorio.