8, Marzo 2019

Centros educativos, asociacións e veciñanza participaron esta mañá nos actos celebrados no salón de plenos do concello e na Praza Maior polo Día Internacional das Mulleres.

En ambos eventos demandouse a plena igualdade entre mulleres e homes, e rexeitouse calquera tipo de discriminación por razón de sexo así como calquera tipo de violencia machista.

No acto, que tivo lugar ás 12 no salón de plenos do concello, e que foi presentado pola actriz do grupo de teatro “Dar Trela”, Clara Vázquez, interviñeron o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Igualdade, Marina Ortega; os centros educativos Bo Día Familia, Escola Infantil Trastes e Instituto Chamoso Lamas, así como os colectivos Aspdisi, Asdifica e Cruz Vermella.

Tras o saúda do alcalde, a concelleira de Igualdade diu lectura a un manifesto, e posteriormente interviñeron representantes dos colectivos e centros educativos presentes que, en todos os casos, puxeron de manifesto a necesidade de seguir avanzando na igualdade real de mulleres e homes, rexeitando calquera tipo de discriminación laboral, social ou de calquera outra índole por razón de sexo.

Finalmente, como peche, interpretaron unha canción composta para esta ocasión a cantante Marta Bravo e o guitarrista Héctor Lorenzo.
A este acto asistiron concelleiras e concelleiros do grupo de goberno, do grupo do Partido Popular, do BNG e de Alternativa Veciñal AV-SON, así como moitas veciñas e veciños que abarrotaron o salón de plenos do concello.

Ao termo deste acto, ás 12,45 h., tivo lugar unha concentración na Praza Maior de apoio á folga e á mobilización de hoxe polo 8 de marzo, e na que leron unhas proclamas a prol das mulleres dúas alumnas do Instituto Chamoso Lamas.

6, Marzo 2019

José Luis Valladares Fernández (San Cristovo de Cea, 1946) encabezará a lista que o Partido Popular presentará en San Cristovo de Cea para as municipais de maio, aspirando a un novo mandato que o candidato cualifica como “o do benestar e o da creación de emprego”, especialmente este último apartado logo da posta en marcha do parque empresarial. Un proxecto, sinalou o presidente provincial, Manuel Baltar, que reafirma “a credibilidade dun político, sempre co apoio maioritario dos seus, que foi quen de poñer todo o seu empeño en converter esta infraestrutura nunha realidade”.

Alcalde desde 1991 e cunha longa experiencia municipal anterior como concelleiro, José Luis Valladares debuxa rápidamente a evolución do seu concello en todos estes anos, destacando a dotación de infraestruturas básicas para os 86 núcleos de poboación, a construcción do edificio multiusos, as piscinas, o pavillón deportivo, o tanatorio municipal ou os locais veciñais en case todas as parroquias.

Na actualidade, e xunto co acondicionamento de todas as pistas do concello, o candidato destaca a prestación de servizos sociais como a axuda a domicilio, con todas as solicitudes prácticamente atendidas, e a previsión de seguir a formar persoal para ampliar a cobertura do servizo.

Unha ampla e variada actividade, tanto no que se refire á xestión do concello como para a veciñanza, “que sería impensable se non houbese traballo e nesas estamos, tratando de impulsar a creación de emprego”, subliña Valladares, facendo mención así ao parque empresarial promovido desde o propio concello e que, coa axuda das administracións, “hoxe é unha realidade con dúas empresas xa instaladas e outras que amosaron o seu interese por desenvolver aquí a súa actividade”.

Todas estas, engade, “son razóns máis que suficientes para pedirlle aos meus veciños que sigan a confiar na miña candidatura e do meu equipo para que fagamos da próxima etapa o mandato do benestar e do emprego”.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, non dubida que José Luis Valladares obteña de novo unha ampla maioría “porque os seus logros e os do seu equipo, tanto como alcalde como pola súa experiencia anterior de concelleiro, son garantía de éxito”. Durante este tempo, dixo Baltar, “foi quen de converter en realidade iniciativas que non só tiñan que ver con infraestruturas, senón tamén cos ámbitos social, cultural e deportivo”.

Manuel Baltar agradeceu o paso adiante dado polo candidato “nun momento político de máxima visibilidade e coa responsabilidade que supón traballar por un concello que ten, como poucos, unha gran riqueza patrimonial e arquitectónica como Oseira, e un sector agroalimentario puxante, representado no pan de Cea”.

A veciñanza, declarou por último, “ve en Valladares a unha persoa de moita confianza, na que recoñecen lealdade, traballo e compromiso, neste momento con novas forzas culminar importantes infraestrutras como o parque empresarial, no que puxo todo o seu empeño”.

6, Marzo 2019

O actúal concelleiro e portavoz de Alternativa Veciñal no concello do Carballiño repetirá como candidato á alcaldía nas eleccións municipais do 26-M, asi o ven de confirmar esta formación política nun comunicado informativo difundido esta mañá.

No mesmo, tamén se pon de manifesto que durante o proceso de primarias conformouse unha única lista de consenso que foi ratificada este pasado sábado polo 81% dos inscritos, obtendo o respaldo do 88% das persoas que participaron nesta votación, según a información aportada pola propia organización.

A candidatura que presentará Alternativa Veciñal é a seguinte:

1. Bernardo García Novoa

2. Lucía España Fariñas

3. Manuel Nogueira Pérez

4. Chus Álvarez Canitrot

5. Carlos Pereira Fernández

6. Matilde López Fernández

7. Carlos Miguélez Val

8. Gloria Chao Lamas

9. Emilio Cao Mota

10. Asunción Testas Fortes

11. Juan Manuel Cangado Castro

12. Dori Martínez Goñi

13. Albert Brull Gracia

14. Carmen Barros Barco

15. Ernesto Atanasio Iglesias

16. Concha González Arias

17. David Carballeda Troncoso

5, Marzo 2019

Asi o anunciou nunha intervención en COPE O Carballiño o portavoz desta formación política de ámbito local no concello de Punxín.

Joaquín Moldes anunciou á audiencia desta emisora de radio que "a decisión é firme, decidimos non presentarnos a estas elecciós, porque entendemos que é o momento de deixar paso a outras persoas".

O líder de "Cámbio Intelixente", que acadou dous concelleiros nas eleccións de 2015, considera que "o mesmo paso deberían facer moitas persoas que levan anos e anos na política local, non falta falta máis que ver as fotos de boa parte das candidaturas das Comarcas do Carballiño-O Ribeiro que mesmo parecen fotos de excursións do Inserso, hai que deixar paso a xente nova"

Moldes defendeu o traballo feito durante todo o mandato municipal no concello de Punxín "somos unha oposición peculiar, xa que ademáis de fiscalizar ao goberno sempre tratamos de traer recursos para Punxín de outras administracións, buscando o mellor para os nosos veciños e veciñas".

4, Marzo 2019

O Gran Desfile-Concurso de Comparsas do Entroido, que estaba previsto para a tarde deste martes, 5 de marzo, suspéndese por causa do mal tempo e trasládase ao próximo domingo de piñata, 10 de marzo, no que se celebra a 25 Festa da Cachucha.

Así mesmo, suspéndese a verbena coa orquestra Aramio, que se ía celebrar na Praza Maior, e actuará o Domingo de Pascua, 21 de abril.

Tras consultar aos integrantes das comparsas, e ante a negativa previsión climatolóxica, que apunta a chuvia forte e persistente desde as 5 de tarde de mañá martes, optouse pola alternativa de trasladar o concurso para o próximo domingo, no que, a día de hoxe, a predicción do tempo resulta máis favorable.

As 16 comparsas inscritas para participar no desfile, o farán o domingo 10 de marzo, e tamén desfilarán os folións de Fradelo, Arrieiros de Petín e Tameirón. Así mesmo, neste desfile participará a comparsa de Amoeiro, e animarán as rúas durante todo o día cinco charangas: Castro Bello, Doctor Anchoa, Noroeste, Ardores e CLK.

Os premios do concurso entregaranse, conxuntamente cos correspondentes á Ruta dos Mil, ao remate do desfile, durante o baile que amenizará na Praza Maior ESE domingo 10 de marzo a orquestra-espectáculo Principal.

O concello pide disculpas por este aprazamento, que ven obrigado por forza maior, e para evitar calquera tipo de incidente cos integrandes e material das comparsas e da orquestra, así como do público.

ENTERRO DA SARDIÑA

O Enterro da Sardiña do mércores, 6 de marzo, mantense en principio como estaba programado, e celebrarase baixo a carpa instalada na Praza Maior.

3, Marzo 2019

A parroquia de Feás recuperou este ano a figura do Felo de Feás, que data dunha antigüidade de preto de 200 anos. Foi a concelleira de cultura do concello de Boborás Patricia Torres quen este ano tomou a iniciativa e invitou á veciñanza desta parroquia a recuperar esta tradición do entroido.

Un numeroso grupo de Felos, coa súa vestimenta tradicional, como pode verse na foto, percorreu no sábado de entroido os pobos de Feás, Vilachá, Cardelle, Becoña e A Fenteira.

O Carballiño

A presentación da históricia comparsa dos Liborianos é a actividade máis salientable do domingo carballiñés de entroido, cantarán as súas coplas á tardiña na carpa instalada na Praza Maior.

Para o lúns, tamén na Praza Maior, está programada unha verbena de carnaval amenizada pola orquestra "Olimpus".

O Martes, que será festivo local, e con permiso do tempo, o plato forte da xornada será o gran desfile de comparsas a partir das 5 da tarde seguindo o recorrido tradicional. Trátase dun dos concursos con mellores premios de Galicia, repartiránse máis de 7.000 euros entre as mellores comparsas incritas no concurso da concellería de cultura. O fin de festa na Praza Maior correrá a cargo da orquestra "Aramio".

Maside

O lúns é o dia grande do entroido masidao. A primeira hora da tarde farán acto de presenza os tradicionais Felos de Garabás, e a partir das 5 da tarde celebraráse o gran desfile de Maside no que participarán varias comparsas da comarca, entre elas as de Maside e Dacón, e tamén as carrozas de Parada.  Ao final, chocolatada na Praza Maior da localidade.

Cea

A vila de Cea ven celebrando distintas actividades dende o pasado sábado. Para este lúns de entroido, ás 4 da tarde, na Praza Maior será o recibimento ás carrozas do entroido de Parada, Mandrás e Cea. Dende as 5 da tarde en adiante, unha gran festa infantil no centro multiusos de Cea.

O mércores dia 6, dende as 20:30 horas Cea celebrará o tradicional enterro da sardiña, con procesión polas rúas do pobo, música de charanga e sardiñada gratuíta na Praza Maior.

3, Marzo 2019

Comenzou a precampaña. En realidade xa comenzou fai una meses cando o pp propuxo o seu novo e carismático líder. Tocaba renovar. Esta semana de antroido houbo tamén 'renovación'  do psoe e da súa escisión: repite como candidato Francisco Fumega e volve ao esceario Pachi Vazquez.  Máis do mesmo. Renovación de afiliados e de marcas. 

Si repiten o señor García pola marea e o señor Ferreiro polo bloque, e  todo apunta a que así será pola falta de movemento nas súas correspondentes organizacións, teremos unha total e completa 'renovación'  do centro esquerda do Carballiño. 

Despois algún extráñase que goberne a dereita.  

Feliz antroido esmorguistas. 

1, Marzo 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co concello de Boborás na execución dunha actuación de humanización de rúa no marco do chamado Plan hUrbe.

O Consello da Xunta deu luz verde onte ao convenio de colaboración co rexedor deste municipio e en virtude dos cal a Xunta investirá case 270.000 euros –o 70% do custo total das obras- mentres que o 30% restante correrá a cargo do concello.

A Delegada Territorial da Xunta, Marisol Diaz Mouteira, achegouse ata Boborás onde analizou coa tenente alcalde, Patricia Torres, os traballos que se executarán ao abeiro do convenio, co que se ratifica e concreta o compromiso do Goberno galego con este concello.

O proxecto ten por obxectivo a recuperación dunha parte do espazo do núcleo tradicional de Boborás, identificado como rúa Cristobal Colón. O convenio establece un orzamento por importe de máis de 383.000 euros, dos cales a Xunta achegará un 70%.

1, Marzo 2019

O Irixo ten a maioría das súas fontes caídas en total abandono e desleixo e en moitos casos case desaparecidas ante a pasividade do goberno municipal, denuncian dende o PSdeG.

Algunhas incluso non se da chegado pola maleza, ou non existe un acceso pavimentado que permita con facilidade chegar a elas... fontes en pobos que en moitas ocasións os propios veciños foron arranxando ante "a falta de iniciativa e parálise do goberno municipal", advirten.

Fontes ás que tampouco se analizan as súas augas como xa puxo se manifesto o portavoz socialista ante o pleno da corporación municipal.

"Lamentable que o Grupo de goberno despilfarre miles de euros en cousas non necesarias e non sexa quen de conservar o patrimonio e neste caso de conservar, rehabilitar e poñer en valor as fontes dos distintos pobos do noso concello", afirman.

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou o pasado 20 de febreiro, unha MOCIÓN PARA A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE REHABILITACIÓN, CONSERVACIÓNE POSTA EN VALOR DAS FONTES DOS POBOS DO IRIXO, con esta exposición de motivos:

PRIMEIRO.- Que é responsabilidade do Concello de O Irixo a recuperación e posta en valor do patrimonio deste concello para evitar que éste se deteriore de forma irremediable e incluso chegue a desaparecer co paso do tempo.
Que o noso concello como administración máis próxima ó cidadán, debería traballar arreo polo futuro e o progreso do noso concello e para proporcionar unha mellor calidade de vida e benestar dos seus veciños e veciñas.

SEGUNDO.- Que como xa temos manifestado en outras ocasións, a recuperación e conservación do patrimonio do concello debe ser,ademais, unha obriga canto menos moral dos dirixentes deste concello;na actualidade esta obriga tradúcese en deixadez e abandono deste noso patrimonio.

TERCEIRO.- Que dentro de ese patrimonio, que ademais ten unha función en moitos casos importante ou esencial para a vida da nosa veciñanza, encóntranse as nosas fontes, as fontes que os nosos pobos dende tempo inmemorial teñen para uso dos seus veciños. Moitas destas fontes, na actualidade, caídas en total abandono e desleixo e en moitos casos case desaparecidas ante a pasividade do goberno municipal.

CUARTO.-Que hai ó longo de todo o noso concello moitas fontes abandonadas, e a algunhas incluso non se da chegado pola maleza, ou non existe un acceso pavimentado que permita con facilidade chegar a elas... fontes en pobos que en moitas ocasións os propios veciños foron arranxando ante a falta de iniciativa e parálise do goberno municipal.

QUINTO.-Fontes ás que tampouco se analizan as súas augas como xa pedimos noutra moción traída a este pleno, pero en algúns casos xa da o mesmo, porque non se sabe onde está a fonte por atoparse tapada pola maleza ou sendo imposible o acceso á mesma.

SEXTO.-Que é lamentable que o Grupo de goberno despilfarre miles de euros en cousas non necesarias e non sexa quen de conservar o patrimonio e neste caso de conservar, rehabilitar e poñer en valor as fontes dos distintos pobos do noso concello.

SÉTIMO.- Que existen fontes no Irixo desaparecidas entre a maleza e sen acceso, a maioría en estado lamentable, incluso algúns casos para coller auga hai que poñerse de xeonllos ou non dispoñen dun acceso digno nin accesible. Outras, ademais, debido a anos de abandono,fixeron que incluso perderan o seu manancial.
Os socialistas creemos que se debe facer unha intervención urxente para a conservación e mantemento das nosas fontes para que recuperen todo o seu esplendor e restablecendo así e poñendo en valor unha peza máis do gran patrimonio do noso concello para orgullo dos veciños e veciñas de O Irixo e desfrute de toda a veciñanza.

Que dito todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presenta para a súa consideración e dada a importancia da conservación e posta en valor das fontes dos pobos do Irixo como parte tamén do patrimonio do noso concello, insta ó Pleno municipal á adopción dos seguintes ACORDOS:

1º.-Que o Concello de O Irixo poña en marcha un plan de rehabilitación, conservación e posta en valor das fontes dos pobos do Irixo.

2º.-Que se solicite das distintas administracións unha subvención destinada para a posta en marcha desta iniciativa.

1, Marzo 2019

Pois parece finalmente que imos ter outro novo partido no Carballiño! Que sorpresa, logo de escoitar a Adolfo! Non creo que mentira cando dixo que non había nada de nada, sólo que non estaría enterado! E este novo partido, ó igual que o anterior novo partido, trátase dun partido renovador, da nova política, un movemento cidadán, nin de dereitas nin de esquerdas, para dar "aire fresco" ás institucións... E ó igual que o anterior, este novo novo partido está encabezado por un insigne representante da nova política, da renovación, da lealdade a unhas siglas... Aínda que neste caso é inda millor, pois o lider do novo novo partido é un lider investigado, ás portas do xuizo oral, por presutamente asaltar ás arcas municipais para dar traballo ós seus... Pero neste caso, Pachi por fin amosa coherencia. Empezou no CDS e acaba como un ilustre do CDS, Mario Conde, volvendo á política para non dar contas á xustiza. Que pena non saber aceptar que o tempo de un xa se foi...

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS