23, Novembro 2018

O estado que presenta estos días a acera da avenida 25 de Xullo no tramo dos tilos que vai dende onde comeza o muro da estación ata a praza da estación non é o máis axeitado. Dacordo que estamos en outono, fai vento e chove e as follas teñen que caer. Todo iso é o normal para as datas nas que nos atopanomos, e ogalla chova máis que compre. Pero tamén compre que vaia unha brigada limpar toda o follaxe do chan para que a xente, e en especial de maior idade, poida andar sen risco de esvarar. O outro día fun recoller o rapaz a estación e pillei un bo susto o esvarar cunhas follas molladas. Hai zonas con máis de 25 cm de altura de folla no chan. De paso por favor limpen os sumideiros novos desa acera, están case todos atascados no seu interior.

23, Novembro 2018

Bo día a todos, a semana pasado surxiu unha polemica ó redor dun cartaz que se colgou no servizo de pediatría. Non podo deixar a ocasión para compartir como usurio que son, que efectivamente o servizo ten carencias as cales xa enumeraron en distintos post do facebook, e incluso nesta páxina web,  e non é o momento de reptetir, só un matiz.....as consultas dos pediatras privadas están a revosar, por algo sera... e por algo non se querra polemizar co centro.

Por outro lado esta semana salta unha nova de que o Sergas tera que indennizar a familia dun carballiñés falecido por unha neglicencia na atención a dito paciente, casualmente en dito centro....

Rogo as autoridades pertinentes que fagan unha evaluación do centro, e corroboren que o funcionamento esta a ser o acorde a un servizo tan esencial como é a atención os enfermos da vila.

 

Saúdos.

23, Novembro 2018

O alcalde popular de San Amaro, Ernesto Pérez formalizou a primeira hora desta mañá no rexistro municipal a súa renuncia ao cargo “non só por motivacións persoais –afirmou- senón pola profunda convicción de que despois de case catro mandatos xa é o momento de abrir paso a novas persoas e novos proxectos para o noso concello”.

Pérez afirmou sentirse orgulloso de ter representado a San Amaro en todos estes anos, “cheos de traballo e moitas satisfaccións, en particular polo que supón axudar aos meus veciños”. O ata agora alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para o Partido Popular e o seu presidente, Manuel Baltar, quen precisamente subliñou o talante político de Pérez “tanto polo traballo desenvolvido nestes anos como pola súa disposición a deixar paso a unha nova etapa municipal, representando así a renovación que sempre caracterizou á nosa formación”.

Nesta liña, Manuel Baltar destacou tamén o compromiso e a capacidade de esforzo do ata agora tenente alcalde de San Amaro, Fernando Redondo (San Amaro, 1977) “xa demostrada tanto pola súa traxectoria profesional como pola súa experiencia na política local, pois acompañou a Pérez en varios dos seus mandatos”.

Redondo asumirá agora a presidencia da corporación local ata as eleccións de 2019, momento no que, confirmou Baltar, será o cabeza de lista do Partido Popular neste concello. Redondo, vencellado profesionalmente ao sector textil, é Diplomado en Administración de Empresas pola Universidade de Vigo, licenciado en Finanzas pola Universidade de Santiago de Compostela e está en posesión do master en Dirección e Xestión de Empresa pola antiga Escola de Negocios de Caixanova.

O próximo alcalde de San Amaro e candidato popular afirmou sentirse “agredecido polo apoio dos concelleiros que lle acompañan no goberno local, así como ao presidente provincial do PP pola confianza depositada en min”.

22, Novembro 2018

Está ben que fagan un pleno extraordinario pra denunciar a violencia machista. Pero eu quedo anonadada coa ausencia de mulleres nesa macroviaxe. Vivimos no século XXI e os micromachismos deberían estar superados. En Buenos Aires deben pensar que aquí a reproducción é hermafrodita.

22, Novembro 2018

Eu sinto moito o non poder aceptar que se tache de "catadura moral baxa" aos que criticamos o despilfarro das diferentes administracións ( Deputación e diferentes concellos peperos e non peperos) nunha viaxe na que se enviou unha comitiva excesivamente brutal, que non arranxou nin un dos problemas dos emigrantes, nin deixou un peso alí nin aquí (que achegou valor cero) ao marxe dos voluntariosos viaxeiros que cos cartos do contribuinte alí se presentaron, e o polbo das caldeiras.

Para homenaxear esa asociación, que sen dúbida meréceo, bastaría con enviar unha comitiva dos representantes destas administracións (alcaldes.presidentes da corporación) , sexan dos partidos que sexan, e sen complexos (eso pódese entender). Ou traer aos representantes (presidente, secretario e tesoureiro) desa asociación, homenaxealos aquí, e enviar unha parte deses cartos que se despilfarraron, para sustentar parte das necesidades desa asociación, de tal xeito que a xente de a pé saíse beneficiada. Eso sería intachable moralmente e tamén dende o punto de vsta da xestión eficaz dos cartos do contribuinte.

Pero non podo aceptar, nin moitísimas persoas poden facelo (máis das que pensan algúns), que se poida tachar de catadura moral cuestionable a quenes criticamos estas comitivas satélite do baltarato e da patochada esa da "ourensanía". A este ritmo imos ter que crear oficinas consulares satélite da gran embaixada Baltar.

Persoalmente a actitude de Chema paréceme de dez. Incuestionable (quítome o sombreiro aínda que non o teño), fago un saúdo militar que ven de cando os cabaleiros subían o casco para mirarse aos ollos antes da contenda.

Pagou o desplazamento do seu peto. E esta conducta loable e intachable  vese manchada moralmente coa incongruencia de tachar como de moralidade cuestionable a quenes opinamos que o camiño correcto é o de Chema, ou o de Bernardo (se vas, vas cos teus cartos,se se non non vas). Quenes deben ir cos cartos do contribuinte son os representantes (alcaldes), e punto, ou facer que veñan os representantes de alá. E apelar a que a asociación meréceo, ademáis de pura demagoxia é unha perogrullada. Non quero facer un relatorio da xente que viaxou (coas máns vacías, sen aportar nin un gramo de valor), pero dende logo moralmente penso que estou nunha posición máis digna, eu,  e o resto de contribuintes.

Porque non existe eso dos cartos públicos, non caen do ceo. Veñen do catastrazo, dos actos xurídicos documentados afectados tamén polo catastrazo, da suba de taxas, e da suba xeralizada de todos e cada un dos impostos e taxas. Esto non é populismo é ter os pes no chan.

Así que por favor, moralinas as xustas.

22, Novembro 2018

A corporación municipal carballiñesa está convocada para este domingo, ás 20,00 h., para celebrar unha sesión plenaria extraordinaria co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A iniciativa partiu dunha proposta formulada polo grupo municipal do BNG, que foi asumida pola totalidade dos grupos municipais.
Como único punto na orde do pleno, ademáis da aprobación da acta da sesión anterior, figura: PROPOSTA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONSENSUADA POLO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA MACHISTA”.

Así pois, neste acto lerase unha declaración institucional consensuada entre todos os partidos poíticos con representación municipal, e tamén está previsto efectuar unha concentración na Praza Maior diante do concello.

21, Novembro 2018

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Leiro, Franscisco José Fernández Pérez, comprometéronse a analizar e buscar vías de colaboración para establecer medidas que permitan poñer en valor o espazo natural de Pena Corneira, un espazo que tamén abrangue aos concellos de Carballeda de Avia e Avión.

Esta foi unha das conclusións á que chegaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal no decurso dunha reunión celebrada en Santiago, para analizar as demandas e necesidades deste municipio.

Ángeles Vázquez destacou que un dos retos do Goberno galego é conservar e mellorar o patrimonio natural da Comunidade galega, para que os cidadáns coñezan a riqueza do mesmo e poidan transmitir os valores que posúen os espazos naturais, co fin de fomentar a conservación dos mesmos.

Durante a reunión, o alcalde tamén lle presentou un proxecto de humanización da contorna do Campo da Feira do Concello, co que conseguir mellorar un espazo para o esparcementodos cidadáns e habilitar un lugar para a organización de eventos sociais e culturais. A conselleira indicoulle que lle dará traslado do mesmo á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para o seu análise e determinar as posibilidades orzamentarias do departamento co fin de colaborar na súa execución.

Asemade, neste encontro de traballo, tamén abordaron a necesidade de buscar fórmulas para mellorar o servizo de recollida de residuos urbanos, de cara a convertelo nun sistema máis eficaz, que preste un maior servizo aos cidadáns e que fomente a separación dos residuos, co fin de minorar as taxas de produción de lixo e incrementar as cotas de reciclaxe.

21, Novembro 2018

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou  o concello de Piñor onde acompañado do alcalde da localidade, José Luis González coñeceu de primeira man a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Segundo indicou o director xeral, a Xunta fixo nestes últimos anos un esforzo importante no aporte de medios de emerxencias aos concellos para a súa utilización polas Agrupación e os servizos de emerxencia municipal, creando unhas liñas de axudas, polas cales foron entregados diversos equipamentos como vehículos pick up, furgóns de loxística, remolques de emerxencia, embarcacións pneumáticas, remolques con carpas para as emerxencias, esparexadores de sal e equipos de excarceración.

En total, na provincia de Ourense nos últimos tres anos foi distribuído equipamento por valor de preto de 2,7 millóns de euros. Concretamente, o concello de Piñor recibiu un vehículo todoterreo, un remolque de emerxencias, unha coitela quitaneves, un desfibrilador, un exparexador de sal e material para a loita contra a vespa velutina.

A Agrupación de Voluntarios de Piñor naceu no ano 1997 e dende entón sigue ininterrompidamente a súa labor na prevención e intervención das emerxencias, tanto no seu termo municipal como axudando aos concellos limítrofes. As principais actuación atendidas no último ano foron accidentes de tráfico, incendios forestais, participación en eventos de aglomeración de persoas, avisos e busca e persoas desaparecidas.

20, Novembro 2018

O concello do Carballiño procederá nos próximos días á licitación do proxecto de asfaltado das rúas Aller Ulloa, Alberto Vilanova, Tellado, un tramo da estrada a Treboedo e A Carreira.

Así mesmo, o proxecto inclúe o cambio da rede de abastecemento con tuberías de PVC. O orzamento de licitación previsto será de 169.347 euros, e o plazo de execución, de dous meses.

Estas obras forman parte do acordo levado a cabo entre o Grupo municipal de goberno e o Grupo Popular na aprobación do presuposto deste ano.
Neste proxecto figura a rúa Alberto Vilanova, de acceso ao centro de saúde, á delegación de Facenda e ao Instituto nº 1, que é unha das rúas máis transitadas tanto por vehículos como por peóns, así como un tramo da estrada de Señorín, que se atopan dende hai tempo en mal estado.

En concreto, estas rúas suman un total de 1.224 metros, sendo a rúa Alberto Vilanova a de maior lonxitude, con 655 metros; seguida da rúa Tellado (277 m), tramo da estrada de Treboedo –desde a rúa do Tellado co cruce coa Carreira- (152 m), Carreira –entre rúa Ourteiriño e rúa Xesteira- (87m), e a rúa Aller Ulloa –entre rúa Ourense e Alberto Vilanova- (53 m).

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS