
O termalismo será o tema central de promoción do Xeodestino O Carballiño-O Ribeiro na Feira Internacional de Turismo “Fitur 2020”, que se celebra a próxima semana en Madrid. Este organismo, ao que pertence o concello do Carballiño, exporá o día 23 de xaneiro no recinto feiral de Madrid os principais recursos cos que conta para atraer ao turismo nacional.
No acto, que terá lugar ás 4 da tarde no stand da Xunta de Galicia, intervirán o presidente do xeodestino e alcalde de Leiro, Francisco Jose Fernández; o alcalde do Carballliño, Francisco Fumega; o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil; o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Por este motivo, o día 22 viaxarán a Madrid o alcalde e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal.
Na súa intervención, Francisco Fumega porá en valor os dous balnearios cos que conta O Carballiño: Caldas de Partovia e Gran Balneario. Destacará, sobre todo, a cualidade terapéutica das súas augas, e a ampla gama de servizos que ofertan, así como as novas instalacións do Balneario das Caldas e o proxecto do arquitecto Manuel Gallego Jorreto para ampliar e modernizar o Gran Balneario. Tamén se referirá á fonte pública do Bañiño de Arcos.
Finalmente, o alcalde carballiñés falará do patrimonio natural e cultural así como da gastronomía, con especial referencia ao parque municipal, aos sendeiros, ao conxunto etnográfico do Arenteiro, á tradición pulpeira do Carballiño e á Festa do Pulpo.
Como complemento da intervención, poderán verse nunha pantalla xigante imaxes dos recursos turísticos e termais do Carballiño.

Para descargar o comunicado conxunto de Partido Popular, Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego, preme no arquivo adxunto:

O suceso, que causou abatimento entre a veciñanza, tivo lugar ás duas da tarde deste venres, na estrada de acceso á aldea da Touza, no municipio de Maside.
Unha furgoneta, ao parecer realizando unha manobra de marcha atrás, atropelou a unha muller, Carmen F.B., de 83 anos de idade e veciña desta localidade.
Tras recibirse a chamada na que se daba conta do accidente, o 112 mobilizou aos servizos de urxencia sanitaria 061, que non poideron facer xa máis nada que certificar a morte da muller. Tamén foron alertados os bombeiros do Carballiño e a Garda Civil de Tráfico.
A falecida veláse no velorio municipal de Maside ata as cinco da tarde deste domingo dia 19 de Xaneiro, cando será a condución para o funeral na igrexa parroquial de San Miguel de Armeses.
Este venres a última hora da tarde soltouse un dos elementos elevados que integran o tobogán instalado no parque infantil da Alameda, afortunadamente non pasou, que si pudo pasar...se un dos nenos ten unha mala caída. Puxemos a incidencia en coñecemento da Policia Local.

A vindeira semana vaise celebrar o xuizo pola demanda interposta polo ex-concelleiro de Alternativa Veciñal, Bernardo García, contra a RPT do Concello de Carballiño.
O sindiato CSIF "expresa a súa fonda preocupación pola dita demanda e a falta de información por parte do Concello de Carballiño en relación coa mesma".
Dende esta central sindical manifestan que "no caso de prosperar a demanda caería unha RPT, que foi un primeiro paso de moitos, que ten que dar o Concello do Carballiño, para a mellora das condicións laborais e económicas do persoal. Sendo a primeira RPT do Concello do Carballiño e que se acadou logo dunha longa negociación, de mais de dous anos, e cun amplo consenso da parte sindical e política".
Consideran que no caso de prosperar a demanda "cousa que a priori vemos difícil, xa que conta con todos os informes favorables, o persoal do Concello do Carballiño, veríase moi perxudicado nos seus dereitos laborais e económicos e isto afectaríalle aos vecinos do Carballiño na prestación de servizos".
Dende o CSIF pídenlle expresamente ao alcalde do Concello do Carballiño, como máximo responsable da política de persoal que adopte as medidas oportunas e se implique sen “medias tintas” na defensa da RPT, xa que a súa anulación "afectaría tanto ao persoal como a veciñanza do Concello de Carballiño",subliñan.

Son datos que se correponden á evolución de afiliacións á Seguridade Social durante o ano 2019, e dos que se desprende que a comarca do Carballiño mantén practicamente inalterable o seu número de afiliacións no transcurso do últimoa ano, aínda que o balance é desigual según os concellos.
Asi, no Carballiño sube o numero de afiliados no sector da industria (+30) e mantense no do fogar e agrario, pero desplómase entre os autónomos (-58) o que da un balance negativo de 26 afiliados menos.
Tamén baixas as afiliacións en San Cristovo de Cea (-14) Maside (-9) e Beariz (-9).
Pola contra, a sorpresa positiva é que no cómputo do ano 2019 aumentaron as afiliacións á Seguridade Social en catro concellos, no de PIñor (+25), Boborás (+17) O irixo (+6) e San Amaro (+5).
Finalmente, no de Punxín a cifra permanece inalterable, e ten o mesmo número de afiliados que fai un ano atrás.
Cos últimos datos actualizados, a Comarca do Carballiño conta con 6.386 afiliacións á Seguridade Social, das que 4.229 corresponden ao municipio do Carballiño

A esta conclusión chegouse tras unha reunión celebrada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural entre a representación da Xunta e o presidente dos comuneiros de Cristimil e A Torre José Modesto Rodríguez, que acudíu acompañado dos seus representantes legais.
A oferta da Xunta consiste no pago dun aluguer anual aos comuneiros pola ocupación da propiedade comunal do monte da Cidade, onde se localiza o asentamento castrexo e a Xunta edificou o museo da cultura castrexa. Ambas partes volverán reunirse próximamente para ultimar as condicións deste acordo.
Antes, o dia 26 deste mes de Xaneiro celebraráse a asemblea convocada pola Xunta Rectora, que deberá dar luz verde a este acordo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu no Concello de Leiro preto de 450.000 euros desde o ano 2008 na execución de actuacións urbanísticas para humanizar, rehabilitar e acondicionar diferentes zonas e espazos no municipio. Así o subliñou a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha visita a Leiro para comprobar o resultado dos traballos acometidos na contorna do Campo da Feira e que finalizaron o pasado mes de decembro.
Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente explicou que esta actuación levouse a cabo en virtude dun convenio de colaboración asinado o ano pasado entre Xunta e Concello. A aportación da Consellería foi de 40.441 euros, o 70% do custo total, mentres que Leiro achegou outros 17.331 euros, o 30% restante. En concreto, os traballos na zona centráronse en mellorar o tráfico peonil e rodado, renovando o pavimento da praza, e tamén serviron para rematar a senda fluvial desde a rampla que dá acceso á rúa Padre Eiján.
A obra acometida na contorna do Campo da Feira enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.
Grazas a estes investimentos, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. Nalgúns casos, foron varias as actuacións de humanización que se levaron a cabo nun mesmo municipio, como foi o caso de Leiro, onde cómpre lembrar que, grazas a este programa, executáronse ou están en proceso cinco intervencións urbanísticas.
Así, Ángeles Vázquez repasou as principais actuacións acometidas no municipio na última década ao abeiro do Plan Hurbe. Unha das máis importantes, levouse a cabo no ano 2017 cun investimento por parte da Xunta de 193.000 euros. O obxecto daquela obra foi acondicionar a rúa Padre Eiján, que conecta precisamente co Campo da Feira, polo que a última actuación acometida nesta zona serviu, como recordou, para darlle continuidade aos traballos realizados hai dous anos en Padre Eiján.
Así mesmo, a conselleira tamén visitou a pasarela colgante sobre o río Avia, na que actualmente estase a executar unha obra de rehabilitación cun custo de case 50.000 euros, financiados integramente polo seu departamento a través do Plan Hurbe. Estes traballos, segundo dixo, están “practicamente finalizados” e en cuestión de días, se a meteoroloxía acompaña, poderán facerse os últimos remates e dala por concluída.
Por último, Vázquez Mejuto tamén lembrou que a Consellería de Medio Ambiente investira xa 113.000 euros en 2018 no acondicionamento da rúa Prado e que no ano 2010, coincidindo coa posta en marcha do Plan Hurbe, xa se mobilizaran no Concello de Leiro 44.000 euros nunha actuación para reformar e humanizar dous tramos das rúas Emilio Hermida e Prado.

Desde o gupo municipal do BNG de Leiro vimos manifestar e denunciar, por este medio, a situación actual da ponte das Poldras de Leiro.
A mesma, cedeu dos seus pilares de carga, causando unha focha de importante consideración.
Alén disto, perdeu unha das pezas que a conforman.
Por isto todo, vimos de introducir un escrito no concello pedindo explicacións ao alcalde do municipio.
Esiximos que fique claro que aconteceu, quen foi o causante de dita situación e que se especifique que medidas vai tomar o concello para a súa restauración.
En Leiro a 14 de Xaneiro de 2020

Aconteceu na madrugada e tamén durante a mañá deste martes 14 de Xaneiro, e nalgunhas localidades dos municipios do Carballiño e Maside como Banga, O Lago ou Fonteboa, entre outras, estiveron máis de dúas horas sen suminstro eléctrico.
En Dacón, as anomalías foron por barrios, e nalgunhas zonas da localidade permaneceron máis de sete horas sen servizo eléctrico, dende a mañá ata pasadas as oito da tarde deste martes. Nas primeiras horas da noite tampouco tiveron iluminación pública nesta localidade.
Tamén noutros concellos, como nos de PIñor, San Cristovo de Cea, San Amaro, Boborás ou O Irixo, foron varios os cortes no fluído eléctrico, aínda que de menor duración.
No mesmo casco urbano do Carballiño e zona industrial, rexistrouse un apagón eléctrico xeralizado neste mediodia de martes, que tivo según as disntintas zonas unha duración entre un e cinco minutos.
Algunhos veciños, mesmo tamén do casco urbano do Carballiño, como aconteceu na rúa Compostela, aseguraron a esta emisora de radio que estiveron polo menos unha hora, sobre as catro desta pasada madrugada sen suministración eléctrica nos seus fogares. Tamén en varias aldeas do rural carballiñés, como en Cabanelas, Banga, Sagra ou Partovia, aseguran que estiveron toda a madrugada e boa parte da mañá sen luz eléctrica.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 387
- 388
- 389
- 390
- 391
- 392
- 393
- 394
- 395
- …
- seguinte ›
- última »