3, Maio 2023

“Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”. Este é o título do libro que impulsan o Concello do Carballiño, que asume a financiación, e a Asociación Fotográfica O Potiños para homenaxear a estas profesionais. O traballo, que contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións, comezará a distribuírse o venres entre os protagonistas das imaxes e nunha exposición que se abrirá ao público a partir das 20.00 horas no antigo local Hobby Sport, na Rúa Principal. Neste espazo exporanse unha trintena de fotografías en formato 50x70.

O resto dos exemplares distribuiranse na Casa Consistorial e os veciños e veciñas interesados poderán solicitar un por persoa. Tamén repartiranse entre os membros da Asociación O Potiños. O seu presidente, Manuel Blanco, agradeceu a colaboración do Concello do Carballiño e das familias protagonistas das imaxes, asegurando que “o resultado é francamente satisfactorio”. A secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, María del Mar Lage, recibiu esta mañá un exemplar das mans de Manuel Blanco e tamén quixo mostrar o seu agradecemento a todos os que fixeron que o libro sexa unha realidade.

A idea xurdiu cando a Asociación de Pulpeiros e O Potiños comezan a colaborar para realizar fotografías para a páxina web da primeira entidade. Nese momento empeza a tomar forma este traballo, pois as imaxes tiñan moito que dicir. Componse de 60 fotografías en branco e negro realizadas no estudio e nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a este colectivo de traballadoras e á súa historia.

O libro xa foi presentado no mes de marzo e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor “o excelente traballo de O Potiños, que fai un recoñecemento a estas profesionais que manteñen viva esta tradición gastronómica”. O traballo tamén demostra a estreita colaboración entre a entidade cultural, o Concello e a Asociación de Pulpeiros.

No libro inclúense textos do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do colectivo O Potiños; de Carlos Montes sobre a historia desta industria familiar que é o pulpo e de Felipe Senén.

3, Maio 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, para analizar diferentes propostas do rexedor para mellorar a conciliación das familias deste concello ribeirao.

O encontro, que se mantivo no edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, serviu para poñer en común os servizos que hai en Leiro e en que se pode avanzar para mellorar a vida das familias á hora de compatibilizar o traballo co coidado dos seus fillos.

2, Maio 2023

Xornada institucional cunha intensa axenda, primeiro foi a recepción ao equipo no Pazo de Raxoi, onde foi felicitado polo seu ascenso á Primeira RFEF nun acto no que o o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo entender moi ben a petición de apoio ante a administración autonómica demandada polo presidente do Arenteiro, Argimiro Marnotes, para un novo Espiñedo, que estea á altura das condicións que demandan un estadio do século 21.

Unha demanda que o mandatario do club carballiñés tamén trasladou como moi necesaria no segundo acto institucional desta xornada, na que o equipo, fútbolistas e técnicos, acudiron á invitación da Deputación de Ourense, desta vez Marnotes non deixou escapar a ocasión para pedir ese mesmo apoio ante o presidente da entidade provincial, Manuel Baltar.

E finalmente, xa pola tarde, o salón de actos do concello do Carballiño acolleu a homenaxe institucional que presidiu o alcalde Fumega e ao que asistíron os grupos políticos da corporación carballiñesa. Tamén aquí o acto servíu para que o club trasladáse aos responsables municipais a necesaria comunión entre club e concello para que O Carballiño dea a mellor imaxe posible a toda España, comezando polas actuacións que con carácter máis urxente hai que acometer en Espiñedo para cumplir varios requisitos que esixen a competición da Primeira RFEF, como en materia de iluminación ou contar cun aforo mínimo que necesitará a instalación dunha grada provisional no estadio.

2, Maio 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou o Club Deportivo Arenteiro polo seu ascenso á primeira RFEF, terceira categoría nacional, tras unha “excepcional tempada”. O titular do Goberno galego, acompañado polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, deulle os parabéns por este logro ao equipo do Carballiño ao que recibiu no Pazo de Raxoi.

“Trouxestes para Galicia unha vitoria moi importante”, puxo en valor Rueda con respecto á Copa da Federación que o club acadou en novembro, un éxito que agora se ve acrecentado polo seu ascenso á primeira RFEF e que supón, segundo salientou o mandatario galego, “saír a xogar co nome de Galicia por toda España”.

“Galicia é un grande equipo porque se compón doutros grandes equipos que entre todos facedes esta terra”, enxalzou. Rueda quixo, ademais, transmitirlle ao equipo os seus bos desexos para esta nova tempada na que se amosou convencido de que o Arenteiro vai ser “un dos grandes equipos de Galicia”, á vez que lle trasladou o apoio do Goberno galego. “Intentaremos botar unha man, por nós non vai quedar”, garantiulles durante a recepción. 

Escoita no seguinte enlace a intervención do presidente da Xunta no Pazo de Raxoi: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/79698/rueda-felicita-arente...

2, Maio 2023

Por se alguén lle interesa da comarca do Arenteiro ou arredores, convòcase oposición A1 de Enxeñeiro Agrònomo no concello de O Irixo.

Nótase que veñen as elecciòns…

É unha vergoña está maneira de proceder en precampaña, pero xa todo vale, faise o que faga falta e pásase por encima do que faga falta para conseguir os resultados fixados.

Vendo as listas electorais foi unha pena que o Partido Popular non renovase internamente as súas listas, especialmente o candidato a alcaldía, xa que Manuel Cerdeira foi perdendo os apoios internamente, debido as decisións que foi tomando dende que tomou as rendas do concello polo falecemento do anterior rexedor, o señor Penedo en paz descanse. Porque para desgracia do Irixo o señor Cerdeira non é Penedo, e xa se deron conta os membros do Partido Popular que están e estaban arredor do señor Cerdeira. Un indicio de este feito e que a lista presentada é desanxelada, non hai membros de entidade, son simples peóns estériles postos para poder exercer un hipotético mandato cómodo e sen obxeccións. 

Pola contra vense candidaturas baixo a miña opinión competentes, frescas e con ilusión. 
 

Será o pobo o que decida se premia esta forma de gobernar despótica, interesada e tan inxusta  para a xente de a pé, ou se da a oportunidade de gobernar de outra maneira a xente nova.

2, Maio 2023

Desde o Círculo de Podemos no Carballiño veñen de rexistrar no Congreso a través do seu diputado Antón Gómez-Reino unha batería de preguntas para coñecer cal é o número de vivendas en alugueiro social, alugueiro ordinario e vivenda habitada sen título habilitante xestionadas pola SAREB.

Segundo o seu candidato á alcaldía do Carballiño, Manuel Nogueira: “o acceso a unha vivenda digna é unha problemática que tamén afecta a moitas familias da nosa vila. Os altos prezos tanto para a compra como para o propio alugueiro fai que moitas familias teñan serias dificultades á hora de chegar a final de mes”.

“Os concellos deben ser administracións capaces de dar unha resposta a esta problemática. O que recolle a constitución como un principio rector non pode ser só un mero valor de mercado, pois converte un dereito nun mero negocio o que fai que moita xente non teña un teito onde vivir”, apunta Nogueira, “cuestións de este calado estarán presente nas propostas que fagamos no noso programa electoral”.

Desde o Círculo podemita ven preciso coñecer estes datos que solicitan á SAREB para poder poñer a disposición da veciñanza de O Carballiño vivenda de alugueiro social a tarvés da propia SAREB ou a través de convenios con outras administracións.

30, Abril 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,asi como o alcade de San Amaro Fernando Rodriguez Redondo, mantivo unha reunión con veciños deste concello, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo.

En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona, cunha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas propiedade de 146 titulares. A zona que acollería este proxecto está localizada entre as localidades de A Gaime, Viriña e San Amaro.

Durante a reunión, o conselleiro lembroulles aos asistentes que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

29, Abril 2023

Antagonista Teatro traslada a súa sede ao Carballiño grazas ao apoio do Concello, segundo afirmou o seu fundador, José Vaquero. A compañía teatral, nada en 2016 en Ourense, busca medrar no novo lugar, que conta con ampla tradición teatral e una forte base de teatro afeccionado.

O concelleiro de cultura do Carballiño, Diego Fernández, agradeceu á compañía o seu compromiso coa vila e destacou a súa importancia para o tecido cultural do Carballiño. “Esta compañía achegará un gran valor cultural e será un estímulo para unha escola municipal de teatro e para os bos grupos de teatro afeccionados que xa existen na vila”, explicou. “A cultura do Carballiño sigue así medrando e gañando relevancia en Galicia grazas a compañías”, engadiu.

O equipo de Antagonista Teatro tamén anunciou a data de estrea do seu novo espectáculo, "Insubmisa", no Auditorio do Carballiño o 23 de setembro. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo protagonizada por Iria Sobrado e dirixida por Pepe Domínguez, recentemente premiado nos María Casares, na que se pon enriba da mesa a cuestion de se é posible a liberdade da muller cando a historia segue a ser escrita por homes. O equipo complétase con Marta Alonso na dirección e acompañamento de movemento e coreografía, e cos actores Javier Octavio de Toledo e José Vaquero.

Á actriz Iria Sobrado, natural do Carballiño, mostrou a súa satisfacción por ser protagonista deste novo espectáculo, que servirá "para poñer enriba dá mesa a pregunta sobre a liberdade das mulleres nun contexto no que a historia segue a ser escrita por homes".

28, Abril 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro vota en contra dos orzamentos municipais aprobados polo Partido Popular no último pleno, ao considerar que presentan numerosas “irregularidades” e ante a falta de aclaracións por parte do goberno municipal, encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández. Consideran que o rexedor impediu, de “forma manifesta”, a fiscalización dos orzamentos por parte do interventor, situación, que segundo sinalan, “é de máxima gravidade”.

Os e as socialistas de Leiro critican, que unha vez consultados os informes do secretario-interventor, puideron comprobar que o concello “non cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, nin co obxectivo da regra de gasto, nin a liquidación do orzamento xeral do exercicio 2022, coa limitación establecida pola lei no relativo á estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”. Ante esta situación, dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran “necesario” a aclaración dos distintos aspectos contidos en ditos informes, xa que tal e como apuntan “ao noso entender, refléxase un considerable incumprimento dos principios que afastan a xestión do concello e as súas contas dos principios de imaxe fiel e axustada á realidade económica e financeira esixida polas normas vixentes”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, queda de manifesto que o alcalde e o seu equipo de goberno “evitou de forma intencionada as funcións de control e fiscalización do secretario-interventor, en detrimento da eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos de todos e todas e a favor dos seus intereses personalistas”.

Neste senso tamén apunta que “o risco e a responsabilidade recae directamente sobre o alcalde e o seu grupo de goberno”. O PSdeG-PSOE de Leiro tamén pon o foco sobre o informe de “resolucións emitidas”, no que se recollen 380 facturas, que conteñen, maioritariamente, contido non inventariable ou periódico, “polo que a función de control e fiscalizadora do secretario interventor limítase a súa función de contabilización”, sinala Rodríguez Vázquez. “As 380 facturas suman un total aproximado de 170.000 euros, das cales 339 corresponden a gastos de electricidade e subminístroos por importe de 61.139,63 € e as restantes 2 facturas suman un total de 83.833,09 €, polo que nos resulta evidente que a función de control e fiscalización do interventor é practicamente testimonial”, explica o voceiro socialista.

Os e as socialistas poñen como exemplo do “baleirado de contido” da función de control e fiscalización da figura do interventor, a privatización do servizo da auga e a delegación de competencias municipais a mancomunidade do Ribeiro. Neste senso afirman que á veciñanza “cuadriplicáronselle as taxas da auga dende o 2005 e sen realizar a pertinente actualización do IPC correspondente aínda a día de hoxe”. Outro exemplo é o funcionamento das 14 fosas sépticas do concello que deben limparse dúas veces ao ano, e segundo os e as socialistas “atopámonos que o alcalde négase a facilitar os partes de baleirado e limpeza das mesmas por parte da empresa concesionaria”.

Neste senso, Manuel Rodríguez afirma que “o alcalde sabe que as fosas non se limpan nin tan sequera unha vez ao ano, namentres a empresa, dende o ano 2015, cobra 7.000 euros cada ano, máis o IPC, por non cumprir o contrato”. Dende o PSOE de Leiro tamén poñen o foco nos 77.092,13 euros que o concello paga polo servizo de recollida e lixo; os 44.403,09 € que se pagaron polo servizo de recadación no 2022, cando en 2017 o custe do servizo para o concello foi de 19.054,21 €. “Tanto estas cuestións económicas, como outras cuestións técnicas e legais, foron elevadas polos concelleiros socialistas na mancomunidade do Ribeiro ao Consello de Contas”, explica Manuel Rodríguez, quen finaliza afirmando que “ o Consello de Constas incluíu a fiscalización das contas da mancomunidade ao considerar suficientemente motivada a argumentación e documentación que presentamos os e as socialistas”.

28, Abril 2023

O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de Media Distancia de Galicia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo empregando as liñas de alta velocidade existentes.

Concretamente, a iniciativa aprobada pide a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia de relacións a partir das 19:50 horas. Tamén atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

O pleno da Deputación Provincial tamén pide mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos, recuperando os suprimidos pola pandemia e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas polas plataformas de usuarios e usuarias.

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos aprobados polo Goberno central, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS