
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu este sábado no concello a 32 asociados da Unión Iberoamericana de Profesionales de Turismo que viaxaron dende Madrid no AVE para pasar esta fin de semana no Carballiño.
Na recepción, os visitantes puideron coñecer a historia da vila e a nosa tradición termal e pulpeira. O alcalde, estivo acompañado polo concelleiro de seguridade, Manuel Sotelo, e o de cultura, Diego Fernández. Rematado o encontro, o concelleiro de turismo, Manuel Dacal, acompañou á delegación ata o Parque Etnográfico do Arenteiro.
Os visitantes que pernoctan no Carballiño, percorrerán varios espazos emblemáticos da vila e da comarca, e, como non, estarán presentes durante a xornada da Festa da Cachucha, da que de seguro levarán un grato recordo.

A Xunta ofertará cinco prazas fixas por concurso de méritos para os centros de saúde da Comarca do Carballiño. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de saúde de Punxín, acto no que estivo acompañado polo delegado territorial, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial.
Tal e como detallou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde, desas cinco prazas, “unha será no centro de saúde de Punxín, outra no do Irixo e tres no do Carballiño”. “Estamos a blindar a estabilidade da asistencia médica dos centros de saúde desta comarca nos vindeiros dous anos”. “Neles teremos ese núcleo de cadro de persoal fixo que non se moverá nin nas ofertas públicas de emprego nin nos concursos de traslados”, subliñou Comesaña.
O conselleiro remarcou que toda España está a vivir agora un problema importante de escaseza de especialistas de medicina de familia. “Estabamos vendo como determinadas prazas quedaban desertas nos concursos de traslados ou na elección de praza despois dunha oposición, e decidimos que a Xunta tiña que facilitar que a veciñanza destes concellos tivese asistencia sanitaria nas mesmas condicións que o resto”. “Por iso a Xunta está a posibilitar que as prazas de difícil cobertura se convoquen sen oposición, mediante un concurso de méritos”, engadiu.
“Galicia foi a primeira comunidade en implantar este sistema de acceso mediante concurso, a través de habilitacións legais extraordinarias, e semella que agora vaise xeneralizar a nivel nacional”, sinalou o máximo responsable da sanidade pública galega.
Comesaña agradeceu á maioría absoluta do Parlamento de Galicia que respaldase habilitar á Xunta a facer estas convocatorias, xa que como consecuencia desta medida posta en marcha pola Xunta, “a nosa comunidade é a única na que un médico pode rematar o MIR e obter praza fixa no sistema no mesmo ano”.
Medidas autonómicas
O conselleiro incidiu en que, dende a Xunta, e ante o problema da falta de médicos, vaise manter a política de tomar todas as medidas posibles para dar cobertura sanitaria a todo o territorio, "e para incentivar que se ocupen as prazas que teñen demostrado ser de difícil cobertura”.
“Seguiremos avanzando nestas medidas autonómicas e reclamando ao Goberno de España que cumpra as reformas que ten pendentes para abordar o problema nacional de déficit de especialistas”, defendeu. Ao respecto, destacou que a Xunta "fixo a súa parte" este ano coa súa maior convocatoria de prazas formativas para médicos de familia, 207 prazas, "o 100 % das acreditadas en Galicia e 65 máis que na anterior convocatoria”.
De feito, incidiu o conselleiro, máis da metade das 120 novas prazas formativas de medicina de familia creadas no conxunto de España este ano proceden de Galicia. “Todo para garantir aos pacientes a asistencia sanitaria que merecen”, concluiu.

O PSdeG-PSOE de Punxín cualifica de “chapuza” as obras que se están a levar a cabo na área termal do Bañiño das que segundo afirman “non aportarán solucións aos constantes problemas na canalización das augas”. As concelleiras socialistas consideran que o goberno municipal debe apostar por un proxecto “ambicioso” en lugar de por “parchéoos cutres” e converter esta zona termal nun “referente” na bisbarra.
Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o único obxectivo que ten o goberno municipal con estas obras “é que estean rematadas antes das eleccións para poder facer deste xeito propaganda e vender fotos dun parcheo que non vai solucionar os problemas da área termal”. As concelleiras socialistas consideran que as condicións da zona “son pésimas, co terreo totalmente encharcado e coa auga sen canalizar nas condicións idóneas”. A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que os traballos que se están a efectuar “non valen para nada, posto que non se van a solucionar os principais problemas que presenta a área termal do Bañiño”.
Neste senso, a edil socialista explica que “o Concello está gastando os cartos dunha subvención da Xunta de Galicia para facer unha foto cos correspondentes cargos do PP e vender fume electoral”. Peleteiro Vázquez tamén se pregunta “quen pagará despois as reparacións que haberá que facer para solucionar esta chapuza?” e critica que o goberno municipal do PP e o concelleiro non adscrito “hipoteque a futura corporación municipal cunha obra que dista moito das necesidades reais que ten o Bañiño e que implicará novos investimentos no futuro”.
Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “parécenos ben que se fagan dúas charcas e dous baños, nós non nos imos opor a iso, pero iso non é o que precisa Punxín”.
Non quero parecer pretencioso, pero véxome na obriga de aclarar unha serie de cousas das que se falou no programa, concretamente durante a entrevista co anterior membro do Consello Local do BNG, anteriormente membro da directiva de Anova e anteriormente membro outrora do BNG, o señor Andrés. Durante o programa deste xoves dia 23 tivo a ben anunciar candidaturas para o que non está autorizado como persoa sen voz representativa do BNG, xa que ven de deixar o posto que tiña.
Tampouco considero que teña motivos para expoñer publicamente os seus, repito, os seus, problemas, pero de facelo estaría ben que o fixera de forma clara, completa e sen faltar á verdade. Unha persoa que se che presentou como Responsable Local dende hai anos, que contestou afirmativamente a axeitada pregunta "hai tres ou catro anos que eres responsable local?", pois esa persoa perde certa credibilidade no seu lastimeiro discurso cando ese cargo realmente o tiña, redondeando, dende hai apenas un ano (preciso, dende o 29 de novembro de 2021). Non fai falla decir, evidentemente, que non engañou con eso de que non presentou unha lista por reforzar a candidatura oficial do BNG do Carballiño, é obvio que non o fixo porque non tiña con quén facela.
Tamén é obvio que, vista a reacción que tivo ante a consolidación desa lista oficial, sobran os motivos para que ningún candidato á alcaldía, sexa polo BNG, ANOVA ou polo partido que sexa, queira contar con él na lista xa que, e esto é o importante, tras esa dimisión o que realmente está agachado non son nin diferencias políticas, nin xenerosidade ante o empuxe e enerxía de outros militantes ou, nin sequera, motivos laborais, o verdadeiro motivo é a frustración de que non fose incluído no posto número dous da lista, un posto número dous que ansiaba enormemente (non xa o número un, que ambicioso será, pero vista para non columpiarse tanto aínda ten).
Sí, teño que suliñar o para tí evidente, que non se puso en contacto contigo e con outros medios por unhas conviccións democráticas das que tanto fala, senon procurando atopar a mezquiña e triste satisfacción de intentar a desacreditación desa lista e desa candidata. Quería ser o número dous, alimentar esa necesidade de aplauso que os musicos precisan, e tirstemente quería que apesares da súa distancia co pobo, ca súa orixe ourensana, co seu traballo en Pontevedra, coa súa falta de disponibilidade para atender a responsabilidade municipal, que se sacrificase a presencia de persoas de valía en pos da súa ambición. É certo que nese proceso atopou apoios, poucos evidentemente (que se non tería artellado esa lista alternativa), pero todos eses apoios estaban na liña máis, digamos, "veterana" do BNG do Carballiño. Atopou apoio entre os que levan dende a Transición asentados nos órganos de dirección local, impedindo a renovación de ideas e persoas e que chocan de fronte coa liña máis moderada, feminista e dialogante que ven representando Sofía García e o seu equipo. E si, cunha chantaxe á que Sofía non cedeu, defendendose ela e defendendo o seu equipo, acadou o que a maioría da militancia do BNG quería, o que a maioría dos votantes do BNG queren, e o que todos os carballiñeses necesitan, unha candidatura feita con xente nova e cualificada que teñen como obxectivo único facer do Carballiño o mellor sitio para vivir. Asina: un militante do BNG
Quixera facer un comentario sobre o escoitei do BNG. En política como en calquera empresa da vida existe un momentum. E penso que a actidude da executiva local do BNG non soupo elexir o momento adecuado para unha dimisión en bloque ¿Por qué? Porque a 3 meses das eleccións non hai tempo pra articular equipas, nin compromisos nin a maioría dos detalles que atinxen aos comicios.
¿Non houbo tempo pra facelo con anterioridade? ¿Non se podía facer despois?
Non quero perxudicar para nada ao BNG e agardo que polo menos manteña representación. Non quero nin perxudicar a Sofía, que me parece unha excelente candidata, nin á executiva sainte. Pero penso que lles faltou unha máis fonda reflexión. Porque está en xogo acadar representación política (os números serán axustados). E remontar un partido sen representación non é nada doado. Agora Sofía queda moi desanxelada e penso que non é xusto despois do seu traballo máis que aceptable.

O PSdeG-PSOE reclamará á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a mellora dos servizos e equipos de dependencia, así como dos equipos sociais que traballan nos municipios da provincia. Mediante unha iniciativa que se debaterá no pleno de febreiro da institución provincial, os e as socialistas esixen “incrementar os equipos de valoración, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios, permitindo incrementar o número de solicitudes ás axudas para a dependencia”, xa que, segundo denuncian, Galicia é a comunidade autónoma que menor número de solicitudes rexistra.
Tamén piden á Deputación que “financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, para atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade”. Desde PSOE veñen denunciando que o PP está a “facer caixa” cun servizo básico tan sensible como a dependencia, xa que “Galicia é unha das autonomías que máis fondos recibe do Estado neste ámbito, pero a que menos inviste”. A “pésima xestión” e os “tesoirazos” nos orzamentos están a provocar “importates deficiencias”, xa que as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo marcado pola lexislación, “a pesar de que a Xunta ten agochadas preto de 10.000 solicitudes que non figuran nos rexistros oficiais”, matizan.
Desde o grupo provincial resaltan que esta situación resulta “máis grave e preocupante” no caso de Ourense en relación ao resto de provincias, xa que “temos unha poboación con maior índice de envellecemento e, polo tanto, maior porcentaxe de persoas dependentes ou con necesidades especiais neste ámbito”. “O proceder do PP supón unha falta de dilixencia e de sensibilidade coa veciñanza de maior vulnerabilidade”, denuncian, polo que “se eles non o fan, seremos nós quen trataremos de emendar o problema”. “No Partido Popular deben abrir os ollos ante á presión duns datos preocupantes” e aceptar que “urxe” incrementar o persoal dos equipos de valoración, porque “a xente segue a esperar por dereitos que teñen recoñecidos, pero que non se poden facer efectivos pola inoperancia e a desidia das administracións xestiondas polos conservadores”, aseveran.
Equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios
O grupo do PSdeG-PSOE tamén reclamará á deputación que apoie aos concellos na prestación dos servizos sociais, xa que, como concello de concellos, é a administración pública ourensá con maior capacidade económica e de xestión, fronte a outras entidades locais “esquilmadas de recursos”. Por iso reclamarán ao pleno que o goberno provincial de Manuel Baltar financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes. É dicir: todos menos a capital. “Desde hai tempo estamos a observar unha deterioración na calidade da atención e na dotación de recursos que dificultan o benestar das persoas e das súas familias tamén neste ámbito”, resaltan, xa que os cocientes de profesionais por usuario ou usuaria son insuficientes, o que impide ofrecer unha atención individualizada de calidade. “A complexidade das necesidades destas persoas esixe unha formación específica e cualificada no ámbito asistencial”, aseguran os e as socialistas da institución provincial antes de concluír reclamando que “o respecto á súa dignidade, autonomía e intimidade debe ser unha prioridade administrativa” e iso pasa por ofrecer “desde a Xunta e a Deputación de Ourense os medios suficientes”.

A comparsa carballiñesa "Entroula" foi a gañadora do concurso de comparsas 2023 organizado pola concellería de cultura do concello do Carballiño, tras o desfile do martes de entroido polas rúas carballiñesas, o xurado considerou que esta agrupación era a merecedora deste recoñecemento, avaliando a súa creatividade e animación.
Os Azucarados de Maside e a comparsa da asociación de veciños de Partovia leváronse, respectivamente o segundo e terceiro premio deste concurso de comparsas do carnaval carballiñés.
O cuarto premio foi para Os Arrieiriños de Dacón, o quinto para Lumareda, o sexto para Aspadisi, o séptimo para Os Nevadiños e o octavo para As Bruxas da Costa.
Na foto, o "Rubio de Cameixa", un dos grandes animadores do carnaval na comarca do Carballiño, que tampouco faltou a súa cita anual co martes de entroido no Carballiño.
O lúns de entroido volveu ser multitudinario na vila de Maside, con record de participación de comparsas e carrozas.
Dende primeira hora da tarde os Felos fixeron acto de presenza como manda e ordena a tradición do carnaval masidao, despois comezou o gran desfile que convocou en Maside a practica totalidade das comparsas da nosa comarca.
O punto álxido da tarde-noite chegou coas carrozas de Parada de Amoeiro, maís de 30 unidades, que un ano máis fixeron un auténtico derroche de humor e creatividade.

A Xunta concedeu unha axuda de 14.500 euros ao Concello de Boborás para realizar unha auditoría nas redes de saneamento co fin de mellorar a calidade do servizo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa, Patricia Torres, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe dúas actuacións nas que a Xunta e o municipio colaboraron para mellorar servizos da auga.
Vázquez Mourelle explicou que Boborás é un dos 22 concellos galegos que se beneficia da orde de axudas para que os municipios realicen auditorías nas súas redes de saneamento municipal.
Sinalou que o obxectivo destas auditorías é avaliar a situación e os problemas que pode ter a rede municipal para ver as posibles eivas que prexudican o tratamento das augas residuais.
Precisou que estes incentivos da Xunta van dirixidos aos municipios máis pequenos, de menos de 50.000 habitantes, para que poidan analizar os sistemas de saneamento municipal co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas na rede e evitar vertidos.
Esta convocatoria de axudas, publicada no mes de setembro pasado, por importe de 300.000 €, é a primeira co obxectivo de que os municipios poidan detectar e corrixir os problemas que presentan as súas redes e acadar un funcionamento máis eficiente do saneamento municipal.
No caso de Boborás, detallou que a experiencia sinala que hai moitos problemas de infiltracións derivados, por exemplo en Brués, da antigüidade das redes ou da falta de pluviais, que redundan en ineficiencias na depuración, en vertidos, excesivo consumo enerxético e afeccións ambientais.
A conselleira lembrou que o abastecemento, o saneamento e a depuración de auga son competencias municipais, pero a Xunta apoia aos Concellos no exercicio destas competencias, que son complexas desde o punto de vista técnico e custosas desde o punto de vista económico.
No marco desta cooperación, veñen de rematar as obras de renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na travesía de Brués, tras un investimento total de 390.000 euros, dos que a Xunta achegou o 80 % e o Concello, o 20 % restante.
Grazas a esta actuación, solucionáronse os graves problemas que presentaban nesta zona as redes de abastecemento e saneamento, que tiñan máis de 50 anos e presentaban numerosas deficiencias que provocaban fugas e infiltracións.
Para resolver esa situación construíuse un novo treito de rede de pluviais e renováronse as correspondentes ao abastecemento e saneamento ao longo da travesía de Brués.
Ethel Vázquez sinalou que ademais, grazas a esa intervención, os veciños teñen hoxe unha vía máis humana e segura, cunha senda que facilita a súa mobilidade peonil.
Avanzou que tras finalizar estas obras, a Xunta e o Concello de Boborás van seguir colaborando para mellorar o funcionamento dos servizos de saneamento no municipio.

O Carballiño
Venres, 17: CHARANGA CLK a partir das 20 horas.
Sábado, 18 ENTROIDO INFANTIL. De 11:30 á 13:30 h Obradoiro infantil de máscaras e complementos de entroido A partir das 16:30 Festa-Concurso infantil de disfraces . Animación DJ MELO . A partir das 19.00 h: - Batucada PERCUCAR. A partir das 21.00 h: - Doctor Anchoa
Domingo, 19. De 11:30 a 14 h Animación do Grupo TOKAIDE. A partir das 19:00 h na Praza Maior: - OS LIBORIANOS - Coplas de Entroido 2023
Luns 20. De 20 a 23 h polas rúas da Vila: FANFARRIA FARRUXA. De 23.00 h a 01.00 h: - GIN TONI´S
Martes, 21: GRAN DESFILE-CONCURSO DE COMPARSAS E CHARANGAS. A partir das 19:00 h Actuación da ORQUESTRA ALKAR
Mércores, 22. ENTERRO DA SARDIÑA. A partir das 19:30 Representación do ENTERRO por ASPADISI – “QATARLLIÑO” Animación CHARANGA CASTRO BELLO e CHOCOLATADA
Domingo, 26 XXVIII FESTA DA CACHUCHA
Ás 11:30 h DESFILE DE FOLIÓNS, COMPARSAS E CHARANGAS - Comparsas de Amoeiro - Arrieiros de Petín - Folión de Fradelo - Folión de Tameirón - Asoc. Cult Son da Pedra Meiga Ás 14 h XANTAR DA CACHUCHA - Charanga Feitizo de Pau - Charanga Doctor Anchoa - Charanga Europa - Charanga CLK - Charanga Castro Bello As 17:30 h GRAN DESFILE DE FOLIÓNS, COMPARSAS E CHARANGAS - Comparsa Os da Caña - Comparsas de Amoeiro - Folión Arrieiros de Petín - Folión de Fradelo - Folión de Tameirón - Comparsa Os Solfamidas - Asoc. Cult Son da Pedra Meiga - Comparsas gañadoras do Martes de Entroido. Ás 19.30 GRAN BAILE na Praza Maior ORQUESTRA GRAN PARADA
San Cristovo de Cea
O luns, a partir das 17:30 horas, na Praza Maior, para cativos e cativas, Gran Festa con xogos e diversión asegurada.
O mesmo día, a partir das 20:30 horas, verbena co Grupo Xtra, tamén na Praza Maior para disfrute de veciños e asistentes.
Antes, o sábado hai cea-festa de entroido no Edificio Multiusos, poden mercarse os tickets para cear (10 €).
Antes, tamén o sábado as 17:00 horas en Cea Os Picapezas de Cea achegarán o Preestreo de Barbie 2023, película que se estreará no verán e que, en exclusiva mundial, chega a varios pobos do concello. Ollo, con vehiculos e actores orixinail do filme. Fantásticos!
O Irixo
O sábado de entroido sera o gran desfile de comparsas do concello do Irixo, que sairá ás 17:30 horas dende a Residencia de Maiores pasando polas Laxas e A Ponte ata o Pavillón de Deportes, onde se ofrecerá unha chocolatada a todos os comparsitas. Participarán algunhas das comparsas máis representativas do Irixo, O Carballiño ou Maside.
Boborás
O sábado de carnaval comezará ás 16:30 horas no polideportivo municipal de Boborás, con animación musical, hinchables infantís, e unha merenda cun menú a base de empanada, choruizos asados con pan e chocolate con churros. O lúns de entroido, ás 22:00 h. haberá concentración de "Rodos" en Pazos de Arenteiro, o lugar de encontro será o bar da Ponte, despóis farán un recorrido polos pobos de parroquia, e despedida con pinchos, doces e chocolatada.
Para o sábado de piñata, o 25 de febreiro, ás cinco da tarde haberá xuntanza de Felos en Feás, unha figura tradicional do entroido nesta parroquia, farán un recorrido visitando Vilachá, Cardelle e Vecoña, para regresar de novo a Feás, onde celebrarán unha merenda de despedida.
Maside
O lúns de entroido, saen os Felos a primeira hora da tarde, e as 17.00 h. gran desfile coas comparsas do concello de Maside como do resto da comarca, asi como as sempre espectaculares carrozas do entroido de Parada de Amoeiro, con chocolatada para todos e todas as comparsitas.
San Amaro
día 25 de febreiro, " Sabado de piñata" no Concello de San Amaro
As 17:00 horas Desfile polas ruas de San Amaro. As 18:00 horas colchonetas e xogos para os nenos no campo da feira de San Amaro. As 19:00 horas chocolatada para coller folgos. As 19:30 horas , Discoteca Mobil
Avión
O martes de carnaval, a festa estará na localidade de Beresmo, con concentración de participantes e merenda de entroido
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 152
- 153
- 154
- 155
- 156
- 157
- 158
- 159
- 160
- …
- seguinte ›
- última »