1, Xaneiro 2026

Dende os montes do Courel chega a O Carballiño A Apalpadora, a filla do famoso APALPADOR, e chega por iniciativa da tenda galega OZOCO GZ, na rúa Curros Enríquez do Carballiño.

Será este sábado dia 3 de xaneiro a partir das cinco da tarde, e cunha invitación que se fai extensiva a toda a veciñanza do Carballiño e Comarca, nenos e maiores, que queiran descubrir esta historia que ten que ver coa tradición do nadal na nosa terra.

E para darlle a benvida á APALPADORA animarán a tarde as pandereiteiras OZOCORETEIRAS, as pandereiteiras que participan durante o ano na escola de pandereiteiras que dirixe o músico carballiñés Isidro Vidal, no mesmo OZOCO GZ, neste tempo de cantar os reis.

Desde OZOCO GZ agasallarán a toda a concurrencia con chocolate, doces e outras larpeiradas, para completar esta tarde de sábado e tradición galega no Carballiño. 

30, Decembro 2025

O Carballiño festexa, por primeira vez, as Badaladas do Feirón, unha cita que une a última feira de 2025 coa celebración das prebadaladas de Fin de Ano.

Como cada 31 de decembro, a O Carballiño énchese mañá de familias e veciñanza de toda a comarca que se achegan ao Feirón para facer as súas compras, e que este ano ademais de desfrutar do pulpo, poderán festexar as badaladas na Praza Maior.

“É unha xornada de encontro pensada para que as familias desfruten do ambiente e celebren xuntas as badaladas antes de regresar a casa para cear”, explica Diego Fernández, concelleiro de Cultura. A cita contará con animación familiar con DJ Tibu, reparto de cotillón, neve artificial e unha gran festa para todas as idades. Non faltarán as doce uvas para as persoas adultas nin os doce gusanitos para os máis pequenos, recreando así as tradicionais badaladas nun ambiente festivo e participativo.

As Badaladas do Feirón convértense nunha nova forma de celebrar o remate do ano, mantendo viva a tradición do feirón e reforzando o espírito de convivencia e celebración no Carballiño. A cita terá lugar na Praza Maior a partir das 18,00 horas. “Trátase dunha actividade máis dentro da exitosa programación que temos para o Nadal no Carballiño e onde os nenos e as familias son os grandes protagonistas”, recorda Diego Fernández.

30, Decembro 2025

ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro (GDR-12) veñen de asinar un acordo de colaboración que busca responder ás necesidades do tecido produtivo da comarca e da creación de emprego, ao tempo que sitúan a sostibilidade no foco principal.

O convenio foi rubricado en Leiro coa presencia da directora da oficina, Patricia Núñez e asinado polo coordinador de banca institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román, e o presidente do GDR 12 Carballiño-Ribeiro, Francisco José Fernández Pérez. O convenio súmase ás recentes ofertas e convenios financeiros que ABANCA subscribe practicamente a diario con colexios profesionais, empresas, asociacións e outras entidades presentes nos territorios nos que o banco ten presencia.

Un dos obxectivos principais deste acordo é a reactivación económica da comarca a través do impulso de novos proxectos e da mellora da competitividade e sostibilidade medioambiental dos actuais a través do crédito. Con isto, os adheridos ao GDR poderán acceder as condicións ventaxosas na contratación de produtos e servizos como as pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións e avais.
Así mesmo, o texto detalla unha oferta con créditos específicos para o sector agrogandeiro, liñas de comercio exterior, desconto comercial e confirming.

Os membros do GDR tamén terán acceso ás vantaxes do Programa Servizos ABANCA, que permite aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais. Tamén ofrece xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica para os interesados. A maiores, dende as oficinas facilitarase información relativa ás opcións de financiamento mediante os convenios oficiais que o banco ten subscritos con diversos organismos públicos.

Na presente convocatoria 25-26, o GDR-12 xestionou máis de 20 proxectos, dos cales foron beneficiarios de axuda 5 entidades públicas (Concellos do territorio), 2 asociacións privadas e 6 entidades privadas (autónomos e empresas), repartíndose cerca de máis de 450.000 € en dúas anualidades, sumando o investimento total dos proxectos 776.000€

29, Decembro 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Boborás, no que a Xunta financiará os traballos de cubrición do parque infantil. Na visita tamén participou a alcaldesa do concello, Ana Patricia Torres.

Perfecto Rodríguez explicou que a Xunta vén de asinar un convenio de colaboración co ente local polo que destinará 100.000 euros a estes traballos, que deberán estar listos ao longo do vindeiro ano. O Concello, como titular do centro, será o encargado da contratación e do seguimento das obras

O xerente do Consorcio enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de continuos investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.

Ao respecto, Perfecto Rodríguez destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.

28, Decembro 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, asinaron o convenio de colaboración para investir 1 millóns de euros na renovación e posta en marcha da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.

Tal e como recolle o convenio, que terá unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2028, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 80% do custo da actuación, que será cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e o Goberno local, o 20% restante.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, esta actuación permitirá resolver as deficiencias técnicas que presenta a actual infraestrutura municipal, así como dotala de sistemas tecnolóxicos que garantan un funcionamento automatizado e eficiente. En concreto, intervirase sobre a liña de auga (que dá entrada ao material residual na depuradora e se ocupa do seu tratamento) para substituír as dúas bombas actuais, instalar un novo caudalímetro e construír tamén unha arqueta nova provista de dúas canles, ademais de intervir no sistema de pretratamento das augas residuais.

En canto á liña de lodos da nova EDAR, está previsto tamén o cambio das bombas de recirculación existentes e da destinada á purga dos lodos, ao tempo que se substituirá o equipo de deshidratación manual existente por outro automático. Ademais, as obras proxectadas tamén incluirán outros traballos de acondicionamento e mellora das instalacións como, por exemplo, limpeza e impermeabilización interior das principais estruturas e rehabilitación do edificio de explotación; instalación dun sistema de xestión (SCADA) e substitución do cadro eléctrico da depuradora e do cableado aos equipos; e adecuación do camiño que dá acceso á EDAR.

28, Decembro 2025

As miñas notas paraos tertulianos é un aprobado para todos, pero con matices.

Sebastian leva un 6 porque está na posición máis difícil da mesa ao ter que defender moitas veces os desplantes e desaires dos concelleiros do seu partido ao formar parte do terrible goberno que temos dende fai xa bastante tempo e do que a suma do PP, que viña para acabar coa parálisis do goberno de Fumega, aínda non amosa resultados. Jose Antonio levaria un 7. Argumenta con educación e con datos e sempre busca a cordialidade como punto de referencia. Grande como profesor e grande como persoa. Manuel levaría un 9. Para min o mellor, sobre todo no último ano ao non ter que defender ningunha cor política: argumenta e opina con educación e con datos, cousa moi difícil á hora de ter que rebatirlle calquera cuestión. Fátima aproba cun 7. Postura cómoda a que ten na mesa tertuliana e tamén sabe sacarlle punta a certas cuestións de calado. Cando comenza  cun "compañeiro" sabes que vai dar algunha puntada por algún lado. Gonzalo aprobado cun 5. A peor nota pero non porque as súas opinións sexan malas senón porque aburren. O seu tema central é Pachi e raro é o momento no que solte cinco palabras e unha non sexa Pachi.

Deixo para o final ao director de pista, ao moderador Xan Pinal. El leva un 10, porque moderar debate entre estes cinco monstruos da tertulia ten que ser ben difícil e el o consegue venres tras venres. Moitas gracias a todos os que facedes posible coa tertulia que as sobremesas dos venres se nos fagan tan informativas e amenas. Felices festas e próspero ano.

27, Decembro 2025

Eu á tertulia de Cope doulle un aprobado,  faise bastante amena e paréceme sorprendentemente (para o que se leva hoxe en dia nos medios) plural e representativa das distintas sensibilidades políticas e socias do Carballiño, a pesar da afinidade que a maioría  dos intervintes teñen  cos grupos do concello.

Boto en falta que se dedique máis tempo a outros concellos, onde tamén habería moito que comentar, por exemplo no meu que é Maside. Ésta é unha suxerencia para a propia emisora, porque a cope non solo se escoita no Carballiño senón que é a radio de referencia noutros concellos. Téndeo en conta, gañaría a tertulia.

26, Decembro 2025

O Concello do Carballiño propón unha variada programación lúdica para desfrutar da última fin de semana do ano. A oferta inclúe o parque de atraccións CarbaNadal, o concerto “Treides comigo” de Xoán Curiel e a súa banda e a obra de teatro infantil “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”.

O pavillón Paco Chao acolle ata o 31 de decembro o CarbaNadal, un espazo lúdico con inchables xigantes, obradoiros creativos e xogos de construción onde os máis cativos poderán divertirse e aprender nun entorno seguro e cheo de ilusión.

O parque ten estruturas evolution e xrun xigantes, onde os participantes terán a oportunidade de realizar probas de esforzo e superación, así como completar o percorrido de obstáculos e probas deportivas. O horario do parque é de mañá (de 10,30 a 13,30 horas) e tarde (de 16,00 a 20,00 horas). O prezo de cada entrada será de 7 euros no horario matutino e de 8 euros pola tarde.

O sábado 27, o templo da Veracruz acollerá o concerto “Treides comigo” de Xoán Curiel e a súa banda. O espectáculo, que comezará ás 19,30 horas, inclúe cantigas galego-portuguesas dos séculos XII ao XIV ligadas aos dez camiños de Santiago e interpretadas desde unha mirada actual. O público poderá descubrir curiosidades sobre os autores da época, as diferentes formas das cantigas e a súa memoria inmaterial, incluíndo algunhas lendas e historias que lles dan vida.

Xa o domingo 28, as familias do Carballiño teñen cita no Auditorio Municipal Manuel María con “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, unha divertida peza teatral con música en directo. A obra, da compañía A Xanela do Maxín, comeza ás 18,00 horas e as entradas xa están á venda a través de ataquilla.com.

26, Decembro 2025

 Puntuar aos tertulianos ? ahí vai a miña opinión. Algúns dirán que a dupla Sebas-Gonzalo da vidilla ás tertulias dos venres pero a min paréceme que provoca demasiada tensión no ambiente creando malestar aos que a escoitamos sentindo vergonza allea. Sempre co mesmo guión. Gonzalo facendo de TelePachi en directo co mesma matraca de sempre. Que si Pachi fixo a autovía AG54 e Sebas recordándolle os seus erros urbanísticos todo elo nun clima de crispación irrespirable. Pola contra está Barge e Manuel Nogueira debatindo e argumentando con serenidade e con datos.

 

26, Decembro 2025

Hoxe os tertulianos puxeron nota as forzas politicas da corporación. Suspendia o goberno do Ppsoe e aprobaban xustiño Espacio Común e Bng según as súas valoracións. 

Pero, que nota sacarian os tertulianos se tivesemos que puntualos os ointes?

Pois estaría ben unha encuesta para ver que nota sacaron en base aos seus comentarios en este ano. 

Vou comenzar eu puntuando para que a xente se anime

Aprobado con notable para os cinco, pese a que ao señor Nogueira lle daría un punto extra por diversos motivos. 

Moitas gracias a todos os que facedes a tertulia e feliz nadal para todos. 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS