14, Maio 2018

Cinco persoas resultaron feridas esta tarde -sobre as 17:30 horas- nunha colisión entre unha ambulancia e un coche en Boborás. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, dúas das vítimas, que viaxaban no vehículo medicalizado, tiveron que ser excarceradas polos Bombeiros do Carballiño.

A ambulancia quedou envorcada tras o choque frontal co turismo, transportaba a dúas persoas enfermas.

Ata o lugar onde ocorreu o accidente, o punto quilométrico 31 da N-541, desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Ourense, aínda que as persoas feridas foron finalmente evacuadas en ambulancia.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 17:35 horas para dar conta do accidente. Acto seguido, dende o CIAE 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil de Tráfico e ao GES de Avión.

14, Maio 2018

A praza de abastos, en colaboración co concello do Carballiño, organiza este próximo sábado, 19 de maio, unha gran festa na que haberá actividades infantís e concertos, e cuxo lema é: I FESTA PRAZA CON RITMO”.

O evento, que foi presentado hoxe polo concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e o presidente da asociación de praceiros, Eligio González "Quini", comezará as 5 da tarde na praciña exterior da instalación municipal, recentemente reformada.

A esa hora actuará o DJ TIBU, animando aos nenos e nenas con coreografías e olimpiadas populares.

Ás 7 actuará o grupo 4 MAIL QUARTET JAZZ.

E ás 8 o fará ROBERTO SOBRADO GRUPO, para presentar o seu novo traballo discográfico: Proletarios do Rock&Roll.

Na presentación do evento, Adolfo Nogueira sinalou que se trata dunha nova iniciativa encamiñada a seguir promocionando a praza de abastos como lugar de compras pero tamén como lugar de lecer e encontro cultural. Destacou a calidade dos concertos, así como a animación infantil e xuvenil, e asegurou que á praza só lle queda completar os postos vacantes para converterse nunha das mellores prazas das vilas galegas. Ao respecto dixo que nas próximas semanas convocará unha reunión para analizar as posibles propostas de cara á convocatoria do concurso.

Pola súa parte, Eligio González destacou os cambios levados a cabo na praza nos últimos tres anos, así como as campañas de promoción e sorteos realizados con gran éxito, e coincidiu co concelleiro Nogueira que é unas das mellores prazas de Galicia, e que cando se ocupen todos os postos, o será con seguridade. Por iso agradeceu ao concello, e a Adolfo Nogueira en particular, o labor desenvolvido durante este tempo a prol da praza e a constante preocupación por seguir mellorando as instalacións e a colaboración na promoción de actividades como esta gran festa do próximo sábado.

12, Maio 2018

A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comeza, co inicio da participación pública documento preliminar, os distintos trámites e procedementos para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural A Serra de Pena Corneira, que abrangue os concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión.

O Diario Oficial de Galicia ven de publiciar o anuncio pola que se somete un documento preliminar ao trámite de participación pública por un prazo de 20 días hábiles, comezando a contar o dito prazo, mañá día 11 de maio.

Trátase da fase inicial da tramitación deste expediente sobre este monumento natural, a Serra de Pena Corneira, que constitúe unha prolongación ao nordés da serra do Suído e ten unha superficie aproximada de 988 hectáreas, entre as bacías dos ríos Avia e Miño; e que foi oi declarado monumento natural mediante o Decreto 264/2007, do 20 de decembro.

O documento exposto a participación pública constitúe a fase inicial do plan de conservación, onde se fai unha breve descrición da zona de actuación, así como das súas principais presións e ameazas, que será a base para que o público en xeral poida expresar as súas opinións.

Con posterioridade, en base ás alegacións e á información obtida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase un borrador de plan de conservación con todos os apartados establecidos pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, que será sometido a un novo procedemento de información pública, audiencia aos interesados e consulta ás Administracións afectadas.

Durante o procedemento de tramitación do plan de conservación establécese un réxime de protección específica para o espazo, de xeito que, ademais de serlle de aplicación o previsto no Decreto da súa creación, estarase ao previsto no artigo 21 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza.

Valores de Pena Corneira

A importancia da zona radica nunha masa plutónica que dá lugar a un batolito de 18 km en sentido meridiano e 7 km en sentido leste-oeste, froito dunha masa de magma que se solidificou a causa da estrutura profunda do antigo volcán, hai aproximadamente 300 millóns de anos. O dito batolito está constituído por rochas graníticas hercínicas poscinemáticas, de composición xeral calcoalcalina e subalcalina, aparecendo granitos biotíticos e granodioritas biotíticas anfibólicas, aínda que non todo o macizo presenta facies similares. A diferenciación cristalina deu lugar a diferenzas na evolución xeomorfolóxica que fixeron posible a existencia do macizo de Pena Corneira e as súas formacións asociadas: cristas graníticas, domo alvéolos, corredores deprimidos, caos de bolos, pías (pot holes, gnammas),...

No referente á vexetación, o bosque climático nas partes baixas do territorio correspóndese cunha carballeira pertencente á serie Ruscus aculeati-Quercetum ruboris, co carballo (Quercus robur) como especie arbórea dominante e a xibarda (Ruscus aculeatus) como diferencial da asociación. Coexistindo co carballo tamén aparecen outras árbores acompañantes como o castiñeiro (Castanea sativa) ou o cerquiño (Quercus pyrenaica). A influencia mediterránea é notable, aparecendo especies como o loureiro (Laurus nobilis) o érbedo (Arbutus unedo), etc.

Nas zonas de maior altitude da serra, máis frías e húmidas, desenvólvese unha carballeira acidófila montana con arando (serie Vaccinio myrtilli-Quercetum boboris), de carácter máis continental e relacionada coa comunidade anterior, destacando especies como o bidueiro (Betula celtiberica), o acivro (Ilex aquifolium) ou o castiñeiro (Castanea sativa).

11, Maio 2018

Boas, na miña opinión creo que e boa idea a de por a rúas nun só sentido, pero creo sinceramente que non o estudiaron a fondo. En canto aparcamento creo que imos a mellorar moitisimo, sin embargo, o lugar máis conflictivo do pobo en canto accidentes queda igual que estaba, pois o peor cruce que temos e o que une as ruas Otero Pedrayo con 25 de xullo, o problema está nos que se queren incorporar a nacional (25 de Xullo) dende a Otero Pedrayo que se teñen que asomar moito para poder ver ós que  circulan sentido Ourense, iso, sigue quedando igual, por que non hai suficiente visibilidade para sair de unha forma segura. 

Así pois, penso que deberian facer o revés do que están.

Evaristo Vaamonde debería ser de Saída a 25 de xullo

Otero Pedraio deberia ser de Entrada hacia  Conde Vallellano

Ben cho sei saída hacia 25 de xullo ; mira que non e dificil entrar  ahora, entre os coches aparcados xusto na punta, o estreita que e a rúa  e a velocidade que se ven na 25 de xullo e moi propicio a ter un accidente.

Fariñas jamardo debería ceder o paso a BEN CHO SEI, posto que e unha travesía e non o revés como está ahora.

Vicente Risco  entrada hacia Ctra de ourense.

Espero que racapaciten, que aida estan a tempo

11, Maio 2018

O PP do Carballiño solicitou por rexistro á área de medio ambiente do Concello do Carballiño que proceda de forma urxente á limpeza do patio exterior de xogo dos cativos da Galiña Azul, xa que "o estado lamentable de suciedade no que se atopa , por falta de limpeza e mantemento do concello, impide a saída dos nenos usuarios do centro a dito patio".

Dende o grupo municipal do PP fanse "eco das queixas que algúns responsables do centro así como nais e pais dos cativos levan reclamando dende xa fai un tempo".

Pídenlle ao concello "que proceda a súa limpeza canto antes para que os nenos poidan disfrutar das instalacións e do patio na época do ano na que nos atopamos, xa que esta situación non tiña que haberse dado si a área de medio ambiente se dedicase ao mantemento das instalacións dos servizos publicos do concello que presta, e non a outras tarefas de xardineria totalmente secundarias que teñen suscitado polémica nas últimas semanas e que o grupo de goberno socialista do Carballiño asemella ter mais interés", enfatizan

11, Maio 2018

Aclarar que o Transporte Metropolitano refírese únicamente aos buses interurbanos que comunican concellos pequenos coas cidades grandes de referencia. Non ten nada que ver nin con trens nin con PAET.

As súas vantaxes son:

1) Baixada significativa do prezo da viaxe ao estar maiormente subvencionado o prezo do billete pola Xunta de Galicia: 0,85 euros na maioría dos casos (fronte ao 3 euros que custa o bus e os 2,85 do tren actualmente).

2) Maior numero de frecuencias e horarios

3) Posibilidade de facer paradas intermedias dentro das cidades chamadas "intercambiadores". Actualmente e vas en tren quedaste na estacion de tren e se vas en bus quedaste na estacion de autobuses tendo que buscarte a vida se queres ir a outra punta da cidade. Por exemplo en Ourense eses intercambiadores estarían en Lagunas, Parque San Lázaro, Alamade, Xardín Posío e seguramente algunha outra.

4) Transbordo gratuito cos buses urbanos nos 60-90 minutos posteriores. Esto é un complemento do punto anterior, o cal significa que despois de baixarte nun dos intercambiadores anteriormente ditos aindo podes coller outro bus urbano (en ourense os amarelos) para quedar mas cerca do teu destino, CO MESMO BILLETE INICIAL E SEN TER QUE PAGAR MAIS.

 

Con tantas vantaxes resulta incompresible a reiterada negativa dos nosos gobernantes municipais en solicitar a adhesión a dito plan. Entre finais deste ano 2018 e principios de 2019 estará plenamente operativo e funcionando dito plan na provincia de Ourense, e Carballiño estará fora porque así os queren os nosos políticos. Xa sabemos que eles non usan o transporte público para nada. Hasta alquilan un microbus para ir coller un avión a Madrid.

 

10, Maio 2018

 

¿Pero por qué non se pide a inclusión de Carballiño no Plan de Transporte Metropolitano de Ourense?

 

Cal é o verdadeiro motivo?

 

Se verdadeiramente como se dixo o outro día na tertulia imos depender de ir primeiro a Ourense cidade para logo dende alí coller medios de transpore ao resto dos destinos, primeiro temos que asegurar poder comunicarnos con Ourense. E sen embargo, a día de hoxe seguimos sen estar incluidos en dito plan de transporte metropolitano. E non so Carballiño. Tamen Maside, Cea, San Amaro, Boboras, Irixo ou Leiro están fora de dito plan. E estan fora por non pedilo. Porque outros concellos como Punxín, Toen, Peroxa ou Vilamarín si o pedirán. Algo que non ten copago ou repago para os veciños e soamente beneficios, ¿como é posible deixalo pasar? Tan ignorantes somos? Porque este tema ven de lonxe. A idea de Plan de Transporte Metropolitano xurdiu xa entre 2005 e 2010 e xa de aquela o goberno de señor Montes primeiro, o do señor Argimiro despois e o de Fumega agora pasaron olimpicamente do tema. Nin sequera se leva en moción ao pleno para debatila.

¿Como é posible que fai 3 meses o PP levase moción ao pleno escandalizandose de que o Auditorio Manual María non formase parte da Rede Provincial de Auditorios e solicitase urxentemente a sua adhesión alegando entre outra cousas que "era gratis pedilo".....e sen embargo para isto parece que lle da igual ainda sendo "gratis" tamén para o pobo? Se lle preguntas a xente do pobo estou seguro que a ninguen lle preocuparía se o auditorio forma ou non forma parte de non sei que rede. Igual que o señor Argimiro tamén via urxente pedir un estudio de viabilidade dun PAET porque segun él "o pago Fomente se se fai". Pois o Plan de Transporte Metropolitano é o mesmo. O paga a Xunta, non directamente os veciños. Mesmo argumente, sen embargo, non se leva a pleno por ninguén.  Así se perde o tempo neste concello.

Como e posible? Cal é o verdeiro motivo?

9, Maio 2018

O concello do Carballiño comezará mañá o ensaio do cambio do tráfico a sentido único das rúas Evaristo Vaamonde e Ramón Otero Pedrayo, así como da rúa Vicente Risco.

Esta iniciativa levarase a cabo a partir das 9 da mañá deste xoves, 10 de maio, e contará coa sinalización correspondente e o control da Policía Local.

Está previsto manter o operativo ata o luns, co obxectivo de poder realizar unha valoración exhaustiva dos pros e contras destas medidas en aras a favorecer a seguridade dos peóns, a fluidez do tráfico e o incremento das prazas de aparcamento.

O sentido da rúa Evaristo Vaamonde será de entrada pola Avenida 25 de Xullo e saída por Conde Vallellano. Mentres que o sentido da rúa Otero Pedrayo será de entrada por Conde Vallellano e saída pola nacional 25 de Xullo. Así mesmo, a rúa Vicente Risco será de entrada pola estrada de Ourense e saída pola nacional 25 de Xullo.

Con estes cambios, todas as rúas transversais da Avenida 25 de Xullo terán sentido único, ofrecendo unha alternancia de entrada e saída, o que redundará nunha menor conflictividade de posibles accidentes, ademáis de incrementar o número de aparcamentos.

7, Maio 2018

O Concello de Piñor "continua na senda de mellorar as infraestruturas, servizos e equipamentos municipais que permitan a prestación dos servizos básicos dun xeito máis eficaz e eficiente, contribuíndo ó asentamento da poboación no entorno rural", subliñan dende o grupo de goberno municipal.

Por este motivo, "na preocupación do Concello por mellorar a calidade de vida local", está a levar a cabo a Pavimentación de vías públicas municipais de Arenteiriño, Casarellos e Piñor-Igrexa de Barrán, ao abeiro do Plan de Mellora de camiños municipais 2017-2018, financiado con cargo aos orzamentos do AGADER cun presuposto de 50.941 €.

O proxecto ten por obxectivo definir e valorar o estado do firme asfáltico de varias estradas do Concello, continuando así coa mellora das urbanizacións dos núcleos rurais do Concello , o que enriquecerá a calidade da vida da poboación afectada.

Consistirán nun varrido previo de toda a calzada, para despois bachear as zonas onde sexa necesario e rematar coa aplicación dun dobre tratamento. Unha vez rematada estas obras o concello "continuará coa execución da mellora de outras vías municipais incluídas no Plan Provincial de Obras para o Concello de Piñor, que se prevé se realicen nos meses estivais".

As bandexas do "Xantar na Casa" tiradas nun colector do lixo non son de usuarios de Piñor

 Asi o asegurou o alcalde da localidade, Luis González, no transcurso dunha intervención nesta emisora de radio.

"Fixemos as averiguacións oportunas e púdose concluir que as bandexas de comidade localizadas nun colector do lixo a carón da estarada N-525 non corresponden a usuarios deste servizo no municipio",aseverou.

Ademáis, o rexedor municipal dixo que os feitos xa foron postos en coñecemento da Consellería de Política Social.

4, Maio 2018

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares participa nun macroproxecto de investigación centrado no patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

No marco deste macroproxecto, investigadores da Rede están a desenvolver un proxecto piloto (Piloto I-Lírica), en colaboración coa Universidade de Porto, que afonda na historia, na arte e na literatura medievais. O obxectivo é deseñar e elaborar diversos produtos de carácter fundamentalmente divulgativo e de orientación turística, servíndose das máis avanzadas tecnoloxías da información.

A investigadora principal deste proxecto é Mariña Arbor, veciña do concello de Cea,  profesora de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago. Sinala que traballan “na análise das relacións que se verifican entre determinadas abadías cistercienses do sur de Galicia e do norte de Portugal e as familias nobres alí implantadas, así como no estudo da implicación que estas familias tiveron no primeiro cultivo e promoción da lírica galego-portuguesa”, co ánimo de “seleccionar espazos, autores, textos e música para dálos a coñecer entre un público non especializado” a través de aplicacións para móbiles e vídeos.

“Esta iniciativa pretende poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dunha zona que non só ofrece unha riqueza patrimonial senlleira, senón que constitúe o berce dunha tradición literaria que guiou o canon da poesía lírica no centro e occidente ibéricos entre os séculos XII e XIV” -salienta a profesora-. Os resultados obtidos no proceso de investigación divulgaranse mediante unha serie de materiais interactivos, audiovisuais e impresos, creados para que os visitantes da zona coñezan como se desenvolvía a vida cotiá a as artes na Idade Media, grazas ao legado que ese etapa histórica nos deixou.

O grupo de investigación de Románicas da USC posúe unha longa traxectoria investigadora no ámbito da literatura medieval, en particular na lírica galego-portuguesa. Trátase agora de aplicar todos estes coñecementos para divulgar a riqueza patrimonial medieval galega e portuguesa desde o punto de vista literario, histórico, relixioso, cultural, artístico e literario, situando a poesía no contexto que a viu nacer. “Inspirámonos en rutas culturais baseadas como as que existen para Dante en Florencia, para Cervantes en Castela, para Shakespeare en Londres ou, se pensamos nun autor contemporáneo, para Stieg Larsson en Estocolmo” -indica Arbor-.

Nesta liña, estase a traballar en áreas moi concretas do sur de Galicia e norte de Portugal para, no marco do Interreg, “promocionar zonas deprimidas pero de elevado potencial artístico”. O equipo de investigación seleccionou dúas áreas xeográficas moi concretas para desenvolver o proxecto, referentes do trobadorismo en Galicia e no norte de Portugal. Por un lado, traballan, en Galicia, sobre o territorio das antigas terras de Castela, onde nace este movemento literario e poético, en particular nos concellos ourensáns de Cea, Amoeiro, Vilamarín, A Peroxa, O Carballiño, Maside e Leiro; cubrindo un eixo que vai do mosteiro de Oseira ao de San Clodio.

Como autor destacado desta zona, escolleron a Fernan Paez de Tamallancos, trobador ben documentado que conta, ademais, cunha rica produción literaria. Trala revisión de todos os elementos patrimoniais, tanto civís como relixiosos, relacionados co Císter e coa liñaxe á que pertencía este poeta, neste momento os investigadores traballan no deseño dunha ruta turística na que, servíndose das aplicacións para móbiles como elemento guía para o visitante, se recollerán varios elementos principais e outros complementarios, de xeito que o usuario poida realizar a visita nun día ou en varios.

Estas aplicacións vainas desenvolver un equipo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CiTIUS), liderado polo profesor Julián Flores. Ademais das rutas turísticas, elaboraranse pezas audiovisuais nas que se mostrará como se vivía nesa zona na Idade Media: a vida cotiá da nobreza, a súa relación coa Igrexa e co terceiro estado, e a súa implicación na promoción da lírica galego-portuguesa; “unha lírica que debe entenderse como un divertimento da corte, un produto refinado vinculado aos estratos superiores da sociedade, que cantaban e compoñían letra e música para o seu solaz”.

Os investigadores traballan tamén nunha segunda área xeográfica, que abrangue as dúas ribeiras do Miño e que vai desde a localidade ourensá de Ribadavia ata a vila portuguesa de Melgaço, pasando polos concellos pontevedreses de Crecente, Arbo e A Cañiza. Os trobadores ligados a esta zona que serven de fío condutor para o deseño e elaboración da ruta turística son Joan Soarez Somesso e Pero Meogo, autores que compuxeron algunhas das máis refinadas e exquisitas cantigas de amor e de amigo. Xunto ás correspondentes pezas audiovisuais, para esta área está prevista a realización dun vídeo lyric no que se utilizarán dúas cantigas de amigo de Pero Meogo -moi suxestivas polo erotismo que rezuman os elementos simbólicos nelas presentes-.

As pezas serán cantadas por Antoni Rossell, profesor de Filoloxía Románica e director do Instituto de Estudos Medievais da Universitat Autònoma de Barcelona, experto na Idade Media, ademais de intérprete e compositor. Gravarase na facultade de Ciencias da Comunicación da USC, baixo a supervisión do profesor Enrique Castelló. “Trátase, pois, de unir historia, arte e literatura medievais co obxectivo de crear produtos divulgativos que poidan ser desfrutados por un público moi amplo (de todas as idades e graos de especialización), aproveitando as potencialidades dos soportes electrónicos e de dar a coñecer unha parte do noso patrimonio literario, que se sitúa entre os máis ricos dos producidos na Europa occidental, cando o galego era a lingua na que cantaba toda a Hispania centro-occidental” -salienta a coordinadora do proxecto-.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS