12, Marzo 2021

O comité clinico que fai o seguimento da evolución da pandemia en Galicia volveu reunirse este venres e acordou prorrogar o nivel 1 de restricións para o concello de Boborás, que con 13 contaxios activos, continúa cunha incidencia acumulada de 629 casos por 100.000 habitantes. Desta maneira, continúa no máximo nivel de restricións unha semana máis, con peche perimetral, hostelería pechada e reunións de non conviventes prohibidas.

Ademáis, e tal como viñemos avanzando desde esta emisora de radio, o comité clínico mantén un seguimento especial aos concellos de Maside e Leiro, que continúan en situación de risco, debido ao incremento de novos positivos nos últimos dias. 

En canto a contaxios activos, Boborás continúa con 13, Maside (+1) rexistra 7, e O Carballiño mantén 6. San Cristovo de Cea, que figura dende fai dias sen ningún caso, volve hoxe rexistrar un contaxio activo. Siguen libres de virus Piñor, Beariz, San Amaro, O Irixo e Punxín.

12, Marzo 2021

Un día correndo polo parque de Carballiño atopeime con que tiñamos a nosa propia subida o Ézaro, aquí no Carballiño. 
Creo que a imaxe xa dí moito por sí soa. Alegreime moito que fosen a arranxar o entorno da Pena dos Namorados pero cando pasei por alí e vin semellante pendente...

Non é a miña área pero polo que teño entendido as pendentes máximas son en parques e xardíns (existe unha nota técnica de paixasismo) de entre un 6 e un 12 % dependendo da lonxitude da rampa. Ademáis temos lexislación a nível Nacional e Autonómico sobre accesibilidade.

¿Que pendente ten esa rampa? Eu bótolle ben máis de 40% fácilmente. ¿Non puideron de facer descansos na rampa que son necesarios?porque ademáis da pendente está a lonxitude tan grande da mesma. ¿Non pensaron en facer unha rampa de tipo italiano por exemplo e darlle máis lonxitude para suavizar a pendente? Etc..

Por outro lado a baldosa empregada ou formigón impreso non parece que teña moitas propiedades antideslizantes. Imaxinádevos un día de xiada, ou que esté mollado cas follas das árbores...¿Se cae unha persoa e sofre un accidente grave por un golpe na cabeza e denuncia o concello?

Teño moitos adxectivos calificativos na cabeza pero voumos reservar, ahí queda para a reflexión.

Saúdos 

11, Marzo 2021

A corporación municipal de Avión aprobou en sesión plenaria dúas propostas feitas por alcaldía dentro das medidas de apoio á veciñanza e aos sectores locais máis castigados pola crise sanitaria, como é o caso da hostalaría. Neste contexto, o concello de Avión acordou adherirse ao sistema da Xunta para o pago das axudas aos hostaleiros, un sistema que axilizará os trámites burocráticos, de tal maneira que a maiores das axudas autonómicas, o concello comprométese a unha axuda adicional por importe de 1.000 euros.

O alcalde Antonio Montero tamén explicou nos micrófonos de COPE O Carballiño que no próximo exercio fiscal os contribuintes co concello de Avión beneficiaránse dunha rebaixa no imposto do IBI, a tal efecto, a corporación aprobou unha modificacion no coeficiente impositivo municipal, que pasa do 0,6 no que estaba ao 0,5 no que agora queda fixado "desta maneira tamén se compensará os efectos da revisión catastral feita no municipio", subliñou o rexedor.

Doutra parte, o pleno ratificou o convenio que ven de remitirlle ao concello de Avión a Consellería de Infraestructuras, a través de Augas de Galicia, para impulsar a mellora do sistema de saneamento nos lugares de San Vicenzo e O Sifón, cunha aportación autonómica de 148.000 euros, mentres que o concello contribuirá con 37.000 euros a este proxecto que consistirá na eliminación de fosas sépticas e a conexion das redes de saneamento dos dous núcleos coa depurada de Avión, mediante unha tubaxe de PVC estructurada en dous tramos.

11, Marzo 2021

Na Praza da Veracruz as ratas campan as súas anchas (faltan gatos, e gatas, no Carballiño).

11, Marzo 2021

O Concello de Maside e o Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, logo da asinar un convenio de colaboración para a elaboración dun Mapa municipal de radon e despois de agardar un tempo prudencial pola COVID, convocaron unha reunión na Casa do Concello para iniciar os preparativos do procedemento para a medición do gas en 69 vivendas. Nesta reuníón particparon Alberto Ruano, Profesor Titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública e Coordinador do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela no Laboratorio de Radon de Galicia; José Manuel Iglesias, Alcalde do Concello de Maside e Óscar Gónfer, arquitecto municipal.

O convenio de colaboración asinado entre o Concello de Maside e o Laboratorio de Radón de Galicia é o primeiro da provincia de Ourense e o segundo en toda a comunidade autónoma de Galicia, despois do asinado polo Concello de Teo. O Concello de Maside leva máis de dous anos –a través da súa Oficina municipal de urbanismo– prestando de forma gratuíta servizos de xestión co Laboratorio de Radon de Galicia para realizar as medicións e de asesoramento sobre as posibles medidas de mitigación, cun total de 52 medicións repartidas ao longo de todo o municipio e que abarcan vivendas unifamiliares, negocios e locais comerciais, edificios de uso público municipais e residencias de maiores, o colexio público e o centro de saúde.

Dentro da promoción dunha vida saudable e da caracterización e medición dos riscos para a saúde, o Concello de Maside pretende fomentar as medicións de radon interior nas vivendas do municipio coa colaboración do Laboratorio de Radon de Galicia, para dar mellor información aos veciños, incluíndo actividades formativas no Concello impartidas polos membros do Laboratorio de Radon de Galicia e dispor dun mapa detallado de exposición a radon que será de utilidade para a construción de novas vivendas ou rehabilitación das existentes. As vivendas a medir serán aquelas que reúnan certas características. As medicións faranse con detectores de longa exposición (de tipo Alpha-track), mediante procedemento acreditado pola ENAC.

As características que deben reunir as vivendas a medir son as seguintes: Vivendas sitas no Concello de Maside e que a persoa ocupante estea censada neste Concello, vivendas unifamiliares, illadas ou adosadas (as vivendas con soto terán preferencia) e o desexo do propietario de coñecer a concentración de radon. Nunha primeira fase medirase unha vivenda por cada núcleo de poboación do municipio, é dicir, un total de 69 vivendas. Os resultados das medicións serán confidenciais e proporcionaranse de xeito exclusivo aos propietarios das vivendas e serán integrados de forma anónima no Mapa de Radon de Galicia.

9, Marzo 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto para completar a mellora da estrada OU-154 no Reino, no concello de Piñor. O contrato, cun prazo de 6 meses, foi adxudicado ao consultor Urbing, Proyectos de Urbanismo e Ingeniería Civil, S.L., por un importe de máis de 18.000 euros.

O obxectivo da actuación é darlle continuidade á primeira fase do acondicionamento nesta estrada ao seu paso polo lugar do Reino. Os traballos desta segunda fase incluirán a mellora das redes de electricidade, do alumeado público e de telefonía existentes. Na actualidade, estas redes son aéreas polo que, para eliminar os postes de electricidade e cableado existentes, executarase un prisma de servizos que albergue unha rede de tubos enterrados, dotando as vivendas de acometida.

Esta instalación realizarase no espazo que ocupa a beirarrúa, coa conseguinte reposición do pavimento e a mellora da accesibilidade xeral de toda a rúa. Tamén se disporá unha nova rede de alumeado público con luminarias de tipo led. Estes traballos obxecto da adxudicación completan as obras xa iniciadas neste treito, que se reanudarán na primeira quincena de abril tras a necesaria tramitación das reposicións dos diferentes servizos. A actuación, licitada por un importe de 160.000 euros, consiste na adecuación da estrada OU-154, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+741 e 2+025, para incrementar a seguridade viaria na contorna. A intervención recolle a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade.

9, Marzo 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a Serantes, no concello de Leiro, e a Ponte Pedriña, para visitar o monumento da súa igrexa de Santo Tomé trala publicación da licitación das obras de rehabilitación que vai acometer a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que unha vez adxudicas, terán un prazo de execución de catro meses.

Gabriel Alén puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”.

A igrexa de Santo Tomé de Serantes, no concello de Leiro, conta cun orzamento de licitación de preto de 47.000 euros para a restauración do retablo maior e as súas imaxes. Este investimento suporá unha mellora estrutural deste ben catalogado que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de varios inmobles eclesiásticos. O retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Serantes, está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia segundo o que establece a disposición adicional segunda da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia.

As necesidades que se pretenden cubrir con esta restauración radican na necesidade de realizar a desmontaxe do ático do retablo por mor do inminente perigo de desplome. Así, faranse labores de desinsectación co fin de eliminar ataques por parte de insectos xilófaios así como previlos no futuro e consolidar o soporte nas zonas debilitadas. Ademais, recuperaranse os volumes reintegrando as fendas que supoñan un risco para estabilidade do conxunto. Tamén se fixará a policromía, realizarase unha limpeza físico-química da capa de protección fortemente escurecida por procesos de oxidación ao longo do tempo e que altera considerablemente a valoración do cromatismo orixinal do retablo.

Os traballos tamén inclúe o tratamento de metais, a eliminación de repintes, a restauración da carpintería, a retirada de elementos alleos ao retablo como as pezas do antigo cabreado eléctrico, a eliminación da instalación eléctrica, o estucado das zonas onde non exista preparación, a reintegración cromática e a aplicación dunha nova capa de protección. En total o proxecto permitirá a restauración das imaxes de: San Pedro, Santo Tomé (zona ático), San Cristovo, San Gregorio (zona ático), San Roque, Santa Bárbara e San Gregorio (predela).

9, Marzo 2021

O Concello do Carballiño repartirá os exemplares de El Cisne de Vilamorta entre o alumnado dos centros educativos da vila e anuncia a actuación da actriz María Galiana cun espectáculo cultural baseado en Emilia Pardo Bazán. Este ano O Carballiño pretende ser unha das vilas que lideren os recoñecementos á figura de Emilia Pardo Bazán. Tal como xa se anunciou, vanse celebrar unha serie de actividades e accións encamiñadas a destacar a vida e obra da escritora, pero tamén o seu gran vínculo co Carballiño.

Esta semana, o Concello do Carballiño xa recibiu os 1.000 exemplares da reedición en facsímil da primeira edición do libro El Cisne de Vilamorta de Emilia Pardo Bazán. O exemplar orixinal foi facilitado pola Real Academia Galega e é o mesmo que se atopaba na casa da polifacética escritora. O Concello distribuirá os exemplares a partires da semana que ven, entre o alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros educativos do Carballiño. Tamén se facilitarán durante o mes de abril varios exemplares para os usuarios da Biblioteca Municipal e tamén ás bibliotecas escolares da comarca.

Ademais, dende a área de Cultura do Concello do Carballiño, tamén se anuncia para o verán unha das actuacións que se levarán a cabo con motivo das actividades de recoñecemento da figura de Emilia Pardo Bazan. Será un recital musical no que a recoñecida actriz María Galiana recitará as cartas de amor que intercambiou a escritora con Benito Pérez Galdós, sendo acompañada polo recoñecido barítono Luís Santana e Victor Carbajo ao piano. O espectáculo, que se chama Mi Miquiño del Alma, está pensado para espazos sinalados e moi poucas datas, e agarda ser unha das grandes actividades culturais deste ano.

Asimesmo, dentro de programa previsto para dar realce a efeméride do centenario da morte da escritora, que terá lugar o 12 de maio, tamén se levarán a cabo outras iniciativas como un percorrido guiado polos lugares vencellados coas estadías de Emilia Pardo Bazán no Carballiño e Banga, así como polos lugares citados na novela El Cisne de Vilamorta, e que contarán coa colaboración do Centro de Estudios Chamoso Lamas. Tamén se contempla efectuar unha lectura pública de El Cisne de Vilamorta, en colaboración coa Biblioteca Municipal e os centros educativos da vila, así como unha ofrenda floral no monumento a Emilia Pardo Bazán.

9, Marzo 2021

Telefónica pon en marcha a tecnoloxía 5G, no ámbito intercomarcal O Carballiño-O Ribeiro, de momento son dous unicamente os municipios onde poderá utilizarse a nova tecnoloxía, que irá chegando progresivamente a maioria dos concellos no transcurso deste mesmo ano, según as previsións. Os concellos do Carballiño e Avión son os primeiros en contar coa 5G, a rede móbil de quinta xeración.

A tecnoloxía 5G permitirá aos usuarios descargarse na súa casa unha película en segundos. Aqueles que sexan afeccionados ao " gaming" contarán cunha experiencia en mobilidade similar á que lles achega a fibra no fogar, sen interrupcións ou latencia. Así, o 5G permitirá xogar no teléfono móbil coma se estivésese na pantalla do computador da casa ou nunha vídeo consola.

Para as empresas, destacan os servizos de Multiaccess Edge Computing, que ofrecen ultra baixa latencia e unha maior capacidade de cómputo ao bordo da rede, ademais de servizos como as redes privadas 5G, o IoT masivo e as comunicacións críticas, xunto á virtualización da rede, que facilita utilizar os recursos de redes de forma máis eficaz en función das necesidades dos clientes. O 5G será fundamental tamén para o desenvolvemento da chamada Industria 4.0 e para todos os servizos relacionados coa Saúde ou a Educación.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS