
O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade dos Concellos do Carballiño organiza o III ENCONTRO DE FAMILIAS, unha actividade lúdica e gratuíta e de interrelación entre as familias da comarca, financiada polo Fondo Social Europeo.
A primeira edición desta actividade foi en 2019 no Concello de Piñor, no 2020 foi imposible desenvolvela por mor da situación pandémica, levándose a cabo no ano2021 no Concello do Irixo.
Nesta ocasión, o vindeiro domingo 22 de maio (conmemorando o Día Internacional da Familia), terá lugar o III ENCONTRO DE FAMILIAS no Concello de San Amaro. Será totalmente gratuíto e levarase a cabo no C.E.I.P Eulogio Gómez Franqueira a partir das 16:30H, ofrecendo as seguintes actividades:
-ESPECTACULO DE NARRACIÓN ORAL E MANIPULACIÓN DE OBXECTOS: ROUPA TENDIDA, a cargo de Xarope Tulú.
-ESPAZO DE XOGOS PAPORRUBIO: circuíto de xogos de madeira para empregar en familia.

A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, acompañada do delegación territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o centro que presta servizo á Mancomunidade do Carballiño, onde exerceu como anfitrión o presidente da entidade intermunicipal e alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira.
A Xunta financia con 123.000 euros o mantemento anual deste servizo que ofrece apoio ás familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos coa finalidade de dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes en relación aos trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecélos, e para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión socical. Para elo, a Mancomunidade de Concellos do Carballiño conta cun equipo integrado por profesionais de psicoloxía, psicomotricidade infantil e logopedia.
A Xunta de Galicia financiará en 2022 a posta en marcha de dez novas unidades de atención temperá, que prestarán servizo a un total de 29 novos concellos, para reforzar e estender a rede pública autonómica. A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, anunciou esta mañá a resolución da orde de axudas para a creación de novos centros, coa que se atende o 100% das peticións formuladas, durante unha visita as instalacións da Mancomunidade do Carballiño.
Fabiola García agradeceu o labor que prestan as traballadoras deste servizo, que serven de guía profesional a milleiros de familias galegas para detectar posibles trastornos de comportamento nos nenos de entre 0 e 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible para ofrecer unha resposta global ás necesidades do pequeno.
A Agrupación Socialista de Leiro quere saír ao paso da noticia pola que a Xunta licitase 360.000,00€ nas obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro,e deixando constancia que en principio no se o pon as inversions que se realicen no noso Concello de Leiro, pero co fin de probar, como un fracaso de xestión por parte do único responsable do control e funcionamento do servizo municipal da auga, o señor Alcalde, véndesenos como un éxito da súa xestión.
É o momento de lembrar como este alcalde do P.P. contrario á subida de impostos é o primeiro en correr á Xunta Amiga para obter financiamento que lle permita tapar a súa incompetencia na xestión do Concello. Falamos de financiamento con recursos económicos derivados da recadación de impostos, xa non só do españois si non que neste caso de todos os contribuíntes da Unión Europea. Falamos tamén dun alcalde que privatizo a xestión do servizo municipal da auga no ano 2005 cunha taxa media por veciño de 44,68 €/ano e na actualidade en 2021 é de 90,86 €/ano por veciño.
A principio do 2021 o noso portavoz no concello, denuncio a existencia grandes fugas no sistema municipal da auga que xeraban un gran desgaste e deterioración das maquinas, así como un elevado consumo de electricidade e cloro, entre outros inconvenientes.
Unha vez máis o señor alcalde, cuestionaba e negaba as afirmacións do noso compañeiro, á vez que o mesmo contradicíase ao afirmar publicamente que en agosto do 2021 o consumo de auga alcanzaba cotas de 900 a 1.000 M3 diarios. Datos estes, que confrontados cos datos técnicos que obran no concello, permitían confirmar e concretar dúas cousas, a primeira, que o señor alcalde, como único garante do bo funcionamento do servizo de augas, confunde M3 abastecidos con consumo de auga e dúas, que as fugas supoñen un incremento de mais do 300% no abastecemento, é dicir, para que chegue un M3 de auga á casa dun veciño é necesario captar máis de tres M3 dos que dous M3 pérdense.
Foi necesario esperar a que a fuga fose detectada pola empresa concesionaria que xestiona o servizo, algo que non ocorreu e foi a alcaldesa de Boboras, Patricia a que advertiu ao señor Alcalde das fugas de auga no tramo captación do Viñao / ETAP do Viñao do que gran parte transcorre polo concello de Boboras.
É a partir deste momento cando o señor Alcalde de Leiro corre á Xunta amiga para resolver os problemas que ocasiona a súa incompetencia e coa que tanto castiga aos nosos veciños. É o momento en que conxuntamente con Patricia, alcaldesa de Boboras, xestionan a concesión dunha subvención para emendar a súa pésima xestión e obtén unha axuda a tres anos por 360.000,00€ cun desembolso principal de 264.000,00 en 2022 que por axustes de dotación económica na Xunta pásase ao 2023 por un importe de 213.300,88€.
Unha vez máis, volve vender aos veciños por segunda vez como éxito o que só é froito do seu propio fracaso na xestión do Concello. Os veciños de Leiro terán que soportar un ano máis, que en 2022 a deterioración das instalacións do servizo municipal da auga como consecuencia das fugas, non controladas polo Alcalde e non detectadas pola empresa concesionaria, sexa o equivalente á deterioración de tres anos e o peor é que non sabemos desde cando está a ocorrer isto, pero non pasa nada, cando as instalacións empecen a fallar pola mala xestión sempre quedase ao señor Alcalde o recurso da Xunta amiga que cos impostos de todos cubrirán como un éxito os seus erros.
Esta é unha proba máis das mentiras e manipulacións do noso alcalde que desde o 2019 vén negando información e documentación ao noso portavoz sobre o servizo de auga, entre outros, argumentando o custo en fotocopias, é dicir quere aforrar as pesetas e nesta ocasión non se lles escapan os duros, nesta ocasión, son os moitos euros os que nos custa a todos a xestión deste alcalde.

O presidente do Club Ciclista Os Mosqueteiros, Rubén Cerdeira, e a concelleira de deportes do concello carballiñés, Silvia Baranda, presentaron a que será edición número 10 desta actividade que xa está consolidada e recoñecida entre os ciclistas de montaña de toda Galicia, e que terá lugar este próximo domingo dia 15 de maio.
Celebraráse dúas probas, unha media maratón de 40 km. de percorrido e de dificultada media, e a maratón de 73 k. de dficultade media-alta, que percorrerán sendeiros e camiños nos municipios do Carballiño, Boborás e O Irixo., unha maratón que será puntuable para o Campionato Galego de Montaña. A saída será ás 9:30 horas dende a Praza da Veracruz.
Aínda que a inscrición permanece aberta ata as 23:59 horas do mércores 11 de maio, os organizadores agardan unha participación no entorno dos 350 ciclistas, que acudirán esta próxima fin de semana a O Carballiño, a maioria deles con acompañantes, polo que se calcula que unhas mil persoas achegaránse á vila do Arenteiro entre o sábado e o domingo.

A Xunta licitou hoxe as obras de mellora do sistema municipal de abastecemento do municipio de Leiro, que suporán un investimento de 360.000 euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio de licitación, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 10 de xuño. Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado no pasado mes de novembro entre a Xunta e os Concellos de Boborás e de Leiro.
A través deste contrato executaranse as obras de renovación de tubaxe desde Pazos de Arenteiro, no municipio de Boborás, á estación de tratamento de auga potable de Leiro, co fin de resolver os frecuentes problemas de funcionamento que se producen neste treito de condución que abastece a potabilizadora e o depósito de Leiro.
O Goberno galego apoia aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando as actuacións previstas en ambos os dous concellos no 80% do seu orzamento total. Pola súa banda, as entidades locais achegarán o 20% restante do importe das actuacións que corresponden cos seus respectivos servizos municipais. Ademais, os concellos de Leiro e de Boborás asumen a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, posta en servizo, mantemento, explotación.
As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.
O Concello de Leiro abastécese dunha captación situada no concello de Boborás, na canle de derivación do encoro de Albarellos. A auga trátase nunha estación de tratamento de auga potable existente no municipio de Leiro e distribúese a través dunha condución cunha lonxitude aproximada de algo máis de 7 quilómetros de lonxitude, dos cales máis de 4,7 se sitúan no termo municipal de Boborás e preto de 2,4 no municipio de Leiro.
Debido á antigüidade da condución que conecta a captación coa potabilizadora, son moi frecuentes as roturas, o que provoca faltas no subministro de auga á poboación. As obras darán servicio a unha poboación fixa de 1.568 habitantes para o ano horizonte 2045.

O grupo municipal de Espazo Común asegura que "a Consellería de Educación da Xunta de Galicia ven de confirmar aos membros da comunidade educativa do CEIP Calvo Sotelo a súa intención de pechar xa dende o vindeiro curso a aula de nenos de 3 anos do centro do Campo da Feira".
Por elo, manifestan que "ésta é unha inaceptable nova que resta unha opción de escolarización, agora e no futuro, para moitas familias nunha zona densamente poboada". Preocupan a Espazo Común os precedentes "non hai máis que ollar o acontecido noutros lugares semellantes para ter a certeza de que este é só o primeiro paso para o peche total dese centro. Se este ano se suprimen a clase de 3 anos, para o ano xa non haberá a de 4 e así sucesivamente ata a desaparición total. Se se consinte o peche, xa non voltará a abrir".
Poñen o foco desta problemática nas políticas municiapis do goberno socialista "esta nova é outro cravo no ataúde do futuro da nosa vila que, día a día, perde servizos, perde atractivo e perde poboación a pasos axigantados". Tras recordar o retroceso demográfico que reflicte o útlimo padrón municipal coa "perda de case 200 habitantes nun só ano e o que é aínda peor, un preocupante envellecemento da poboación, todo elo a causa dunha ausencia total de políticas para atraer a poboación nova e do fomento da natalidade por parte do Concello nos últimos anos".
"Nin servizos de conciliación, nin infraestruturas deportivas, nin novas zonas de xogo infantís... A lista é interminable pero agora o que toca é revertir esta dinámica e freala dende xa con accións concretas que impidan o peche desa aula que de permitirse será a primeira de moitas", poñén de manifesto.
Finalmente, dende Espazo Común anuncian que convocarán "nos vindeiros días a tódolos afectados (profesores, pais, persoal para tomar decisións sobre como afrontar e revertir esta situación e levaremos unha moción ao vindeiro pleno para que tódolos grupos da corporación apoien as iniciativas encamiñadas a elo".

O programa "Enredadas" elaborado polo CIM do concello do Carballiño ofrece durante esta semana diversos talleres ás mulleres residentes na vila como nas parroquias da zona rural, unha actividade na que se traballará na autoestima, o autocoñecemento e o empoderamento, e mediante prácticas como a risoterapia, a relaxación ou as dinámicas de autocoñecemento.
Este programa, que foi presentado pola concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Guadulupe Sobrado, terá lugar en horarios de tarde e está aberto a todas as mulleres que queiran participar, para facélo tan so teñen que inscribirse na respectiva asociación veciñal da súa parroquia ou directamente no Centro de Información á Muller do concello do Carballiño, no 988 531 076.
As sesións teñen unha duración de hora e media, e para as mulleres da vila levaráse a cabo esta actividade no local do Bo Dia Familia o mércores 11 a partir das 6 da tarde.
O lúns dia 9 ás 6 da tarde para as mullers de Arcos, A Uceira e Seoane.
O martes 10 ás 4 da tarde para as parroquias de Mudelos e Madarnás. Tamén o mesmo martes, ás 6 da tarde, en Veiga.
O mércores 11 ás 4 da tarde para as mulleres do Torrón, Señorín e Partovía.
E finalmente, o xoves dia 12 ás 4 da tarde, os talleres serán para as mulleres de Sagra, Mesego, Cabanelas e Banga.
No vindeiro mes de xuño completaráse este programa "Enredadas" con novas convocatorias.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, que ten, entre otros fins fundacionais, documentar e divulgar o patrimonio cultural e medioambiental da comarca do Carballiño, considera que a mostra sobre as orixes e a evolución da luz eléctrica, que se exhibe no IES Chamoso Lamas e que se pode visitar ate a 12 deste mes, ten un gran interese histórico e por iso ofrece a súa colaboración para editar un catálogo da mesma.
Asemade, propón que esta exposición sexa un punto de partida para a creación dun futuro museo que plasme o nacemento e a evolución da electricidade no concello carballiñés, que foi pioneiro a nivel provincial na implantación da luz eléctrica.
Integrantes do colectivo realizaron esta semana unha visita programada á mostra, comprobando o alto valor das pezas que se exhiben e que deben conservarse nas mellores condicións posibles co obxectivo de que poidan formar parte, xunto con outras que se consigan incorporar, deste museo que amose o carácter pioneiro do municipio carballiñés na chegada da luz eléctrica e a relevancia histórica que tivo na modernización da vila, do concello e da comarca, así como no proceso de industrialización, desde finais do século XIX.

A xornada tiña carácter solidario e por ese motivo pedíaselle aos espctadores que acudiron este xoves ao espectáculo da orquestra Panorama na Praza da Veracruz que fixeran un donativo de 3 euros, para axudar ás persoas ucraínas refuxidas.
A Cruz Vermella recadou 2.792 euros aportados polos espectadores que acudiron aos dous pases que ofreceu a orquestra no Carballiño, unha cantidade á que haberá que sumar os donativos recollidos pola pizzería carballiñesa promotora desta xornada musical, polo que a Cruz Vermella agarda que a recadación final poida superar os 3.000 euros.
Cando parecía que todo isto da parcela do futuro centro de saúde do Carballiño estaba xa superado, onte van a pleno os orzamentos para o ano 2022 e o equipo de goberno aproba unha partida que leva o nome "terreos centro de saúde" cunha asignación de 400.000 euros. Preguntado sobre isto o alcalde limítase a dicir que é unha partida que non se vai usar xa que o compromiso é facer o centro de saúde na actual estación de autobuses. Pero vamos a ver. Se esto é así para que se mete entón tal partida? Tan ben está o concello do Carballiño para desdeñar 400.000 euros? Que non son nin 400 nin 4.000.Con 400.000 pódense facer moitas cousas. Unha de dúas. Ou o alcalde oculta algo que non quere dicir ou simplemente limítase a fecer un corta-pega dos orzamentos de anos anteriores sen revistar nada. En calquera das dúas opcións non queda moi ben que digamos. E ese é o nivel do equipo de goberno que temos no Carballiño señores.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 197
- 198
- 199
- 200
- 201
- 202
- 203
- 204
- 205
- …
- seguinte ›
- última »