
Coa posta en valor da formación como vehículo prioritario para incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas desempregadas, comezou o Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño 2019/2020, que conta cun centenar de persoas inscritas.
O acto contou coa asistencia do alcalde, Fancisco Fumega; o director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal; o Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, e o concelleiro de Turismo, Emprego e Industria, Manuel Dacal.
Francisco Fumega agradeceu á Xunta de Galicia a concesión deste novo programa ao concello do Carballiño, e resaltou a importancia da formación no camiño para a procura dun posto de traballo. Así mesmo, expresou o seu desexo de que resulte tan proveitoso como os realizados anteriormente e que tiveron unha gran porcentaxe de inserción laboral.
Pablo Casal amosou a súa satisfacción pola alta participación no programa e no acto de presentación, cun salón de plenos completamente abarrotado. Recordou que o obxectivo dos cursos é mellorar a cualificación das persoas desempregadas coa finalidade de lograr a súa inserción laboral, e que para isto faise fincapé en tres sectores de futuro como son o industrial, os servizos e o sociosanitario. Dixo que a Xunta de Galicia financia este programa con 250.000 euros, sendo un dos cuarenta e seis que están en marcha, e que teñen un orzamento global de 10,5 millóns de euros. Finalmente, indicou que a esixencia mínima de inserción era do 35%, se ben era probable que se superase.
Manuel Dacal dixo que o principal capital dun concello é o capital humano, e que por eso o programa resulta de gran interese para as persoas desempregadas que van a participar nel para mellorar a súa formación. Tamén agradeceu a colaboación da Xunta e do departamento de Orientación Laboral do concello.
Finalmente, Santiago Álvarez, que compartiu a satisfacción pola alta participación na presentación do programa, ofreceu a colaboración da Delegación Provincial da Consellería de Economía, Emprego e Industria para axudar á consecución dos obxectivos do mesmo.
O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño 2019/2020 ten o compromiso de inserir laboralmente como mínimo ó 40% das cen persoas que forman parte del. Para tal fin conta con tres itinerarios formativos principais: de Servizos, Sociosanitario e Industrial, así como unha formación transversal común con disciplinas como Manipulador de Alimentos, Alfabetización Informática, Carretilla Elevadora, etc. Nesta mesma dirección os profesionais de Orientación Laboral do concello farán un seguimento de cada usuario con non menos de cinco accións individuais de asesoramento para a procura de emprego.
O 13 de xaneiro comezará a formación das cen persoas usuarias cos primeiros cursos de formación de Informática e Manipulador de Alimentos. O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño terá unha duración de dez meses e para a súa realización o Concello do Carballiño conta con tres profesionais de orientación laboral asi coma con múltiples profesionais docentes punteiros nos seus campos.

A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, trasladoulle, na sede da Mancomunidade do Carballiño, as bases do proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local da comarca do Carballiño, "continuando con esta rolda de visitas polas distintas comarcas da provincia, para que os municipios coñezan as liñas básicas desta iniciativa coa que pretendemos afrontar o reto demográfico",dixo Luz Doporto.
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.
A finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional/laboral da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinado destas axudas para provocar un 'efecto chamada' por parte da provincia de Ourense para persoas con mentalidade emprendedora. A dispoñibilidade de orzamento deste programa ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía de axuda económica a persoas beneficiarias deste Plan de 675€/mes.
Esta iniciativa da institución provincial obtivo unha axuda na convocatoria de axudas efectuada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, a través do cal se conceden axudas a entidades locais para o finaciamiento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo, dirixidas a afrontar o reto demográfico.

A alcaldesa do Concello de Boborás, Patricia Torres, valora moi positivamente a reunión mantida semanas atrás co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó en sede parlamentaria para trasladarlle a solicitude de colaboración en futuros proxectos do municipio, nos que o Goberno Local está a traballar, como é o caso dunha piscina municipal.
"Neste sentido Núñez Feijoó, comprometeuse a estudar a posibilidade de colaboración co Concello de Boborás para a construción da mesma", asegura a alcaldesa.
Patricia Torres, tamén lle deu traslado das modificación do PXOM que están en marcha como a modificación puntual na Almuzara e no solo industrial, e explicoulle que no 2020 o Concello promoverá un Plan Parcial no solo dotacional existente nunha finca de propiedade municipal para logo a construción de vivendas de protección autonómica.
Ademais, esta reunión tamén serviu para un contacto directo entre a recen elixida alcaldesa, por maioría absoluta nos anteriores comicios municipais, co responsable máximo da administración autonómica e así darlle traslado de cal é "a liña de traballo na que se está enfocando este mandato; no que ademais de garantir os servizos xa prestados e melloralos, así como o mantemento das infraestruturas existentes como a mellora das mesmas e tamén de nova construción, agradecendo a colaboración que a Xunta de Galicia lle presta a este concello, referendado en diferentes convenios como a Senda Peonil, a humanización da rúa Cristóbal Colón de Boborás e o edificio sociocultural entre outros",subliña a rexedora municipal de Boborás.

A primeira ruta das tapas deste ano 2020 rende homenaxe ao mundo do cine coa elaboración de pinchos baseados en tiítulos de películas. O evento, que terá lugar este venres, 10 de xaneiro, e o seguinte, 17 de xaneiro, foi presentado este mediodía polo concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, e representantes dos establecementos de hostalería intgrados nesta iniciativa.
Películas como Blade Runner, Pulp Fiction, Titanic, La dama y el vagabundo ou La fiesta de las salchichas, entre outras películas, teñen a súa correspondencia gastronómica nesta ruta que, ademáis, sorteará unha viaxe de fin de semana para dúas persoas nun hotel spa de Sanxenxo.
Manuel Dacal destacou a imaxinación das propostas culinarias que elevan en cada xornada o prestixio desta iniciativa, e que contribúe a dinamizar as tardes dos venres no sector hostaleiro e, en xenral, no Carballiño. Destacou asimesmo o sorteo dunha viaxe de fin de semana para dúas persoas nun hotel spa de Sanxenxo, o cal lle engade interese á iniciativa.
E agraeceu a colaboración de Pao Tizón, do CCA e dos dezaseis locais hostaleiros integrados nesta ruta.
Noelia Mares recordou que estamos en tempo de grandes citas cinematográficas mundiais e nacionais, e que, polo tanto, a idea de dedicar esta ruta ao mundo do cine resulta máis que oportuna. Tamén se referiu a App “quedamosdetapas” onde se poden ver as diferentes propostas dos dazaseis locais da ruta, e animou a participar e soborear as tapas. Finalmente, Marta, en nome dos hostaleiros, animou á veciñanza a percorrer os locais e degustar as súas tapas.

Unha representación do goberno municipal bipartito de San Amaro, encabezada polo alcalde Rubén Gómez, visitou as instalacións do Mosteiro Chu Sup Tsang, sito na aldea de Ventoselo, e no que se proxecta unha inversión de máis de 1,5 millóns de euros por parte desta comunidade de monxes busdistas.
Dende o concello de San Amaro agradecen "a excelente acollida que tiveron durante esta visita", na que os gobernantes municipais coñeceron ao "venerable Gueshe Tenzinng Tanding", do que resaltan "a calurosa benvida" que tivo coa representación municipal.
Alcalde e concelleiros coñeceron os terreos onde se vai construir un"templo formal" para 500 persoas , unha biblioteca con colección de textos de todas as relixións e filosofias, unha sala de meditación, un edificio de culto, asi como dormitorios e outras dependencias.
Tras esta visita, o alcalde Rubén Gómez, destaca que "é o proxecto de máis envergadura realizado no noso concello, cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros, e San Amaro é xa un referente por contar con este monasterio, un dos máis importantes de España e Europa, e esta inversión será un novo revulsivo para atraer visitantes a San Amaro".

"Suma e segue na desvariada deriva do goberno carballiñés á hora de establecer prioridades no tocante á distribución dos cartos públicos, o cal tamén é, evidentemente, significativo con respecto a cales son as realidades sociais e os sectores que lles importan", afirman dende o grupo municipal de Espazo Común no concello do Carballiño.
E engaden "se hai ben pouco denunciábamos a insensatez de quitar cartos das políticas de apoio ao emprego ou ao emprendemento para adicalos a festas e soldos de concelleiros, atopámonos agora cunha nova modificación de crédito que volta a espir a un alcalde e a un equipo moi afeitos a dicir unha cousa e facer a contraria".
E mesmo ironizan nas súas críticas ao goberno municipal do alcalde Fumega facendo referencia á mensaxe dos reios magos dende o balcón do concello na cabalgata deste pasado domingo "merecen todo o noso apoio as mensaxes de apoio ao comercio local proferidas desde o balcón do consistorio na visita dos Reis Magos, o problema é que son moito máis cribles as súas maxestades de Oriente que os discursos dun goberno que xa nos ten afeitos a disfrazar a realidade e manipular vontades para facer crer o que non é".
Lamentan dende Espazo Común que sexan discursos cara a galería "así mentres se lle pide aos cidadáns apoio ao comercio de proximidade, algo ao que nos adherimos, máis da metade dos recursos destiñados a apoiar a este sector no orzamento do ano 2019 foron retirados para sufragar os gastos do libro “Macrofesta no Carballiño”. Vaia por diante que non criticamos en absoluto a realización desta obra dos Bolechas pero sí de onde se quitaron os recursos para o seu financiamento. Estamos seguros de que había outras posibilidades".
Según os datos de Espazo Común "dos 13.376 € previstos para invertir en campañas promocionais ou iniciativas de dinamización, tan só 6.200 € se empregaron para este fin. En tanto, tristemente, son moitos os comercios que pechan as súas portas despois de anos de traxectoria dando vida ás nosas rúas".
Finalmente, dende este grupo municipal de ESCO lamentan que "namentres o Concello repartiu arredor de 300.000 € en subvencións durante o exercizo 2019, percibindo, por exemplo, algún clube deportivo 85.000 € de xeito directo, o sector do comercio, sustento de moitas familias, recibiu unha rídicula aportación de só 6.200 €, se a comparamos co resto de colectivos e viu como máis da metade do que tiña previsto foi suprimido por causa das incomprensibles prioridades dos que desgobernan O Carballiño", remarcan.
Unha mensaxe con moita mensaxe, a do rei Melchor dende o balcón da casa do concello a todos os nenos e nenas do Carballiño, e un recado para mamás, papás e abós "este ano temos que decirvos que recibimos moitas cartas por internet, e gustarianos que nos chegasen moitas máis a través do comercio local, por un O Carballiño de futuro", unha mensaxe que foi respondida con aplausos dende o público concentrado na Praza Maior.
Antes, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega fixo pública unha confesión que lle transmitiran os magos de Oriente "dixérnome que os nenos do Carballiño sodes maravillosos, os mellores do mundo, e sódelo porque os vosos papás e mamás tamen o son", e tamén mereceu aplausos.
Pero sen dúbida cando máis parabéns se escoitaron na cabalgata de reis deste ano no Carballiño foi ao rematar o espectáculo de benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar, na torre da Veracruz, tras unha pequena sesión de fogos artificiais resaltada pola beleza e arquitectura do monumento.
Un espectáculo que foi seguido por varios miles de persoas dende a rúa Evaristo Vaamonde, onde partíu a comitiva real para o tradicional percorrido polas rúas máis céntricas do Carballiño.

O Arenteiro derrotou por 3-0 ao Alondras no primeiro partido do ano en Espiñedo, unha victoria que permite aos verdes avanzar tres escalóns na táboa de clasificación, pasando do posto 14 que ocupaba antes de xogarse esta xornada ao 11 que pasa a obstentar, 4 puntos por riba do descenso.
Polo visto neste partido, pouco ten que ver o Alondras co equipo temible das últimas tempadas, sobre todo en defensa, bastante endeble. Asi e todo, houbo que esperar ao útlimos suspiro da primeira parte para que Javi Rey aproveitase un balón solto na área para marcar o primeiro gol do partido.
Os de Cangas non so mostraban debilidade defensiva, senón que tampouco tiñan a súa tarde ante a portería de Rui. Perdonaron o empate cun balón ao poste nunha ocasión moi clara, e despois ata fallaron un penalti, ou mellor e máis xusto decílo, parouno o gardameta portugués do Arenteiro.
Mentres, Wadir non fallou e transformou o seu tiro dende os once metros, e puxo o marcador en franquicia para o Arenteiro. Finalmente, Mitogo aproveitaba os minutos que lle daban e reinvindicaba o seu estatus neste equipo marcando o 3-0 definitivo.
Para ver a ficha do partido, preme a seguinte ligazón:
http://www.futgal.es/pnfg/NPcd/NFG_CmpPartido?cod_primaria=1000120&CodAc...
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 389
- 390
- 391
- 392
- 393
- 394
- 395
- 396
- 397
- …
- seguinte ›
- última »