30, Novembro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de mellora do sistema de abastecemento en varios núcleos do concello de Leiro, paliando os problemas de arsénico e asegurando a calidade da auga.

A Xunta executou unha nova conexión da auga de abastecemento desde o depósito municipal de Lebosende á rede existente que serve a auga aos veciños dos núcleos de San Tomé de Serantes, Sa e Paredes, na parroquia de Serantes. A intervención, que contou cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, incluíu a construción dun novo bombeo no depósito de Lebosende e unha nova condución de impulsión de 1.114 metros, soterrada, ata a conexión coa rede existente.

Dotouse tamén dun grupo electróxeno que se aloxa nunha caseta ao carón do depósito de Lebesende. Estas actuacións desenvolveron o proxecto construtivo redactado por Augas de Galicia e dan cumprimento ao compromiso de colaboración expresado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade na xuntanza mantida no mes de febreiro co alcalde de Leiro para solucionar os problemas que, en determinadas ocasións, xeraba o arsénico e asegurar a calidade do abastecemento aos veciños destes núcleos da parroquia de Serantes.

30, Novembro 2022

A Xunta licitou por importe de 90.857 euros a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ven de publicar a licitación destes traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de xaneiro.

Os licitadores deberán incluír na presentación das súas ofertas a definición dunha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta determinarase de xeito que integre a tecnoloxía da madeira na súa definición e recolla unha resposta tecnolóxica que garanta un consumo enerxético o máis eficiente posible.

Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás estímase en 1,24 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto do contrato licitado hoxe.

Os terreos para a construción do novo centro de saúde de Boborás teñen unha superficie de 6.247,31 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo concello de Boborás.

A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos do novo centro de saúde, orzamento que inclúe un aparcadoiro con 70 prazas, unha parada de autobús, a construción de beirarrúas e a instalación de colectores para a xestión de residuos.

O propio Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanísticos e beirarrúas e incorporando, tamén, na súa parte traseira, unha zona de estacionamento que servirá ao conxunto de equipamentos que se están a construír neste ámbito. Prevese, polo tanto, unha superficie de 2.100 m2 aproximadamente na súa fronte para a localización do centro de saúde do municipio ourensá.

De acordo co programa funcional e de espazos, o centro de saúde incrementará en case un 40% a superficie actual. Máis en concreto, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m² e unha superficie útil de 592,50 m2.

A área de asistencia sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermaría, zona de espera e 1 sala da muller con aseo propio. Contarase cun área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente, e un área asistencia polivalente adicional.

O novo centro de saúde disporá dun espazo cuberto para a ambulancia, vestíbulo, recepción con zona de espera e un despacho para atención ao usuario. O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás en marzo deste ano.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

28, Novembro 2022

O Concello do Carballiño acenderá o seu alumeado das festas de Nadal o próximo día 1 de decembro. Nesta nova convocatoria o Concello apostará polo aforro enerxético e por potenciar as instalacións conmemorativas nos espazos públicos da vila.

Dende hai anos O Carballiño mantén a tradición de potenciar as festas de Nadal cun alumeado temático que ten por obxectivo animar a vila e contar cos espazos públicos ambientados cos motivos propios destas festas para que os veciños e os visitantes gozan dun O Carballiño a xeito cos días de celebración e de festas familiares que se organizan nestas datas. O Concello carballiñés aposta por incidir no aforro enerxético e para iso acordouse que neste 2022 o alumeado de Nadal reducirá o seu horario de funcionamento.

A diferenza doutros anos nesta ocasión as luces de Nadal apagaranse ás 00.30 horas para incidir neste compromiso co aforro enerxético.

Como en noutros anos, haberá instalacións temáticas, con motivos propios destas festas, en varios espazos públicos da vila. A caseta de Nadal xa está instalada na Praza Maior do Carballiño e na Praza Emilia Pardo Bazán estase a rematar a decoración que ten como motivo central a carroza e os renos. A grande árbore de luces da praza maior ou a caixa de agasallos xigante que protagonizaron as campañas anteriores tamén terán un protagonismo especial neste Nadal 2022.

Tamén se promoverá unha campaña de promoción das compras no comercio e haberá colaboración do Concello nas iniciativas que se organicen dende o propio Centro Comercial Aberto do Carballiño.

Nas vindeiras semanas tamén haberá unha ampla oferta cultural, que se dará a coñecer nos próximos días.

27, Novembro 2022

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións. Na xuntanza tamén estivo presente César Fernández, vicepresidente segundo e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos da comarca do Ribeiro.

Manuel Baltar avanzou a colaboración do goberno provincial a varias iniciativas de cooperación propostas polo rexedor, entre as que se atopan a mellora da estrada entre Leiro e a parroquia de Santa María de Lamas  (OU-0306) e o acondicionamento da rúa Real. Ademais, a Deputación tamén apoiará novos proxectos dinamizadores do territorio e colaborará na substitución das gradas do campo de fútbol de San Bartolomé.

"Estas iniciativas son fundamentais para Leiro ao permitir mellorar as infraestruturas públicas ao servizo dos veciños”, remarca Manuel Baltar, que incide na importancia da “acreditada capacidade da Deputación para recoller as demandas e necesidades dos concellos e implementar solucións dun xeito áxil e eficaz, para seguir construíndo Ourense”. Nesta mesma liña, o alcalde de Leiro destaca a “máxima cooperación da Deputación e do seu presidente para atender as nosas propostas e permitir seguir desenrolando proxectos”.

25, Novembro 2022

Totalmente dacordo co copenauta anterior sobre o pintado da estrada Cea-Ribadavia.

Onde está a DXT para salvaguardar a seguridade dos usuarios?

25, Novembro 2022

Os concellos do Carballiño e San Cristovo de Cea celebraban na mañá deste 25 de Novembro o "Dia Internacional Contr a Violencia de Xénero" coa organización de actos institucionais, no salón de actos da casa do concello do Carballiño e a Praza Maior de Cea, nos que se procedía á lectura dun manifesto pola eliminación da violencia contra as mulleres.

No concello de Piñor terá lugar na tarde deste sábado dia 26 a "1ª Xornada de Eduación Familiar Pola Igualdade" na Praza do pobo do Arenteiro, con unha representación teatral "Avoas" de Run Run Teatro, tamén con "misións" vinculadas á loita pola igualdade de xénero, nas que non haberá tempo para o aburrimento, e sorteo con agasallos para os nenos e nenas participantes.

Pola súa parte, a Mancomunidade de Concellos promove a cuarta edición do Contacontos Familiar, a cargo de Cristina Collazo, con sesións de contacontos que terán lugar en Beariz (sábado 26 ás 16:00 h. no centro social da Forxa) Boborás (sábado 26 ás 19:00 h. no centro multiusos de Boborás) San Amaro (Domingo ás 16:30 h. no colexio) e no Irixo (salón multiusos do concello,ás 19:00 h.)

O concello de Avión organiza durante esta semana varias actividades, das que podes informatrte no seguinte enlace: https://www.concelloavion.org/es/component/content/article/8-news/230-co...

Na foto, o acto celebrado no concello de San Cristovo de Cea.

25, Novembro 2022

E normal que se arregle unha carretera, neste caso a de Ribadavia a Cea, pero fai un mes que empezaron nun punto,, en Ribadavia, e esta sin pintar. Non costara tanto traballo ir pintando segun se vai facendo, porque, entre o asfalto que e oscuro e reflexa, e o que chove e un autentico perigo. 

Non tera que haber algun accidente para que a pinten. Non estaria de mais ou un asfalto doutro tipo ou unha cor que se vexa cando chova wue aqui e a menudo . 

 

25, Novembro 2022

Tras oir algunhas noticias nos últimos días sobre a revisión catastral no concello de Boboras, a veces chamado catastrazo, e con razón, xa que hay subidas de mais do 100 % ,como para non enfadarse, quería agradecer a alcaldesa Patricia Torres a súa rápida resposta e posta a disposición da veciñanza co tema do Catastro e de agradecer, xa que tranquilizou moito a alguns veciños, sobre todo maiores que se asustaron coas cartas recibidas, xa que debido tamén ao lenguaxe adminstrativo complexo fan dificil entender o seu contido, xa sabemos que non e culpa vosa a revisión, ( eso si, nas cartas poñía que revisión foi instada pola Deputación, non sei de quen foi a iniciativa ou se foi un erro) e que o tipo do IBI esta no mínimo e non se pode facer moito mais,pero estaría ben saber se a lei preve a opcion de facer outras bonificacions nos anos seguintes a revisión catastral, de todos xeitos, grazas pola tua cercanía e amabilidade que sempre tes.

25, Novembro 2022

Recientemente vimos que o concello lle pide o ministerio que arranxar parta da travesía da N541, entre o cruce coa estrada do irixo e o cruce de Toscaña, cousa que me parece ben por certo, xa que está bastante mal pero houbo Unha cousa que non me gustou moito, e que pretenden que o concello se paga cargo de parte da estrada, non so do reformado, entre a rotonda da Fontela e o cruce de Toscaña, o que incrementara a xa extensa rede viaria do concello, que difícilmente se pode manter, a pesar de que o alcalde sexa o rei do asfalto, mais ainda tendo en conta o tráfico que hay e que cada poucos anos compré asfaltar de novo, o que supora un gasto a mayores para o concello, ademais de que existen algunhas deficiencias no asfaltado dos lados ademais dalgunha zona Nas beirarruas, eso sen falar da inseguridade vial da rua, noutros lugares e aquí no 2008 estando Montes de alcalde Fomento arranxou parte da rua e mantuvo a sua titularidade, sendo eso o deseable, xa que e a sua rua e cousa sua tela ben, o concello xa bastante ten co que ten,polo que agardo que teñan coidado e non asuman mais ruas, que xa ben dificil e manter as que hai , outra cousa e sería o xusto e que o concello se faga cargo do que se arranxe, e dicir, a nova rotonda e a senda peonil en si, ademais das novas farolas, pero non toda a estrada, xa que sería un gasto futuro para o concello ademais dun sinsentido partir Unha estrada nacional en dous, sendo o loxico que o estado sexa o estado en todo o seu trazado, mais ainda neste caso que e un punto intermedio, ahí o deixo 

24, Novembro 2022

O PSdeG-PSOE de Leiro esixe solucións “urxentes” para a estrada OU-0307, de titularidade provincial, despois de que no día de onte aparecese unha pedra de grandes dimensións no medio da mesma, por mor dun desprendemento. Os e as socialistas solicitan medidas para rematar con estes desprendementos, “frecuentes” nos últimos tempos, por mor da “deixadez” e o “abandono” desta estrada.

Dende a Agrupación Socialista de Leiro afirman que esta situación “non é nova”, pero a pesar de ter alertado ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e ao presidente da entidade menor de Berán, Avelino Carballal, en “numerosas” ocasións, ata o de agora non se tomou ningunha medida. Os e as socialistas denuncian que o desprendemento de onte “foi retirado polos propios veciños e veciñas que transitaban pola estrada, ante a inacción dos responsables desta vía, que é de titularidade da Deputación Provincial de Ourense”.

“Esixímoslle ao alcalde de Leiro e ao presidente da entidade menor de Berán que actúen dunha vez por todas e que reclamen á Deputación de Ourense unha solución urxente e definitiva a esta problemática”, explica o voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez. O edil do PSdeG-PSOE no municipio sinala que a actual situación desta estrada que une Leiro e Caldelas “é un perigo evidente para a integridade dos viandantes e dos vehículos que circulan pola mesma”.

O PSdeG-PSOE de Leiro lembra que en xullo de 2021, xa criticaron a “chapuza” levada a cabo pola Deputación e o seu presidente, Manuel Baltar, nesta vía de comunicación, despois de que se levase a cabo o pintado da mesma, pero onde se obviou as “graves” deficiencias que presenta, “con curvas sen asfaltar, fochancas e o perigo de desprendementos constante por mor do mal estado da contorna”.

Rodríguez Vázquez insta aos responsables políticos de Leiro e Berán a que “se poñan as pilas” e esíxelles que “actúen a maior brevidade posible e non agarden a que aconteza a unha desgracia e despois sexan todo lamentacións”. Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro tamén pide que se “arranxe as curvas e se mellore a seguridade viaria para que a veciñanza poida transitar por unha estrada segura e non por un vial máis propio dunha zona de guerra”.

A Agrupación Socialista de Leiro vén de contrastar novamente o “absoluto desleixo e o abandono reiterado” da estrada con obras “sen completar e nun perigoso estado”, tal e como se aprecia en curvas sen asfaltar. Esíxenlle ao PP que “amose máis interese pola veciñanza de Leiro e Berán”, xa que tal e como apuntan “de pouco serve prometer cando chegan as eleccións, se despois non solucionan os problemas reais da veciñanza”.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS