21, Agosto 2022

Vista a triunfal resposta do grupo de goberno ante as críticas da oposición pola festa do pulpo, solo se me ocurre preguntar en que mundo viven. Da festa do pulpo, o único que vai ben, é a festa para os mozos a tarde noite do domingo no parque, organizada por algún hosteleiro local. E alégrome que sexa así, polo menos alguén ten iniciativa. Pero o resto... ¿Que propón este grupo de goberno? Dende a época de Montes e de Marnotes, nada de nada. Con Montes se fixo o tema da tapa xigante, con Marnotes a semana do pulpo, as actividades culturais e gastronómicas ó redor da festa... ¿Agora? O combo dominicano o venres e a descansar.. ¿Canta xente vai agora comer o pulpo o parque? ¿Cantas pulpeiras hai no parque? ¿Que animación hai no parque o domingo? E falo de música tradicional, de ter ambiente de romeria, non de festival techno ou regaetton...  ¿Que pasou co desastre das camisetas? Un desorden total, horas esperando, nin música nin nada... Co que esto era outros anos... Os postos no parque o domingo ven parecen unha feira barata que unha festa tradicional... En fin, que señores do grupo de goberno, en breve hai eleccións... E poñanse as pilas, por que o pobo é un desastre... O único ó que se adicaban era a organizar festas, ¿e agora ata eso lles da pereza?

20, Agosto 2022

O portavoz do grupo de goberno asina un comunicado no que Diego Fernández sae ao paso "ante as inxustificadas críticas do PP do Carballiño á última edición da Festa do Pulpo, o grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Carballiño manifesta o seguinte:

-Contrariedade porque o PP do Carballiño se amole ante a que foi unha das mellores fins de semana da historia de Carballiño, tanto en canto a afluencia de persoas como a volume de negocio para a hostalería en particular e o comercio en xeral. De feito, O Carballiño rexistrou cifras récord durante toda a semana, como dan fe deles os propios veciños e veciñas, tanto en número de visitantes como de actividades programas polo Concello. O dato dos miles de visitantes é especialmente relevante tendo en conta a coincidencia da Festa do Pulpo coa ponte do 15 de agosto, con festas tamén importantes en toda Galicia.

-Sorpresa porque o PP de Carballiño considere como algo negativo que a Festa do Pulpo recuperase o volume previo á pandemia, cando iso é algo do que todos deberiamos estar orgullosos e satisfeitos, pois supón cuantiosos ingresos para moitísimas familias da nosa vila e para a economía local. Contrasta coa relevancia que sí lle deron á festa tantos os medios nacionais (con amplas reportaxes en TVE, TVG, Telecinco, Antena 3, La Sexta ou Cuatro) como a repercusión internacional que tivo, que superou a de edicións anteriores a raíz da declaración de festa de interese turístico internacional.

-Perplexidade ante a alianza tácita e a pinza entre o PP do Carballiño, Espazo Común e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para atacar á Festa do Pulpo e ao Carballiño con exactamente os mesmos argumentos, reflectidos nas redes sociais, algo que non parece nin improvisado nin casual.

-En calquera caso, o goberno local de Carballiño e o PSdeG desta vila seguirán defendendo a Festa do Pulpo e a Carballiño por encima de calquera interese partidista e oportunista, ademais de traballar para que siga sendo unha referencia gastronómica xa non só nacional senón mundial.

-De feito, nada máis acabar esta edición, xa empezou a traballar na seguinte, que, non nos cabe ningunha dúbida, volverá ser a mellor edición da historia, por moito que lle pese ao PP, a Espazo Común e ao alcalde de Ourense.

Son os argumentos cos que o portavoz socialista rexeita as críticas da oposición e defenda a xestión do grupo de goberno socialista na organización da 60 edición da Festa do Pulpo celebrada a pasada semana.

19, Agosto 2022

Poderíamos enumerar un montón de despropósitos que se fixeron nesta edición, que sendo a primeira na que se estrenaba a declaración de interese Turístico internacional, foi tamén a primeira logo de moitos anos na que menos xente pasou polo Carballiño, non so no día grande do segundo domingo de agosto senón tamén no día da tapa, ou na mesma noite do sábado das camisetas.

O grupo municipal do Partido Popular ven de facer públicas varias reflexións sobre a recentemente celebrada 60 Festa do Pulpo, nas que en tono moi crítico coa organización por parte do goberno municipal do ccncello do Carballiño enumeran "un montón de despropósitos que se fixeron nesta edición, que sendo a primeira que estrenaba a declaración de Interese Turístico Internacional, foi tamen a primeira logo de moitos anos na que menos xente pasou polo Carballiño". Os populares concretan as súas críticas nos seguintes aspéctos organizativos:

Non se pode empezar a falar da festa do pulpo a finais do mes xuño.
Non se pode decidir a quen se lle dedica unha edición a uns días da propia festa.
Non se entende que sendo que se lle dedica a edición ao Xacobeo, tivesemos perdido metade do ano e non ter feito unha presentación da Festa, mesmo en Santiago e non ter aproveitado o noso Camiño Miñoto para darlle toda a visibilidade que posería ter.
Non se pode empezar a poñer o alumeado da Festa, cando a semana da Festa xa ten comenzado.
Non se pode deixar de publicitar con Banderolas a Festa no percorrido da N541 ao seu paso polo Carballiño.
Non se pode organizar un acto de homenaxe a Felipe Senén e as pulpeiras de Arcos tan pouco lucido e tan mal organizado.
Non se pode, nos tempos que corren, organizar o acto da tapa de pulpo mais grande do mundo para que sexa saboreada enriba de papeleras ou sentados no asfalto, nun lugar onde non se lle da nin visibilidade ao acto en si nin ao pobo.
Non se pode, unha vez que existe unha marca rexistrada da Festa do Pulpo, deixar sen explotar todaa as posibilidades do merchandainsing.
Non se pode organizar unha tarde noite das peñas das camisetas onde cada grupo teña que esperar horas para sacar unha foto, non se organice un desfile e dende logo non se teña o ambiente esperado na noite de mais afluencia de xente nova no Carballiño.
Non se pode aceptar que no día grande da festa, non exista nin a mais mínima actividade munsical na praza central do Parque Municipal.
Non se pode seguir permitindo o nivel de expositores que se ponen na Avd. de Vigo, que non lle dan valor engadido á festa.
Non se pode permitir que no parque municipal só asistan 13 pulpeiro/as e so unhs poucos bares que den comidas e sendo imposible tomar incluso un aperitivo no Parque Municipal.
Non se pode ir acabando coa romería no Parque a conta de potenciar o Casco urbano, cando son perfectamente compatibles.
Non debería de ser permisible 13 pulpeiras no Parque e polo contrario unhas 50 no casco urbano.
Non se pode ter un recinto oficial que por falta de previsión non pase de 800 persoas das cales 400 eran invitacións.
Non se pode permitir un sistema de venta de entradas ao recinto oficial no que se chega o primeiro mais madrugador da fila e queira comprar as 400 xuntas nadie llo prohíba, e a todo aquel que veña de fora lle fose imposible facerse con unha entrada.
Non se pode pactar o día anterior á Festa a cantidade de Xente que asiste á mesma, dando cifras que non se creen por nadie dos que a ela asisten, dando mostras de falta de seriedade.
Non se pode en definitiva orgaizar esta Gran Festa baixo o criterio de que a Festa camiña sola, cando o pasotismo e a Lei do mínimo esforzo nos leva a ver como esta Festa en vez de ir a mais, vai a menos, conclúen nas súas criticas dende o Partido Popular.

E tamén fan crítica propositiva, en neste contexto propoñen dende o Partido Popular que os sectores implicados na Festa do Pulpo fagan as súas aportacións para o futuro, e nós, máis alá de decir o que se está a facer mal, queremos deixar xa as nosas propostas enriba da mesa co tempo suficiente para que se poidan levar a cabo:

-A dedicación da Festa do ano seguine deberíase anunciar o mesmo día da festa do ano en curso e como esto xa é imposible neste caso, pedimos que se faga canto antes. De facelo así, daría tempo de organizar alguna actividade durante o ano no lugar ao que se lle dedique.

-As actividades que se organicen entorno a semana grande da Festa, que xa se debería de pensar en organizar todo un mes do pulpo, deberían de ter, na súa meirande parte unha relación coa gastronómía, Xornadas gastronómicas, rutas gastronómicas, etc. aparte das musicais e de artes escénicas.

-A tapa mais grande do mundo non pode estar no espacio mais pequeno do pobo, e deberiase facer na praza da Veracruz, pois proxectaria unha mellor visión do noso pobo coa presenza da Veracruz, sería moito mais fácil de ver para os que asistan e poderiase organizar cunhas mesas na zona verde da praza, unha zona moito máis atractiva para quenes queran probar o pulpo.

-Na tarde noite das camisetas, deberíase de recuperar o desfile con música no seu recorrido, facendo todo de forma mais axil e por suposto a noite debería estar amenizada por música na rúa e facilitar á xuventude espazos para a diversión, facer do Carballiño ese sábado á noite, un recinto urbano de festa.

-No Parque Municipal se te que recuperar a presenza das 40 pulpeiras e por suposto recuperar o número de bares que den comidas.

-En ningún caso se pode pemitir que a festa se traslade do Parque ao Casco Urbano. No casco urbano pode ter moito ambiente pero o Concello debe evitar o trasvase que se produce nos derradeiros anos hacia o casco urbano, motivado pola falta de inciativas no parque municipal

-Dende o cencello se deben de abaratar ao máximo as tasas para que sexan competitivas con outras festas e ao mesmo tempo nestes espacios se debe de garantizar un servicio en mesa a cada usuario, dando as mesmas facilidades que calqueira restaurane do casco urbano.

-Propoñemos a creación dunha aplicación que permita facer reserva de entradas no recinto oficial, e tamén en calqueira dos bares que se sitúen no parque.
-Reformular o recinto oficial, pois está desfasado o seu modelo.

-Retomar as xornadas de floclore Galego no parque, pois era moi demandado entre os visitantes e dáballe un verdadeiro ambiente de romería.

-Debense de transformar os postos de feira da Ada de Vigo nun mercado mais especializado e de calidade.

-E preciso buscar solucións para a falta de aparcamentos dese día con estacionamentos disuasorios e habilitando desde os mesmos transporte hasta o Parque.

-Referido á xuntaza de mozos e mozas ao redor de música a moitos decibelios no Parque municipal, mais que procurar que desaparezca, se debe de regular ben, e é moi importante tamén conseguir que esa xente nova participe do xantar no parque, pois moitos son mozos/as que se acercan a zona de festa pola tarde e non teñen interiorizado o ambiente de romería previa. Poderíase facilitar aos participantes nas peñas das camisetas a súa asistencia a comida do parque, con premios ou rebaixas nos prezos.

-Compre xa facer un estudio económico para saber o retorno económico que ten a Festa do Pulpo no noso pobo e que aportará os datos necesarios para fixar novas iniciativas.

Finalmente, manifestan os populares que éstas e outras moitas iniciativas, deberían de estudarse, pero para elo e imprescindible que os nosos mandatarios municipais estén á altura, recoñezan que as cousas se poden facer mellor e que escoiten a todos aqueles que aporten ideas novas.

E rematan cunha mensaxe directa ao grupo de goberno "Señores Gobernantes sepan vostedes que este Grupo, o Grupo Popular, está para remar a favor desta Festa, xa o demostramos cando gobernamos e seguimos pensando e actuando igual, polo que pedimoslle que cambien a súa forma de facer, consulten, escoiten e comecen a traballar xa na promoción da Festa do pulpo do 2023, que hoxe por hoxe é o maior reclamo que temos para poñer o noso pobo no mapa".

18, Agosto 2022

Dende Hogwarts ata O Carballiño. Se Harry Potter foi a temática do ano pasado, nesta edición do Encontro Literario de Ourense serán protagonistas os espazos máis emblemáticos do Carballiño. Así, neste evento cultural que se desenvolverá durante a xornada deste sábado dia 20 de agosto, haberá seis mesas de debate nas que participarán recoñecidos escritores e escritoras que levarán os seguintes nomes: Balneario, Pulpo á feira, Muíño das Lousas, Templo da Veracruz, Parque Municipal e Pena dos Namorados.

O Encontro Literario foi presentado no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e as organizadoras Cristín Ferro e Lizzie Quintas. O edil destacou que a iniciativa “estase consolidando a nivel estatal” e agradeceu que se faga nesta edición un guiño ao Carballiño e aos seus fermosos recunchos.

Lizzie Quintas explicou que nesta ocasión o Encontro Literario de Ourense terá o Auditorio Manuel María como escenario e que xa son 60 as persoas inscritas, se ben todos os interesados poderán acceder e disfrutar da programación, que se estenderá dende as 10.00 da mañá á notiiña, con debates, xogos e os concertos de Jorge Cervantes e Sueños de Ítaca na Alameda. Quintas tamén agradeceu ao Concello a súa colaboración e engadiu: “Temos moitas gañas de mostrar todo o noso traballo para organizar esta edición”.

Pola súa banda, Cristín Ferro destacou a relevancia dos escritores e escritoras que se darán cita no encontro, destacando que son moitos os que repiten e que chegan de diferentes puntos do país. Tamén animou a todos os veciños, veciñas e visitantes a participar: “Agardo que os amantes da literatura poidan darlle unha oportunidade a esta iniciativa cultural, que seguro que non defrauda”.

18, Agosto 2022

Despois da afluencia de miles visitantes durante a primeira quincena de agosto con motivo da Festa do Pulpo, O Carballiño agarda unha nova fin de semana de afluencia masiva, neste caso con motivo do Rally Pazo Tizón.

A organización, integrada polas escudarías Amoeiro e JLB Motorsport, fixo públicos os datos de mobilización desta proba, para a que se inscribiron 116 equipos. A unha media de 6 persoas por equipo (piloto, copiloto, mecánicos e asistencia), so os participantes sumarán preto de 700 persoas.
Para o seu aloxamento foi preciso solicitar prazas en establecemos hoteleiros e casas de turismo rural de toda a comarca de Carballiño e de Ourense, dado que o rally comeza o venres e non rematará ata o sábado.

A gran parte do mesmo desenvolverase no Carballiño, onde estará o parque de custodia e se realizarán as verificacións técnicas e administrativas. Tamén o primeiro tramo da carreira será no Carballiño, mañá mesmo, mentres que o resto de tramos transcorrerán por carreteiras de Piñor, Irixo, Boborás, Leiro, Amoeiro, Cea e Maside.

A organización estima que serán arredor de 30.000 as persoas que mobilizará o Rally Pazo Tizón, entre participantes, forzas e corpos de seguridade, servizos de emerxencia, voluntarios e, sobre todo, público.

A hostalería, que xa o fin de semana pasado rexistrou facturacións récord con motivo da fin de semana do Pulpo, agarda de novo unha gran afluencia de xente.
Neste sentido, durante a presentación, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, mostrou a súa satisfacción porque esta nova edición da proba “dinamice non só O Carballiño, senón toda a comarca”. E na mesma liña se manifestou a edila de Turismo, Silvia Baranda, que amosouse convencida de que “achegaranse a Carballiño moitas persoas que volverán a encher a vila”.

18, Agosto 2022

Estamos vendo nos últimos tempos, como Unha tradición tan arraigada nas nosas conciencias, estase facendo cada vez mais prohibitiva para os nosos petos.

Os prezos están subindo dun xeito esaxerado dende Fai algunhos anos e agora aínda màis por motivos que todos coñecemos.

Estas subidas, seguramente sexan producidos por maiores demandas, pola baixada do euro, pero seguramente tamén veñan producidas debido a que cada vez hai mais escaseza deste manxar nos caladeiros africanos. Podemos observar como nos supermercados ou lugares de venta de pulpo pódese mercar pulpos de menos de 1 kg, un tamaño moi pequeno, que seguramente non tiveran tempo ese pulpiños de reproducirse. Creo que as autoridades locales e galegas deberían por en marcha convenios e ferramentas para regular está barbaridade para que os nosos netos podan desfrutar deste producto. Nos os consumidores tamén podemos facer algo ao respecto rechazando este tipo de productos, ou cando nos ponen pulpos moi pequenos temos que rechazarlos. Na Nosa conciencia e comportamento presente depende o futuro.

Temos que empregar os recursos do presente sen poner en perigo os recursos para o futuro das xeracions que veñen. Por favor que alguén tome nota e empecen a traballar nesta cuestión.

Pezqueñines non Gracias!!!!

Boa tarde

17, Agosto 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Boborás para achegarse ao Castro de Cameixa, coincidindo co comezo dos traballos de escavación e consolidación, nos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai investir 16.117,20 euros na edición programada para este ano.

O delegado territorial significou a importancia destas accións de conservación, pois “o noso patrimonio cultural é unha parte fundamental da nosa identidade como comunidade e a nivel individual. Tamén – continuou o delegado- é unha característica integral da contorna no que vivimos, traballamos ou simplemente gústanos visitar.

Para Gabriel Alén “comprender o noso patrimonio cultural axúdanos a entender unha parte importante de quen somos e cal é a nosa posición no mundo e na vida en xeral”; e engadiu que “tamén nos fai comprender mellor o potencial de recursos con que contamos e onde queremos chegar ou en que podemos chegar a converternos”.

Por iso, o representante do Goberno galego puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos arqueolóxicos da provincia de Ourense e da Comunidade.

O delegado territorial explicou que os traballos a desenvolver consistirán na limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.

Posteriormente, levarase a cabo a escavación con metodoloxía arqueolóxica, dunha área de aproximadamente duns 100 metros cadrados, sita no ángulo SE do castro co fin de exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos tanto nas escavacións dos ano 40 do século pasado como da campaña do ano 2021. Sería unha ampliación dos sectores norte e oeste do escavado nas campañas anteriores.

A continuación efectuarase unha diagnose e consolidación das estruturas exhumadas, garantindo en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Esta consolidación farase seguindo criterios de máximo respecto ao orixinal, mínima intervención, reversibilidade e uso de materiais compatibles.

Tamén se aportará documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases. Vídeo e fotografía aérea (oblicua e vertical) e fotogrametría dixital 3D.

O Castro de Cameixa sitúase no concello ourensán de Boborás, en concreto, na parroquia de San Martiño de Cameixa, lugar de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica (anos 40 do século XX) e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século pasado por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Froito da escavación exhumáronse restos cerámicos, pétreos, orgánicos (landras e legumes carbonizadas) e metálicos que abarcan un espectro cronolóxico que iría dende o século VI a.C. ata o I ou incluso II d.C.

Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento: en 2018 procedeuse a seleccionar a zona de escavación partindo dos debuxos de Xaquín Lorenzo co gallo de localizar e exhumar os restos de estruturas que se rexistraron nas escavacións dos anos corenta, cuadriculando unha zona duns 100 m2. No ano 2019 procedeuse a seleccionar a zona de escavación cuadriculando unha zona duns 120 m2 (escavando unha superficie de 80 m2), e continuando coas xa escavadas no ano 2018. No ano 2020 procedeuse a cuadricular uns 80 m2 e continuouse cos restos estruturais atopados en 2019. O obxectivo era por un lado, completar o peche da estrutura cuadrangular que se superpón á circular no sector norte e por outro lado ampliar a escavación a unha zona non escavada por X. Lorenzo co fin de definir/comprobar datos estratigráficos e de materiais necesarios para seguir avanzando na investigación deste xacemento.

17, Agosto 2022

Pregúntome que vai pasar cos 5 ou 6 entre autobuses e microbuses que actualmente pasan toda a noite estacionados na actual estación de autobuses cando ésta xa non exista. Visto que o que van facer na estación de tren non é mais que unha parada cunha marquesiña, sen edificio de dársenas. Como digo pregúntome que vai pasar con eses autobuses. Pregúntoo porque  preocúpame que acaben estacionados na propia explanada da estación de tren quitando aparcamentos para os vehículos particulares ou obstaculicen a prioridade na circulación do peón dentro da plaza. Ou peor ainda. Que acaben estacionados nas aforas como xa pasaba fai uns anos cando aparcaban camións, remolques e ata carabanas nas beirarrúas. Sabendo como sabemos que estes estacionamentos están prohibidos no casco urbano. Como digo lanzo a reflexión porque me parece que non se pensa no efecto dominó que provoca toda está decisión de trasladar os autobuses para deixar sitio ao futuro centro de saúde.

16, Agosto 2022

Veciños do concello do Irixo organizan unha charla informativa sobre a enerxía eólica sostible, que terá lugar este xoves dia 18 de agosto ás 20:00 horas na casa do concello.

Na mesma participarán Jacobo Feijóo do Sindicato Unións Agrarias, e  José Antonio Diéguez de "Ventonoso" un colectivo de propietarios afectados a nivel galego pola implantación de novos parques ao abeiro do novo plan eólico, que contempla no caso do Irixo e o resto dos concellos da comarca carballiñesa a creación de 7 novos parques de tramitación autónomica e 1 de tramitación nacional.

Unha das veciñas do Irixo que promoveron a celebración deste acto informativo, Helena Iglesias, explicou que ante a falta de información existente sobre a nova lexislación en materia eólica e o novo plan eólico e a inquietude xerada entre veciños e propietarios afectados "acercámonos a Valentín Formoso, o Secretario Xeral do PSdeG, pedímoslle axuda, e púxonos en contacto con outras persoas para traballar na organización desta charla, e polo menos estar informados".

Defenden a enerxía eólica como unha boa oportunidade para o rural, sempre que sexa respectuosa e non "o que vemos que está a suceder, que é claramente unha especulación", subliñou esta veciña afectada por un dos proxectos previstos.

Nesta charla abordaránse os aspectos máis relevantes da nova lexislación, os diversos datos técnicos, os contratos coas empresas promotoras, e as problemáticas derivadas da proximidade dos parques eólicos ás vivendas e os núcleos de poboación.

16, Agosto 2022

Non vou entrar en comentarios subxetivos contra a escultura do pulpo que non van a ningures como se fixo estes días no Facebook do Concello, teño as miñas propias impresións subxetivas coma calquer veciño e prefiro gardalas pra min. Entendo que é unha obra de arte e como tal non pode evocar en tódolos cidadáns as mesmas emocións e sentimentos. Hoxe fun a feira e tiven a oportunidade de vela por primeira vez en persoa e percateime de que está colocada o revés: os ollos do pulpo están mirando cara o cruce dos catro camiños, deberían estar mirando a modo de saúdo os que entran no pobo desde a carretera de Pontevedra, non os que saen. Tamén me fixei que caeron catro gotas de auga e o pedestal que ten de base xa está sucio. 

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS