
O concello do Carballiño acometerá o próximo ano a limpeza integral da Ponte de Veiga. O proxecto, que foi encargado pola alcaldía ao estudio de arqueoloxía “ANTHROPOS”, que dirixe o arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, tamén contempla a cata dunha franxa de terreo arredor da ponte para descubrir un tramo da antiga calzada medieval.
O proxecto técnico xa foi presentado no concello e só resta a autorización de Patrimonio, que se tramita neste intre, para proceder á súa execución. A financiación correrá a cargo da institución municial, que aportará ao redor de 9.000 euros que costa a limpeza do monumento.
Na actualidade e dende hai tempo, a Ponte de Veiga atópase nunha situación de falla de limpeza e mantemento, coa invasión de especies vexetais como toxos e fentos, e incluso árbores nas inmediacións cuxas raíces e ramas poñen en perigo a propia integridade da ponte. De aí que o alcalde, Francisco Fumega, e co obxectivo de conservar e poñer en valor o patrimonio histórico-artístico, tomase a iniciativa de encargar o proxecto para preservar e valorizar o monumento.
A limpeza comprende a eliminación das especies vexetais, tanto superiores como inferiores, crecidas sobre a ponte e a retirada dos depósitos tanto de terra como de produtos da degradación da pedra acumulados nas superficies horizontais. Tamén se realizará unha limpeza suave da superficie para atenuar as manchas de humidade e suciedade e unificar o aspecto do conxunto. Así, retiraranse hedras, herbas, árbores, musgos, liques e algas. A limpeza realizarase a man e con utensilios que non provoquen erosións. No caso dos liques, na parte inferior, valorarase a conveniencia ou non de retiralos segundo a especie de que se trate.
Finalmente, procederase á limpeza duns 10 metros de cada beira do río e próximas á ponte xunto coa tala de varias árbores que, en caso de caída, afectarían á propia estrutura da ponte.
Ainda que nesta fase do proxecto a consolidación non é o obxectivo principal desta intervención, durante os tratamentos de limpeza é posible que se detecten puntos de inestabilidade estrutural, como pequenas fendas, que fagan necesaria unha consolidación puntual para garantir a estabilidade do conxunto ata que se realicen labores de retirada dos morteiros de cemento na zona dos petrís.
Polo que respecta á sondaxe da calzada, no proxecto contémplase a excavación dunha cuadrícula duns 32 metros cadrados situada ao este da ponte, co fin de verificar a existencia do antigo enlousado do camiño neste sector. No caso de que apareza este enlousado, procederase á súa restauración pola arqueóloga-restauradora Victoria Folgueira Fariña.
A Ponte Veiga é un dos monumentos medievais máis salientables do Carballiño. Figura na catalogación de xacementos arqueolóxicos levada a cabo no ano 2004 polo Centro de Estudios Chamoso Lamas sobre patrimonio Histórico-Artístico da comarca do Carballiño.
As primeiras pegadas do home no concello do Carballiño atopámolas fundamentalmente no entorno do polígono industrialo de A Uceira a xeito de restos materiais do paleolítico, pero foi na Idade Media cando o munipio cobrou importancia, coincidindo coa apracición na zona da comunidade do Císter de Oseira e a súa revalidade co Conde de Rivadavia por ocupar estas terras. Desta época atopamos un interesante abano de monumentos histórico-artísticos xunto cunha rede viaria que ainda na actualidade conserva parte dos seus tramos (pontes medievais de A Veiga e a do Marañao ou Ponterriza).
A Ponte de Veiga data dos séculos XIII-XIV, ainda que sofriu modificacións posteriores coa colocación dos petrís na parte superior.

O grupo municipal do Partido Popular recorda que a páxina Web do concello é "unha ferramenta básica na relación coa administración, de consulta, xestión e rexistro", polo que a situación "demostra a desidia descontrol do goberno municipal, que deixa aos veciños, empresas, e autónomos" sen este servizo.
Os populares aseguran que "dende fai máis de 10 dias "www.carballiño.gal" leva caída en internet, non podendo accederse a ela, polo que se piden explicacións ao goberno socialista.
Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adxunto:

Máis do 90% da recadación total do que o concello carballliñés ingresa en concepto de taxas e impostos seguirá seguirá sendo de xestión indirecta, ata que o concello non conte co persoal necesario para xestionar a totalidade do servizo municipal de recadación.
Os impostos de IBI, IAE, Vehículos, Urbanismo, Multas ou Lixo que leva a Deputación, seguirán sendo recadados de momento por unha empresa externa, pero o concello xestiona neste momento ampliar a outras dúas entidades bancarias as alternativas para o seu pagamento, ampliando así o abano de posibilidades para evitar as longas colas que se producen na entidade que xestiona o pago de impostor e taxas.
O concello do Carballiño porá en marcha antes de fin de ano a primeira fase do plan de municipalización da recadación. O anuncio foi realizado esta mañá polo alcalde, Freancisco Fumega, e o portavoz de Alternativa Veciñal, Bernardo García. Esta iniciativa supón que xa se poderá efectuar o pagamento dalgunhas taxas no concello como expedición de documentos do catastro, conservatorio e escolas municipais, distribución da auga, licencias de obras menores, etc… Esto facilitará que se podan pagar este tipo de impostos e taxas con tarxeta nun caixeiro que se instalará no concello, evitando ter que acudir a unha entidade bancaria.
Tanto Fumega como García explicaron que a municipalización da recadación era unha tarefa complexa, pero que, tras a implantación do programa informático específico para a recadación e a formación de dous funcionarios por cada departamento, será posible nesta primeira fase con carácter inmediato. E apelaron sobre todo ao beneficio que conlevará para a veciñanza, facilitando o pagamento, así como o control directo da recadación polo concello.
Francisco Fumega recordou que o inicio do proceso comezou a raíz dunha moción de AV-SON no ano 2015 para municipalizar a recadación. E Bernardo García referiuse á auditoría do ano 2011 co anterior goberno municipal, na que se constatou que había 3 millóns de euros sen notificar, e que prescribiran.
Esta situación persistiu na auditoría posterior, polo que se propuxo que o concello asumise directamente a recadación. Asemade, valoraron moi positivamente o significado da municipalización da recadación como unha mellora da democratización do funcionamento e transparencia do concello, pois permitirá saber en calquera momento e terminal informática a situación xeral e particular con respecto á recaudación.
Finalmente, ambos dirixentes referíronse ao remate da concesión do servizo municipal de auga por parte da empresa Viaqua, que será no ano 2021, co que se abre a posibilidade de otorgar unha nova concesión e, polo tanto, cambiar as condicións da prestación. Sobre todo, destacaron no tocante a solucionar a reparación das averías, que supoñen unha das queixas máis frecuentes da veciñanza.

Veciños da rúa dos Carboeiros comunícan o seu malestar polo abandono do Concello do Carballiño en canto a limpeza viária xa que din que esta situación é continúa dende fai moito meses. Denuncian que se utilice este punto continuamente como vertedeiro de lixo. Polo que piden que o concello proceda a súa limpeza, e que vigile para que non se reproduzca.

A asociación "O Carballiño Centyro Comercial Aberto" pon en marcha a súa campaña navideña,que se desenvolverá dende o dia 15 de Decembro ata o 6 de xaneiro.
Precisamente, na festividade de reis e coincidindo cos números premidados na lotaria do neno concederánse premios desta campaña, un total de 1350 euros en vales de compras, entre toda a clientela dos establecementos asociados que nestas datas recibirán participacións para este sorteo.
Asemade, a campaña de nadal do comercio carballiñés ofrecerá outras actividades, como o concurso de escaparates no que se premiarán os 3 mellores con decoración propia destas datas.
Os dias 22 e 23 de Decmebro chegará a O Carballiño o "Tren do Nadal" con saídas e chegadas dende a praza de Abastos, percorrendo as rúas carballiñesas.
O dia 4 de Xaneiro, o público infantil encontraráse coas "colchonetas divertidas", repartidas por varias prazas do Carballiño.
O presidente do CCA, Julián Garriga, e o concelleiro de Promoción Económica do concello carballiñés, Adolfo Nogueira, que colabora nesta programación, foron os encargados de presentar esta nova edición da campaña de Nadal do comercio local.

A sentencia da titular do Xulgado nº 1 do Carballiño condena á Comunidade do Edificio Magariños, sito na rúa Tomás Mª Mosquera, e a súa compañía aseguradora, a pagar distintas cantidades económicas en concepto de indemnizacións ás vítimas e as súas familias, como consecuencia do incendio rexistrado neste inmoble no mes de novembro de 2011.
A sentencia considera responsable deste sinistro á Comunidade do Edificio polo mal estado do cadro de contadores, onde se orixinou o lume. Tamén fai responsable á compañía do suministro eléctrico, que debería velar polo estado da instalación, pero a empresa eléctrica non foi demandada por ningunha das partes, polo que queda exenta de ter que pagar indemnización algunha.
Doutra parte, a sentencia non encontra ningún tipo de responsabilidade na actuación do concello do Carballiño, nin tampouco por parte dos servizos de emerxencia e Policia Local.
Son, en total, catro as demandas que a sentencia estima de forma parcial ou na súa integridade.
As vítimas e as súas familias reciben unha suma de 265.000 euros, que debe abonar a compañía aseguradora coa que a comunidade do edficio tiña suscripta a poliza de seguro.

O concello do Carballiño actualizará en 2018 o valor catastral dos inmobles urbanos non revisados ao menos nos últimos cinco anos, antes de 2013.
O chamado "catastrazo" podería ingresar en 2018 ata 1,5 millóns de euros a maiores polo concepto do IBI, en relación a este ano sempre e cando non se apliquen modificacións ou se reduza o tipo impositivo municipal.
Además, estas revisións afectan a outras cargas impositivas, como a plusvalía municipal pola venda de ben inmobles.
Os datos foron avanzados polo portavoz do grupo municipal popular, Argimiro Marnotes, nun acto no que deu a coñecer o contido das once alegacións presentadas ao expediente de ordenanzas fiscais para o ano 2018 no concello carballiñés.
As alegacións presentadas son variadas e afectan a varias ordenanzas, que a son os seguintes:
Alegación para que as taxas do ano 2018 esteen preparadas para ser O Carballiño, un Concello que cumpra coa Lei autonómica de implantación de iniciativas empresariais, para o que ás xa existentes bonificacións no ICIO, tamén se deben de recoller bonificacións no IBI e no IAE. Así o Concello do Carballiño poderá ser beneficiario de diversas axudas en subvencións da Xunta de Galicia.
Piden dende o Partido Popular a conxelación da taxa de sumidoiros, toda vez que no Plan de axuste se contemplaba a súa conxelación ata o ano 21, por ser excesiva no coste do servizo, polo que entendemos que debe de seguir nesta situación ata ese ano. Tamén solicitan que as bonificacións por ter domiciliado o recibo tanto do IBI como do lixo ou o de vehículos, que eran do 1,5% nos anos de plan de axuste, pasen a ser do 3,00%, tal como eran antes do mencionado plan de axuste.
De igual forma no correspondente a taxa de vehículos solicitan as seguintes bonificacións: Bonificación do 100% para vehículos históricos Bonificación do 50% para vehículos con antigüidade mínima de 25 anos Bonificación do 75% para os híbridos, os clasificados con eficiencia enerxética tipo A, os de biogás ou os de motor eléctrico. Propoñen redondeos na tarifa que regula o prezo das pallozas e cámping, para facer mais operativo o cobro. Na entrada de carruaxes, pola autorización en horario reducido, propoñen un axuste para que sexa coincidente co horario de carga e descarga e non dea lugar a dúbidas.
No referido as taxas reguladoras de prezo de ocupación de espazo público , barracas, etc, a maiores de corrixir certos aspectos que podían dar lugar a equívocos, propoñen unha tarifa para a ocupación de espazo durante as festas patronais, tal como existen para a Festa do Pulpo ou a Festa dos Maiores.
No que atinxe ao conservatorio e escola de música quere ampliar os tramos intermedios para o cálculo da taxa, así como incrementar o seu tope ata > de 300% do IPREM, de forma que o tope máximo está para rendas mais altas e o resto vai en progresión descendente en tramos do IPREM. Nesta taxa tamén solicitan descontos por segundas e seguintes matriculas dentro da mesma unidade familiar e rebaixa do custe do certificado.
Este mesmo criterio de nova táboa de prezos, solicitan se lle aplique as diversas escolas deportivas municipais.

De todos eles, dous excaldes do Carballiño e tres exconcelleiros, tan so Pachi Vázquez continúa a dia de hoxe na vida política activa, agora mesmo inmerso no proceso de elección para ocupar a Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE. Tanto Carlos Montes como os tres exconcelleiros que se viron involucrados nesta causa xa están retirados dende fai anos da vida política pública.
Na tarde deste lúns coñeceuse o escrito da Fiscalía en relación a este proceso penal, neste escrito solicita á Xuiza do Xulgado de Instrucción nº 2 do Carballiño, que instrúe o caso, que dicte o auto de procedemento abreviado e lle dea traslado.
No caso de que a Xuíza Instructora atenda a petición da Fiscalía, ésta formularía acusación, paso previo e último para a apertura de xuizo oral.
A Fiscalía mantén que un total de 60 contratatacións de traballadores no concello do Carballiño feitas na etapa dos dous exalcaldes socialistas poden constituir un delito de presunta prevaricación ao representar "unha practica sistémica, absolutamente arbitraria, atendendo exclusivamente a afinidades de tipo político, persoal ou de outro tipo, non recollido no ordenamento",
Según a acusación estas contratacións de traballadores teríase realizado durante anos no concello carballiñés con "ausencia total de procedemento, prescindindo en calquera caso de todo principio constitucional que inspira a contratación pública, sustentado na igualdade, mérito, capacidade e publicidade"

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de reunirse co presidente da Mancomunidade do Carballiño, que lle trasladou á titular do departamento autonómico a súa intención de reforzar o traballo da entidade intermunicipal contra os incendios forestais.
O presidente da mancomunidade e tenente de alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, mostrouse interesado en incrementar os recursos de loita contra o lume. Para iso, ambos mandatarios valoraron os acordos subscritos pola consellería e polos que dispoñen dunha motobomba e de varias brigadas de prevención e extinción.
Ademais, esta mancomunidade integrada polos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo,Piñor e San Amaro, recibiu tamén apoio para os traballos de roza e tratamentos preventivos. En total, o ano pasado, recibiron preto de 94.000 euros a través das diversas liñas de axuda no eido da prevención e valoración.
Ángeles Vázquez mostrouse agradecida polo interese da Mancomunidade do Carballiño e aberta a valorar novas formas de colaboración que axuden nesta loita na que todas as administracións, cada unha na súa medida, deben estar comprometidas.
Somos milleiros de carballiñeses os que dende sempre agárdabamos un uso público para este edificio emblemático da nosa vila...., nas tertulias comentábamos a necesidade de que o Concello se fixera cargo, así anos, anos, e anos. Cando semellaba que ao fin os gobernantes tiñan decidido facelo, a oposición negouse á compra aludindo ao costoso importe da venta por parte dos seus propietarios. Coñecían ou coñecen esas persoas que non permitiron a combra as diménsións do propio edificio e da inmensa finca que vai ata ata o centro da Terceira Idade?. Non, non o creo. O caso é que quedamos sen a beleza e os centos de posibilidades para gozar da Casa Soto..., como xa antes se foran outras tantas maravillas que facían do Carballiño unha vila con peso. Segue a imperar o ladrillo. Cal vai ser o vindeiro derribo?. De verdade, dan ganas de chorar.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 505
- 506
- 507
- 508
- 509
- 510
- 511
- 512
- 513
- …
- seguinte ›
- última »