25, Xullo 2020

Despois de algo máis de dous anos de traballo, entre rodaxes, montaxe e edición, o equipo de audiovisuais do IES Chamoso Lamas vai estrear o seu documental sobre o templo da Veracruz, titulado "Pedra a pedra". Trátase dunha curta documental (24 minutos de duración) realizada por un equipo de alumnos e profesores do instituto, que leva xa varios anos traballando no audiovisual e sacando proxectos adiante como a curta documental Sons no Camiño ou o DVD de entrevistas no libro sobre o comercio local feito pola asociación fotográfica Potiños.

A proxección de estrea realizarase dentro do propio templo da Veracruz o día martes, 28 de xullo. Faranse dous pases, un ás 22:00 hora e outro ás 23:00 horas, para facicilitar que todas as persoas interesadas a poidan ver, xa que o aforo estará reducido a 50 persoas por pase, por motivos de seguridade sanitaria e tamén de condicións de visionado. A entrada é totalmente gratuíta e poderanse recoller as invitacións na parroquia do Carballiño ata encher o aforo. Será necesario o emprego de mascarilla durante todo o acto.

24, Xullo 2020

O BNG do Carballiño denuncia a falta de sensibilidade do concello cara o ocio infantil, ao manter pechados os parques infantís inxustificadamente, e sen dar ningunha explicación por isto. Garcia, concelleira do BNG afirmaba así “cando as nenas e nenos da nosa vila poden estar en terrazas, cafeterías e distintos espazos públicos pero non en lugares adaptados para eles podemos considerar que as nosas crianzas son das máis esquecidas nesta pandemia”

Os parques infantis do Carballiño permanecen pechados desde que se dictou o estado de Alarma no mes de marzo. A persar de que o estado de alarma rematou e a Xunta de Galiza estableceu hai máis dun mes un protocolo para a reapertura de parques infantís, a primeira vila da provincia de Ourense é a única que manten todos os seus parques infantís clausurados, sen posibilidade algunha de que poidan acceder nenos e nenas, manifestan dende o BNG.

O protocolo da Xunta de Galiza emitido xa en xuño establece como principais medidas para a apertura manter un aforo controlado, e medidas hixiénico sanitarias, como a desinfección periódica, entre outras medidas hixiénicas. Porén o concelleiro de seguranza afirmaba en xuño “ iso non se pode facer dun día para outro, pois a seguridade está por enriba de todo” o alcalde, Francisco Fumega, afirmaba que o primeiro fin de semana de xullo os parques infantís estarían abertos.

Despois dun mes seguimos sen saber canto tempo vai precisar o goberno municipal para acometer unhas medidas que vilas máis pequenas e cidades puideron abordar hai máis dun mes. “Desde o BNG queremos manifestar a nosa disconformidade coa inacción e o desleixo do goberno municipal, que só se pode explicar polo desinterese das necesidades da veciñas máis cativas do Carballiño” manifestou Sofia García voceira do grupo municipal do BNG que levará unha moción ao próximo pleno para demandar a apertura inmediata dos parques infantís adaptada aos protocolos xa establecidos polas administracións de rango superior.

23, Xullo 2020

Co obxectivo de reactivar a economía local neste período de crise polo covid 19, a hostalería e a destilería Paniagua colaboran na iniciativa de crear unha ruta do vermut Povarelo, que terá lugar do 24 ao 26 de xullo e do 31 de xullo ao 2 de agosto.

Trinta e seis locais hostaleiros participan neste evento, no que xunto co vermut servirase unha tapa elaborada con queixo Palo Santo. E ademais tamén se poderá participar nun sorteo dunha estancia dunha noite para dúas persoas no hotel Louxo, na illa da Toxa, con almorzo e ciucuito de spa incluidos; así como tiques para o circuito de karts de Sanxenxo, botellas de vermut Povarelo, cubiteiras e outros agasallos. Os hostaleiros tamén entrarán nun sorteo dunha noite con almorzo e circuito de spa no hotel Louxo, para dúas persoas.

O evento foi presentado esta mañá no anfiteatro da Veracruz coa asistencia do concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; do director de producto de Paniagua, Juan Manuel Novoa, e representantes da hostalería local.

Manuel Dacal destacou a importancia da colaboración da hostalería e as empresas locais para promocionar os seus produtos, e por eso agradeceu esta iniciativa, dirixida a dinamizar ao sector hostaleiro e industrial.

Juan Manuel Novoa, en nome da empresa Paniagua, agradeceu á hostalería e ao concello a adhesión a este evento promocional dun produto elaborado no Carballiño e que quere implantarse de xeito preferencial no consumo do vermut e dos licores.
Finalmente, unha representante do sector hostaleiro agradeceu a iniciativa, que ten lugar, según dixo, nun momento crítico para a hostalería e que contribuirá a dinamizar os locais, que tanto o necesitan.

22, Xullo 2020

Unha vintena de nenos e nenas, entre os 4 e os 12 anos, participan na primeira quenda do campamento de verán do concello, que organiza dun xeito totalmente gratuito a concellería de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Educación e Servizo de Normalización Lingüística.

A concelleira que dirixe esta área, Guadalupe Sobrado, realizou esta mañá unha visita ao campamento e participou nalgunhas das actividades.
Desde o pasado 20 de xullo e ata o 7 de agosto, en horario de 09,00 a 14,00 h., os monitores de Máis Escola realizan diversas actividades creativas e xogos, que se desenvolven, con todas as medidas de seguridade e prevención ante o covid 19, nas instalacións de Bo Día Familia e no Parque Municipal.

O bo tempo que se está a ter neste mes de xullo contribúe a que moitas destas actividades e xogos se poidan realizar ao aire libre no entorno natural do parque municipal do Carballiño.
A segunda quenda deste campamento tera lugar do 10 ao 28 de agosto.

21, Xullo 2020

A Deputación de Ourense e Federación de Comercio de Ourense porán en marcha a primeira plataforma provincial de comercio on line. Trátase dun marketplace orientado ao comercio minorista, que estará dispoñible para dispositivos electrónicos e que permitirá a pequenos negocios dar o salto a Internet de maneira sinxela e cun custe reducido.

Así o avanzou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo coa presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, xuntanza na que analizaron as prestacións desta plataforma, "que conta xa con máis de 330 establecementos inscritos e que será un pulo importante para o comercio local", afirma Baltar.

A plataforma, denominada "eprox", permite aos comerciantes incorporarse a ela de maneira gratuíta, para formar parte dunha estratexia de mercado –o comercio electrónico- que factura anualmente en España máis de 40.000 millóns de euros (datos de 2018). "eprox" ofrece aos comerciantes sistemas de tecnoloxía para a venda, identificando as preferencias dos clientes; loxística adaptada; información completa de cada negocio, e soporte técnico para todo o proceso de venda on line.

21, Xullo 2020

Este xoves, 23 de xullo, ás 22,30 h., na Praza Maior, dará comezo o ciclo de Cine na Rúa coa película de Ignacio Vilar, María Solinha, que ven de ser premiada no 2020 Taormina Film Fest,en Sicilia, Italia.
Todas as proxecións desenvolveranse na Praza Maior, con entrada libre, aforo limitado e cumprindo as medidas de separación e seguridade establecidas polo covid 19. As sesións darán comezo ás 22,30 h.

A esta proxección lle seguirá a película de animación “La Gallina Turuleca”, dirixida por Victor Monigote e Eduardo Gondell, e na que os humoristas Eva Hache e José Mota poñen voz aos protagonistas. Será o xoves, 27 de xullo.
Na terceira sesión proxectarase a película francesa “Los Miserables”, dirixida por Ladj Le, e que conta con numerosos premios, entre eles, Premio do Xurado do Festival de Cannes, 4 Premios César, Premio Goya á mellor película europea. A proxección será o xoves 6 de agosto.

O ciclo rematará o xoves 13 de agosto, coa película “Joker”. É a película máis premiada do ano 2019, obtendo, entre outros, 2 Premios Oscar: Mejor actor (Joaquin Phoenix) e banda sonora; Globos de Oro: Mellor actor (Phoenix) e música orixinal; Premios BAFTA: Mellor actor (Phoenix), banda sonora e reparto; Festival de Venecia: León de Oro (Mellor película).

20, Xullo 2020

O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño retoma os seus plans formativos presenciais despois do parón do confinamento, no que se levou a cabo de forma pioneira un curso de Marketing Dixital de setenta horas, do itinerario de Servizos, de forman online e de gran éxito entre os usuarios asistentes. Ata o momento impartíronse as formacións en Alfabetización Dixital Avanzada, Manipulador de alimentos, Carretilla Elevadora, Atención ao Cliente de forma presencial ata o mes de marzo de 2020.

Este é o cuarto ano que O Concello do Carballiño ten concedida a subvención desde Programas Integrados de Emprego da Xunta de Galicia, nos 3 anteriores conseguiuse o obxectivo de inserción laboral previsto (2016 con 60 persoas atendidas, e o 40% de inserción) (2017 con 85 persoas atendidas, e o 60% de inserción) (2018 con 100 persoas atendidas, e o 42% de inserción). A día de hoxe están 27 persoas traballando, e 15 deles constan como inseridos xa. Os Programas Integrados de Emprego dá Xunta de Galicia son un gran incentivo para a zona, así como un aliciente para os desempregados que buscan de forma activa traballo no Concello do Carballiño.

Deste xeito desde este dia 20 de xullo e ata ou catro de agosto, levaranse a cabo de forma presencial na Casa da Cultura do Concello, a formación de Orientación Laboral, con oito cursos moi útiles á hora de ter unha entrevista de traballo, tales como “Obradoiros de Entrevistas", "Habilidades Sociolaborais", “Técnicas de coaching”, entre outros, ofrecidos aos cen usuarios, sempre en oferta de dobre horario de mañá e tarde para favorecer a conciliación familiar, e para garantir a asistencia das persoas que agora mesmo están a traballar e queren seguir formándose.

Na mesma liña está previsto a comezar a formación de Atención Sociosanitaria ao longo do mes de agosto, e a formación industrial está en proceso de licitación, con oferta en formación de soldadura e caldeirería, para impartila na maior brevidade de tempo. O Programa Integrado de Emprego do Concello de Carballiño conta con tres itinerarios: Servizos, Sociosanitario e Industrial, e numerosas formacións transversais que son ofrecidas ao groso dos cen usuarios participantes. Os itinerarios escollidos así coma as formacións ofrecidas responden ó solicitado pola poboación, os usuarios e tamén ás necesidades de sectores con arraigamento na comarca e O Concello.

Actualmente estase á espera dá resolución por parte dá Xunta de Galicia do quinto Programa Integrado de Emprego consecutivo para ou Concello do Carballiño.

19, Xullo 2020

Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2020: na categoría de Literatura á profesora e escritora Pilar García Negro; na categoría de Emigración a Regina Jallas; na categoría de Acción Social á Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; na categoría de Música a Ses; na categoría de Audiovisual ao Cineclub Carballiño; na categoría de Comunicación a Xosé Manuel Piñeiro; e o premio especial ao Traballo sociosanitario con enfermos de Covid-19 foi para as traballadoras e traballadores sanitarios da Residencia Integrada dos Milagros, Baños de Molgas.

Xunto a Manuel Baltar, presidene da Deputación, tamén interviñeron no acto o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, quen anunciou a figura homenaxeada o próximo ano que serán, "por acordo unánime do padroado da Fundación Insua dos Poetas, os seis poemas en lingua galega que fixo o gran poeta Federico García Lorca. Os seis poemas galegos que apareceron en 1935, na Editorial Nós, de Ánxel Casal". Neste mesmo sentido, Luís González Tosar adiantou que se asinará un convenio entre a Fundación Insua dos Poetas e a Consellería de Medio Rural para abrir un concurso de ideas para que eses textos sexan interpretados plasticamente por creadores.

O conselleiro de Cultura dixo que coa celebración da Festa da Palabra "levamos 12 anos recoñecendo o mellor de nós, a nosa lingua, a nosa cultura e tamén en certa medida a nosa forma de ser", engadindo que esta edición é "a máis necesaria e importante" desde que se fundou. Celébrase no parque natural e cultural da Insua dos Poetas, na carballiñesa parroquia de Madarnás.

Pola súa parte, o conselleiro de Medio Rural mencionou algúns dos proxectos que está a levar a cabo a súa consellería co obxectivo de recuperar o noso territorio ligado á etnografía como: as aldeas modelo, os polígonos agrogandeiros e forestais, o programa de recuperación de soutos tradicionais, "en definitiva, proxectos que pretenden desenvolver a actividade económica ligada sempre á calidade como un recoñecemento tamén da nosa galeguidade".

A celebración, á que acudiron persoeiros dos ámbitos institucionais, culturais e sociais, así como veciños da contorna da Esgueva, trasladouse tralas intervencións ao Muíño do Medio ou Muíño do Tabú para inauguralo, logo de ser rehabilitado pola Axencia de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo coa colaboración da Deputación de Ourense. O apartado musical estivo a cargo de "Son Trío" e, pola tarde, celebrouse unha romaría literaria amenizada polo grupo "Airiños de Caldelas" e, posteriormente, un recital poético e a actuación musical do grupo "Tor", que presentou o seu novo disco.

A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a "Festa da Palabra" desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio, Antón Tovar e a revista "Nós".

Nesta XII Festa da Palabra celebrada este domingo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou "a emoción" que latexa na Insua dos Poetas a pesar da "terrible pandemia que azouta ó mundo", dixo que unha vez máis, "participamos nesta festa persoas de moi diferentes ideas e pareceres que coincidimos nun locus amoenuscoma este, nun ambiente que incita á convivencia, convocados pola palabra, arroupados pola creatividade, lonxe das miserias e preto do espírito que animou a homes e mulleres de xeracións anteriores a dar unha resposta á chamada da terra propia".

Así mesmo, o presidente do goberno provincial lembrou que o 30 de outubro de 1920, apareceu en Ourense, o "Boletín Mensual da Cultura Galega, órgano da Sociedade Galega de Publicacións NÓS", dirixido por Vicente Risco, con Xavier Prado, "Lameiro", como redactor xefe, Xulio Gallego, secretario e un equipo integrado por Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.

19, Xullo 2020

Unha tardanza na súa reapertura que está motivando numerosas críticas, sobre todo entre as familias con cativos, que ven como mentres na practica totalidade dos concellos da comarca, como nas vilas e cidades galegas, a maioria dos parques infantís volven estar abertos, no Carballiño continúan sen poder utilizarse.

E acontece esto porque, corenta dias despóis dende que a Xunta autorizase a reapertura destas instalacións, o concello do Carballiño aínda está pendiente dun protocolo necesario dentro da nova normativa, como son o control de aforo e as medidas hixienico-sanitarias de prevención contra o Covid-19.

Dende o concello, o concelleiro de seguridade Manuel Sotelo manifestara cando a Xunta autorizou a súa reapertura que "esto non se pode facer dun dia para outro, precisamos tempo porque a seguridade está por riba de todo", despóis foi o alcalde Fumega quen anunciou como datas probables a principios de Xullo, e xa na segunda semana deste mesmo mes no que andamos o concelleiro de seguridade afirmou que estaban pendientes de recibir os dispensadores de hidroxel, pero o certo para disgusto de cativos e maletar das famlias, os parques infantís continúan pechados.

Pola súa parte, os grupos da oposición municipal pediron en varias ocasións maior celeridade para a reapertura dos parques infantís, pero de momento o grupo de goberno socialista non reacciona a estas demandas.

 

18, Xullo 2020

O PSdeG-PSOE de Leiro ven de amosar o seu “total apoio” ao Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e a Asociación que pretende recuperar, divulgar e acadar a oficialidade desta variante do camiño dende Braga ata Santiago de Compostela. Os socialistas buscan con esta medida “pór en valor” un camiño de peregrinaxe con patrimonio cultural, natural e económico dentro do termo municipal de Leiro, polo que transcorre o camiño, concretamente polas parroquias de Berán e Lebosende, que os socialistas piden que se inclúan dentro da ruta, alegando que “hai documentación histórica de suficiente para avalar que este camiño xacobeo, histórico, cultural e real, pasa por ámbalas dúas parroquias".

Os socialistas súmanse deste xeito a reivindicar unha nova medida en defensa do patrimonio cultural no municipio, como veñen facendo nos últimos tempos, propoñendo a mellora e limpeza de pontes históricas na vila como a Ponte das Poldras ou a Ponte de San Clodio, ou a recuperación de fontes e pilóns en estado de abandono. “Non podiamos pasar de lado na cuestión do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, cando é parte do noso territorio e debemos darlle o valor que realmente ten, para recuperar esta ruta oficial a Compostela”, sinala o voceiro socialista Manuel Rodríguez.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan tamén que o pasado 28 de marzo de 2019, o Arcebispado de Santiago de Compostela, mediante redacción do puño e letra do delegado de peregrinacións do cabido da Catedral certificaba que “de acordo a documentación histórica e actual, o Camiño Miñoto Ribeiro cumpre as condicións de outros camiños de peregrinación, polo que se procede a concederlle a Compostela”. Situación que os socialistas “festexan” pois “é o paso previo a oficialidade dun ben de interese patrimonial para Leiro e as súas xentes”. Non entenden os socialistas, que a asociación de alcaldes non contemple o trazado polas parroquias de Berán e Lebosende, cando circula polas mesmas.

O voceiro socialista destaca que como representante político do PSdeG-PSOE en Leiro “loitarei porque se apoie este ou calquera outra iniciativa de camiños históricos dentro do noso termo municipal, como complemento para poñer e garantir a supervivencia da nosa identidade e posta en valor do patrimonio cultural, natural e económico do noso concello”. Manuel Rodríguez tamén fai un chamamento o BNG da localidade para que “se sumen a este apoio total de incluír as parroquias de Berán e Lebosende dentro do noso termo municipal ao Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro”, así como a presentar mocións conxuntas se fose necesario.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS