16, Agosto 2021

O PSdeG-PSOE de Punxín reclama o “inmediato arranxo” do alumeado público de Vilela, tras “dúas semanas coa veciñanza sumida na escuridade absoluta”, por culpa da total desidia e o completo abandono do goberno local. A voceira do grupo municipal socialista, Lorena Peleteiro, critica que a veciñanza “está a sufrir importantes trastornos” sen que o executivo municipal deste municipio ourensán “faga absolutamente nada para devolver a situación á normalidade”.

As concelleiras do PSOE explican que, desde que se procedeu ao cambio das vellas bombillas por novas luminarias tipo led, a veciñanza está sen ningún tipo de alumeado público noite tras noite. Apunta Peleteiro que “desde o noso grupo entendemos que poidan existir problemas puntuais no momento da instalación”, pero “o que non entendemos baixo ningunha escusa é que a veciñanza de Vilela leve dúas semanas ás escuras, polo que esiximos que se resolva o problema sen máis demora”.

As socialistas denuncian que “o rexedor ignora por completo as reivindicacións e necesidades reais dos veciños e veciñas” porque “é incomprensible que, tras máis de dúas semanas sen alumeado público, aínda non se dea por enterado”. “Estar sen ningún tipo de luz pública en plena noite durante tanto tempo pode incrementar o risco de vandalismo e prexudicar a seguridade”, salientan.

“A falta de iluminación debido a que unhas luminarias completamente novas e recentemente instaladas estean abandonadas é esperpéntica”, resaltan as edís socialistas antes de aseverar que “a situación que están padecendo as persoas de Vilela por culpa do alcalde e os seus concelleiros é vergoñenta e impropia”. Desde o PSdeG-PSOE conclúen sinalando, unha vez máis, que este goberno municipal “amosa a súa total incapacidade para traballar activa e eficientemente por Punxín”.

16, Agosto 2021

Coa posta en escea de Circo Galaico, por Títeres Alakrán, comenza esta tarde unha nova edicion deste festival, que organiza a concellería de Cultura coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, e que se desenvolverá esta semana na explanada do Parque Municipal.

Todas as representación comezarán ás 19,00 horas

Programa

Luns, 16: Circo Galaico, por Títeres Alakrán.

Martes, 17: Cousas de Casa, mais Obradoiro de Títeres, por Micromina Títeres.

Mércores, 18: Os Novos músicos de Bremen, por Animar Títeres.

Xoves, 19: Onde vai o vento, por Animar Títeres.

Venres, 20: Obradoiro de Títeres, mais Novos lobos, por Fantoches Baj.

16, Agosto 2021

A traves desta liñas quero denunciar, publicamente, as malas prácticas que leva a cabo o conductor do camión de reparto do Mercadona, xa que este bo señor ten dende fai bastantes anos o perigoso costume de entrar dende a rotonda que hay en fronte da Casa Azul en dirección aos almacens deste supermercado, situados na Avenida do Balneario, circulando en dirección contraria para facilitar así a descarga do camión.

Este irresponsable costume non é novo, pois este conductor xa o leva facendo alomenos dende fai máis de 10 anos, pois daquela xa me topei a primeiras horas da mañá co camión de reparto de Mercadona circulando en dirección contraria vindo de fronte ao meu coche provocándome varios sustos.

Agora o conductor do camión de reparto non contento con madrugar para incumprir as normas de circulación tamén fai reparto polas tardes facendo exactamente o mesmo: circula en dirección contraria para estacionar diante da entrada do almacén do Mercadona para facilitar a descarga das mercadorias.

Penso que é hora de que as autoridades tomen cartas no asunto para evitar que este camioneiro siga circulando en sentido contrario antes de calquer día pola súa culpa haxa un accidente provocado por este conductor.

 

15, Agosto 2021

O concello do Irixo vai adxudicar durante este mes de Agosto varios proxectos por un importe superior aos 600.000 euros, entre os que destaca pola súa contía a segunda fase da reforma das iluminacións públicas nas localidades do municipio, unha actuación que se eleva ata os 412.000 euros.

O alcalde Manuel Cerdeira asi o anunciou no transcurso dunha alocución nesta emisora de radio, e ademáis destacou o feito que esta actuación non vai supoñer gasto algún para o concello do Irixo"dos 412.000 euros, o Ministerio para a Transición Ecolóxica apórtanos o 80% mentres que para cubrir o 20% restante contamos co compromiso da Deputación de Ourense, xa fixemos no seu dia esta mesma obra de mellora dos alumeados públicos en catro parroquias, e agora acometemos esta segunda fase que chegará ás parroquias de San Cosme de Cusanca, O Campo, A Ciudá e Parada de Labiote". Desta maneira, o rexedor municipal espera xa completar na súa totalidade a implementación da tecnoloxía LED nas iluminacións públicas nas outras catro parroquias restantes, son 12 as que ten o concello, acollendose a unha nova convocatoria de subvencións prevista para este mesmo ano.

Coa colaboración da Xunta de Galicia, o concello do Irixo adxudicará esta semana o plan  HURBE deste ano, e no que se incluíu a obra de humanización da travesía do concello, unha actuación que consistirá fundamentalmente na construcción de beirarrúas nesta travesía urbana da capitalidade municipal.

Por último, tamén de aquí a final de agosto, o alcalde irixense agarda poder adxudicar os proxectos de mellora no abastecemento de auga potable ás localidades de Fabeiros e A Eirixe, que incluirá a instalacións de depositos distribuidores para garantír o suministro de auga a estes dous núcleos.

15, Agosto 2021

Pola ubicación da miña vivenda, tránsito a diario pola rua Margarita Taboada, - deixenme dicir, para quen non o sepa, que é un rua PEATONAL, comercial....  e o aparcadoiro privado duns cantos sinvergonzas-.

Vou deuxar ó semi-marxe, o estado no que se encontra, só con dar un paseo, sobran as verbas, ainda que o maís groso, vouno mencionar, buratos, ratas, escasa luz, parches, vomiteras, mexadas, coches presionando tras de tí para que apartes (repito é peatonal), coches aparcados na porta entrada negocios....... é dicir a RUA DO OLVIDO, debería chamarse. 

E esta semana leo que  unha muller foi atropelada por unha furgoneta.... ¿ Será un aviso, ou ten que pasar algo mortal?,.

Sres. responsables ( CONCELLO, VECIÑOS, FORÁNEOS....), agora que as festas non ocupan tanto as suas xornadas laboraís e de ocio, adecenten, cumpran e fagan cumprir as normas! 

 

13, Agosto 2021

Actividades para todos os públicos e sen sair da nosa comarca para esta fin de semana de agosto, na que ademáis de piscina e prais fluviais temos outras propostas para o ocio e o tempo libre.

O Irixo

Humor e Clown con "Isla Letriska", venres 13 ás 21 horas na praia fluvial.

Concerto de música para un público familiar con Pakolas e o seu "Rockeando con Ramona Órbita", domingo 15 ás 18 horas na praia fluvial.

Boborás

Visita teatralizada a Pazos de Arenteiro, venres 13 ás 22:30 horas. 

Espectáculo de maxia "As aventuras de Marco Polo" do mago Le Grand Martin. Sábado 14 ás 19 horas  no campo da festa de Laxas e domingo 15 ás 19 horas na eira de Vilachá.

Leiro

O Novocine ofrece dúas películas en carteleira: "Bebé Jefazo, negocios de familia" en sesións ás 16 e 18,15 horas; e "A todo tren, destino Asturias" en sesión ás 20:30 horas.

O Carballiño

O domingo dia 15 chega outra vez a O Carballiño o humorista galego "Touriñan" co seu novo espectáculo "Aquí Tou", na programación de verán do concello do Carballiño. O aforo está xa cuberto.

12, Agosto 2021

Membros do PSOE de Leiro achegámonos ata a zona de baño o lado do Río Avia en concreto no Misieiro e podemos comprobar, que sigue tendo carencias e así no lo comentaban veciñ@s e visitantes que se encontraban no lugar. Falta de aseos públicos. Contenedor de vidro que non aí, e para mostra a foto xa que aí contenedores lixo ( verde) envases de plástico, latas o envases tipo brik( amarelo). mantemento do césped, está en moi mal estado.

Que o Concello se poña as pilas de unha vez por todas se solicite e faga os trámites ante Sanidade, para que sexa declarada a zona de baño do MISIEIRO EN PRAIA FLUVIAL( censo oficial de sanidade )e poder contar con unha serie de servizos dos cales se carece nestes momentos e que son tan necesarios, se crearían postos de Traballo ( socorristas, mantemento da zona ect....)para a nosa veciñanza, tan necesarios nestes momentos, e por suposto un aliciente mais dos moitos que temos no noso Concello para o Turismo.

11, Agosto 2021

Ata o 22 de Setembro prolongaráse a campaña promocional da Praza de Abastos do Carballiño, que repartirá bos premios entre a súa clientela. 

Coas compras que a partir deste venres dia 13 de agosto, os clientes de calquera dos postos do mercado carballiñés recibirán participacións para un sorteo que terá os seguintes premios: 1 Tablet, 1 funda para tablet, 1 teléfono móbil, 2 pulseiras deportivas, 1 cafeteira, 1 tostadora, unha caixa de viño "Pazo Tizón", 500 euros en vales de compra de 50 euros, 2 circuítos termais no balneario das Caldas de Partovia e 1 fin de semana no "Gran Talaso Hotel de Sanxenxo".

10, Agosto 2021

O Carballiño rompe hoxe unha tendencia descendente que se mantiña dende fai xa dúas semanas en canto a casos activos de coronavirus, que son hoxe 3 máis que onte e sitúa a cifra actualizada nos 63 contaxios activos no municipio carballiñés.

No resto de concellos os casos de covid que aparecen na relación deste martes dia 10 de Agosto son os seguintes: Avión (14) Beariz (9) Maside (6) Boborás (5) San Amaro (5) e xa finalmente, con 1 contaxio figuran os concellos de Leiro, O Irixo, Piñor, Punxín e Cea.

10, Agosto 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións da empresa Augas do Paraño, cuxo proxecto de ampliación acaba de ser declarado de interese autonómico por parte da Xunta. Segundo indicou, esta consideración vénlle dada pola relevancia deste sector e porque o proxecto contribúe ao desenvolvemento económico e social de Galicia cun impacto especial no medio rural, no concello de Boborás.

O proxecto prevé un investimento de 7 M€ para instalar novas liñas de embotellado de auga mineral: desmineralizada, en formato bag in box (bolsas cheas a presión e introducidas en caixas de tarxeta) e en envase de cristal. A ampliación das súas instalacións é, por tanto, unha necesidade estratéxica para a empresa, que poderá incrementar os niveis de envasado e distribución.

Augas do Paraño é unha empresa familiar de capital galego fundada en 2004. Conta con case unha trintena de empregados, factura máis de 2 M€ ao ano e distribúe a súa auga maioritariamente a Galicia pero tamén en Lleida, Tarragona, Valencia, Valladolid, León, Asturias e Biscaia. Dela, o vicepresidente económico destacou a súa aposta pola creación de emprego no rural e a súa “vocación por seguir crecendo”.

Na mesma liña, Conde destacou que é “un referente desde Ourense” dun sector do que Galicia ten recurso suficiente, posto que a Comunidade supera os 300 mananciais (o 15% dos 2000 que hai en España) e conta con dez plantas de envasado de auga mineral natural, que representan o 10% das 100 que hai en todo o país.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS