25, Outubro 2022

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou esta tarde o concello de San Amaro para reunirse co equipo de goberno liderado polo alcalde, Fernando Redondo, conversar cos veciños do pobo e avanzar novas liñas de colaboración abertas entre ambas administracións en infraestruturas e equipamentos para os veciños.

“Hai xusto un ano que Fernando Redondo é alcalde de San Amaro e neste ano foi unha verdadeira fábrica de xerar proxectos, formulacións, obras e melloras para os veciños do concello”, sinalou ao remate da visita Manuel Baltar, garantindo o “apoio e a alianza da Deputación, o concello dos concellos da provincia, e que ve en San Amaro un exemplo de dinamismo, de forza e de futuro con Fernando como o seu alcalde”.

O presidente da Deputación estivo esta tarde no antigo campo de fútbol de San Amaro, que está a ser recuperado coma centro hípico co apoio do goberno provincial: “Este é un exemplo de visión municipal que está a construír unha nova realidade para dinamizar o rural”. Unha iniciativa, recalca o alcalde, “nova e ilusionante, canalizada a través dunha entidade sen ánimo de lucro con máis dunha década de experiencia traballando con nenos nun programa de equinoterapia e que xenera valor e con potencial para o desenvolvemento do noso pobo”.

Manuel Baltar e Fernando Redondo reuníronse coas directivas de tres entidades veciñais: AAVV San Cibrao, a Asociación Cultural Comisión de Festas Neves de Grixoa e a AAVV Neves de Grixoa.

O presidente do goberno provincial avanzou o futuro apoio da Deputación aos respectivos proxectos de mellora dos equipamentos sociais propostos polo rexedor, atendendo ás demandas dos veciños: a mellora da instalación eléctrica do centro da AAVV San Cibrao, a ampliación do centro social da Asociación Cultural Comisión de Festas Neves de Grixoa e o apoio á AAVV Neves de Grixoa para contar cun novo centro social.

“Estas tres asociacións, das que esta tarde escoitamos as súas demandas a viva voz, perseguen o mesmo que nós: traballar polo territorio e aumentar o benestar dos veciños”, recalcou Manuel Baltar.

“Infraestruturas, apoio ás familias e promoción de San Amaro”

Pola súa banda, Fernando Redondo remarcou que “neste ano de goberno, palabra clave para min é ilusión e a volta á estabilidade e aos proxectos por e para os veciños”, avanzando tres liñas de actuación: “A mellora das infraestruturas; o apoio incondicional ás familias a través de iniciativas como o programa Concilia e as bolsas de axuda creadas este ano de 150 euros para todos os nenos matriculados no colexio de San Amaro; e a promoción cultural e económica do concello, con proxectos como o Festival Céltico, realizado en colaboración coa Deputación, e a creación da escola hípica e de equitación San Amaro”.

O alcalde destacou a “colaboración das institucións e, en especial, de Manuel Baltar e a Deputación de Ourense como os mellores aliados para os veciños de San Amaro”.

25, Outubro 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro acusa ao alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, de incumprir “de xeito flagrante” o convenio de cooperación asinado entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a reforma do campo de fútbol municipal ‘San Bartolomé e reclama “explicacións urxentes” a respecto do paradoiro dos cartos públicos que tiñan que ser destinados á reforma dos vestiarios.

Os socialistas esixen que o Concello de Leiro xustifique e acredite a execución dos 7.410 euros contemplados no proxecto básico para a reforma dos vestiarios, ou que alternativamente achegue a modificación da partida orzamentaria acordada co ente autonómico no prazo establecido oficialmente no acordo.

“Segundo o recollido na cláusula duodécima do convenio, a reforma afectaba tamén á mellora dos vestiarios, ademais de incluír a renovación da iluminación e a substitución das gradas do campo de fútbol, mais eses termos non foron respectados por parte do alcalde, por iso queremos que nos dean as explicacións pertinentes canto antes”, sinalou o voceiro socialista no Concello, Manuel Rodríguez.

“Se esa mellora dos vestiarios non foi executada porque así o acordaron a Xunta e o Concello, entón queremos que nos subministren a copia documental que acredite a dita modificación da partida en tempo e forma, posto que o propio convenio recolle que tal alteración nas características do proxecto deberá ser solicitada cun mes de antelación mínima antes da data de finalización do prazo de xustificación das obras”, abundou Rodríguez.

O socialista lembra que se trata da segunda irregularidade detectada polos socialistas con relación á reforma do campo de fútbol, logo de o pasado ano se iniciasen as obras nas gradas sen a preceptiva autorización da CHMS.

25, Outubro 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o concello de Boborás para presentar as actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar no CEIP Nosa Señora de Xuvencos e no Castro de Cameixa, ambos neste municipio. Nesta visita estivo acompañado dunha representación da corporación municipal, na que figuraba a alcaldesa de Boborás Patricia Torres.

No referido ao colexio, o conselleiro destacou o investimento de preto de 135.000€ para a cubrición do patio cuberto. “Segundo as previsións, a actuación comezará antes de que remate o mes de novembro”, explicou, sinalando que o prazo de execución da mesma é de catro meses.

O proxecto propón a implantación de dúas novas cubertas situadas na parte posterior da edificación existente, posibilitando un espazo protexido á acción da choiva, aberto polos seus laterais, que permite o desenvolvemento de actividades ao aire libre dos alumnos. As novas cubricións consistirán nunha estrutura de aceiro laminada, composta por piares e vigas pasantes e tamén se instalarán canlóns de aceiro galvanizado.

Castro de Cameixa
A campaña arqueolóxica acometida no Castro de Cameixa nos últimos meses fixo posible identificar novas estruturas murarias que se datan na última fase de ocupación (s. I a.C.- I d.C.) e que poderían indicar a presencia dun espazo de tránsito entre a parte máis alta do xacemento e esta. Así mesmo, confirmouse a continuación do muro localizado durante as campañas anteriores e sobre o que se artellan varios espazos destinados ao traballo metalúrxico tras a localización de dous fogares con estrutura circular anexa para refriado.

En canto a materiais, atopáronse abundantes fragmentos cerámicos así como dúas doas de colar de pasta vítrea, unha fíbula de longo traveseiro, unha pulseira e varios ferros, tal como explicou ante a representación institucional o director das escavacións, o arqueólogo Jorge Lamas.

Os traballos, nos que o departamento de Cultura do Goberno galego investiu máis de 16.000€, comezaron pola limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata. Así mesmo, escavouse unha área duns 100 m² co fin de exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos en campañas anteriores, sobre as que posteriormente se realizaron labores de diagnose e consolidación. A actuación completouse coa documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases.

O Castro de Cameixa ten a consideración de ben catalogado e presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi un dos primeiros escavados con certa metodoloxía arqueolóxica, o que achegou datacións absolutas que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa.

As primeiras campañas realizáronse nos anos 40 do século XX por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández. Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento a través da escavación e consolidación das estruturas arqueolóxicas descubertos na campaña inicial, así como ampliando a escavación co fin de definir e comprobar datos para seguir avanzando na investigación deste xacemento.

24, Outubro 2022

Tenemos una queja del pueblo de Varon de Seoane, hace 8 días que abrieron una calle para meter alcantarillado y agua, ni se puede pasar ni con coche ni andando, pues está lleno de barro y piedras, nos bajo el agua cuando ay tormenta y nos inunda el pueblo, más de una vez tuvieron que venir los bomberos limiar toda la broza que baja desde el matadero, es una vergüenza, estamos hartos, puesto que el Sñr alcalde nos prometido hace 4 años que nos hizo una calle, y resto si ganaba las selecciones,.no tiene el pueblo más que 200 metros, todos los pueblos de la parroquia están esfaltados menos el de Varon, y que sepa el Sr alcalde que nosotros pagamos los impuestos como el primero.

24, Outubro 2022

Os feitos sucederon no lugar de Aldea Anllo, na parroquia de Castrelo, no concello de San Cristovo de Cea.

Ao fío das 19:45 horas desta tarde de lúns 24 de outubro, o 112 Galicia recibía a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. De xeito inmediato, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencia (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros do Carballiño, dos axentes da Garda Civil e de Protección Civil.

Os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento do varón, de 67 anos de idade. Según testimonios veciñais, a vítima quedou enganchado pola roupa nunha engranaxe da máquina e morreu axfisiado.

24, Outubro 2022

O equipo da primeira división visitará O Carballiño o sábado 12 ou o domingo 13 do próximo mes de novembro, en data e horario aínda por confirmar.

O equipo almeriense, un recén ascendido á maxima categoria do fútbol español, ocupa na actualidade o posto número 14 da clasificación na competición de liga. A súa mellor tempada na copa do rei foi na 2010-2011 cando alcalnzou as semifinais, quedando a un paso da final despóis de caer eliminado polo Barcelona FC.

23, Outubro 2022

Ás 12:30 horas COPE O Carballiño ofrecerá en directo o sorteo da Copa do Rei, no bombo estará o Arenteiro, ao que deberá corresponderlle un equipo da Primeira División, que xogará a eliminatoria a partido único no estadio de Espiñedo os dias 12 ou 13 de novembro próximo,  sábado ou domingo.

Por segundo ano consecutivo, un equipo da máxima categoria do fútbol español visitará O Carballiño, revivindo a gran festa do ano pasado coa visita do Valencia CF. Precisamente o equipo valencianista é xunto a R. Madrid, Barsa e Betis os catro equipos que están exentos nesta primeira ronda da Copa do Rei, xa que son os catro finalistas da Supercopa de España. Calquera outro dos 16 equipos da Primeira División poden tocarlle en sorte ao Arenteiro.

22, Outubro 2022

Preto dun cento de representantes de concellos galegos e caboverdianos, da administración central e autonómica e de organizacións da sociedade civil, entre outros, conmemoraron o 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no Concello de Nigrán, onde se xestou esta rede concellos e deputacións. Baixo o lema #oglobalélocal, celebrouse un gran acto conducido pola actriz Diana Sieira no que se combinaron os discursos e recoñecementos con lembranzas e emocións, alén da música galega e africana.

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego, Juan González, foi o encargado de dar a benvida ao evento, no que definiu á asociación municipalista como “un espazo compartido que democratiza a participación de todas as administracións locais galegas en materia de cooperación ao desenvolvemento, dándolle coherencia, continuidade, coordinación e proxectando tamén a Galicia no exterior”. Tomoulle o relevo o director do Instituto Galego de Análise e Cooperación Internacional, Daniel G. Palau, para quen “estes esforzos de base local son a esperanza para a acadar un futuro diferente no medio das crises actuais”.

Os países do Sur estiveron representados por Herménio Fernandes, presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, coa que se cumpren “vinte anos de colaboración nos que se executaron máis de trinta proxectos que melloraron tanto as condicións de vida das persoas como as capacidades da administración local”, dixo. Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, indicou que “o traballo do Fondo Galego permite concretar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” e lembrou que a Xunta de Galicia está a apoiar a localización dos ODS. Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, apuntou que “a cooperación e a solidariedade van no noso ADN” e reafirmou o compromiso cos países máis desfavorecidos.

Tras os discursos institucionais, tivo lugar a entrega de recoñecementos aos concellos fundadores e ás entidades que apoiaron a constitución do Fondo Galego, como o IGADI, a propia Xunta ou a Federación Galega de Municipios e Provincias. “Vós destes forma aos ODS e puxéstelos na nosa axenda hai un cuarto de século, cando o interese do mundo ía en dirección oposta” afirmou o presidente da FEGAMP, Alberto Varela. Tamén subiron ao estrado representantes dos concellos de Allariz, Arteixo, O Carballiño, Corcubión, Culleredo, Fene, O Irixo, Moaña, Nigrán, Porto do Son e Oleiros. Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coas palabras da concelleira de Cooperación deste último municipio, Marga Figueroa, quen lembrou con agarimo ao tamén edil e presidente do Fondo Galego durante catorce anos, Alfredo Novoa, finado no mes de febreiro.

O evento, que contou coa música galega de Leni Pérez e Roberto Comesaña e mais cos ritmos angolanos de Alberto Mvundi, pechouse cun vídeo no que municipios e organizacións de distintos países enviaban parabéns ao Fondo Galego e coa entrega de agasallos ás persoas asistentes. Entre eles, unhas bonecas elaboradas de xeito artesanal por mulleres mozambicanas e árbores autóctonas cedidas pola Escola de Capataces Forestais de Lourizán (Pontevedra), que agora cadaquén terá que plantar e coidar.

22, Outubro 2022

A nova asociación impulsada por Pachi Vázquez constitui a súa xunta directiva que preside él mesmo, figurando Manuel Álvarez Peña coma vicepresidente, Ísbert Gayoso coma secretaria, Xosé Cortés coma tesoureiro e Bernardo García Nóvoa, Ernesto Atanasio Iglesias, Maika Castro López, Gonzalo Rodríguez Conde, Eladio Munín Barreiro e Alberte coma vogais.

A previsión é que a curto prazo se vaian incorporando máis persoas provintes dos diferentes colectivos que xa manifestaron a súa intención de apoiar esta inciativa indican dende a nosa asociación, que manifestan "a preocupación pola situación desta histórica institución non fai se non aumentar á vista dos acontecementos dos últimos tempos e da falla absoluta de transparencia".

Na súa folla de ruta, a asociación deu a coñecer os primeiros acordos da xunta directiva desta asociación, que foron os seguintes:

1. O apoio público ás traballadoras e exixencia da readmisión de aquelas ás que os tribunais lle recoñeceron o seu despido coma nulo.
2. A retirada das multas impostas polo Concello do Carballiño.
3. A remisión de sendas cartas aos patronos responsables (alcalde, bispo e arcipreste) demandando un cambio urxente na xestión do asilo e da mesma Fundación e acceso a actas e contas dos últimos anos.
4. Asemade tamén se dirixirán os mesmos escritos ao Protectorado da Xunta de Galicia (encargado de velar pola legalidade das fundacións) e á Conferencia Episcopal.
5. A creación de redes sociais e páxina web para difundir as accións do colectivo e por en valor o gran patrimonio material e inmaterial legados polos Irmáns Prieto.

20, Outubro 2022

Asi o anunciou en COPE O Carballiño o alcalde Francisco Fumega. A Xunta concentrará todos os servizos autonómicos que presta no Carballiño no chamado Centro Comarcal, na zona do Cornubal, a carón da estrada N-541.

O edificio, que data dos anos 90 do século pasado e que fora concebido como sede da desaparecida Fundación Comarcal, concentrará a partir de 2023 todos os servizos que a Xunta presta no Carballiño, algunhos de nova creación, como será o futuro Polo de Emprendemento impulsando pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, un proxecto incluído nos orzamentos autonómicos de 2023. Trátase dun novo modelo impulsando pola Xunta que pretende contribuír ao dinamismo laboral e ofrecendo, entre outros, servizos de información e asesoramento para o emprendemento, de forma personalizada e adaptada ao territorio comarcal, espazos fisicos para o traballo temporal, captación de inversións e financiación, e outros recursos  para a modernización do ecosistema emprendedor.

A este edificio, de titularidade autonómica, xa se trasladou fai unhos anos a Oficina Agraria Comarcal. Unha vez executadas as obras de adecuación e reforma que a Xunta levará a cabo, tamén se procederá ao traslado da Oficina de Emprego do Servizo Público de Emprego, na actualidade na rúa Otero Pedraio.

O alcalde Fumega tamén anunciou en COPE O Carballiño que o concello vai levar a cabo un proxecto para a mellora da comunicación do Carballiño con esa zona do Cornubal, as piscinas e o pabillón de deportes, que consistirá na construcción de beirarrúas e unha zona de acceso peonil, para mellorar o tránsito peonil e a seguridade en toda esa zona.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS