
O concello do Carballiño ven de recibir un galardón consistente en dúas Flores de Honra concedidas pola inciativa Vilas en Flor Galicia.
O galardón foille entregado ao alcalde polo director do Instituto de Estudos do Territorio, Guillermo Evia, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, no transcurso dun acto celebrado na Cidade da Cultura en Santiago. Ademáis do alcalde, Francisco Fumega, tamén acudiu a esta convocatoria a concelleira de Medio Ambiente, Rita Soto, que participou previamente nunhas xornadas técnicas organizadas por Vilas en Flor Galicia.
É o primeiro ano que o concello do Carballiño participa nesta experiencia, e por iso o alcalde agradeceu a concesión do galardón, que supón, según dixo, “un aliciente máis para seguir mellorando este recurso e contribuir a que os espazos naturais do Carballiño sexan cada vez mellores. Realmente, no Carballiño temos arredor de 500.000 metros cadrados de zonas verdes, plenamente integradas no casco urbano, e cuxo mantemento require un gran esforzo económico, así como en medios técnicos e persoal. É un recurso ao que destinamos anualmente unha parte importante do noso presuposto municipal, pero que damos por ben empregado, xa que representa un dos principais reclamos turísticos do Carballiño. Non cabe dúbida que o parque municipal e os sendeiros do río Arenteiro otórganlle ao Carballiño unha configuración urbana de singular beleza natural e medioambiental, e que, xunto cos espazos axardiñados das nosas prazas, conforman un patrimonio que debemos seguir mimando e mellorando”, dixo Fumega.
Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios de Galicia e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a súa cohesión social; mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas; xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sustentable dos pobos e cidades; promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais; e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes urbanos.

Asi estaba esta mañá a entrada do centro de saúde do Carballiño, debian poñer unha barca para entrar... señores do concello póñanse as pilas e fagan o kmantemento dos sumidoiros.

O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos do Carballiño informa da posta en marcha da segunda edición do Contacontos Familiar , cofinanciada polo Fondo Social Europeo, que se levará a cabo con motivo da celebración do 25 de Novembro (Día Internacional contra a violencia de xénero), e que terá lugar as vindeiras fins de semana.
Para a conmemoración de dita data, realizarase nos diferentes Concellos mancomunados unha actividade teatral gratuíta para toda a familia, consistente na representación de diferentes contacontos: Rosalía, tod@s por igual; Turia e O Dragón; O Rosa non é unha cor; e As princesas tamén tiran peidos; coa que se pretende transmitir os valores da igualdade e da coeducación nas familias.
Estas actividades enmárcanse dentro da prevención, ferramenta indispensable dentro do Programa de Educación Familiar para evitar o posible futuro desenvolvemento de condutas pouco adaptativas no ámbito familiar.
A programación dos contacontos levarase a cabo nos meses de novembro e decembro, seguindo a planificación que se especifica a continuación:
BEARIZ
-Turia e O Dragon- CASA DO CONCELLO, SALÓN DE ACTOS, VENRES, 22 de Novembro, ás 18:00H
BOBORÁS
-Rosalía, to tod@s por igual- LOCAL SOCIAL DE CAMEIXA SÁBADO, 23 de Novembro, ás 17:00
SAN AMARO
-As Princesas tamén se tiran peidos- CENTRO DE SAÚDE DE SAN AMARO DOMINGO, 24 de Novembro, ás 17:00H
PIÑOR
-O rosa non é unha cor- CENTRO SOCIAL ALBARONA SÁBADO, 30 de Novembro, ás 17:00H
IRIXO, O
-Turia e O Dragon- CASA DO CONCELLO, SALÓN MULTIUSOS DOMINGO, 1 de Decembro, ás 17:00H

O Partido Popular expón que "con data do 18/11/19 publicáronse no BOP as bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás ANPAS dos centros educativos públicos que imparten ensino Infantil e primario no Concello do Carballiño, para a implantación de programas destinados á conciliación da vida familiar e para a realización de actividades de carácter educativo e gastos de funcionamento no curso 2019/2020".
Unha vez coñecida esta convocatoria, o Grupo Popular do Concello do Carballiño, denuncia " discriminación na por elección de centro educativo que sofren desta forma todas as familias que teñen aos seus nenos e nenas nos colexios concertados existentes no noso municipio, concretamente os colexios Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón". Razonan os populares que "as familias con cativos en idades de educación infantil e de primaria teñen as mesmas necesidades de conciliación familiar, con independencia do colexio ao que asistan. Cando as actividades para conciliación fanse por medio das ANPAS, estas deben ser consideradas como unha agrupación de nais e pais e, todas elas, tamén con independencia do colexio no que estean organizadas, teñen os mesmos dereitos a ser adxudicatarias desta subvención".
E engaden "ningunha administración pode discriminar as actividades que as propias familias organizan por medio das ANPAS facendo depender a súa concesión de si o colexio é concertado ou público, pois con iso estaríase afectando claramente ao dereito dos pais e nais para elixir libremente o centro educativo dos seus fillos e fillas, algo claramente inconstitucional". O grupo socialista do Carballiño, afirman, "parece contaxiarse do dito recentemente por algún dirixente do seu partido a nivel nacional, negando o dereito das familias para elixir libremente o centro educativo que queren para os seus fillos, palabras que enseguida tiveron que rectificar".
E recordan dende o Partido Popular que "esta subvención, que agora publica desta forma o grupo maioritario do goberno municipal socialista, procede do acordo do Pleno celebrado o día 7 de marzo de este mesmo ano, que xenericamente era unha subvención para as ANPAS, habendo quedando claro durante as negociacións para a súa aprobación que as subvencións estaban dirixidas a todas as ANPAS existentes nos centros de educación infantil e primaria do Carballiño, polo que o grupo de goberno está a incumprir non só un acordo plenario, senón tamén o acordo alcanzado no seu momento co grupo popular, acordo que naquel momento era imprescindible para a aprobación de estas subvencións".
Tampouco se adapta, manifestan, o publicado no BOP ao tempo previsto para a realización das actividades subvencionadas, xa que os 5.000€ que se aprobaron no pleno deberían destinarse a actividades realizadas no último cuadrimestre deste ano 2019, e non para todo o curso 2019-2020, tal e como recolle a convocatoria. E isto facíase así porque xa estaba prevista outra liña de subvencións para o ano 2020, subvencións que agora vemos perigar tras a publicación da convocatoria.
Remarcan os populares que "o grupo de goberno municipal discrimina inxustificadamente a varios centos de familias do noso pobo que teñen aos seus fillos e fillas nos colexios concertados e ademais concederá tan só 5.000 € en subvencións para todo o ano escolar, no canto de destinar esta cantidade ao primeiros catro meses de curso e achegar despois outras cantidades con cargo ao orzamento do ano 2020".
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular, esixen a rápida rectificación destas bases para ampliar os posibles beneficiarios das subvencións ás ANPAS dos colexios concertados do Concello, e ademais que a cantidade de 5.000 euros destínese unicamente a sufragar as actividades dos meses de setembro a decembro do 2019, comprometéndose a convocar unha nova liña de subvencións con cargo ao orzamento do ano 2020 por un importe "polo menos igual ao aprobado grazas ao acordo alcanzado no seu día co Partido Popular".

A Consellería de Política Social ven de resolver a última convocatoria para a apertura de novas casas niños nos concellos de menos de 5.000 habitantes, nesta nova convocatoria incluíse a apertura deste servicio no concello de Punxín, que no ámbito da Comarca do Carballiño ven a sumarse ás xa abertas nos concellos de Beariz, O Irixo, Piñor e San Amaro.
As casas niño están destinadas a atender cativiños entre os 0 e os 3 anos de idade, de forma gratuíta, para favorecer as necesidades de conciliación dos país e nais que viven nos pequenos concellos rurais, con capacidade para atender entre 5 e 9 usuarios.
Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís ou a recentemente anunciada de gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos en todas as escolas de Galicia para os segundos fillos e sucesivos a partir do vindeiro ano.

Asi o anunciou nesta emisora de radio o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, o proxecto xa está avanzado de tal maneira que este novo albergue de peregrinos que pasará a formar parte da rede pública de albergues do camiño.
Ata o de agora, ven cumplindo a función de albergue de peregrinos o xestionado pola comunidade cisterciense nas propias dependencias do mosteiro, aínda que en condicións de bastante precariedade, que utilizan os peregrinos que se achegan a Oseira dende Cea seguindo unha variante desta ruta xacobea que decorre polos concellos de Cea e Piñor.
O rexedor municipal confirmou que o novo albergue ubicaráse na "casa do cura", á entrada do cenobio cisterciense "e será ademáis un albergue estratéxico, que terá salas de interpretación do camiño e para diversas actividades".
Desta maneira, o concello de San Cristovo de Cea pasará a contar con dous albergues públicos no seu territorio municipal, éste novo de Oseira sumaráse ao de titularidade municipal sito na vila de Cea e que Valladares non descarta ampliar "estamos mirando a posiblidade de adquirir algunhas casas en ruínas ó lado do albergue que facilitarían a súa ampliación, porque non poucas veces temos que recurrir ao pavillón de deportes para poder darlle acollida aos moitos peregrinos que pasan por Cea, sobre todo cando son grupos moi numerosos", subliñou.
Despois de case oito meses alégranos ver como o pasado sábado 16 de novembro xa se atopaba por fin rematada a reforma que se lle deu ao Parque Infantil da Alameda.
Máis dende o Círculo de Podemos do Carballiño vemos que dito Parque non cumpre con tódalas medidas de seguridade.
Debido a que os parques infantís son lugares destinados ao desfrute de nenos e nenas, é esencia que os fabricantes de os distintos aparatos de xogos cumpran unhas estritas medidas e respecten as normativas de seguridade de ditos parques. O obxectivo é garantir que dito lugar de xogo cumpra con tódolos requisitos para non poñer en perigo a integridade física dos nenos e nenas.
Pese a que no reino de España non existe un Real Decreto nin ningunha normativa vixente, en Galiza si temos un decreto propio para controlar a instalación e medidas de seguridade de estes parques basadas nas normativas UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177. Este é o Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, e o mesmo ben recollido no DOG 89, venres 9 de maio de 2003.
Pois ben, no artigo 3 punto 2 de dito decreto ben recollido que:
“Las superficies previstas para el juego deberán estar debidamente acotadas deuna forma segura y separadas del tráfico rodado, bien mediante un distanciamiento mínimo de 30 metros o bien a través de su separación por medios naturales o artificiales que protejan a los menores del peligro derivado de su acceso inmediato a la calzada.”
Si miramos os planos de dita obra, os cales se poden consultar na páxina web da Plataforma de Contratación do Sector Público co número de expediente 1164/2019, resulta que dende a rotonda ata a zona de xogos denominada zona 2, non existen eses 30 metros mínimos.
Pero claro está, que si non temos eses 30 metros, isto poderiamos solventalo mediante a colocación de medios naturales ou artificiales que protexan as nenas e nenos do perigo derivado de acceder á calzada.
Pois resulta que o valado que separa a zona 2 de xogos (onde está o castelo) non é totalmente pecho, como se pode comprobar nas seguintes fotos:
Para nós, aquí non se está a cumprir coa obriga de delimitar a zona de xogos para que a mesma sexa segura para as crianzas.
Pero non só atopamos certa carencia de medidas de seguridade no tocante a delimitar e protexer as zonas de xogos.
Tamén atopamos que un dos xogos pode presentar un potencial perigo á integridade física dos nenos e nenas que o usen. Falamos do revestimento metálico que cubre a cama elástica. Como podedes ver nas fotos presenta aristas metálicas que poden resultar perigosas.
Tamén apreciamos que o entramado metálico dos tobogáns do castelo poden resultar potencialmente perigosos e proclives a que nos mesmos se produzan esguices ou torceduras de membros.
Volvendo á normativa oficial, vemos como tampouco se cumpre co recollido no artigo 6 de o decreto 245/2003:
“ Señalización".
1. En los parques infantiles figurarán, de forma fácilmente legible, carteles que contengan, por los menos, las siguientes indicaciones: a) La situación del teléfono público más próximo.
b) La localización del centro sanitario más próximo y la indicación del número deteléfono de las urgencias sanitarias, en caso de accidente.
c) El número de teléfono del servicio encargado del mantenimiento y reparaciónde desperfectos del parque infantil.
d) La prohibición de circulación de vehículos de motor, y la limitación de uso debicicletas, patinetes y similares.
e) La prohibición de uso de los juegos a los mayores de edad.
f) La prohibición de acceso de animales a los parques infantiles.
g) La recomendación de uso de los juegos por tramos de edad.
h) La obligación de que los menores de tres años estén constantementeacompañados y supervisados por un adulto en el área de juego infantil.”
Non puidemos atopar na visita da cal tomamos as fotos dito cartel.
Tampouco atopamos en distintos elementos de xogos o que marca a lexislación vixente no seu artigo número 8:
“ Marcado".
Los equipos deberán marcarse de forma legible y permanente con la siguiente información, como mínimo:
-Nombre y dirección del fabricante representante autorizado.
-Referencia del equipo y año de fabricación.
-Marca de la línea de suelo.
-El número y la fecha de la norma de referencia.”
Expostos os nosos motivos de dúbidas con respecto a si o Parque Infantil da Alameda cumpre con todas as medidas en materia de seguridade, dende o Círculo de Podemos no Carballiño solicitamos que dende o grupo de goberno municipal se poñan as medidas de seguridade e de protección pertinentes para que dito parque infantil cumpra coas esixencias da lexislación vixente recollida nas normativas UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177 e no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, polo ben e a seguridade das nosas nenos e nenas.
18 de novembro de 2019
Círculo de Podemos no Carballiño.

Os actos programados pola concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Educación, a través do Centro de Información da Muller (CIM), con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, desenvolveranse en novembro e decembro con diversas iniciativas que foron presentadas esta mañá pola concelleira Guadalupe Sobrado.
A primeira actividade terá lugar este sábado, 23 de novembro, coa actuación do grupo De Vacas, que actuará no auditorio municipal Manuel María, ás 21,00 h. Este concerto desenvólvese en colaboración coa concellería de Cultura, e forma parte do convenio coa Rede de Teatros e Auditorios de Agadic. O prezo da entrada é de 5 euros.
O acto institucional polo 25N terá lugar o próximo luns, 25 de novembro, no salón de plenos do concello. Será ás 12,00 h., e estará presentado pola profesora da aula de teatro do IES Chamoso Lamas e integrante do grupo de teatro Dar Trela, Clara Vázquez. Neste acto darase lectura a un manifesto, e contará coa colaboración dos centros educativos, Bo Día, Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e Asociación de Mulleres pola Igualdade do Carballiño. Así mesmo, actuarán Celia Salceda Cibeira, profesora do Conservatorio de Música e a alumna Noemi Duro Pérez.
A terceira actividade do programa contra a violencia de xénero celebrarase o 19 de decembro no IES Chamoso Lamas. Será un Encontro-Dabate en 1º de Bacharelato, co tema “Hai saída grazas a ti”, que aboradará a violencia de xenero con especial énfase na xente moza.
Finalmente, o 13 de decembro reunirase a Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención ás Vítimas de Violencia de Xénero. Será no salón de plenos do concello ás 13,00 h.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 397
- 398
- 399
- 400
- 401
- 402
- 403
- 404
- 405
- …
- seguinte ›
- última »