2, Maio 2023

Desde o Círculo de Podemos no Carballiño veñen de rexistrar no Congreso a través do seu diputado Antón Gómez-Reino unha batería de preguntas para coñecer cal é o número de vivendas en alugueiro social, alugueiro ordinario e vivenda habitada sen título habilitante xestionadas pola SAREB.

Segundo o seu candidato á alcaldía do Carballiño, Manuel Nogueira: “o acceso a unha vivenda digna é unha problemática que tamén afecta a moitas familias da nosa vila. Os altos prezos tanto para a compra como para o propio alugueiro fai que moitas familias teñan serias dificultades á hora de chegar a final de mes”.

“Os concellos deben ser administracións capaces de dar unha resposta a esta problemática. O que recolle a constitución como un principio rector non pode ser só un mero valor de mercado, pois converte un dereito nun mero negocio o que fai que moita xente non teña un teito onde vivir”, apunta Nogueira, “cuestións de este calado estarán presente nas propostas que fagamos no noso programa electoral”.

Desde o Círculo podemita ven preciso coñecer estes datos que solicitan á SAREB para poder poñer a disposición da veciñanza de O Carballiño vivenda de alugueiro social a tarvés da propia SAREB ou a través de convenios con outras administracións.

30, Abril 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,asi como o alcade de San Amaro Fernando Rodriguez Redondo, mantivo unha reunión con veciños deste concello, para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo.

En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona, cunha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas propiedade de 146 titulares. A zona que acollería este proxecto está localizada entre as localidades de A Gaime, Viriña e San Amaro.

Durante a reunión, o conselleiro lembroulles aos asistentes que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

29, Abril 2023

Antagonista Teatro traslada a súa sede ao Carballiño grazas ao apoio do Concello, segundo afirmou o seu fundador, José Vaquero. A compañía teatral, nada en 2016 en Ourense, busca medrar no novo lugar, que conta con ampla tradición teatral e una forte base de teatro afeccionado.

O concelleiro de cultura do Carballiño, Diego Fernández, agradeceu á compañía o seu compromiso coa vila e destacou a súa importancia para o tecido cultural do Carballiño. “Esta compañía achegará un gran valor cultural e será un estímulo para unha escola municipal de teatro e para os bos grupos de teatro afeccionados que xa existen na vila”, explicou. “A cultura do Carballiño sigue así medrando e gañando relevancia en Galicia grazas a compañías”, engadiu.

O equipo de Antagonista Teatro tamén anunciou a data de estrea do seu novo espectáculo, "Insubmisa", no Auditorio do Carballiño o 23 de setembro. Trátase dunha peza de teatro contemporáneo protagonizada por Iria Sobrado e dirixida por Pepe Domínguez, recentemente premiado nos María Casares, na que se pon enriba da mesa a cuestion de se é posible a liberdade da muller cando a historia segue a ser escrita por homes. O equipo complétase con Marta Alonso na dirección e acompañamento de movemento e coreografía, e cos actores Javier Octavio de Toledo e José Vaquero.

Á actriz Iria Sobrado, natural do Carballiño, mostrou a súa satisfacción por ser protagonista deste novo espectáculo, que servirá "para poñer enriba dá mesa a pregunta sobre a liberdade das mulleres nun contexto no que a historia segue a ser escrita por homes".

28, Abril 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro vota en contra dos orzamentos municipais aprobados polo Partido Popular no último pleno, ao considerar que presentan numerosas “irregularidades” e ante a falta de aclaracións por parte do goberno municipal, encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández. Consideran que o rexedor impediu, de “forma manifesta”, a fiscalización dos orzamentos por parte do interventor, situación, que segundo sinalan, “é de máxima gravidade”.

Os e as socialistas de Leiro critican, que unha vez consultados os informes do secretario-interventor, puideron comprobar que o concello “non cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria, nin co obxectivo da regra de gasto, nin a liquidación do orzamento xeral do exercicio 2022, coa limitación establecida pola lei no relativo á estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira”. Ante esta situación, dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran “necesario” a aclaración dos distintos aspectos contidos en ditos informes, xa que tal e como apuntan “ao noso entender, refléxase un considerable incumprimento dos principios que afastan a xestión do concello e as súas contas dos principios de imaxe fiel e axustada á realidade económica e financeira esixida polas normas vixentes”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, queda de manifesto que o alcalde e o seu equipo de goberno “evitou de forma intencionada as funcións de control e fiscalización do secretario-interventor, en detrimento da eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos de todos e todas e a favor dos seus intereses personalistas”.

Neste senso tamén apunta que “o risco e a responsabilidade recae directamente sobre o alcalde e o seu grupo de goberno”. O PSdeG-PSOE de Leiro tamén pon o foco sobre o informe de “resolucións emitidas”, no que se recollen 380 facturas, que conteñen, maioritariamente, contido non inventariable ou periódico, “polo que a función de control e fiscalizadora do secretario interventor limítase a súa función de contabilización”, sinala Rodríguez Vázquez. “As 380 facturas suman un total aproximado de 170.000 euros, das cales 339 corresponden a gastos de electricidade e subminístroos por importe de 61.139,63 € e as restantes 2 facturas suman un total de 83.833,09 €, polo que nos resulta evidente que a función de control e fiscalización do interventor é practicamente testimonial”, explica o voceiro socialista.

Os e as socialistas poñen como exemplo do “baleirado de contido” da función de control e fiscalización da figura do interventor, a privatización do servizo da auga e a delegación de competencias municipais a mancomunidade do Ribeiro. Neste senso afirman que á veciñanza “cuadriplicáronselle as taxas da auga dende o 2005 e sen realizar a pertinente actualización do IPC correspondente aínda a día de hoxe”. Outro exemplo é o funcionamento das 14 fosas sépticas do concello que deben limparse dúas veces ao ano, e segundo os e as socialistas “atopámonos que o alcalde négase a facilitar os partes de baleirado e limpeza das mesmas por parte da empresa concesionaria”.

Neste senso, Manuel Rodríguez afirma que “o alcalde sabe que as fosas non se limpan nin tan sequera unha vez ao ano, namentres a empresa, dende o ano 2015, cobra 7.000 euros cada ano, máis o IPC, por non cumprir o contrato”. Dende o PSOE de Leiro tamén poñen o foco nos 77.092,13 euros que o concello paga polo servizo de recollida e lixo; os 44.403,09 € que se pagaron polo servizo de recadación no 2022, cando en 2017 o custe do servizo para o concello foi de 19.054,21 €. “Tanto estas cuestións económicas, como outras cuestións técnicas e legais, foron elevadas polos concelleiros socialistas na mancomunidade do Ribeiro ao Consello de Contas”, explica Manuel Rodríguez, quen finaliza afirmando que “ o Consello de Constas incluíu a fiscalización das contas da mancomunidade ao considerar suficientemente motivada a argumentación e documentación que presentamos os e as socialistas”.

28, Abril 2023

O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de Media Distancia de Galicia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo empregando as liñas de alta velocidade existentes.

Concretamente, a iniciativa aprobada pide a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia de relacións a partir das 19:50 horas. Tamén atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

O pleno da Deputación Provincial tamén pide mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos, recuperando os suprimidos pola pandemia e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas polas plataformas de usuarios e usuarias.

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos aprobados polo Goberno central, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.

27, Abril 2023

Ata o domingo dia 7 de maio, no que se celebra o dia da nai, todos os clientes que realicen as súas compras en calquera dos establecementos asociados do Centro Comercial Aberto que participan nesta campaña recibirán participacións para entrar no sorteo dun "Smartphone". O sorteo celebraráse o martes dia 9 de maio ás 20:30 horas a través das RRSS desta asociación carballiñesa de comerciantes.

Noelia Mares, a xerente do Carballiño CCA, puxo en valor este tipo de iniciativas que sirven para a dinamización do comercio local "premiando e recoñecendo aos nosos clientes. 

27, Abril 2023

O exhibidor e propietario do Novo Cine de Leiro, Ernesto Romero, será o protagonista dun documental dirixido polo produtor e comunicador Simone Saibene, nun proxecto audiovisual que apoiado pola Deputación de Ourense renderá homenaxe ao promotor desta sala de cine, coincidindo co 40 aniversario da súa apertura.

Con motivo do próximo inicio da rodaxe, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o Novo Cine Leiro na compaña do seu dono, Saibene -director e guionista do documental- e Jairo Iglesias -responsable da fotografía do proxecto-. Manuel Baltar afirmou que resulta “entrañable comprobar o compromiso, vocación e amor pola sétima arte que amosa Ernesto, o que merece tanto para min como para a Deputación toda a nosa admiración e respecto”.

Manuel Baltar enmarcou a visita no interese por coñecer unha historia “que merece ser contada e vista en calquera parte do mundo, porque o amor polo cinema é universal”. Este mesmo motivo, dixo, “explica o compromiso da Deputación para apoiar un proxecto audiovisual que realzará a figura de Ernesto”, sen esquecer que iniciativas deste tipo “tamén falarán dun pobo e dunha provincia que ten no cinema un dos seus atractivos”.

Simone Saibene confirmou o inminente comezo da rodaxe do documental, que ten como título provisorio Cine Paraíso, Leiro. Agradecido polo apoio do goberno provincial, Saibene recoñeceu estar encantado cun proxecto que terá como escenario o mundo rural e que dará a coñecer a historia dun “exemplo de resistencia” que alcumou o “Totó do cinema”, en referencia ao protagonista do filme italiano Cinema Paraíso.

Ernesto Romero tamén agradeceu a visita do presidente da Deputación, ao tempo que se mostrou satisfeito “por acordarse de min” e pola rodaxe dun documental “que vai quedar para o pobo e para que a xente saiba o importante que é o cine, que vexa a miña afección e como levo loitando todos estes anos por manter esta sala”.

Unha vida dedicada a promover o cine no rural

"Cine Paraíso, Leiro" é un documental que rende homenaxe a todo un axente cultural: Ernesto Romero, unha persoa que dedicou toda a súa vida a promover o cine desde o rural. Nesta produción, que non é unha película biográfica, reflexionarase sobre a evolución do rural e da distribución cinematográfica, sempre a través dos ollos de Ernesto. No documental tamén quedará reflectido o museo no que se converteu a casa de Romero, chea de gramófonos, carteis de películas, fotografías, postais e aparellos antigos de gravación e exhibición. Durante estes 40 anos de actividade na sala de cine, o seu propietario tamén documentou en Super 8 e VHS a evolución de Leiro, de tal xeito que esta produción explorará o pasado e o presente do concello e os cambios e a evolución do rural grazas a ese inestimable fondo de arquivos.

O dono da única sala da provincia con proxector dixital en 3D

Ernesto Romero (Lebosende, Leiro, 1952) achegou se ao cinema con 8 anos cando viu a súa primeira película: Alma Gallega de Armando Hermida Luaces. A súa aficción medrou tanto que recollía os fotográmas que tiraban no lixo, ao lado da sala de cine. Traballou como operador de cabina en Villagarcía de Arousa e Vigo e terminou ata que o 28 de mayo de 1983 inaugurou o Novo Cine en Leiro.

En 2009 Ernesto Romero decidiu comprar un proxector dixital en 3D, convertendo a súa sala na única de toda a provincia de Ourense que podía proxectar películas neste formato, logrando encher este espazo en numerosas ocasión coa estrea, un ano despois, da película Avatar, filme que neste 2023 regresa ás pantallas.

26, Abril 2023

Boas a todos, quero contar o que me pasou hoxe. Serian arredor das sete da tarde cando estaba paseando coa miña cadeliña polo campo da festa de ARCOS e, de súpeto, apareceu un can grande, negro, a toda velocidade por onde o tanatorio; colleu á miña cadeliña ca boca e levouna arrastro por todo o campo, mordendoa toda. Eu, sen saber que facer, empecei a berrar e chorar porque, por mais que lle daba patadas para que a soltara, non o facía. A miña sorte foi atopar un pau co que, logo de tanguerlle con el, conseguín que a deixara, pero para se botar a min. Defendinme e, ao final, marchou por onde viñera. Afortunadamente, aínda que mancada e asustada, a pequecha está viva.

Por desgracia, isto non foi o pior, xa que nunha casa que está ben preto, había un mozo limpando o coche, unha señora limpando as herbas e outra sentada no banco de pedra da casa e NINGÚN DELES moveu un dedo para me axudar, de feito, nin se inmutaron.

Qué carallo quedou daquela estupenda profecía que dicía algo asi como:

A sociedade vai a sair mellorada e reforzada desta pandemia...

Noxo!!

26, Abril 2023

O Carballiño será o concello con máis candituras, cinco en total, seguido de Punxín, PIñor, San Amaro,  e Avión. onde o electorado poderá elixir entre catro candidaturas.

Tres candidaturas desputaránse a gobernabilidade dos cocelllos de San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Leiro e Beariz. Finalmente, o concello cunha oferta electoral máis reducida no noso ámbito será o de Boborás, con tan so dúas candidaturas.

Partido Popular e PSOE preséntanse en todos os concellos, incluido o de Avión onde a Xunta Electoral deberá subsanar un erro na publicación, xa que omitiu por un erro a candidatura do PP, que si foi presentada en tempo e forma.

O Bloque Nacionalista Galego preséntase en nos concellos do Carballiño, Punxín, Piñor, San Cristovo de Cea, Leiro e Beariz. Espazo Común concurre nos municipios do Carballiño, Piñor e San Amaro, e VOX debuta nunhas eleccións municipais no concello de Avión.

Finalmente, os concellos de Avión, O Irixo e San Amaro contarán o 28-M con candidaturas independientes.

Para ver as candidaturas no teu concello abre o seguinte enlace: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=95&fecha=202...

25, Abril 2023

Paco Fumega lidera un equipo de goberno "cercano á cidadanía, centrado no interés xeral, experimentado e reforzado co obxectivo de continuar impulsando ao Carballiño como vila punteira de Ourense e Galicia en todas as áreas", manifestan dende o PSdeG-PSOE ao dar a coñecer a composición da súa candidatura para o 28-M.

"Xerando máis Industria e Emprego, coa ampliación do parque empresarial e o apoio ao comercio e á hostalería con novas iniciativas de promoción. Promocionando o Turismo, coa posta en valor da declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese Turistico Internacional, principal baluarte da proxección turística do Carballiño", destacan os socialistas.

Na súa declaración de intencións, refirense "a posta en valor o Patrimonio Histórico e Natural, coa apertura da Fábrica do Papel, a nova iluminación artística exterior do Templo da Veracruz e a ampliación do Sendeiro do Arenteiro ata o Bañiño de Arcos para convertelo nun dos percorridos naturais máis emblemáticos de Galicia".

Tamén fan mención a outro tipo de actuacións iniciadas xa no actúal mandato municipal para Mellorar as Infraestruturas viairias, coa reforma e humanización das rúas Ourense e Carreira, entre outras, indican asi como a ampliación daas Zonas de Lecer Infantís, como a nova área recreativa e de xogos infantís de Toscaña.

"Dinamizando a Cultura, coa potenciación da programación cultural e o apoio ás asociacións e entidades culturais. Renovando os servizos públicos da Sanidade e Comunicacións, coa construcción do novo centro de saúde e a estación intermodal. Proseguindo cos investimentos nas Parroquias para continuar coa mellora das infraestruturas e servizos no rural", poñen en valor como xestión do equipo de Fumega.

Asemade, destacan o apoio ao deporte, coa creación de novas instalacións e mellora das existentes, apoiando o deporte base e ás entidades deportivas.

Os socialistas tamén defenden "os Servizos Sociais e apostando pola Educación como pilares fundamentais do benestar e futuro do Carballiño. Optimizando a Xestión Municipal e captando máis Fondos Europeos e das demais Administracións Públicas, para continuar cos proxectos en marcha e impulsar outros novos que contribúan ao progreso do Carballiño", remarcan.

LISTA ELECTORAL DO PSOE DO CARBALLIÑO 2023

1. Francisco Fumega Piñeiro
2. Manuel Dacal Fernández
3. Silvia Baranda Fernández
4. Rosa Fuentes Garcia
5. Diego Fernandez Nogueira
6. Alberto Otero Carneiro
7. Guadalupe Sobrado Pérez
8. Manuel Sotelo Vila
9. María Teresa Domínguez Pérez
10. Rogelio Otero Fuentes
11. Elisa Domínguez Vidal
12. Manuel Gonzalez Iglesias
13. Marina Ortega Otero
14. Andres López Corral
15. Noemi Rabinal Donsion
16. Carlos Nemesio Crespo Filgueira
17. Benjamin Castiñeiras Castro
*SUPLENTES*
1. María nelly Tizón González
2. Manuel Penedo Peña
3. Marisol Pérez Fernández
4. María Dolores Varela Garcia-Ramos

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS