14, Febreiro 2020

Ruta das Tapas. A partir das oito da tarde deste venres, nova edición desta ruta gastronómica da hostalaría local, desta vez tapas a dous euros cos sabores do entroido.

Cine. Dunha parte, o Cine-Club Carballiño ofrécenos na tarde-noite do venres no auditorio municipal a película chinesa "Hasta siempre hijo mio", ás 20 e 23 horas, nesta última sesión en VOS. Mentres, no NOVOCINE de Leiro son dúas as películas en carteleira para esta fin de semana: "SONIC, La película" e "Adú", co galego Luis Tosar no reparto.

Lembranza a Suso Vaamonde. Unha proposta musical por iniciativa da Agrupación Cultural Avantar e conmemorativa do 20 cabodano da morte dun dos iconos da música galega do século pasado, este venres dia 14 de Febreiro ás 21:30 horas no "Sete Flores", coas actuacións das pandereiteiras Nébeda, e os cantautores Andrés Fernández e Mini Rivas.

Leo Bassi no "Carballiño Comedy", o sábado dia 15 de Febreiro ás 21 horas no auditorio municipal, o famoso humorista fai parada no Carballiño para, co seu estilo provocador  e mordaz, presentarnos o seu espectáculo "The Best of Leo Bassi".

3º Enduro Concello de Piñor. O espectáculo das motos na matinal deste domingo dia 16 de Febreiro, a Liga Galega de Moto de Montaña protagoniza esta xornada domincial polos montes da Madanela e Sestos, no concello piñorense, unha competición, sempre espectacular,  na que participarán 203 pilotos.

13, Febreiro 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Maside na eliminación de varios puntos de vertido incontrolado (PVI) localizados neste municipio. Así o comprometeu a conselleira Ángeles Vázquez durante a reunión que mantivo co alcalde José Manuel Iglesias para tratar diversos asuntos de interese municipal relativos a áreas da súa competencia.

Os puntos de vertido nos que se van acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, supoñen un risco para a saúde pública, poden ser orixe de incendios e accidentes, constitúen un importante foco de contaminación e producen un impacto paisaxístico negativo, co prexuízo que supón para a contorna desde un punto de vista ambiental e visual.

Neste sentido, Ángeles Vázquez confirmoulle ao rexedor que o mes pasado o seu departamento publicou a encomenda das obras de recuperación, restauración, adecuación e limpeza destes puntos para todo o ano 2020 e explicoulle que os traballos concretos a acometer determinaranse en función das solicitudes recibidas por parte dos concellos e da valoración técnica que faga a Xunta dos mesmos.

Tamén en materia de xestión de residuos urbanos, o alcalde de Maside trasladoulle á conselleira o seu interese en dotar ao seu municipio dun punto limpo móbil a través das axudas que ofrece a Xunta para facilitar a súa implantación. A este respecto, a conselleira confirmoulle que nas próximas semanas publicarase unha nova convocatoria de subvencións dirixida ás entidades locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos e que incluirá unha liña específica, precisamente, para a instalación de puntos limpos móbiles.

Por outra banda, o rexedor ourensán tamén lle trasladou á conselleira os plans do Goberno municipal con relación ao edificio do vello colexio de Maside, un inmoble que nestes momentos xa se utiliza con fins culturais pero que necesita dunha obra de rehabilitación para poder destinalo de forma permanente como centro sociocultural.

13, Febreiro 2020

O Concello de Beariz, en colaboración coa Cruz Vermella, organiza unha charla informativa sobre acollemento familiar de menores. O acollemento familiar unha medida de protección para menores que, por determinados motivos, non poden continuar convivindo cos seus proxenitores.

É un programa da Xunta de Galicia que ten como obxectivo proporcionar unha atención temporal a aqueles nenos, nenas e adolescentes en situación de risco, desamparo ou desprotección social, tutelados ou en garda pola Xunta de Galicia, nun ambiente familiar normalizado, alleo á súa familia de orixe, por non existir esta ou non ser idónea para o seu coidado.

Trátase de que estes menores poidan vivir da mellor forma posible a súa infancia, sendo esta unha etapa fundamental na vida.

Deste xeito, colaborar facéndose familia acolledora supón ofecer un fogar a nenos, nenas e adolescentes e proporcionarlles coidados, seguridade, educación e o agarimo que necesitan mentres se solucionan as circunstancias que lles impiden vivir coa súa familia.

A charla terá lugar o vindeiro luns, día 17 de febreiro, ás 16:30 no Salón de actos ubicado na planta baixa do Concello de Beariz e poderán acudir todos aqueles que o desexen. Para máis información poden contactar co Departamento de Servizos Sociais do Concello no teléfono 988.28.40.00.

13, Febreiro 2020

Os ralis e as BTT están ben... pero antes hai que atender outras necesidades.

13, Febreiro 2020
12, Febreiro 2020

Os populares corrixen o erro do anuncio que facía o concello do Carballiño este pasado mércores, que avanzaba un programa de actividades "para conmemorar o 85 aniversario da morte de Antonio Palacios, o autor do proxecto arquitectónico da Veracruz".

O Partido Popular recorda que Palacios finou en 1945, coas obras da Veracruz xa comezadas, e polo tanto neste 2020 cúmplese o 75 cabodano da súa morte.

"O grupo de goberno dos socialsitas do Carballiño non ten término medio. Ou vai a remolque e improvisa a diario, ou de repente se volven previsores e organizan uns actos conmmorativos par dentro de 10 anos", ironizan os populares.

Aclaran, ademáis, que xa lle comunicaron este erro ao grupo de goberno "co fin de evitar que o concello faga o ridículo e tamén para evitar un despilfarro encargando promoción, publicidade, cartelería e placas erróneas".

Finalmente, o grupo popular manifesta que lle parece estupendo conmmorar o aniversario do arquitecto da Veracruz, "aínda que unha vez máis quede de manifesto a constante neglixencia do grupo de goberno do PSOE".

12, Febreiro 2020

A alta ocupación das instalacións deportivas municipais ubicadas en Veiga motivou que o concello encargase un proxecto de acondicionamento do pavillón deportivo do colexio público da Uceira, co obxectivo de melloralo para a práctica deportiva do alumnado do centro educativo, así como para complementar as instalacións deportivas municipais cubertas e poder dar servizo ao elevado número de equipos, escolas deportivas e competicións que hai na vila ao longo do ano.

Debido a estas necesidades, que desde a área municipal de Deportes que dirixe Silvia Baranda, considéranse imperiosas, e ante o elevado custo que suporía construir un novo pavillón, considérase que esta é a mellor opción para ampliar as instalacións municipais.

O anteproxecto está xa redactado, e remitirase de inmediato á Secretaría Xeral para o Deporte, coa finalidade de poder obter a financiación necesaria para levalo a cabo.

O acondicionamento contempla a construcción de vestiarios anexos ao pavillón, o peche dos parámetros exteriores e dotar a pista deportiva de parqué. Así mesmo, prevé a construcción de graderío e dun acceso cuberto entre o pavillón e o colexio.
O orzamento é de 352.000 euros, e no anteproxecto prevese un prazo de execución de catro meses.

ACTIVIDADE DEPORTIVA INTENSIVA

O Pavillón Municipal de Deportes “Paco Chao” concentra unha gran actividade deportiva a cotío. Nesta instalación teñen lugar os adestramentos e competicións do Club Carballiño de Fútbol Sala en todas as categorías; son, en total, 14 equipos con 180 deportistas. Asemade, adestran e compiten os equipos de Veteranos de Fútbol Sala, con 160 deportistas inscritos. Tamén adestran e compiten as categorías inferiores da modalidade de balonmán que practican 50 rapaces. Polas mañás, solen usar as instalacións os centros educativos da vila con motivo das Xornadas de Deporte Escolar, dentro do Programa Xogade. Incluso, por falla de horario para usar as pistas, non o poden facer as deportistas da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica, que conta con 60 ximnastas.

Nas fins de semana intensifícase a intensidade no uso do pavillón. Así, prácticamente de 10 da mañá a 10 da noite, estas instalacións atéiganse de competicións de fútbol sala, en todas as categorías, e de balonmán, ademáis doutro tipo de competicións e exhibicións máis esporádicas.

Precisamente, debido ao elevado número de usuarios, o Pavillón Municipal de Deportes conta con dúas pistas: unha central e unha anexa, que actualmente son insuficientes para cubrir as necesidades da práctica deportiva no Carballiño.

12, Febreiro 2020

Vendo noticias sobre unha homenaxe a Antonio Palacios e vendo a sua biografia doume conta q morreu en 1945 e estamos en 2020, daquela e o 75 aniversario da sua morte , non o 85. O mais penoso e ver que o que din unhos e poñenos outros o final todos o copian sin interes ningun de comprobalo. Un error de acordo pero cometeno todos ......

Un saludo..

 

12, Febreiro 2020

Aconteceu esta pasada madrugada de mercores, os ladrós volveron conseguir entrar no interior do Restaurante-Pulpería Fuchela, e son xa oito veces dende a súa apertura en 2011.

Desta vez, accederon ao local tras romper cunha maza a cristalera da fachada, na Avenida 25 de Xullo do Carballiño, os ladróns tiñan como obxetivo apoderarse do diñeiro da máquina "tragaperras".

Dase a circustancia que este local, referencia na hostelería carballiñesa, permanece pechado por vacacións dende principios desta semana.

11, Febreiro 2020

En outubro deste ano 2020 cumprirase o 85 aniversario da morte de Antonio Palacios, autor do proxecto arquitectónico do templo da Veracruz, e con tal motivo o concello desenvolverá unha serie de actividades sobre este monumento e emblema do Carballiño, que culminarán coa colocación dun busto do arquitecto porriñés no entorno do templo.

Entre as actividades a desenvolver, figuran diversos concertos, conferencias, a edición dun folleto divulgativo, visitas guiadas, a convocatoria dun concurso fotográfico, a mellora da iluminación exterior do templo e a colocación dun busto de Antonio Palacios.

De feito, o concello enmarca como preámbulo desta programación o concerto da Escolanía de Segovia, que se celebrará na apertura do Festival Internacional de Música “Pórtico do Paraíso”, o día 6 de marzo ás 20,30 h. A este concerto lle seguirán outros que protagonizarán as corais do Carballiño en datas posteriores.

Así mesmo, terán lugar unha serie de conferencias sobre o templo da Veracruz e Antonio Palacios, editarase un folleto divulgativo e programaranse unha serie de visitas guiadas. Tamén está previsto establecer un sistema de información a través dun código QR con audiosignoguía, cuxo obxectivo é facilitar a accesibilidad á información relativa ao templo ás persoas xordas ou con outro tipo de discapacidade. Ademais convocarase un concurso fotográfico sobre os distintos aspectos arquitectónicos do templo.

Con respecto á mellora do sistema de iluminación exterior, o concello estudia neste momento diversas posibilidades de financiamento para acometer este proxecto, que está xa en estudio, e que se levará a cabo neste mesmo ano. Finalmente, como colofón do programa, está previsto encargar a un obradoiro de escultura un busto do arquitecto Antonio Palacios, que será ubicado nun lugar do entorno exterior do templo no mes de outubro, coincidindo co 85 aniversario da súa morte.

O párroco promotor da construcción do templo, don Evaristo Vaamonde da Cortiña, conta cunha escultura de bronce no exterior e un busto no interior dende hai tempo, pero non existe ningún monumento que lembre ao arquitecto que o deseñou, polo que se considera que é unha iniciativa que ven a saldar unha débeda que ten O Carballiño con Antonio Palacios.

Para ultimar este programa, o concello contará coa colaboración das entidades culturais carballiñesas, así como da parroquia, co obxectivo de dar o maior realce posible aos actos que se programen.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS