
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co alcalde de Beariz, Manuel Prado, para avaliar cuestións de interese para o concello en materia de saneamento e xestión de residuos.
En concreto, o rexedor informou á conselleira do interese municipal por acometer a reforma e ampliación da rede de saneamento na contorna de Igresario no lugar de Doade. Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto presentado polo Concello de cara a avaliar a súa viabilidade e as posibles fórmulas para acometer o seu financiamento.
Nesa liña, a conselleira incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade á súa veciñanza. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.
En canto á xestión de residuos, a conselleira e o alcalde analizaron a solicitude municipal para habilitar un punto limpo de pequenas dimensións no parque empresarial de Lebozán. Neste caso, Ángeles Vázquez lembroulle a Manuel Prado que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo á disposición das entidades locais unha oficina técnica de asesoramento específico en materia de xestión de residuos municipais na que pode recibir información sobre liñas de financiamento para levar a cabo esta iniciativa.

Asi o anunciou en COPE O Carballiño o tenente alcalde de Punxín, Eladio Fernández, que ven de recibir a confirmación por parte da Xefatura Provincial do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
A nova conexión coa estrada N-541, unha vella demanda do concello e a veciñanza, faráse á altura da propia capitalidade municipal.
Escoita aquí a entrevista a Eladio Fernández:
O BNG do Carballiño quere denunciar públicamente o descaro do goberno municipal formado polo PP e PSOE en relación á limpeza de maleza nos ámbitos de competencia municipal.
Está totalmente fóra de comprensión que o propio Concello anime aos veciños a acudir a denunciarse mutuamente pola limpeza de parcelas privadas, mentres deixa os espazos públicos en estado de abandono.
Esta situación obriga a circular por estradas literalmente ocupadas pola maleza; pon en perigo a seguridade viaria e amosa un incumprimento moi grave das súas funcións como administración local. Hai que ter en conta que é prerrogativa do goberno municipal velar pola aplicación da ordenanza reguladora da xestión da biomasa no solo urbano, algo que non están a facer.
Como exemplos evidentes deste desprezo, destacamos o lamentable estado do camiño que leva dende Pol de Piteira ata a vila da Lama, ademais dos colectores no medio de Pol.
Non son casos separados: en todo o municipio pódense situar condicións comparables o que reflicte unha deficiencia de dedicación e previsión do goberno local.
Dende o BNG do Carballiño esiximos ao goberno municipal que asuma as súas responsabilidades, actúe coa dilixencia e poña fin a esta situación de abandono que afecta non só á veciñanza senón a todo o municipio.
BNG do Carballiño

O pazo natal de Antón Losada Diéguez, en Moldes, acolleu a entrega da 40ª edición dos premios Antón Losada Diéguez, un evento impulsado polo Concello do Carballiño e o Concello de Boborás que conta co apoio da Deputación e que permite recordar cada ano a figura
do escritor de Boborás, ademais de poñer en valor a literatura galega actual. Manuel Rivas, escritor e xornalista, recolleu o galardón na categoría de creación literaria pola súa última novela, “Tras do Ceo”. Pola súa parte, o músico, profesor e escritor Alberto Pombo recibiu o premio na modalidade de investigación e ensaio polo traballo “Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000)”.
Con esta edición do premio, son xa 73 os autores e autoras galardoados nas modalidades de creación literaria e investigación. Hai sete que obtiveron o premio en dúas ocasións, entre eles, Manuel Rivas, que hoxe recibiu, precisamente, o segundo galardón.
Na súa intervención, Manuel Rivas agradeceu o recoñecemento do xurado e puxo en valor a creación literaria en galego. Nesta liña, sinalou a súa inquedanza ante a situación “de emerxencia” que vive a lingua galega. “É unha cultura e unha lingua afeita a navegar na treboada, pero está producíndose unha perda de transmisión entre xeracións, hai moita xente nova que está afastada do galego, que non o vive, e claro, é o noso tesouro cultural”, reinvidicou. Porén, apuntou a “creatividade extraordinaria” que se está vivindo en ámbitos artísticos como a música, a literatura ou o audiovisual. “Creo que é esta vangarda a que vai facer que a cultura galega non desapareza”, asegurou.
Pola súa parte, Alberto Pombo referiuse á importante relación que se establece entre a música, a literatura e a lingua, e o impacto do uso do galego nestes campos culturais. Nun discurso que emocionou a todas as persoas que asistiron ao acto, lembrou que a súa avoa non sabía ler nin escribir, pero recitaba de memoria ducias de poemas de autores galegos grazas ás cancións e á música.
O acto contou coa participación dos familiares de Antón Losada Diéguez; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Javier Vázquez, tenente alcalde de Boborás, e os concelleiros do Carballiño Diego Fernández, que entregou unha dos premios e substituíu ao alcalde, que non puido asistir, e Miguel Fernández e as concelleiras Rosa Fuentes e Lorena Crespo. Precisamente Diego Fernández, que presidiu o xurado do premio, fixo un chamado a escribir e publicar en galego, pero tamén a ler, pois con este premio, “ademais de comprometernos coa nosa lingua, tamén buscamos un estímulo para a lectura, a reflexión e a creatividade como forma de mellorar o mundo no que vivimos”.
Carlos Rodríguez Calvo, presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, foi o mantedor do evento. Na súa intervención referiuse a Chamoso Lamas de a Antón Losada Diéguez como “dúas figuras sobranceiras vencelladas con estas terras que contan cun gran patrimonio histórico, cultural e natural. Un patrimonio que hai que preservar e poñer en valor”.
Antes da entrega de premios tivo lugar unha ofrenda floral ao intelectual e escritor de Boborás e a Chamoso Lamas na igrexa de Moldes.

Na tertulia deste venres 13 de xuño participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, José A. Barge e Manuel Nogueira, xunto a Xan Pinal, tamén cos comentarios da sempre participativa audiencia de COPE O Carballiño.
Escóitaa aquí:

A Asociación Carballiño CCA pon en marcha unha nova edición da campaña “DÍAS LOCOS”, que se celebrará o venres 13 e o sábado 14 de xuño, co bxectivo de impulsar as compras nos comercios asociados e ofrecer unha experiencia dinámica para familias e visitantes.
Durante estes dous días 33 establecementos asociados ofrecerán descontos en artigos de tempada. Os clientes que realicen compras poderán participar no sorteo de 200 € en vales de compra (4 vales de 50 €), rexistrando o ticket en www.comerciocarballino.com/diaslocos ou depositando a papeleta na urna situada no stand de Carballiño CCA na Praza Maior.
A animación de rúa incluirá o venres xogos tradicionais na Praza Maior e na Pista Roxa (acceso mediante ticket de compra), e música itinerante polas rúas co coro “En Harmonía”. O Sábado, haberá zancudos, pasarrúas e un divertido Toro Mecánico na Praza Maior (entrada mediante ticket de compra).
Esta campaña leva o selo de cooperación institucional: cofinanciada pola Consellería de Emprego , Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello do Carballiño. Desde O Carballiño CCA animan á veciñanza a participar activamente nesta celebración chea de ofertas, diversión e dinamismo na vía pública.

O pulpo do Carballiño triunfou hoxe en Madrid. A Casa de Galicia na capital española acolleu a presentación oficial da 63ª Festa do Pulpo do Carballiño, adicada á vila irmá Noventa Padovana, situada no norte de Italia. A menos de dous meses da cita, que se levará a cabo o próximo 10 de agosto (como marca a tradición, o segundo domingo do mes), o goberno local do Carballiño convida á poboación a coñecer e desfrutar da romería gastronómica máis concorrida de toda Galicia.
Máis dun cento de persoas acudiron esta mañá á Casa de Galicia para asistir á presentación e degustar o plato estrella da vila do Arenteiro: o pulpo á feira, cociñado por unha pulpeira carballiñesa. O tenente alcalde, José Rafael Castro, aproveitou a ocasión para lanzar unha invitación aberta aos presentes, non són a participar na Festa do Pulpo, senon tamén a visitar Carballiño “en calquera época do ano”, aproveitando así a alta velocidade que une Madrid con Ourense en pouco máis de dúas horas.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, puxo en valor a unión con Noventa Padovana, onde cada mes de outubro se celebra a Fiera del Folpo, unha festa que tamén xira en torno ao cefalópodo e onde tamén acuden milleiros de persoas a desfrutar da gastronomía, a cultura e a tradición. Por outra banda, puxo en valor a evolución e historia da Festa do Pulpo do Carballiño, que comezou hai 63 anos “como unha reunión de amigos e familias arredor dunha caldeira de pulpo” e logrou converterse nunha das romarías gastronómicas “máis populas dos país e con máis fama internacional”. De feito, esta é a terceira edición como festa de Interese Turístico Internacional.
A presentación estivo conducida pola xornalista Leticia Iglesias, carballiñesa cunha longa traxectoria en medios de comunicación nacionais (actualmente, é conductora dos informativos de Telecinco). O edil de turismo agradeceu a súa participación, e avanzou que Iglesias será nomeada embaixadora da Festa do Pulpo.
O alcalde de Noventa Padovana, Marcello Bano, e o seu concelleiro de Turismo, Davide Iafelice, tamén acudiron ao acto. Ambos agradeceron a acollida por parte do Carballiño e enxalzaron a Festa do Pulpo, que puideron coñecer na edición do ano pasado. A unión entre ambas vilas é moi valiosa, non só a nivel gastronómico, senon tamén no eido cultural e etnolóxico: “As cousas que vos importan son as cousas que nos importan: o patrimonio cultural, os produtos da nosa terra, as técnicas e receitas que cada comunidade transmitiu de xeración en xeración para perfeccionalas cada vez máis”.
Pola súa parte, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, puxo en valor a internacionalización da Festa do Carballiño e a súa importancia como a romería gastronómica máis popular de Galicia.
José Rafael Castro e Manuel Dacal fixeron entrega de dúas esculturas de pulpeiras a Leticia Iglesias e a Luis E. Ramos, como mostra de agradecemento. Ao finalizar o acto, os asistentes puideron degustar do plato tradicional do Carballiño: o pulpo á feira.

Contenedores da praza de abastos

E mentres outros médicos do mesmo centro sanitario dan cita dun día para outro pero curiosamente se intentas cambiarte para eles teñen o cupo PECHADO cando a realidade é que teñen incluso menos pacientes. Hai cousas que non se entenden. Os cupos de pacientes deberan ser equilibrados e iguais na medida do posible entre todos os médicos. Que ningúen se cree que os pacientes de determinado médico enferman máis que os outros.
Onte na entrevista de Cope Carballiño,o concelleiro de turismo confirmou q iate ano o camping municipal estaría pechado. Vendeu os q a sua presenza na feira do viño en Portugal é imprescindible e eso é o q fai crecer unha vila como o Carballiño.Bueno sr concelleiro, eu penso q as vilas fannas crecer unha boa xestión dos q gobernan,ofrecer bós servizos a veciñanza e ter o pobo limpo e en condicións. Eu penso q inda q vostede non vaia a feira do viño de Portugal e non veña a Panorama o Carballiño pode crecer igual se se ofrecen outras cousas a maiores de esto q nos ofrece vostede. Infraestruturas deportivas dignas, e teñannos as ruas limpas e en condicións,por favor
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »