30, Xuño 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou a capela de San Pedro, en Leiro, onde a Xunta de Galicia vén de completar obras de restauración cun investimento de preto de 150.000€. Trátase dunha actuación centrada na estrutura e cubertas deste ben que se enmarca no compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio cultural e artístico da provincia de Ourense.

Na visita ao concello ourensán, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e polo alcalde, Francisco José Rodríguez, Román Rodríguez destacou o traballo que está facendo a Xunta de Galicia para garantir o futuro dos elementos máis senlleiros do patrimonio da provincia investindo 3,8M€ en actuacións de conservación e rehabilitación como a rematada en Leiro.

“En Galicia temos a sorte de contar cunha gran riqueza patrimonial que nos identifica e define como pobo para guiarnos na construción do noso futuro”, afirmou o conselleiro antes de engadir que a provincia de Ourense xoga un papel determinante na conservación deste legado con algúns dos bens patrimoniais “máis importantes do país”. “No concello de Leiro atopamos unha boa representación coa Capela de San Pedro e o Mosteiro de San Clodio, onde vimos de actuar, ou a igrexa de Serantes, onde actualmente estamos intervindo sobre o retablo”, afirmou.

Consolidación estrutural
Cun investimento de preto de 150.000€, a intervención na igrexa capela de San Pedro tivo como obxectivo resolver as patoloxías que presentaba, especialmente no referido ás fendas existentes nas bóvedas e filtracións, así como os elementos discordantes como a espadana ou a estrutura de madeira que ocupaba o primeiro tramo da nave.
Para iso, consolidouse e estabilizouse estruturalmente o arco toral do presbiterio mediante a colocación dun tirante metálico que recolle os seus esforzos horizontais. No referido ás filtracións, renovouse tanto a estrutura de madeira como o sistema de tellado da cuberta. Así mesmo, melloráronse as condicións de estanqueidade da cantería das fachadas do templo a través de traballos de limpeza e rexuntado con morteiro de cal.
Para recuperar a imaxe exterior orixinal da igrexa desmontouse a espadana existente –construída no 1956 e colocada inicialmente na fachada lateral–, cuxo deseño e dimensión contrastaba coa portada do templo, e devolveuse á súa ubicación orixinal. No referido ao aspecto interior, desmontouse a devandita estrutura de madeira, que impedía visualizar as bóvedas de aresta da capela.
A actuación en San Pedro de Leiro incluíu, así mesmo, a renovación da instalación eléctrica e o alumeado, o revestimento con morteiro de cal hidráulica e pintado dos paramento interiores e a recuperación e renovación da carpintería de madeira existente.
A igrexa de San Pedro de Leiro data de finais do século XVI e é un inmoble protexido polo seu valor cultural, pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e recollido no inventario do patrimonio histórico-artístico do Concello de Leiro. Trátase dun edificio de pequenas dimensións, de planta rectangular, cunha única nave de dous tramos e cabeceira cadrada. A cuberta descansa sobre tres bóvedas de cruzaría cuxas claves están decoradas con motivos abstractos e agnus dei, entre outros elementos. Toda a capela está construída con canteira de granito pseudo-isódomo co grao típico da zona do Ribeiro.

29, Xuño 2021

O campo de Saleta en San Cristovo de Cea reunirá o próximo sábado dia 3 de xullo, a 300 gaiteiros de 19 agrupacións chegados de todas as provincias galegas, Asturias e Portugal no XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, presentado no Pazo Provincial coa asistencia do vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; o presidente da asociación Queixumes dos Pinos, José Antonio Viñas; e o director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo.

"Unha cita inescusable na axenda de todos os amantes da música tradicional e da beleza artística asociada aos certames de bandas de gaitas, nun concello que é e segue sendo terra de gaiteiros", destacou Rosendo Fernández na súa intervención, sinalando que "non hai máis progresismo que dinamizar e colaborar co tradicional, máxime cando se trata do instrumento máis senlleiro que temos e onde a Escola Provincial de Gaitas representa a esencia da promoción dunha tradición que milleiros de alumnas e alumnas levan por todo o mundo".

O director da Escola Provincial de Gaitas, organizadora do evento, Xosé Lois Foxo, explicou que con este certame "quixemos abrir unha porta ao mundo da gaita que tanto sufriu as consecuencias da pandemia, por iso é unha alegría a magnífica aceptación que tivo este evento". Foxo tamén subliñou que a presente edición estará dedicada a Xosé María Alfonso García Castro "Muíño", ao que cualificou como "o segredo das gaitas e un home que fixo un enorme servizo pola promoción das bandas".

Pola súa parte, José Antonio Viñas, en representación de Queixumes do Pinos como entidade colaboradora, subliñou a importancia da colaboración institucional "para desenvolver proxectos que poñan de relevo, dinamicen e dignifiquen a nosa música e folclore, xerando ilusión e paixón en torno á nosa cultura popular".

Pechou as intervencións o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, que agradeceu a elección de Xosé Lois Foxo para organizar o certame no seu concello, coincidindo coas datas nas que se celebraría a Festa do Pan de Cea, "un momento moi importante para nós pero que polas circunstancias actuais non podemos celebrar". O alcalde, que lembrou a gran tradición gaiteira da súa terra, expresou o seu desexo de que os visitantes "poidan gozar da música tradicional, pero tamén dun concello situado na Vía da Prata e onde o pan é arte".

O XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, Memorial "Muíño", na súa primeira fase, reunirá a 300 gaiteiros de 19 bandas -catorce da provincia de Ourense, outras tres da Coruña, Lugo e Pontevedra, unha de Asturias e outra máis de Portugal- que comezarán as súas interpretacións ás 11.00 horas no campo da Saleta. O programa de actividades inclúe a presentación do libro Temperando la gaita gallega y su mundo de Fernando Molpeceres, así como a exposición de 16 cornamusas primitivas que desde mañá, 1 de xullo, e ata o 15 de agosto poderá verse no Multiusos de Cea.

29, Xuño 2021

O bonoloto correspondente a este lúns dia 28 de Xuño de 2021  deixou un premio de segunda categoria (5 acertos+complementario) no Carballiño, validado na terminal de lotarias do Bar Estatequieto.

Correspóndelle un premio de 81.473,86 euros. A combinación premiada foi a a dos números: 4-12-24-32-35-42, e complementario o 30.

29, Xuño 2021

Logo dos traballos de acondicionamento das instalacións e de demorarse a previsión inicial debido á espera polos resultados das analíticas sobre o estado da auga, o Concello do Carballiño procederá mañá martes, día 29, á apertura das piscinas municipais. As previsións pasan por manter a temporada como nos anos anteriores, ata os primeiros días de setembro, e o horario de funcionamento das instalacións municipais carballiñesa será de 11.30 a 20.30 horas.

Como xa se vén facendo dende hai anos o Concello do Carballiño pon a disposición dos cidadáns a posibilidade de mercar as entradas para facer uso da piscina municipal na propia billeteira do recinto deportivo ou a través de internet. Tamén, como xa é costume, se poderá optar por mercar entradas soltas ou decantarse pola alternativa dos bonos. Para as persoas que o desexen, o Concello do Carballiño pón a disposición dos usuarios unha app de reservas. Quen opte por esta alternativa pode mercar as entradas ou os bonos, en función dos casos, en app.saudeter.com

28, Xuño 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, visitou o CEIP Nosa Señora de Xuvencos no concello de Boborás para anunciar a inminente licitación da cuberta do patio do centro escolar por un importe aproximado de 125.000 euros e un prazo de execución de tres meses.

Trátase dunha infraestrutura de 270 metros cadrados necesaria para que os alumnos poidan desenvolver diferentes actividades sen estar suxeitos ás inclemencias do tempo.

Así mesmo, o delegado territorial explicoulle á directora do centro o contido dunha partida da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de 64.500 euros, prevista dentro dos investimentos con cargo a gastos de funcionamento, para o arranxo dos baños; construirase un aseo en cada aula de Educación Infantil e a reforma integral dos baños da planta baixa, tanto de alumnos como de profesores.

25, Xuño 2021

Nuestro amado líder y sus concubinos me han sorprendido pintando decentemente la calle Carreira, prohibiendo aparcamientos y así mejorando la seguridad vial, ya si la asfaltase y quitase los aparcamientos para anchear las aceras ya sería la repanocha, pero no caerá esa breva. 
  Lo que veo es que protestando se consiguen cosas, como que abran la piscina en el verano y no casi en otoño. A ver si dándole algo de caña al amado líder va mejorando el pueblo, aunque lo dudo porque la capacidad es mínima. En fin para que no diga que cuando hace algo que no se le tiene en cuenta.  

25, Xuño 2021

Unha fin de semana cunha variada oferta de actividades na comarca, que se abre nesta mesma tarde-noite de venres, ás 21 horas, na Praza da Veracruz coa actuación da Compañía de Espectáculos Culturais Hípica Celta e a súa "Parodia do ano", un espectáculo multidisciplinar que combina maxia con circo e moito humor, unha proposta que nos fai a concellería de cultura do concello do Carballiño

O cine en pantalla grande, no NOVOCINE de Leiro, estrea a película de animación "SPIRIT INDOMABLE", cine familiar en sesións ás 16, 18:15 e 20:30 horas.

Pazos de Arenteiro organiza "Un Domingo na Aldea", este domingo 27 de xuño, poderémos vivir unha xornada con música en vivo, actividades de animación, mercadiño artesanal, natureza e patrimonio histórico-artístico, e por suposto, gastronomia na Aldea Rural de Pazos de Arenteiro, cun menú a base de polbo á feira, carne ao caldeiro e bo viño do Ribeiro.

O Maratón MBT reunirá este domingo a 350 ciclistas que farán un percorrido por camiños dos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, coa organización do Club Ciclista Os Mosqueteiros, que sitúa a zona cero na Praza da Veracruz, desde onde sairán os participantes ás 9:30 horas e regresarán dúas horas despóis.

Tamén na matinal do domingo celébrase a 5ª Andaina Solidaria do Pan de Cea, con dúas rutas de 10 e 20 km.respectivamente, por sendeiros e camiños do concello de San Cristovo de Cea.

E tamén esta fin de semana, sábado e domingo, temos o 5º RallyMix do concello de Piñor, unha competición automobilista na que participarán os mellores pilotos da especialidade, 50 participantes que completarán varios tramos na xornada do sábado 26 e na mañá do domingo. O parque pechado estará situado no campo da festa do pobo do Arenteiro.

 

24, Xuño 2021

Trátase dun novidoso proxecto que pretende combinar a actividade turística coa deportiva e pensada para toda a familia, con distintas actividades de contacto coa natureza e oferta deportiva para practicar en familia.

O complexo turístico-deportivo "A Arracada" promovido polo concello do Irixo ubicaráse en terreos cedidos polo Adif, que ocupan unha superficie de 2000 metros cadrados, a carón da estación de tren do Irixo, e que contará con diversos equipamentos e instalacións, que se completarán dos diversas rutas de sendeirismo ou bicicleta polo territorio municipal, tamén para achegarse á riqueza patrimonial e cultural do municipio.

O secretario xeral para o deporte da Xunta, José Ramón Lete, destacou a singularidade do proxecto e as grandes posiblidades que se abren unha vez que chegue o AVE a Ourense, cun público que cada vez máis busca este tipo de oferta en contacto coa natureza. Tamén comprometeron o seu apoio a este proxecto os responsables da Deputación, o vicepresidente César Fernández e o asesor deportivo da entidade provincial, Bernardino González. De entrada, a actuación precisa dunha inversión de algo maís de 200.000 euros.

23, Xuño 2021

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo hoxe en O Carballiño un chamamento aos concellos do rural galego a sumarse á recuperación verde, dixital, con perspectiva de igualdade de xénero e inclusiva que vén da man da execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo xa aprobado pola Comisión Europea.

Expresouse así durante unha visita institucional ao Concello do Carballiño, seguida por outra a Maside, onde subliñou a relevancia que terá para Galicia e para a provincia de Ourense o Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico cun investimento histórico de 10.000 millóns de euros para garantir a igualdade e a cohesión territorial nos pequenos municipios. “Unha vez que Europa aprobou o Plan español, é o momento de definir a súa execución, e animo a entidades sociais, empresarias e concellos como O Carballiño a participar nesta definición”.

José Miñones lembrou que ata finais deste mes poden achegar as súas propostas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para elaborar a orde de axudas “coas que se impulsarán innumerables iniciativas innovadoras, de emprendemento e de xeración de emprego” nos entornos rurais: “Os concellos rurais galegos non poden quedar atrás”, apuntou.

Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones estivo no Carballiño co alcalde, Francisco Fumega, con quen repasou investimentos que está a executar o Goberno, a través de distintos ministerios, neste concello e que superan os 520.000 euros.

Xuntos visitaron o lugar de Arcos, onde se está desenvolvendo un proxecto de mellora da iluminación pública que conta cunha achega de 320.442,84 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Ademais repasaron a situación dos investimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do mesmo Ministerio, que aporta preto de 200.000 euros para o acondicionamento de marxes do río Arenteiro, en colaboración co Concello, e que abordou actuacións de restauración de cauces no último ano.

O delegado do Goberno destacou que o reto demográfico está sobre a mesa do Goberno, como o amosan este tipo de proxectos, que permiten avanzar aos concellos de menor poboación “cara a transición ecolóxica, a conectividade dixital e, en definitiva, hacia unha mellora da calidade de vida”.

De feito, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) permitirá este ano que 42 entidades de poboación do Carballiño conten con esta tecnoloxía de acceso á rede.

MASIDE
Tras visitar O Carballiño, o delegado do Goberno estivo en Maside e mantivo unha reunión co seu alcalde, José Manuel Iglesias. Alí constatou o estado dos seis proxectos que recibiron 541.046,42 euros do IDAE dentro da liña de axudas de mellora da eficiencia enerxética. Xa están terminadas catro intervencións de renovación do alumeado público e de mellora enerxética do pavillón polideportivo. Queda pendente un proxecto de renovación de alumeado a instalación dun xerador fotovoltaico para abastecer a estación de bombeo municipal.

Ademáis, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración tivo 29 entidades beneficiarias deste término municipal onde se instalará este servizo antes de fin de ano.

Por último, no Concello de Maside, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está traballando co Goberno local para evitar que volvan a producirse inundacións en parte do casco urbano cando se rexistran chuvias intensas. “Un proxecto de 360.000 euros que estamos executando nestes intres e que mellorará a calidade de vida e a seguridade dos cidadáns e comercios desta zona”, explicou o delegado do Goberno.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS