
O concello do Carballiño prohíbe que se realicen celebracións no parque municipal, asi como en calquera outro espazo público da vila, durante esta fin de semana.
Só estará permitido xantar ou cenar nos locais hostaleiros, pero non se poderá facer no parque municipal nin en calquera outro espazo público do Carballiño non autorizado.
Así mesmo, tampouco está permitido celebrar “botellóns” nin calquera outro tipo de festa da mocidade nestes lugares. Ao respecto, o concello anuncia que as persoas que infrinxan calquera destas prohibicións serán sancionadas con multas.
A situación que se vive polo Covid 19 esixe que sexamos responsables en todo momento, polo que é preciso extremar as medidas de prevención, sobre todo durante estes días nos que se incrementa o número de visitantes na vila.
As Xornadas Gastronómicas do Pulpo teñen o obxectivo de ofrecer a posibilidade de degustar a gastronomía propia do Carballiño, pero nos lugares autorizados e con todas as garantías de seguridade e as medidas preventivas que se esixen na normativa polo coronavirus.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, participou no Mosteiro de Oseira na presentación de Avaliación e análise do potencial do Camiño de Santiago-Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local, un estudo realizado polo Grupo de Análise e Modelización Económica do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela de resultas da sinatura dun convenio entre o Consello Económico e Social de Galicia e a Deputación de Ourense, e do que destacou que coincide coa diagnose inicial e con bastantes das propostas impulsadas nestes últimos meses desde a Xunta de Galicia no seo desta ruta.
O titular de Turismo cualificou este estudo de “excelente”; apelou á colaboración e á boa sintonía entre as diferentes administracións e os axentes que actúan na dinamización deste territorio histórico, e sinalou que resulta “moi positivo” contar con estudos como o presentado, “posto que contar con novos ferramentas solventes e útiles para a toma de decisións é esencial para aproveitar dun modo intelixente e sustentable un legado histórico e patrimonial de primeiro nivel como a Vía da Prata”.
Na presentación participou, ademais do conselleiro, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares Fernández; o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, e o director do IDEGA, Melchor Fernández Fernández, que realizou a explicación do estudo.
Axente dinamizador
Román Rodríguez explicou que unha vez se detectou a necesidade de potenciar esta ruta como axente dinamizador, “non só dentro de Galicia senón no conxunto de España”, o Goberno galego está traballando en coordinación co resto de Comunidades Autónomas polas que transcorre a ruta “para acordar medidas e concertar os pasos a dar”.
Neste sentido, lembrou que xunto a Andalucía, Estremadura e Castela e León se asinou un protocolo para traballar en accións conxuntas centradas na potenciación do itinerario; tanto no que se refire á promoción turística e a programación cultural, como á defensa e protección patrimonial do itinerario histórico. Ademais, ao abeiro deste acordo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos nas respectivas comunidades.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense asegurou que este traballo “pon en valor a importancia da Vía da Prata” a cal, grazas a este estudo “no que todos aportamos o máximo de nós desde as administracións que lideramos, poderemos acadar un resultado importante da mesma como fonte de ingresos e como dinamizadora económica e social”.
Baltar destacou a importancia que tivo a cooperación e o traballo coordinado entre administracións, como se materializou unha vez máis para realizar este estudo, sobre o turismo en Ourense que “nos últimos tempos rexistrou datos históricos tanto de visitantes como de pernoitas”, afirmando que ao incremento deses datos contribuíu “o traballo coordinado”.
Compromiso coa Vía da Prata
O conselleiro fixo un repaso polos investimentos realizados pola Xunta desde 2019 na ruta e os compromisos adquiridos que permitan “avanzar a paso lixeiro para chegar nas mellores condicións posibles ao vindeiro Xacobeo 2021”. Así, explicou que se ten intensificado o traballo no eido da sinalización da Vía da Prata, cun investimento de máis de 2M€ e lembrou que esta conta por primeira vez cun Plan de Mantemento propio dotado con 1,6M€ para todos os seus concellos.
Finalmente, se ben este ruta conta con 13 albergues, algúns recentemente rematados, como o de Ourense, a Xunta impulsa dúas novas dotacións: unha na Gudiña, coa rehabilitación da Casa da Viúva, e outra no propio Mosteiro de Oseira, o que supón un investimento conxunto de 1,3M€. “En ambos casos –explicou o titular de Cultura−, apostamos pola rehabilitación, mantemento e uso do noso patrimonio; un aspecto clave que me parece importante reivindicar”.
Conclusións do estudo
O documento de avaliación e análise presentado no cenobio inclúe diferentes propostas de actuación como o impulso da colaboración interadministrativa; a conveniencia dunha ferramenta de planificación e dirección estratéxica, dun plan de formación sobre o Camiño, dun plan de apoio aos investimentos privados nesta ruta e dun plan de comunicación; así como a suxestión de crear na provincia de Ourense un centro de interpretación da Vía da Prata.
Así mesmo, proponse promover a identificación da Vía da Prata con diversos perfís de peregrinos como o ciclista e o de grandes grupos; a reconfiguración das etapas para acadar que estas sexan máis accesibles para todos os públicos; a existencia de xestores-guías que faciliten a comunicación entre peregrinos, residentes e as administracións responsables da xestión, e a proposta de que a cidade de Ourense sexa o punto de inicio para peregrinos con limitación temporal (rutas de 5 ou 6 días).

O Padroado da Fundación Irmáns Prieto confirma que a Congregación das Siervas de Jesús da Caridade faráse cargo da dirección da Residencia de Maiores Irmáns Prieto, coñecida máis popularmente como o "Asilo do Carballiño", en substitución das "Hermanitas de los Ancianos Desamparados", que no pasado mes de xuño comunicaron que deixaban esta responsabilidade como xestoras do xeriátrico, tras unha decisión da casa rectora desta congregación que fai 120 anos chegara a O Carballiño precisamente para facerse cargo desta labor asistencial que realizaron de forma ininterrompida ata a actualidade.
A decisión, que foi xustificada en base a motivos de reorganización interna desta congregación relixiosa, provocou preocupación e incerteza sobre o futuro do Asilo, tanto na sociedade carballiñesa en xeral, como entre os 40 traballadores e traballadoras coas que conta o centro, asi como entre as familias das persoas residentes e os voluntarios que prestan a súa colaboración nesta residencia de maiores.
Pois ben, agora e a falta de coñecerse a data para o relevo, podería durante o mes de Setembro,confírmase que será outra congregación a que se faga cargo da xestión do Asilo, será o "Instituto Siervas De Jesús de la Caridad", que trasladará a O Carballiño un grupo de relixiosas para xestionar o xeriátrico por encargo da Fundación Irmáns Prieto. Trátase dunha congregación dedicada á atención socio-sanitaria, tanto en hospitais, como a domicilio e centros residenciais, como será o caso das funcións que asumirán na dirección do xeriátrico carballiñés, que é con 110 prazas, o de máis capacidade da Comarca.
Culminan asi con éxito as xestións realizadas dende o Padroado Irmáns Prieto polo bispo da diocése de Ourense, Leonardo Lemos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de limpeza e conservación da ponte sobre o río Avia, na estrada de titularidade autonómica OU-209, no concello de Leiro. As obras foron adxudicadas á empresa Outra Vertical, S.L. por preto de 30.000 euros e contan cun prazo de execución de tres meses. O obxectivo desta intervención na coñecida como ponte Esperela é proceder á retirada da vexetación existente, beneficiando a súa conservación e mellorando a súa imaxe.
Esta infraestrutura ten 180 metros de lonxitude, un ancho de 6 metros nos estribos, e 4,8 metros nos arcos. A ponte está construída enteiramente con perpiaños de granito, consta de cinco arcos rebaixados e catro tallamares. A calzada ten unha rasante plana e os peitorís son de cantería maciza. As luces dos arcos son de 15 metros, e as pilas teñen 2 metros de ancho.
As actuacións de limpeza e conservación desta ponte céntranse na retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como a limpeza das xuntas coa eliminación da terra, raíces e restos de morteiro en mal estado. Estes traballos execútanse por persoal especializado en intervencións verticais.
Reporanse tamén as pezas danadas ou desaparecidas do paramento ou barreiras, mediante sillería nova de granito coas características de resistencia, composición e cor similares á existente. Ao remate destes traballos, realizarase nas zonas que sexa necesario un recheo profundo de xuntas horizontais ou verticais dos paramentos de sillería de pedra, con morteiro de albanelaría de cal hidráulico coloreada e area.
A intervención completarase coa roza e limpeza do dominio público nas marxes próximas á ponte. Con estas obras na ponte Esperela aténdese a solicitude realizada polo Concello, iniciándose os traballos unha vez obtida a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, necesaria para a súa execución.

Co único requisito da presentación dalgunha documentación, a requerimento do concello, a empresa hostaleira O´Barazal Restauración S.L. será a adxudicataria da explotación do bar-restaurante do Muíño das Lousas. O procedemento cubriu os trámites de apertura das plicas administrativa e económica presentadas por esta empresa, que foi a única que optou á convocatoria, cumpríndose todos os requisitos establecidos.
Así, a empresa comprométese á apertura do establecemento durante once meses ao ano, superando o período mínimo de apertura previsto nos pliegos de licitación, que era de tres meses do verán, así como a oferta económica, que é o dobre da cantidade mínima establecida, que era de 404,88€ anuais, e a proposta é de 800€ ao ano.
A empresa tamén asume o acondicionamento do tellado así como da reforma e o equipamento necesarios para a súa apertura e explotación.
Unha vez que a empresa presente a documentación que lle vai ser requerida polo concello para ultimar o procedemento de adxudicación, efectuarase a mesma por un período de dez anos.
O Muíño das Lousas forma parte do conxunto do Parque Etnográfico do Arenteiro, formado por esta instalación hostaleira, os bungalows e o camping municipal, así como o Museo Etnográfico do Muíño do Anxo, ademáis de antiga fábrica de papel da Lavandeira, ainda en proceso de restauración. Trátase dun conxunto de gran interese turístico e etnográfico do Carballiño, e que coa posta en marcha deste bar-restaurante incrementará o seu interese. O Muíño das Lousas dispón de 92 prazas, 42 no comedor, 32 na terraza e 20 no bar.

Fontes sanitarias e o propio alcalde de Avión, Antonio Montero, confirman a existencia dun caso positivo de Covid-19 na localidade, onde esta pasada fin de seemana celebrarónse as festas patronais, non houbo actividades festivas pero sí comidas familiares, algunas bastante numerosas.
Sanidade está rastreando o entorno da persoa infectada e realizando PCR entre os seus contactos máis próximos, aínda a espera de resultados.

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reafirmou hoxe a aposta da Xunta polo sector vitivinícola galego, unha aposta que -dixo- se materializa en medidas concretas como o préstamo vendima, dotado con ata 60 millóns de euros e concibido para permitir a todas as adegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado.
O conselleiro explicou que esta iniciativa forma parte dunha nova liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria. Segundo José González, o préstamo vendima é un instrumento financeiro deseñado de xeito coordinado entre as consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural. Terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución coa posibilidade de ter un período de carencia de 1 ano e unha amortización de ata 4 anos.
Con este tipo de actuacións da Xunta, remarcou o conselleiro, garántese o futuro das adegas e dos viticultores galegos que apenas teñen recibido fondos das medidas extraordinarias habilitadas por parte do Goberno central. Neste mesmo sentido, amosou de novo o malestar e a decepción da Xunta e do sector galego do viño pola escasa eficacia e repercusión en Galicia destas achegas do Ministerio, que -sinalou- “semellan máis orientadas a fomentar a cantidade que a calidade”.
En troques, González salientou que “en Galicia apostamos pola calidade” e engadiu que por iso se vai reforzar, ao tempo, a marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento dos produtos primarios, entre eles o viño.
En termos semellantes, o titular de Medio Rural en funcións puxo en valor a estratexia sectorial para o viño que se integra nun plan de reactivación e dinamización específico para o rural. Un plan -destacou González- dotado cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e que forma parte da planificación global da Xunta para fomentar a recuperación económica tras a emerxencia sanitaria.

Dúas persoas veciñas do Carballiño relacionadas cun caso positivo de Covid-19 que foi detectado tras realizarlle unha PCR preventiva, tamén deron resultado positivo, según informaron fontes sanitarias, as tres persoas afectadas encóntranse no seu domicilio no Carballiño e con seguimento sanitario.
Trátase do primeiro caso que se da na Área Sanitaria de Ourense e que se detecta a través dunha PCR realizada a unha persoa procedente de Santo Domingo, capital da República Dominicana, unha persoa inscrita no novo rexistro de viaxeiros que puxo en marcha a Xunta de Galicia. Tras confirmase este caso positivo, Sanidade realizou un rastreo dos seus contactos máis estreitos, e como consecuencia do mesmo, confirmaronse estes outros dous casos positivos, que son familiares directos e residentes no Carballiño.
O resto dos contactos aos que xa lle foi practicada a PCR deron todos eles resultado negativo, pero deberán gardar unha cuarentena de 14 dias, e con seguimento diario por parte de Sanidade.
Ahora que anuncian a bombo y platillo la inscripción de la Escuela municipal de futbol, será con ánimo de recaudar, porque ni sabemos si empieza el colegio a saber si empiezan a jugar los niños, y si a mayores el abrir la Uceira depende del Concello, pues que vamos a decir más, el ejemplo lo tenemos con los columpios , pero vamos a la cuestión…,que pasa con el sorteo del álbum de cromos de la temporada?… en casa estábamos pendientes porque el niño completo el álbum y no sabemos cuándo hay sorteo ni na, dicen que ya lo hicieron…pero no comunican nada, eso sí, ya nos avisan que pasemos por caja a pagar la nueva temporada…empieza bien la nueva directiva….

A concellería de cultura do concello do Carballiño continúa avanzando no seu programa de verán, con distintas propostas para todos os públicos, desta maneira e para esta primeira fin de semana de Agosto temos maxia, teatro de títeres e un espectáculo de música infantil, todos eles no anfiteatro da Praza da Veracruz.
O sábado dia 1 de Agosto, ás 19:00 horas, podemos gozar dun dos magos máis veteranos e relevantes de Galicia como é o Mago Teto, que nos trae a O Carballiño o seu último espectáculo "Alquimia".
O domingo 2 de Agosto, ás 11:30 horas "O encoro enmeigado" (nas fragas do Eume) un espectáculo de monicreques a cargo da compañía Os monicreques de Kukas: Marcelino de Santiago, Miguel Cabaleiro e Isabel Rey. O espectáculo O encoro enmeigado (nas fragas do Eume) ten a intención de espertar entre os espectadores, sobre todo os máis novos, o respecto polo medio ambiente, a valoración da natureza e o compromiso co coidado da nosa contorna e a fauna que vive nel e dunha maneira moi especial coa conservación dos nosos ríos e bosques. E ao mesmo tempo recuperar e poñer en valor aos personaxes míticos da nosa cultura popular que van servirnos a nivel narrativo de ligazón entre o mundo dos humanos e o dos animais e as plantas.
E xa finalmente, tamén este mesmo domingo, ás 19:00 horas, Xoán Curiel e a Banda do Verán presentan un novo musical, A casa do terror. É un espectáculo moi rockeiro e terrorificamente divertido que se desenvolve entre cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e, sobre todo, moita participación do público asistente. A pespectiva do terror é abordada neste espectáculo dun xeito divertido e lévase a cabo a través de personaxes como as pulgas sombies, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma, e un longo etc. Elenco: Xoán Curiel: Guitarra eléctrica, guitarra española e voz, Jara Ortiz: Voz, Carlos Freire: Batería, Alex Salgueiro: Teclado e programacións, Antón Fernández: Baixo, Marta Alonso: Danza e voz.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 336
- 337
- 338
- 339
- 340
- 341
- 342
- 343
- 344
- …
- seguinte ›
- última »