
A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de consolidación estrutural e restauración das cubertas da capela de San Pedro de Leiro cun investimento superior aos 130.000 euros tal e como recolle o Portal de Contratación do Goberno galego. Trátase dunha actuación que conta cun período de execución previsto de seis meses e que se centrará principalmente na estrutura, nas condicións de estanquidade e de ventilación, nos elementos interiores, no exterior e na súa seguridade e iluminación co obxectivo de recuperar a imaxe orixinal desta capela.
A capela de San Pedro de Leiro é un edificio construído no século XVI que sofre diferentes patoloxías na súa estrutura e cuberta que fan necesaria esta actuación impulsada desde o Goberno galego. Concretamente, a capela presenta graves problemas na formación das bóvedas con visibles fendas e un gran desaxuste do arco toral que separa a nave do presbiterio. Tamén existe no interior unha estrutura de madeira que ocupa o primeiro tramo da nave que impide visualizar ás bóvedas e que deteriora a calidade espacial do interior da igrexa. Outro elemento discordante neste inmoble é a espadana que foi construída posteriormente e que non aparece na súa situación orixinal.
Ademais destas patoloxías, a igrexa tamén sofre filtracións e problemas na estrutura de madeira que soporta a cuberta de tella e nos paramentos, que deberán ser renovados coas cautelas habituais neste tipo de actuacións.
Para levar a cabo todas estas actuacións, que permitirán resolver todos os problemas e recuperar a imaxe orixinal da capela de San Pedro de Leiro, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense. Trátase dun acordo que recolle a posta a disposición por parte da Igrexa dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta capela
A capela de San Pedro de Leiro está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Está composta por un edificio de pequenas dimensións de planta rectangular cunha única nave de dous tramos e unha cabeceira cadrada. Ademais, atópase cuberta con tres bóvedas de cruzaría de potente nervadura que descansan sobre pilastras e paramentos. Toda a capela está construída con cantería de granito.

O Orfeón do Carballiño está de loito polo pasamento do seu presidente Emilio Rodríguez Álvarez, un dos seus fundadores fai 27 anos.
O cadáver vélase no tanatorio de Maside ata as catro e media da tarde deste venres dia 6 de Marzo, a esa hora partirá a condución para o funeral na igrexa parroquial da súa parroquia natal, Santa Comba do Treboedo, onde naceu fai 68 anos.

Por primeira vez nos trece anos de historia do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, a sesión de apertura non terá lugar na catedral de Ourense, senón no Templo da Veracruz do Carballiño, e o fará cun concerto do coro de voces brancas da Escolanía de Segovia, que é un referente da música coral en España.
O concerto, que é de entrada libre ata completar o aforo, comezará ás 20,30 h deste venres, 6 de marzo, e ofrecerá un repertorio variado, ameno e novedoso, que vai dende a música sacra ata o jazz, pasando polo barroco ou incluso a música africana.
A Escolanía de Segovia é un coro de voces brancas, dirixido por María Luisa Martin, que conta con vinte anos de historia e unha traxectoria de gran prestixio. Así, ten participado en numerosos festivais, mostras corais e acontecementos destacados, como a XLIV Semana de Música Religiosa de Cuenca, a inauguración do auditorio Miguel Delibes de Valladolid, Auditorio Nacional de Madrid, XXIII Festival de Música Española de León, VII Festival Internacional de las Artes de Castilla y León ou diversas edicións da Semana de Música Sacra de Segovia e do Festival de Segovia.
A Escolanía realizou colaboracións con prestixiosos coros, orquestras, artistas e directores, como o coro e orquestras nacionais dirixidos por Frühbeck de Burgos, o Coro e Orquestra Barroca de Ámsterdam dirixidos por Tom Koopman, a Orquestra Sinfónica de Castilla y León dirixidos por Alejandro Posadas, Coro de la Comunidad de Madrid e a OSCyL dirixidos por Jesús López Cobos e por Lionel Bringuíer, o Coro e a Orquestra de RTVE dirixidos por Semyóm Bychkov, a Coral y Orquesta Politécnica de Madrid, a Orquesta Carlos III de Madrid, o cantautor Amancio Prada e os grupos La Carraca, a Capilla Jerónimo de Carrión e Los Calchakis.
O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño polo alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o director artístico do festival, Juan Enrique Miguéns e a coordinadora do mesmo, Conchi da Silva.
Francisco Fumega agradeceu a deferencia da Asociación Pórtico Musical por elexir O Carballiño como lugar de inauguración do festival, e por traer este concerto da Escolanía de Segovia ao Templo da Veracruz, nun ano no que o concello do Carballiño desenvolverá un programa extraordinario con motivo do 75 aniversario da morte de Antonio Palacios, que deseñou o templo. “É un orgullo e un pracer poder disfrutar no Carballiño e nun marco tan emblemático como é o Templo da Veracruz dun concerto de música deste nivel”, dixo o alcalde.
Juan Enrique Miguéns dixo, en correspondencia coa declaración do rexidor municipal carballiñés, que “os agradecidos somos nós, pois necesitábamos un lugar cunhas características acústicas e de capacidade moi concretas, e queremos recoñecer o esforzo do Concello do Carballiño por colaborar coa organización deste evento”. Ao respecto, lembrou que era a primeira vez que a inauguración do festival non ía a ter lugar na catedral de Ourense, e que estaba satisfeito de que O Carballiño ofrecese un encaixe perfecto para este concerto.
Resaltou as cualidades e a traxectoria do coro de voces brancas da Escolanía de Segovia, e dixo que ía ofrecer un repertorio variado, ameno e novedoso. Destacou que se trata dunha formación moi interesante, composta por 50 voces, e que nalgunhas pezas acompáñase con piano e incluso con percusión. Desde logo, dixo, será un concerto moi atractivo e nada habitual na provincia de Ourense. Finalmente, animou á xente a que se volque neste concerto e acuda a disfrutar ao Templo da Veracruz.
Conchi da Silva engadiu que por parte da Escolanía de Segovia hai un gran entusiasmo por esta actuación, e que incluso hai moitos familiares que veñen acompañando ao coro, e que esperan disfrutar das excelencias do Carballiño e de Ourense durante a fin de semana. Por este motivo, dixo que o festival, ademais da faceta musical, ten unha vertente de promoción turística, dando a coñecer Ourense e a provincia, e situala como referente dun gran evento musical como é o Festival Pórtico do Paraíso.
Diego Fernández, finalmente, expresou o seu orgullo por esta oportunidade de que O Carballiño acolla un evento musical do máximo nivel e interese, e ainda máis por ter lugar no Templo da Veracruz nun ano no que se lle vai render homenaxe ao arquitecto Antonio Palacios.

José Balboa Rodríguez presenta a súa terceira publicación, Arduina, logo de publicar "Uno de tantos" e "Merece la pena", o escritor de Beariz presenta esta obra composta por unha trintena de relatos curtos que foi publicada froito da colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Beariz. A presentación do libro tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Beariz, Manuel Prado; a presidenta de AFAOR en Ourense, Maria Dolores Neira; e o autor da publicación.
Arduina, da que se editaron 1.000 exemplares, é unha recompilación de relatos que, "ademais de cousas desta terra que me viu nacer, tamén hai pasaxes doutras partes nas que estiven", sinalou José Balboa Rodríguez. As ilustracións do libro son obra de Rafa Prieto, Jorge Sánchez Esteban e Esther Rodríguez Balboa. A publicación foi presentada xa na Feira Internacional do Libro celebrada en Guadalaxara, México.
Na presentación desta obra, Rosendo Fernández destacou o carácter solidario do autor, ao igual que o alcalde de Beariz, quen salientou o labor altruísta de José Balboa Rodríguez, porque ao igual que aconteceu coas súas anteriores publicacións volverá a doar o recadado, nesta ocasión irá destinado contra o cancro infantil e xuvenil e a AFAOR.
Neste sentido, José Balboa Rodríguez afirmou que o que o incentiva a escribir é "conseguir que en calquera recuncho do mundo, unha persoa teña uns segundos da súa vida de mellor calidade", por elo, "todo o que se produza vai destinado a ese fin: contra o alzhéimer, o cancro, a ELA, contra todos eses males que afectan á sociedade e ás nosas persoas queridas", afirmou o autor de Arduina.
O alcalde de Beariz, autor do prólogo do libro, lembrou que José Balboa empezou a escribir obras de teatro cando tan só tiña 14 anos, pero pasados os anos "recuperou a súa faceta como escritor sendo concelleiro de Beariz e consolidouse esa faceta coa novela autobiográfica Uno de tantos. A segunda novela Merece la pena é unha gran obra literaria para min, unha novela estruturada en vinte capítulos, baseada en feitos reais. E, en Arduina, Balboa deixa o mundo da novela para afondar na temática do relato curto, botando man das pinceladas poéticas na súa linguaxe e recreándose nela".
Pola súa parte, a presidenta de AFAOR en Ourense agradeceu, ademais da achega económica que supón para a entidade, a visibilidade que se lle da á asociación.


O concelleiro socialista Manuel Sotelo, protagonista do episodio sinalado como machista acontecido no pleno da corporación carballiñesa deste pasado lúns cando interrumpíu á concelleira do BNG Sofía García, cando ésta estaba no uso da palabra, compareceu ante os medios para "pedirlle disculpas públicas á concelleira, ao resto da corporación e ao pobo do Carballiño".
Sotelo achacou o sucedido a "un pronto" e asegurou que non volvería repetirse, pero negou que a súa actitude e comentarios tivesen sentido machista algún "dixen aquelo de señorita ou señora porque non sei o seu estado civil".
Mentres, Sofía García lamentou que dous dias despóis deste incidente nin o alcade, nin o propio Sotelo, non se houbesen dirixido a ela persoalmente "cando no pleno pedín que constase en acta os termos nos que o concelleiro se dirixíu a min, tamén dixo que se fixera constar que pedía discupas", pero entende a concelleira do BNG que non se trata de pedir disculpas "que as acepto" senón de recoñecer e censurar unha actitude machista e totalmente inaceptable, dixo no transcurso dunha intervención en COPE O Carballiño.
E preguntou a concelleira do BNG "dirixiriáse o Sr. Sotelo a Chema Ferreiro, ou Pachi Vázquez ou Perea decíndolles señorito ou señor", concluindo que "estas actitudes, ou abandonar repentinamente o salón de actos dando portazos" ensucian a vida política.
Finalmente, Sofía Garíca agradeceu as mostras de solidariedade e apoio tanto do Partido Popular como de Espazo Común e lamentou o silencio que mantén o Partido Socialista.

O Concello de Punxín prepárase para acoller a 1ª Festa do xabarín e da caza cun completo programa de actividades que inclúe charlas, concursos, música, así como stands dedicados a este sector e a diferentes produtos da zona. A presentación deste evento tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o tenente de alcalde de Punxín, Manuel Vázquez e Eulogio González, respectivamente; os organizadores da empresa Mas Music, Carlos González e María Dolores Da Silva; e o presidente da asociación mesa galega pola caza, Manuel Martínez.
A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que "da a coñecer o territorio e as súas potencialidades, dinamizando o rural e a economía local da zona", sinalou Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, o alcalde de Punxín, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, animou a todos a gozar desta celebración. Así mesmo, Eulogio González dixo que esta festa é "unha forma moi boa de situar a Punxín no mapa" e adiantou que desde o concello poñerán un stand tamén para promocionar o municipio.
A Festa, que se celebrará os días 7 e 8 de marzo, ten como obxectivo principal dinamizar a zona e dar a coñecer o potencial do sector da caza, ademais dos produtos locais e a súa contorna, explicou María Dolores Da Silva. Ademais da degustación e das actividades complementarias, Manuel Martínez lembrou que "a base de calquera actividade son a formación e a información" e que, por elo, desenvolveranse "xornadas formativas moi interesantes con relatores como o presidente da Asociación do Corzo Español, Florencio Laminja Markina", e ademais a programación inclúe unha exhibición de cans de caza.
As actividades da festa comezarán ambos días a partir das 10.00 horas. Na primeira xornada do sábado, 7 de marzo, haberá charlas sobre a caza e o xabarín, postos de artesanía e caza, tiro con arco, entrega de premios do concurso de carteis, actuacións do Grupo de música e baile tradicional Rebulir e da Charanga Os Támega. Ao día seguinte, o 8 de marzo, haberá unha exhibición de cans de caza, mercadillo, tiro con arco, animación, música, xogos para os máis cativos, entrega de premios de cans de caza, entre outras actividades. En ambas xornadas, os asistentes poderán degustar a carne de xabarín.

O BNG apela ao Partido Socialista a que tome medidas a respecto do concelleiro do Carballiño, Manuel Sotelo, polas actitudes "machistas e patriarcais" durante o pleno municipal. Noa Presas, responsábel nacional de Acción Feminista do BNG, sinalou que estas actitudes están ensuciando a política e a representación pública do Concello e que non se poden consentir.
Dende o BNG quixeron amosar o seu apoio á concelleira nacionalista no Concello do Carballiño, Sofía García, despois dos comentarios "machistas e reiterados" que recibiu por parte dun concelleiro socialista durante o pleno municipal.
Presas apelou tamén ao Partido Socialista a que tome medidas respecto do señor concelleiro, Manuel Sotelo, polas súas conductas "patriarcais, machistas, noxentas e maleducadas" durante a sesión plenaria posto que, dende a formación nacionalista, sinalaron que era "algo reiterado e que non se pode consentir na política deste país".
"Ser feminista é algo máis que poñer lazos lilás na chapela da chaqueta todos os 8M ou facer declaracións institucións baleiras de contido. Ser feminista é levalo tamén nas institucións e apoiar nelas un trato de igualdade, dignidade e xustiza coas mulleres que facemos parte dela" aclarou a responsábel de Acción Feminista.
Presas sinalou que se fose un concelleiro do BNG quen vertera este tipo de comentarios "non estaría xa na corporación" e apelou ao Partido Socialista para que tome medidas dalgún tipo. "Isto non pode ser algo reiterado. Está ensuxando a política e a representación pública no Concello do Carballiño" concluíu Presas.

Once establecementos de todos os sectores comerciais ofertarán nesta fin de semana os restos do remate da tempada de inverno, durante a 16 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto, e que foi presentada este mediodía pola concelleira de Comercio, Silvia Baranda, e a xerente do CCA, Noelia Mares.
O evento celebrarase o venres 6, o sábado 7 e o domingo 8, nunha carpa instalada na Praza Maior, e será inaugurada o venres ás 17,00 h. Os horarios de apertura serán: venres, de 17,00 a 21,00 h, e sábado e domingo, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 h. Como incentivo, haberá grandes descontos de ata un 90%, e a posibilidade de entrar nun sorteo de vales de compra por valor de 200 euros, en vinte vales de 10 euros.
Este sorteo terá lugar o domingo ás 21,00 h. Así mesmo, o sábado e o domingo pola tarde están programadas diversas actividades de animación infantil, que correrán a cargo de Tempo Libre Máxico. Na feira estará representada unha gran gama dos sectores comerciais, como moda infantil e xuvenil, moda home, moda muller, zapaterías, librerías, etc.
Unha gran carpa translúcida, que ocupa todo o espazo da parte central da Praza Maior, acollerá aos stands participantes, en previsión de que se podan producir chuvias durante a celebración do evento. Silvia Baranda dixo que o obxectivo da feira era incentivar as compras no comercio local, e que por eso animaba á veciñanza a visitar os stands.
Amosou unha vez máis o apoio do concello ao comercio da vila, e desexou o mesmo éxito que na última edición. Noelia Mares incidiu na importancia deste evento para o Centro Comercial Aberto, pois é a primeira as dúas feiras que celebran cada ano, e hai moito interese nos establecementos comerciais asociados para poder liquidar os restos da tempada de inverno.
Recalcou que haberá verdadeiras gangas, con ata o 90% de descontos nas mellores marcas, e que as compras poden obter premio no sorteo do domingo pola noite. Tamén se referiu ás actividades de animación infantil o sábado e o domingo pola tarde como alicientes para que as familias acudan a visitar os stands cos nenos e nenas.

O programa de actos con motivo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, que organiza a área de Igualdade do concello do Carballiño, comezará este sábado, 7 de marzo, coa representación no auditorio municipal, ás 20,00 h., da obra teatral “Bernarda”, da compañía Malasombra, que conta con cinco nominacións dos Premios María Casares deste ano, e que ten lugar en colaboración coa concellería de Cultura dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (Agadic).
Os actos foron presentados esta mañá pola concelleira de Igualdade, Guadalupe Sobrado, que resaltou ademais a organización da IX Andaina “O Carballiño camiña cara á Igualdade”, que terá lugar o domingo, 8 de marzo, e que sairá da Praza Maior ás 10,00 h. As inscricións permanecen abertas ata o xoves e poden facerse na área de Servizos Sociais, no teléfono 988 531076 ou no correo electrónico cim@carballino.gal. A inscrición é gratuita pero haberá unha hucha para realizar donativos que irán íntegramente a Cáritas.
Asimesmo, o luns, 9 de marzo, ás 12,00 h., no salón de plenos do concello celebrarase un acto institucional presentado pola profesora do IES Chamoso Lamas e integrante do grupo de teatro Dar Trela, Clara Vázquez, ao que asistirán os centros educativos e asociacións, e no que se lerá una manifesto pola igualdade, e se interpretará un tema pola profesora do Conservatorio de Música Celia Salceda e Alba González.
O 15 de marzo, dentro do programa Apego, terá lugar no salón de plenos do concello unha sesión de contocontos co tema “Ernestina Otero: Semente de Igualdade, semente de Liberdade”.
E, finalmente, en colaboración coa área municipal de Educación e do Servizo de Normalización Lingüística, entregaranse aos centros educativos da vila uns lotes de libros da colección Mulleres Galegas, composta por cinco publicacións sobre cinco mulleres destacadas en diversos campos do saber, co obxectivo de que os profesores e profesoras realicen actividades encol destas obras.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 378
- 379
- 380
- 381
- 382
- 383
- 384
- 385
- 386
- …
- seguinte ›
- última »