19, Maio 2020

A área de Cultura do Concello do Carballiño elabora un programa cultural para este verán respectando as medidas preventivas de separación e seguridade, requeridas polo Covid-19, e que se centrarán na celebración de eventos ao aire libre de pequeno e mediano formato con aforo limitado e uso de cadeiras.

Este programa está suxeito ás normas e protocolo que se establezan polas autoridades competentes unha vez que se acade a terceira fase da desescalada, prevista a partir de mediados do próximo mes de xuño.

Trátase de organizar, na medida do posible, eventos culturais de pequeno e mediano formato, cuxo obxectivo é ofrecer á poboación actividades culturais e de entretemento, ao tempo de contribuir á reactivación do sector da cultura, que está sendo moi afectado pola pademia que padecemos, así como á hostalería e ao comercio.

Os eventos desenvolveranse en tres escenarios: Praza Maior, auditorio da Veracruz e explanada do Parque Municipal, según as necesidades e características de cada evento.

Entre as actividades que se están programando figuran eventos vencellados coa fotografía, o cine, a música, a danza, o teatro, os monicreques e outros espectáculos de rúa.

Como non é posible levar a cabo as actividades que se programaban habitualmente, algunhas cambiarán de data e outras adaptaranse á actual situación. Así, non será posible celebrar as Xociviga 2020 no auditorio municipal, que serán substituidas por sesións de cine de calidade para todos os públicos ao aire libre.

Asemade, o Festival de Habaneras, que ía a ter lugar o primeiro sábado de agosto, aprázase en principio para o outono, e o Festival Outros Países, Outras Músicas desenvolverase probablente no mes de setembro.

A programación completa darase a coñecer no mes de xuño, unha vez que se publiquen os requisitos para manter todas as medidas de separación e seguridade, que garantan, antes que nada, a prevención en materia sanitaria das persoas asistentes aos eventos.

19, Maio 2020

Recordan que o pleno da corporación muncipal da pasada semana aprobou un paquete de axudas por case 2.000.000 de € para os colectivos máis afectados pola crise derivada do COVID-19.

E taménn que todos os grupos politicos na corporación estiveron de acordo na necesidade de dar unha especial protección ao empresariado local, comercio, hostalaría, e pequenos autónomos.

Espazo Común advirte que non obstante a realidade que se deriva da contabilidade do Concello “é moi diferente e resalta polo escaso apoio á economía local”.

Aseguran que o alcalde tivo a posibilidade de convidar a 54 empresas para que presentaran ofertas para a execución de obras durante o exercizo 2019 e, incriblemente, nin un tercio das que foron demandadas para concorrer eran empresas da construción local.
Só en 17 ocasións, constructoras locais recibiron o chamamento do alcalde, que sí chegou a 37 de fóra do noso concello, según o balance que fai público Espazo Común.

“Convidar a 10 empresas de Ourense, 8 de Maside, 3 de Coles, 2 de Amoeiro, 2 do Porriño, e solicitude de propostas a O Rosal, Santiago, A Coruña ou A Peroxa por citar algúns exemplos, está lonxe de ser o mellor xeito de apoiar á economía e á creación de emprego a nivel local”, manifestan.

E engaden que “o mesmo acontece co comercio onde pleno tras pleno, descubrimos incomprensibles compras feitas en negocios de fóra do Carballiño, tendo constancia de que nin tan sequera se demanda presuposto ás tendas do pobo”.

Esixen que o alcalde Fumega e o seu equipo muden de actitude e prediquen co exemplo.

“Non é de recibo que lle demandemos á veciñanza que merque no comercio local, que se gasten cartos públicos en campañas promocionais e que despois os propios concelleiros do goberno vaian mercar redes parabalóns a Lalín por 810 €”, conclúen nas súas críticas.

19, Maio 2020

As obras da rúa Saleta consisten nun novo asfaltado, reposición da rede de abastecemento e saneamento, beirarrúas e iluminación led.

Estas obras, xunto coas que se realizan nas rúas Madanela, Solana e San Benito, suporán unha mellora significativa dos viais deste barrio, cuxo estado era moi deficiente.

Trátase da primera fase dun plan de mellora de infraestruturas viarias do casco urbano e do rural do Carballiño, que afecta a máis de vinte rúas e que financia o concello con cargo ao superávit do ano 2018, por un importe global de 600.00 euros.

Ademais desta primeira fase do plan, está revisto reformar as rúas Baleares, Rioxa, País Vasco, Navarra, Aragón, Extremadura, Madrid e Cataluña, así como as rúas Beariz, Boborás, Leiro, Maside, Punxín e San Amaro; e tamén as rúas Eusebio Lorenzo e Blanco Amor; así como a iluminación con led entre O Torrón a As Caldas de Partovia.

Precisamente, hai unhas semanas rematouse o asfaltado da estrada entre As Caldas e O Torrón, que se financiou mediante unha colaboración do concello coa Deputación Provincial de Ourense.

Finalmente, contémplase a renovación do saneamento da Baixada a Flores e a rúa Azucena, así como a ampliación da rotonda de Flores, en Aquilino Sánchez.

18, Maio 2020

A estradas provincias 0U-0417, que transcorre entre a N-541 e O Irixo, e faino no termo municipal de Boborás pola Saleta, Fondo de Vila, Xurenzás, Prado e Ventosa, asi como a 0U-0415 entre as localidades de Brués de Feás, serán obxeto desta actuación de mellora da seguridade vial que acometerá a Deputación de Ourense.

Consistirá na sinalización horizontal de ambas estradas, co pintado de ambos viais, e que permitirá circular  con maior seguridade, sobre todo cando as condicións meteorolóxicas son menos favorables e diminúe a visibilidade.

Esta actuación viña sendo demanda pola veciñanza, e o concello de Boborás ao tratarse de estradas que son de titularidade da Deputación, trasladou esta petición á entidade provincial, que agora ven de confirmar a súa execución.

18, Maio 2020

O concello de Maside pon en valor este tipo de iniciativas solidarias "neste tempo de crise sanitaria" e por elo agradecen públicamente a Farmacia Paredes de Maside a doazón que ven de facer, un lote de mascarillas para cativos con problemas de saúde.

A farmacéutica de Maside colabora ante esta situación, onde os máis cativos con patoloxías previas son persoas de risco, dado que ó ter que acudir con maior asiduidade a centros hospitalarios ou consultas son potencialmente moito máis vulnerables.

O material será destinado única e exclusivamente a menores de idade, a partir dos tres anos, por non ser recomendado o seu uso antes desa idade, e catorce anos, con patoloxías previas: diabetes, patoloxías pulmonares crónicas, patoloxías cardiovasculares crónicas, ou pacientes oncolóxicos.

Serán os Servizos Sociais do Concello de Maside os que xestionen o reparto destas mascarillas, sempre a través de solicitude por parte dos pais/nais e aportando informe pediátrico. Para elo os interesados/as deberán poñerse en contacto coa oficina de Servizos Sociais, onde se lle proporcionará cita previa para a solicitude e recollida do material (988 40 11 08).

18, Maio 2020

Co obxectivo de poñer en valor o patrimonio etnográfico do municipio do Carballiño, e por iniciativa do presidente da Asociación de Veciños de Madarnás, Adolfo Otero, o concello ven de instalar nos arredores da Insua dos Poetas, na Esgueva-Madarnás, xunto ao muíño próximo a este espazo cultural e natural, un panel informativo coa ruta dos muíños do río Pedriña.

O panel, que foi deseñado polo biólogo e integrante do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Diego Reboredo, contén información histórica e etnográfica sobre esta ruta dos muíños do río Pedriña, que é un dos principais afluentes do río Arenteiro. Así, describe o conxunto de muíños deste río ao longo dun percorrido de 15 kilómetros, entre a Madalena e Godás do Río, pasando polos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño.

Trátase dunha iniciativa que se enmarca no programa de valorización do patrimonio etnográfico do Carballño, e que complementa outras melloras, como as xa feitas ou que se están realizando no Museo Etnográfico do Arenteiro e o seu entorno.

Coa finalidade de supervisar a súa instalación, desplazáronse ata o lugar os concelleiros de Medio Rural, Rosa Fuentes; de Obras, Rogelio Otero, e de Cultura, Diego Fernández, co acompañamento do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.

17, Maio 2020

O alcalde Maside, José Manuel Iglesias e o presidente da Confederación Hidrógráfica do Miño-Sil José Antonio Quiroga, veñen de asinar o convenio de colaboración que vai permitir acometer o proxecto de mellora da rede de pluviais e saneamento n vila de Maside.

Desta maneira, a Confederación Hidrográfica comprométese a financiar a obra de renovación das redes de pluviais e saneamento na capitalidade municipal, que quedaran moi danadas polos temporais que afectaran á nosa comarca no inverno de 2018.

Procederáse á intalación dun novo colector principal e renovación da rede integral, e posteriormente a reposición das beirarrúas e da calzada.

A obra terá un coste total de 470.000 euros, dos que a Confederación achegará 376.000 euros (o 80%) mentres que o 20% restante, que son 94.000 euros, serán aportados polo propio concello.

17, Maio 2020

Ricardo Carballo Calero, (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) foi escritor, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e lingüista. Realizou estudos secundarios na Coruña e universitarios en Santiago de Compostela, onde se licenciou brillantemente en Dereito (1931) e en Filosofía e Letras (1935). Ao mesmo tempo, vinculouse ao galeguismo —participou na revista Nós, ingresou en 1927 no Seminario de Estudos Galegos, colaborou na redacción do Estatuto de Autonomía, e entrou no Partido Galeguista— e publicou as súas primeiras obras de creación en castelán (1928, Trinitarias, poesía) e en galego (Vieiros, 1931, tamén poesía), sen que faltasen mostras de intervención político-cultural. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid cando opositaba á disciplina de Lingua e Literatura españolas de ensino medio; incorporouse á loita como miliciano e chegou a tenente en campaña. Acabada a guerra, foi xulgado e condenado á pena de 12 anos (e un día), aínda que aos dous, en 1941, regresou a Ferrol, en réxime de liberdade condicionada e imposibilitado para acceder a calquera cargo público. En 1950 foi nomeado director do Colexio Fingoi, onde permaneceu quince fecundos anos, á vez que se doutoraba (1954, Achegas á literatura galega contemporánea, editada por Gredos ao ano seguinte). Ingresou na Real Academia Galega (1958, cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro) e publicou obras do alcance da Historia da literatura galega contemporánea (1963), sen esquecer a súa vertente creadora. En 1965 incorporouse ao Instituto Rosalía de Castro, de Santiago, tras finalizar a oposición iniciada en 1936, e, como profesor contratado, á Universidade compostelá; en 1972 foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas. Dedicado desde entón exclusivamente á universidade, e ata a súa xubilación, en 1980, Carballo publicou numerosas obras relativas a lingua e literatura galegas, destinadas a afirmar o seu ensino universitario e a súa proxección social. Nos seu últimos dez anos, Carballo intensificou o ritmo das súas publicacións, tanto de investigación como de divulgación ou de creación, conseguindo algúns recoñecementos ao seu labor (1987, Scórpio, novela, premio Nacional de Literatura), máis por parte de entidades culturais privadas (Asociación Galega de Escritores, Associaçom Galega da Língua, Sociedade Cultural Medúlio, etc.) que de institucións públicas (Medalla Castelao da Xunta de Galicia, en 1984, Fillo Predilecto da Cidade de Ferrol, 1990). Carballo Calero é autor dunha obra extensa e multiforme, con base nunha gran precocidade, como creador e como investigador, unha longa traxectoria vital (con permanente mocidade intelectual) e unha dedicación intensa e disciplinada, prexudicada, con todo, polas circunstancias biográficas indicadas, pero sempre alimentada pola súa marcada vocación para as letras. Moitos dos seus traballos menores están asinados con pseudónimo, ás veces unha simple sigla.

16, Maio 2020

O Carballiño tiña gañas de feira, o que unido ao tempo primaveral desta mañá de sábado, propiciou un extraordinario ambiente no primeiro mercado que se celebra despois de dous meses, xa que dende que se decretou o estado de alarma non se celebraron as dúas feiras de Marzo e as outras dúas do mes de Abril.

Corenta postos foron os que se instalaron neste 16 de Maio, a maioría de "rianxo" de venda de prantas para os cultivos de horta e frores, na Praza do Balneario de a súa contorna, e en menor cantidade de alimentación na rúa Norte e a Avenida de Julio Rodríguez Soto.

A afluencia de clientes foi unha constante durante a mañá, "estamos vendedo máis do que esperarabamos, esta vindo moita xente" comentou a COPE O Carballiño un dos vendedores ubicados na rúa Uruguai.

Tamén regresaron a súa ubicación tradicional dun dia de feira a maioría das pulpeiras de Arcos, con algunhas ausencias, pero a maioría instalou as súas caldeiras de polbo nesta feira do reencontro coa súa clientela habitual.

Dende a Xefatura da Policia Local do Carballiño confirmaron a esta emisora de radio que malia a notable afluencia de público ás zonas do mercado, destacou o comportamento responsable, tratando de gardar o distanciamento entre persoas.

16, Maio 2020

A voceira do grupo municipal do BNG do Carballiño, Sofía García, lamentou que o Goberno municipal “esquecese una data tan relevante” para a cultura e a lingua galega como o 17 de maio, día das letras galegas, un feito polo que a administración local “debería sentir vergoña”.

A concelleira define o 17 de Maio deste ano "como unha data que cobra especial relevancia ao adicala a un persoeiro coma Carvalho Calero quen loitou toda a súa vida pola recuperación da lingua galega e a súa normalización".

Por eso, censura que "non pode aceptarse que non haxa a máis mínima inciativa institucional para conmemorar este día e homenaxear a un persoeiro coma Carvalho Calero".

E subliña que Carvalho Calero representa un exemplo de estudoso do galego e “traballador incansábel” na recuperación da nosa lingua. Ricardo Carvalho Calero foi profesor en Dereito e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Doutor pola de Madrid. Ademais, foi un recoñecido membro da Real Academia Galega, e o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC.

Neste escenario, engade, "e malia todas as limitacións, este 17 de maio, voltamos ter una cita para que o galego non siga confinado".

Neste sentido, García sinalou que a formación nacionalista que ela representa no concello do Carballiño súmase aos actos promovidos pola “Mesa Pola Normalización Lingüística” para comemorar este día e homenaxear a Carvalho Calero.

Desde o BNG convidan a toda a veciñanza a pendurar a bandeira galega durante todo o día das xanelas ou varandas e os cartaces disponíbeis na web da Mesa. Ás 12 horas Maniféstarse nas redes con mensaxes escritas, vídeos, fotografías, audios… utilizando os cancelos #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #17demaio #Eufalogalego. E ás 13 horas sair á xanela a cantar: A fala (letra: Manuel María; música Uxía- Sérgio Tannus).

O Concello anuncia que apraza a celebración para Outubro

Pouco despóis de facerse públicas as críticas do BNG, o concello do Carballiño difundíu un comunicado no que afirma que o Servizo de Normalización Lingüística do concello do Carballiño tiña previsto desenvolver unha sertie de actividades co gallo da celebración das Letras Galegas, que este ano se lle adica a Ricardo Carballo Calero.

E tamén estaba previsto levar a cabo un recital poético o propio 17 de maio, tal e como se veu realizando os últimos anos. Sen embargo, pola pandemia do Covid-19 todas as actividades quedaron aplazadas, esperando que se podan desenvolver no mes de outubro, coincidido coa nova data establecida pola Real Academia Galega.

Entre estas actividades, que xa estaban contratadas, figuran:

-Unha obra de teatro no auditorio Manuel María dirixida a alumnado 2º ciclo da ESO, baseada no libro 4 pezas (A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbore e Auto do prisioneiro) de Ricardo Carballo Calero). Estaba previsto repartir 200 exemplares da citada obra para que a traballaran nos respectivos institutos antes da súa representación.
-Obradoiro nos centros de primaria da vi. 'Lingua Forza 3&#39
- Obradoiro de taboleiros medievais no que descubriremos como se entretiñan e a que xogaban os/as nenos/as (e non tan nen@s) na idade media), e como esa pegada quedou plasmada no legado artístico da comarca.

Tamén estaba previsto editar un marcapáxinas para agasallar ao alumnado e veciños/as, e que tamén se pospón para o mes de out
ubro.

Ademais, íanse realizar diversas actividades de contacontos e obradoiros na sala infantil e xuvenil da Biblioteca Pública Municipal, que tamén se aprazan para outubro.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS