
A líder e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo parada no Carballiño nesta primeira xornada de campaña para presentar "un proxecto creíble para o futuro do Carballiño".
"O BNG é a mellor opción para que O Carballiño avance, porque os gobernos con pelexas internas non son bos para O Carballiño, e evitar a deriva na que está inmerso o concello", concluiron a portavoz nacional e o candidato á alcaldia Chema Ferreiro, no transcurso dun encontro informativo.
"O BNG é vital para defender os dereitos dos carballiñeses e dos galegos, porque temos a cabeza e o corazón no Carballiño e no país", concluiron.

Fumega elexíu a explanada do parque municipal e o primeiro dia da campaña electoral para facer a foto "de familia" da candidatura do PSdeG-PSOE no concello do Carballiño "orgullo de presentar esta candidatura que formamos persoas que queremos a O Carballiño, esto é fundamentalmente o que nos une os que estamos aquí"
O candidato socialista á alcaldía presumíu de xestión municipal "saneamos as contas do concello e eso permitirános seguir abordando proxectos de mellora para O Carballiño".
Renega o candidato socialista de grandes proxectos que despois son imposibles de realizar "nos apostamos por propostas e proxectos sostibles, por unha política baseada en realidades".

O Carballiño conta dende hoxe cun video de promoción turística gravado con drons en alta definición para promocionar a vila a través de internet e as redes sociais, así como para proxectar nos certames feirais de turismo aos que acuda o concello.
Este vídeo, de 4 minutos de duración, foi presentado esta mañá no concello polo alcalde, Feancisco Fumega, e os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
O video reproduce as imaxes dos principais recursos turísticos do Carballiño, como son os banearios, a gastronomía e o patrimonio cultural e natural, tal e como dixo Francisco Fumega neste acto de presentación.
“O turismo é un dos sectores máis dinámicos do Carballiño. Por eso é importante incidir na súa promoción. Somos unha vila turística cun gran potencial termal e gastronómico, e temos un gran patrimonio cultural e natural. Estes catro pilares do noso turismo é nos que se basea este vídeo, pensado especialmente para difundir polas redes sociais e as páxinas web do Concello e de Turismo, promocinando a nosa vila de cara ao verán”.
Tamén dixo que “de feito ímolo proxectar no stand do concello do Carballiño na próxima Feira Expocidades do Eixo Atlántico, que se celebrará na cidade portuguesa de Braga do 31 de maio ao 2 de xuño”.
O vídeo foi realizado por unha empresa especializada neste tipo de reportaxes: Live Events Sports. Foi gravado en alta definición e usouse un dron para realizar as imaxes en altura e captar perspectivas que non se poderían tomar doutro xeito.
Ao respecto, o acalde advertiu que “temos que facer a salvedade de que este vídeo vaise completar durante o verán, tomando imaxes en alta definición dalgúns eventos dos que non temos imaxes deste tipo, como son a Feira Medieval, a Festa do Pulpo, concertos ou as piscinas municipais, por citar algúns exemplos”.
O video, que leva por título “O Carballiño Vila Turística” comezará a dinfundirse hoxe a través de You Tube, faceboock e páxinas web, e forma parte dunha serie de iniciativas para seguir potenciando os recursos turísticos do Carballiño.
Para ver o vídeo sigue esta ligazón: https://drive.google.com/file/d/1UQi2ER25-fxpyJlq3XTR7jOSpe4D136w/view

O PSdeG-PSOE de Leiro presenta a súa candidatura de cara as vindeiras municipais ca “forza e a ilusión de traballar pola veciñanza do noso municipio e reverter a situación de parálise que actualmente reina no concello”.
Unha candidatura que en palabras do cabeza de lista, Manuel Rodríguez “está apoiada en dous piares coma son a experiencia dos máis veteranos e a xuventude que aportará novas ideas”. Un proxecto que conxuga un grupo de mulleres e homes comprometidos coa xente que, en palabras do candidato á alcaldía “defenden os valores, o potencial, a capacidade e os dereitos da veciñanza de Leiro no seu conxunto”. Un proxecto que ten as miras postas no futuro e na xestión do concello.
“Estamos preparados para levar a cabo unha excelente xestión municipal con total transparencia, para así, facer que Leiro avance cara un futuro mellor”, explica Rodríguez. O candidato manda tamén unha mensaxe á veciñanza, a cal chegoulle o momento de decidir se aposta polo cambio.
“É o momento de Leiro, de mirar cara adiante e avanzar, e o momento da veciñanza, dos que non se renden e creen nun proxecto de ilusión e futuro con esta candidatura do PSdeG-PSOE de Leiro”, finaliza o candidato.
CANDIDATURA
1. Manuel Rodríguez Vázquez 2. Iván Barreiro Rodríguez 3. Cristina Rodríguez Fernández 4. Esteban Alarcón Gómez 5. María Carmen Fernández Hermida 6. Prudencio Diéguez Alejos 7. María Ángeles González Sanmarful 8. Eduardo López González 9. Ángel Sanmarful Rodríguez
Suplentes 1. Saúl Rodríguez Balboa 2. José Luis Novoa Borrajo 3. Salvador Fernández San Vicente 4. Guillermo Méndez Nóvoa
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, no comedor do Restaurante -Asador Veracruz, Ricardo Perea, candidato do PP á Alcaldía do Carballiño, estivo acompañado polas mulleres e homes que o acompañan na candidatura e que presentou como a “transformación homoxénea, para un goberno solvente no Carballiño que se fai incorporando nomes novos e contrastados pola sociedade carballiñesa, xunto con persoas de gran dedicación e experiencia no propio concello".
Así pois, a incorporación do Propio Candidato Ricardo Perea, Celso Carballal, Lidya Almonte, Rosa Gamallo e Camilo Álvarez figuran nos primeiros postos da lista popular con Argimiro Marnotes, Pilar Caride, Magín Daparte e Teresa Cerdeira.
Ricardo Perea, aproveitou para presentar o que será o esquema da campaña, na que se compromete a dedicarse en exclusiva a facer o porta a porta toda a campaña para poder explicar a tódolos veciños e veciñas o seu proxecto para "o meu pobo, polo que sinto gran paixón".
Baixo o eslogan #PaixónPoloCarballiño se presenta un programa que da solución a cada un dos problemas e carencias que segundo os Populares levan causado a improvisación e falta de xestión do “desgoberno do PSOE do Carballiño”.
"É un programa apaixonante a vez que necesario para a dinamización e prosperidade do Carballiño, que deseña o seu futuro, afastándose da improvisación actual e traballando en temas que nunca antes se abordaron ou executaron", subliñou.
Ampliación do Parque Empresarial, un complexo deportivo e de ocio no contorno do colexio da Uceira, segunda galiña azul, actuar no parque municipal, unha biblioteca con local de estudios moderna e céntrica, novo centro de saúde, mais limpeza e mantemento das instalacións, mellor convivencia entre mascotas e veciños, mais policía nas rúas, colaboración cos ANPAS, mais conciliación, potenciar o turismo, apertura de rúas estratéxicas, actualización e mantemento dos cerca de 100km de sistema viario, son algunhas das referencias que fixo sobre o mesmo.

A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ven de remitir ao concello do Carballiño o proxecto de rehabilitación do CEIP da Uceira, no que investirá 872.816,74 euros, que é a cantidade que se corresponde co orzamento do proxecto, e que sufragará íntegramente este departamento da Xunta de Galicia.
A reforma consiste na substitución da cuberta e mellor aillamento do forxado, mellora do aillamento térmico da fachada, substitución das fiestras sen vidrio aillante por outras con rotura de ponte térmico e aillamento, mellora do aillamento e moficiación das caixas interiores das persianas, substitución das luces por outras led, colocar falsos teitos nas aulas e nos espazos comúns baixándoos todo o posible, susbtitución das tuberías de ferro por outras de cobre nos baños, substitución das portas de acceso ás aulas na planta baixa e na zona antiga do centro, e pulido e abrillantado do pavimento do terrazo existente.
Xunto coa remisión do proxecto, a consellería solicita a concesión da licencia de obras correspondente co obxectivo de poder licitar e adxudicar canto antes esta reforma do colexio público da Uceira.
Melloras na Biblioteca Municipal
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, asinou o convenio de colaboración remitido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para a reforma da biblioteca pública municipal. Esta reforma, que terá un custo global de 90.000 euros, dos cales 70.000 euros serán aportados pola consellería de Cultura e os 20.000 euros restantes polo concello do Carballiño, consiste no cambio do sistema de climatización, así como na susbstitución das fiestras e o remate da nova sala de lectura na planta baixa.
En canto se reciba o convenio asinado polo titular da consellería, Román Rodriguez González, o concello procederá á licitación e adxudicación deste proxecto, para excutalo o antes posible.
Esta reforma para a mellora da biblioteca municipal, complementa a realizada o pasado ano pola escola taller nos aseos e na planta baixa.

O Auditorio Manuel María e a Casa da Cultura serán os marcos nos que se desenvolverá o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador (FETTA), coincidente coas XIV Xornadas de teatro FEGATEA, que terán lugar o venres 10, sábado 11 e domingo 12 de maio, no Carballiño.
O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño coa aistencia do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o responsable de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Daval; a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, Chelo Pampillón, e os directivos do grupo Tiruleque, Xosé Prada e Lydia Almonte.
No festival, que é totalmente gratuito ata completar o aforo, representaranse tres obras teatrais: o día 10, ás 20,30 h., Teatro Balugas de Portugal coa obra “Pâo Nosso”; o día 11, ás 20,30 h., compañía Latela Teatro de Castela-León coa obra “Raíces, de Lorca”, e o día 12 ás 17,00 h., a compañía galega Lohengrin Teatro coa obra “A mirada das bolboretas”. As tres representacións terán lugar no auditorio municipal, e a entrada será de balde.
Ademáis, o 11 de maio, na Casa da Cultura, ás 18,00 h., haberá un obradoiro de escrita por Ernesto Is, e ás 18,30 h., unha mesa charla coloquio sobre Teatro e inclusión, por Victoria Teijeiro.
Así mesmo, o domingo 12 de maio, ás 12,30 h., no auditorio, presentarase o I Premio PLATTA de teatro breve en galego, e representaranse os talleres de lecturas nos 3 idiomas (portugués, galego e castelán) da obra gañadora “Morreu a tía María”, de Xosé Prada.
Diego Fernández amosou o seu orgullo por poder presentar un festival que complementa a programación cultural do concello do Carballiño nas vísperas da celebración da Semana das Letras Galegas. E destacou que se trata dunha das grandes citas anuais do teatro afeccionado en Galicia, polo que felicitou á Federación de Teatro Afeccionado e ao grupo Tiruleque.
Chelo Pampillón resaltou a importancia do evento e da FEGATEA como incentivadores do teatro afeccionado, do que dixo era un xeito de “teatro por amor”. Explicou que conforman a federación 54 grupos de teatro, nos que se implican unas 1.300 persoas, e que en breve celebrarán o 20 aniversario. Dixo que organizan festivais, circuitos e ciclos formativos, destacando que estes últimos eran unha aposta clara do teatro afeccionado. Tamén se referiu aos premios conseguidos nestes case vinte anos de existencia, e agradeceu ao concello do Carballiño e a Deputación de Ourense a súa colaboración.
Manuel Doval dixo estar especialmente motivado por esta presentación, pois se facía nunha vila moi vencellada co teatro. Destacou a colaboración da Deputación cos concellos e as asociacións en materia cultural, e destacou o feito de que se incluise no programa do festival unha obra infantil, pois era un xeito de dinamizar a formación dos escolares.
Finalmente, Lydia Almonte animou á veciñanza do Carballiño a asistir ás representacións e demáis actos do festival.

O Club Clásicos Arenteiro organiza por cuarto ano consecutivo a concentración Carballiño JOB, que reunirá a 60 coches de toda Galicia anteriores ao ano 1983, e que discorrerá polo Carballiño, Cea, Vilamarín e Maside, cun percorrido de 50 kilómetros.
Esta proba deportiva, que terá lugar este domingo, 12 de maio, foi presentada ao mediodía na Praza Maior coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e os directivos do Club Clásicos Arenteiro Óscar Otero e David García.
A xornada comezará ás 9 da mañá na praza da Veracruz, e ás 11,00 h., será a saída, cun itineario secreto.
Manuel Dacal agradeceu o traballo que desenvolve o Club Clásicos Arenteiro, e que personalizou en Óscar Otero e David García, por organizar eventos deportivos que incentivan o turismo na vila carballiñesa.
Recordou as probas automobilísticas de gran importancia que xa se celebraron este ano no Carballiño, e outras que o farán nos próximos meses, e que dinamizan a economía local, polo que felicitou aos organizadores.
Óscar Otero resaltou a gran participación de pilotos e coches do Carballiño ou pertencentes ao Club Clásicos Arenteiro, pero tamén aos pilotos do resto das provincias galegas, e agradeceu a colaboración do concello e patrocinadores. Finalmente, animou aos veciños e afeccionados a asistir á concentración e posterior saída desde a praza da Veracruz.

O Centro de Estiudios Chamoso Lamas celebra este ano 2019 o seu 25 aniversario. Con tal motivo está a deseñar un programa de actividades que ainda non ten datas concretas, pero que podería levarse a cabo entre o 15 de agosto e o 15 de setembro.
En todo caso, o 17 de maio próximo, Día das Letras Galegas, e data na que se cumple este vixésimo quinto aniversario, terá lugar a presentación do libro do arqueólogo e coordinador da sección de Arqueoloxía da entidade, Jorge Lamas Bértolo, titulado “Cemiterios esquecidos: O fenómeno tumular na comarca do Arenteiro.
A presentación desenvolverase no salón de actos do Casino do Carballiño, ás 19,30 h.
Será a primeira actividade dunha serie de iniciativas que incluirán a edición dun número especial da Revista Argentarium, unha exposición retrospectiva sobre a traxectoria da entidade, unha ruta urbana guiada polo centro histórico da vila e unha andaina pola senda do Arenteiro ata a sede do centro de estudios en Cabanelas, entre outras propostas que se están valorando e que se darán a coñecer máis adiante.
Así mesmo, tamén se presentarán en próximas datas actas do IX Congreso e uunha publicación monográfica sobre Luis Míguez.

O PSdeG-PSOE presentou a súa candidatura nas próximas eleccións do 26 de maio, que estará encabezado por Xosé Uxío Rodríguez Blanco. Unha candidatura "sólida, unida e gañadora, que quere recuperar a economía municipal en Piñor e apostar por proxectos que repercutan directamente na vida das persoas".
O candidato socialista destacou que aposta por “un concello aberto para todos e todas, que sexa participativo, que escoite á veciñanza e que estes sexan gobernados en igualdade de dereitos, primando o interese colectivo”.
O acto, celebrado no Centro Social Albarona, acudiron un cento de veciños e veciñas, ademais de militantes de diferentes puntos da comarca e a executiva provincial, que estivo representada na figura de Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense que chamou “a recuperar esta provincia do ostracismo e acabar con décadas de gobernos absolutistas da familia Baltar que só trouxeron miseria a nosa provincia”, e á que en palabras de Villarino “xa vai sendo hora de devolverlle á dignidade”.
O secretario provincial chamou tamén á veciñanza “a cambiar Piñor e a apostar por un proxecto socialista sólido, con futuro, cheo de ilusión e que ven reforzado tralos resultados conseguidos o pasado 26 de maio, pero non debemos esquecer que hai que traballar duramente para conseguir que o 28 de abril mude o concello de Piñor, a cidade de Ourense e o resto da provincia, que merece a chegada de novos tempos, de progreso e de políticas útiles para os ourensáns e as ourensás”.
Uxío Rodríguez fixo referencia ante a súa veciñanza dos cinco eixos sobre os que pilotarán as súas políticas. “A execución do PXOM, aprobado hai máis de 3 anos; os servizos sociais; pelexar pola redución do IBI; apoio obxectivo os distintos colectivos deportivos e a o fortalecemento da Vía da Prata, que circula polo noso concello, serán os nosos eixos de traballos se conseguimos o goberno de Piñor”.
O candidato tamén fixo fincapé na importancia de “saber de onde vimos, onde estamos e cal é o noso futuro. Pois non podemos esquecer que vimos dunha agrupación veciñal que cogobernou en Piñor e agora damos o paso de presentarnos polo PSdeG-PSOE para aspirar novamente o goberno”.
O candidato tamén fixo referencia a un dos motivos polo que abandonaron o goberno bipartito. “O Partido Popular negounos por escrito a situación económica do municipio e o endebedamento do mesmo”. Algo que Uxío Rodríguez di que “ tememos poida ter empeorado, dados o gasto que o goberno municipal está a realizar nos últimos meses, coa instalación de tres farois onde había un ou onde non se precisaba, ou o asfaltado mal e tarde dalgúns camiños”.
Os socialistas apostarán por unha auditoría municipal se finalmente acceden o goberno “para coñecer de primeira man a situación económica real do concello e pórlle solución”. Non se esquece Uxío Rodríguez tampouco de problemas comúns na provincia, “loitaremos para por freo ó despoboamento, para paliar a carencia de servizos, amosando respecto ós recursos naturais” e finalizou chamando a unidade “para aprobar medidas que xeren emprego, fixen poboación e axuden a que Piñor siga existindo”
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 428
- 429
- 430
- 431
- 432
- 433
- 434
- 435
- 436
- …
- seguinte ›
- última »