15, Abril 2023

Unha vivenda destruída por completo e outras dúas moi afectadas polo lume, é o resultado dun incendio rexistrado a primeira hora desta noite de venres na localidade de San Bartolomeu da Freixa, na parroquia de Cameixa, no concello de Boborás.

No pobo viven dúas persoas, unha delas é unha muller e propietaria da vivenda que quedou completamente calcinada polas lapas, á hora do sinistro a muller encontrábase fora da casa, traballando en Cameixa. Tivo que recibir asistencia médica ao sufrir unnha crise de ansiedade.

No operativo de emerxencias mobilizado participaron bombeiros forestais, xa que nun primeiro momento pensouse que se trataba dun incendio forestal, asi como axentes da Garda Civil, Protección Civl de Boborás, GES de Avión, unha dotación sanitaria do 061-Urxencias Médicas, e os bombeiros do Carballiño.

A Garda Civil investiga as circustancias que rodean a este incendio, e dende primeiras horas da noite estivo desplegando un operatívo de búsqueda dunha persoa na zona urbana do Carballiño, que podería estar relacionada con este suceso.

 

14, Abril 2023

As ciencias poden ser divertidas e con esta premisa daranse a coñecer aos alumnos e alumnas dos institutos do Carballiño e a toda a poboación nunhas xornadas que contarán con carballiñeses de recoñecido prestixio como poñentes. A iniciativa foi presentada esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández; as representantes do IES Número UN Isabel Álvarez e Ana Lousado e o director do IES Chamoso Lamas, Aurelio Rodríguez.

As Xornadas pola Ciencia no Carballiño desenvolveranse ao longo da próxima semana e tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, “hai tempo que os responsables dos institutos e o Concello comezamos a manter contacto para animar aos rapaces e rapazas a somerxerse neste ámbito”. O edil destacou que os poñentes son carballiñeses de recoñecido prestixio no mundo das ciencias e agradeceu a súa colaboración e o traballo da dirección e do profesorado dos institutos. A intención é que as xornadas teñan continuidade no tempo.

Almudena Mosquera, directora do IES Número Un, agradeceu a implicación do Concello do Carballiño e asegurou que tanto o alumnado como os docentes “están desexando divertirse coa ciencia nunhas xornadas que agradamos que se sigan repetindo no futuro”. Tamén explicou que ao longo da próxima semana, neste instituto levaranse a cabo diferentes obradoiros para achegar aos rapaces e rapazas dende experimentos ata nocións sobre física.
Aurelio Rodríguez, director do IES Chamoso Lamas, tamén agradeceu a implicación do Concello nesta iniciativa e insistiu en que o que se pretende é dar a coñecer a ciencia a través do xogo. Tamén neste instituto haberá obradoiros e actividades ao longo de toda a semana e tres xornadas abertas ao público.

Esta é a programación das Xornadas da Ciencia:

Martes, 18 de abril. A química, investigadora e docente Marga Vázquez González ofrecerá a conferencia que leva por título “Camiño hacia unha carreira investigadora. Descubrindo o potencial das nanomaterias”. Será na Casa da Cultura a partir das 20.00 horas.

Mércores, 19 de abril. O físico, investigador e Premio Nacional de Meteoroloxía Miguel García Pérez, impartirá a charla titulada “Cuarenta anos de investigación climática no Carballiño”. Casa da Cultura. 20.00 horas.

Xoves, 20 de abril. O cardiólogo, docente e investigador Eduardo Barge ofrecerá a conferencia “A investigación no Servicio Galego de Saúde”.

Para o venres, 21 de abril, organizouse unha Feira Científica na Praza Maior e na que os estudantes do IES Número 1 e do IES Chamoso Lamas realizarán experientos. Será en horario de 17.30 a 20.30 horas.

13, Abril 2023

O Partido Popular é o segundo grupo con máis representación na actúal corporación muninicipal do Carballiño, con catro concelleiros e concelleiras, que son Ricardo Perea, que veu exercendo como portavoz, ademáis de Celso Carballal, Lidia Almonte e Pilar Caride, ningún deles repetirá na próxima corporación que se elixirá o 28 de maio.

O novo candidato do Partido Popular Lino García aposta pola renovación total, e ningún dos actuais representantes do Partido Popular figura na candidatura para estas próximas eleccións, un feito sen precedentes nas listas dos populares carballiñeses, nunca a renovación da súa candidatura tivo esta dimensión do 100% na súa composición.

A lista do Partido Popular para estas eleccións municipais de 2023, é a seguinte:

1-LINO GONZÁLEZ GARCÍA
51 ANOS, CASADO, VIVE EN MIOMAS-SAGRA, 2 FILLAS. EMPREGADO DE BANCA

2-DIANA GONZALEZ FUMEGA
40 ANOS, CASADA, VIVE EN CORZOS, 2 FILLOS. ESTUDIOS SUPERIORES DE EDUCACION INFANTIL. AUTÓNOMA

3-JOSE RAFAEL CASTRO-GIL SEIJAS
50 ANOS, CASADO, VIVE EN RÚA CASTELAO, 3 FILLOS .INXEÑEIRO FORESTAL. FUNCIONARIO , TÉCNICO FORESTAL COMARCA DO CARBALLIÑO

4-MARÍA ELVIRA TORRES GONZÁLEZ
49 ANOS, CASADA, VIVE NA RÚA ROSALÍA DE CASTRO, 2 FILLOS. FUNCIONARIA XEFATURA TERRITORIAL DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

5-MIGUEL FERNANDEZ CASTRO
60 ANOS, SOLTEIRO, VIVE EN PRAZA FORNO VELLO DE MESEGO. AUTONOMO – CARPINTERÍA DE ALUMINIO

6-LORENA CASTRO REINOSO
44 ANOS, CASADA, VIVE EN CTRA. OURENSE, 2 FILLAS. FUNCIONARIA DO SERGAS EN OURENSE

7-TATIANA RODRIGUEZ FIRVIDA.27 ANOS, SOLTEIRA, VIVE EN RUA BRASIL.GRADUADA EN BELAS ARTES – TÉCNICO SUPERIOR DE ARTES PLASTICAS E DISEÑO EN FOTOGRAFIA. E-COMMERCE PHOTO EDITOR EN EMPRESA OURENSANA

8-JOSE RAMON PINAL GONZALEZ 41 ANOS, SOLTEIRO, VIVE EN MADARNAS. AUTONOMO - ELECTRICISTA

9-ANTONIO TABOADA SANZ 50 ANOS, CASADO, VIVE EN RUA AQUILINO SANCHEZ, 2 FILLOS TÉCNICO ESPECIALISTA EN EDIFICACION E OBRAS GRI TOWERS CARBALLIÑO

10-MARÍA LOURDES PEREZ VAZQUEZ
43 ANOS, SOLTEIRA, VIVE EN TRIGÁS, 28- SANTA UXÍA DE LOBÁS. LICENCIADA EN DEREITO FUNCIONARIA

11-PATRICIA FATIMA PEREZ GONZALEZ
22 ANOS, SOLTEIRA, VIVE EN CALLE COMUNIDAD DE MURCIA. ESTUDIANTE – EDUCACION INFANTIL

12-MAICO ARBELT PEREZ PEÑA
29 AÑOS, SOLTEIRO, VIVE EN RUA EUSEBIO LORENZO, 12 AÑOS EN ESPAÑA, NATURAL DE PUERTO PLATA – REPUBLICA DOMINICANA EMPREGADO HOSTELERÍA

13-FRANCISCO CONEJO REDONDO
77 ANOS, CASADO, VIVE EN RÚA RIBADAVIA 50-4º, 3 FILLOS PERITO INDUSTRIAL – PROFESOR SECUNDARIA XUBILADO

14-MARÍA MERCEDES AMIL OTERO
64 ANOS, SOLTEIRA, VIVE EN RÚA CHAMOSO LAMAS. LICENCIADA EN SOCIOLOXÍA GESTORA OPERACIÓNS DE DATOS – RETEVISIÓN CELLNEX TELECOM

15-ANA VILLANUEVA DOMINGUEZ
43 ANOS, SOLTEIRA, VIVE EN RÚA CASTELAO. AUXILIAR ADMINISTRATIVO

16-JOSE MANUEL RODRIGUEZ PAJARIN 58 ANOS, SOLTEIRO, VIVE EN AVDA. COMPOSTELA 6-1ºA. EMPREGADO PÚBLICO – CHÓFER

17- VERONICA LOIS CANDA
36 ANOS, SOLTEIRA, VIVE NA PITEIRA, 1 FILLA. DEPENDIENTA

13, Abril 2023

A Corporación do Carballiño ven de celebrar o último pleno ordinario deste mandato coa aprobación dunha modificación de crédito de preto de 800.000 euros para subvencións a entidades e para afrontar a escalada dos prezos que se ven producindo nos últimos meses. Máis en concreto, o financiamento con remanente de tesourería para gastos xerais ascende a 791.894 euros.

Así o explicou o alcalde, Francisco Fumega: “Considérase necesario aprobar estas axudas a diferentes entidades culturais, deportivas e asociativas para desenvolver proxectos no ano 2023, coa suficiente antelación para non crear problemas na súa organización”. O rexedor tamén asegurou que se amplía algunha subvención en función de celebrar determinados eventos especiais con impacto social no municipio.

Esta proposta tamén ten como finalidade cubrir unha serie de gastos que se viron incrementados pola subida dos prezos dos últimos meses e que afectan negativamente ás previsións feitas no orzamento inicial. Trátase, por exemplo, do servizo de recollida de lixo, do alumeado público ou gas e calefacción. Outras partidas están ligadas a solicitudes de subvencións por parte do Concello do Carballiño a outras administracións para levar a cabo proxectos que requiren cofinanciamento como a reposición vial de acceso ao polígono ou as subvencións para paneis solares nas instalacións municipais e para a renovación do alumeado en instalacións deportivas.

A aprobación desta modificación de crédito saíu adiante cos votos a favor do executivo local e Espazo Común, a abstención do BNG e dunha concelleira do PP, e o voto en contra do resto de concelleiros do Partido Popular.

Durante a sesión plenaria tamén saíu adiante, por unanimidade, a aprobación do Plan Antifraude e o seu traslado a todos os servizos municipais. Tamén se deu luz verde, co acordo de todos os grupos, á moción do BNG que demanda medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria no concello. Por unanimidade aprobouse, ademais, a proposta de Espazo Común para que o Concello contrate persoal para as brigadas municipais.

Non prosperou, cos votos en contra do executivo local, a moción de Espazo Común para a elaboración dun novo Plan de Conciliación. O grupo de goberno propón aumentar a axuda para libros e material escolar de 100 a 150 euros para os nenos e nenas da etapa de educación infantil. Ademais, preténdese subir a barreira de 6.000 euros per cápita a 9.000 euros.

13, Abril 2023

Como veciño de Maside teño que dicir que as manifestacións feitas en relación as últimas novas desta construcción son irrefutables. Como usuario de Abanca aparte de estar cabreado co trato e horarios que se nos da na oficina, estou perplexo porque so saben de normas e leis cando as temos que cumprir os cidadáns. Sabía que algo non estaba urbanísticamente correcto a raiz da colocación la lona reivindicativa na construcción colindante. O que non sabía é que Abanca era o propietario da contrucción. Prefiro non imaxinar como Abanca chega a ser propietaria desa construcción.  Unha cousa que acabo de comprobar desde a sede electrónica de Catastro é que efectivamente a construcción non ten división horizontal e o seu uso é de almacén.

Gustariame que alguén do Concello dea a cara e me responda as seguintes cuestións: 

Como é posible que Abanca esté pagando o recibo IBI por almacén? Cando ten uso comercial.

Ten licenza de actividade a sucursal? Se é así, como é posible que teña licenza de actividade e que o uso se manteña como almacén. E máis despois da última revisión de catastro que tivemos no Concello que se revisaron e actualizaron unha chea de construccións que levaban anos sen pagar impostos pola situación real.

Non se pode tolerar que a entidade bancaria pague o IBI da superficie do baixo como almacén cando tería que pagar como comercial. 

É unha vergonza.

 

12, Abril 2023

O Carballiño segue gañando atractivo, según se pon de manifesto no balance turístico da Semana Santa que se fai dende a concellería de turismo do concello carballiñés.

Despois dun verán de récord no que se refire a visitantes polo estreada declaración da Festa do Pulpo como celebración de interese turístico internacional, esta Semana Santa a ocupación hoteleira alcanzou o 90%, según os datos do propio concello do Carballiño.

Tamén a hostalería tomou impulso polas boas temperaturas rexistradas e a ampla programación cultural e relixiosa. Cómpre destacar o interese que espertaron as visitas guiadas que se realizaron no Carballiño nos días grandes da Semana Santa e nas que o pulpo foi o gran protagonista. O número de visitantes tamén sufriu un aumento polo tirón do AVE á provincia de Ourense, xa que foron moitas as persoas que chegaron de puntos como Madrid e Castela.

As cifras tamén foron especialmente boas no Parque Etnográfico do Arenteiro, que rexistrou máis de 1.500 visitas, según os datos municipais, e procedentes de diferentes puntos do territorio nacional. Trátase dun dos grandes atractivos do Carballiño, localizado nun lugar único, no que nun radio de 200 metros, atópase a Fábrica de Papel, a Pena dos Namorados, o parque do Carballiño, a piscifactoría, o cámping, a Residencia do Tempo Libre ou mesmo unha estación meteorolóxica, ademais de dous restaurantes.

"Concertos, cine e diferentes propostas culturais organizadas polo Concello contribuíron a que a vila rexistrase milleiros de visitantes durante a Semana Santa. A maioría deles pernoctaron no concello, impulsando a economía local", remarcan dende a institución municipal carballiñesa.

12, Abril 2023

Durante os últimos tempos escoitamos o mesías Pachi Vazquez quen di defender a sanidade pública, pero que as suas empresas da sanidade privada delatan que o seu obxetivo e totalmente oposto, o seu verdadeiro obxetivo claro esta e a aposta pola sanidade privada na que ten múltiples intereses económicos e comerciais, de ahí as suas voltas co centro de saude, a sua compración con Lalín e con Vilagarcía, concellos mais grandes ca Carballiño e con moita mais capacidade financieira, Lalin ten parques eólicos no seu territorio que lle aportan numerosos ingresos, e Vilagarcia 37000 habitantes sendo o noveno concello de Galicia, casi nada, e o señor Pachi, cuxos interes espurios que ten ben os coñezo,non se lle ocurre mencionar que o culpable a Xunta e sua tacañería, que se queren facer un centro de saude teran que mercar eles un sitio, e como se quero facerme unha casa e pretendo que mo regalen vamos, igual que tuveron 8 millons para comprar o terreo da sua nova falmante sede en Ourense terán 1 milloncillo e pico para o terreo do centro de saude aqui, ou solo teñen cando e onde interesa ?

Todos sabemos que a alguns non lles interesa que se faga un novo centro de saude

12, Abril 2023

O candidato á alcaldia de Punxín por Compromiso por Galicia para as eleccións municipais do 28 de maio, o avogado Eladio Fernández, presentou á que vai ser a número dous da súa candidatura, Belén González Caldas.

Ademáis, aproveitando este acto de presentación, o candidato avanzou cales van ser as súas prioridades se consigue a alcaldía de Punxín, como a mellora dos servizos sociais e a atención ás persoas maiores, ou a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permite o despegue urbanístico do municipio.

A mellora da cobertura de internet, o termalismo e o turismo, o medio ambiente e a cultura, ou a promoción da participacion cidadán, serán outros piares na accion de goberno no caso de contar co apoio electoral, dentro da lista de prioridades de CXG no concello de Punxín.

11, Abril 2023

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás. O contrato foi adxudicado á UTE Pablo Falcón Novoa- Cesáreo Padrón Conde- Iago Pérez Fernández por un importe de case 74.500 euros.

Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente. O obxectivo é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. O orzamento para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución.

A proposta para executar o novo centro de saúde busca a mellor integración co entorno en todos os seus aspectos: implantación da parcela, volumetría, deseño e emprego de materiais característicos da zona como a pedra e a madeira. O edificio será un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso Evaristo Riande, próximo ao borde sur da parcela. O peche será un muro de cachotería tradicional que separará o edificio da vía pública e daralle privacidade. Na parte norte da parcela conservarase a maioría do arboredo existente, autóctono, que será complementado con novas árbores adicionais, dando ao conxunto un carácter natural. Prevese a apertura de patios e espazos acristalados que introducen a visión de natureza no edificio, e espazos axardinados como un patio de entrada ou un patio lonxitudinal da zona de consultas. Tamén se aproveitará ao máximo a luz natural, prestando especial atención ás zonas de consultas.

No que se refire á distribución, na planta baixa, desenvólvense as consultas e as zonas de espera, que se dividen en dúas áreas separadas pola zona de acceso e recepción. Na planta superior proxéctase un pequeno volume que acolle os espazos privados para o persoal. A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio. Contarase, ademais, con área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional. Cómpre lembrar que os terreos teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición polo Concello.

A Deputación Provincial de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, beirarrúas e colectores para a xestión de residuos. O Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40% a superficie actual.

Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2. A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, é a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

10, Abril 2023

O PSdeG-PSOE do Irixo ven de comunicar que a Valedora do Pobo ven de admitir a trámite as 5 queixas remitidas a esta institución polo grupo municipal socialista e require ao concello do Irixo "para que en 15 días informe de porque denega o acceso a máis dunha ducia de expedientes solicitados polos socialistas".

Recordan os socialistas que o seu portavoz Iago Fariñas Valiña "solicitou o acceso a diferentes expedientes do Concello xa no mes de agosto, setembro e novembro de 2022 e febreiro 2023 sen que o alcalde concedese dito acceso". Aseguran que "van xa para 9 meses nos que o Alcalde do Irixo non amosa os expedientes e xustificantes das facturas da conta xeral do ano 2021". Tampouco da compra e venta de castañas e comercialización e fabricación de fariña, asi como de actividades organizadas polo concello tales como a Feira do Tellado e Festa do Cabalo 2022.

Fariñas tamén demandou a documentación da “Marca Irixo” e “tenda da marca Irixo”, asi como da programación de concertos, actuacións e actividades do verán 2022. Tamén demandou, sen éxito -remarcan os socialistas, a documentación relativa á contratación de persoal do concello e do Obradoiro de emprego, asi como os expedientes relativos a diferentes obras e gastos, como tampouco tivo acceso o representante socialista "aos empadroamentos deste concello que se ten solicitado e a pesar de ter o acceso concedido por silencio administrativo positivo fai xa varios meses atrás".

Finalmente, os socialistas lamentan "a falta de transparencia e as trampas do alcalde Manuel Cerdeira que ten un problema grave no respeto á democracia, á lei, e os dereitos dos membros da corporación".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS