
O Festival de Teatro Galego, FETEGA, referente da cultura e do teatro galego ao ser o festival máis antigo da comunidade, chega este ano a súa XXVIII edición, cun completo programa de actividades que terán lugar do 5 ao 9 de setembro no Carballiño.
A presentación desta cita cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de cultura do Carballiño, Diego Fernández; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a directora do FETEGA, Josi Lage, e de actores das compañías que actuarán no festival.
A Deputación de Ourense colabora "activamente con esta iniciativa co obxectivo de dinamizar a actividade cultural dos nosos municipios" sinalou Rosendo Fernández, quen destacou que este Festival é "un referente das artes escénicas de Galicia, ofrecendo un completo programa de actividades".
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura do Carballiño mostrouse orgulloso de "acoller este Festival que reúne a mellor programación do teatro galego e que achega a moita xente ao noso municipio". Mentres que, Jacobo Sutil destacou a tradición da provincia de Ourense nas artes escénicas ao afirmar que "dos dez festivais nos que estamos presentes, catro celébranse nesta provincia" e sinalou "a promoción que fai o FETEGA das nosas artes escénicas tanto na programación como nos que recoñecementos que se conceden durante a súa celebración".
O programa comeza o martes, 5 de setembro, ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal coa obra "Eroski Paraíso" da compañía Chévere, ao día seguinte será a quenda para "A canción do elefante" da compañía Redrum Teatro. O xoves, 7 de setembro, actuará a compañía Inherente Teatro coa obra "Dramaturxia das mulheres" e, ao día seguinte, "Impronews" da compañía Triatreros. O sábado, 9 de setembro, será a quenda para Sergio Pazos con "Afiando con humor" e será a gala e entrega de premios que, a partir de agora, "pasarán a chamarse Premios Fetega Dorotea Bárcena", sinalou Josi Lage. O custe das entradas para estes espectáculos será de 10 euros.
"O premio de honra desta edición recae en Carlos Blanco pola súa traxectoria, profesionalidade e talento", recalcou Josi Lage.
Por outra banda, ás 19.30 horas, no Anfiteatro, celebraranse actuacións para as cales a entrada será gratuíta. Comezarán o martes, 5 de setembro con "Welcome" da compañía Duelirum, ao día seguinte será "Lila Star" da compañía Vueltos de Rosca. O xoves, 7 de setembro, actuará a compañía Pistacatro coa obra "Escola de saltimbanquis e o venres será a quenda para a compañía Nono Productions coa obra "Nono". O sábado, 9 de setembro, actuará a compañía IO coa obra "Contiguo".
O programa do FETEGA complétase con actividades paralelas, que abranguen desde animación na rúa, obradoiros de "improvisación escénica" e "novas linguaxes escénicas", así como unha conferencia de Teatro Posdramático Galego.

O Concello de Boborás aprobou por unanimidade a eliminación da débeda con bancos a través dunha modificación orzamentaria na que se incorporou do remanente de tesourería 184.913,54 euros.
Desta maneira para este 2017, Boborás "pasará a ser un dos concellos de Galicia con débeda 0. A esta cantidade hai que sumarlle a xa reservada no orzamento para este ano, que eran 66.000 euros dos cales parte xa foron amortizados ao longo deste ano".
Para Patricia Torres, portavoz do grupo municipal de goberno tamén dixo que "este paso supón unha proba máis da saúde financeira do organismo, que paga en prazo tanto aos seu provedores coma a outras administracións nas que están incluída como o caso das Mancomunidades"
Outro dos puntos que se abordaron neste pleno foi modificación da taxa da auga, que foi aprobada con 6 votos do PP, a abstención de Xuntos por Boborás e os votos en contra de de Move Boborás. Na proposta da alcaldía, eliminábase o cuarto tramo de cobro que era de 5 euros para as actividades domésticas e de 6 euros para as industriais e hoteleiras, turismo rural, comercios. Ademais no tramo 2º, o concello amplia de 50 a 60 m3 de consumo.
Por outra banda, o pleno tamén aprobou o plan estratéxico de subvencións para o 2017, 2018 e 2019 por unanimidade. Serán a Banda de Gaitas, a asociación de pescadores, a de caza, o equipo de fútbol sala de Boborás, a Anpa, as emerxencias sociais, o cheque bebé os colectivos beneficiados, que xa estaban incluídos anteriormente, coa incorporación das axudas para material escolar para as etapas escolar de infantil, primaria e a E.S.O.
Tamén se aprobou cos votos a favor do Partido Popular da ordenanza sobre o transporte madeireiro nas estradas municipais. O grupo de goberno entende preciso regularizar esta actividades para controlar o dano sobre os viais locais. Deste xeito as empresas madeireiras terán que facer unha comunicación previa sobre a tala e depositar unha garantía segundo a tonelaxe a transportar sendo os importes dende os 150 euros a partir das 20 toneladas ata aos 3.000 euros para máis de 1.000 toneladas. Será o arquitecto municipal o que valore o estado dos viarios afectados antes da actividade e despois da mesma para definir os danos nas mesmas, de non haber ningunha consecuencia sobre as estradas, a garantía será devolta integramente.
A conta xeral 2016 tamén foi aprobada unicamente cos votos do grupo de goberno, neste caso a portavoz popular manifestou que fora aprobada na Comisión de Contas e "non tivo ningunha alegación e cumpre tanto a estabilidade orzamentaria como a regra de gasto deixando un resultado positivo de 208.000 euros", subliñou Patricia Torres.
No canto dos festivos locais para o 2018 quedaron determinados coma sempre os 13 de xuño; San Antón e o 19 de setembro; A Saleta.
Por outra banda e cos votos do PP tamén se aprobou unha modificación de crédito por valor de 20.000 euros para acometer obras de mellora nas seguintes estradas; Cardelle, Brués-Pontevella, acceso á Ponterriza e núcleo, acceso a Vilachá e estrada Brués a Balboa. Estas obras serán acometidas pola Brigada de obras da Deputación de Ourense, quen valorou os traballos en 36.828,08 euros dos que o Concello de Boborás terá que aportar o correspondente ao material de construción que ascende a 17.831,66 euros.
Finalmente tamén se elixiu por unanimidade o nomeamento da xuíza de paz de Boborás, que será Ana María Gómez Pena.

O evento gastronómico de moda “food trucks” ou “cociña sobre rodas” acude por vez primeira ao Carballiño dentro dunha iniciativa denominada “Carballiño Street Food”, e que se desenvolverá o 1,2 e 3 de setembro na Praza da Veracruz.
“Trátase dunha selección dos mellores food trucks cunha variada oferta gastronómica pensada para todos os públicos”. Así foi presentada este mediodía polos concelleiros de Turismo e Cultura, Manolo Dacal e Diego Fernández, respectivamente, e representantes da compañía que promove o evento.
Hamburguesas premium, xeados artesáns, bocadillos gourmet, ensaladas orixinais, tapas diferentes, viños de autor, cervexas especiais, sesión vermú e outras propostas gastronómicas, alternaranse coa animación de grupos de música en vivo e obradoiros infantís. As food trucks participantes son: Baden Baden Food Truck (comida alemana – salchichas), ComeCamiños Food Truck (hamburguesas), CrepCabaret (crepes douces e salados), Country Food (cociña Tex-Mex), La Perlita Food Truck (pasta fresca, focaccias recheas), Jabu Go! (xamón ibérico en distintas elaboracións), ToffeeGlass (douces e repostería artesá arxentina), e La Monda con zumos y helados.
A apertura terá lugar o venres, 1 de setembro, pola tarde, ás 19,00 h; o sábado 2 e o domingo 3, terá os horarios de 12,00 a 16,00 h., e de 19,00 a 00,00 h. As principais actuacións de grupos de música en vivo son: o venres 1, ás 21,30 h., THE TETAS´ VAN; o sábado 2, tamén ás 21,30 h., EN MALA HORA, e o domingo 3, en dobre sesión, ás 13,30 e 20,00 h., SOUL&ROLL. Todos os concertos, así como a animación de DJ e as actividades infantís terán lugar no escenario do auditorio da Praza da Veracruz.
As actividades infantís terán lugar o sábado 2, ás 19,00 h., e o domingo 3, ás 12,00 h. Os concelleiros de Cultura e Turismo dixeron na presentación que se trata dun evento moi atractivo que vai supoñer un aliciente nesta fin de semana previa ás festas patronais para que visiten a vila moitas persoas de fóra, e unha oportunidade para que os carballiñeses e a xente da comarca poida degustar un tipo de cociña e produtos de moita calidade que non se ofertan na gastronomía local.
Asemade, o reponsble da empresa que organiza o evento agradeceu a colaboración do concello, así como dos patrocinadores (Abanca, Gadis, Mahou e Pazo Tizón), e fixo fincapé no éxito que está acadando este tipo de iniciativas en Galicia e toda España, e que esperaba que tamén o fose no Carballiño.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a licitación do contrato de obras para a conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de Santa María a Real de Oseira, no municipio de San Cristovo de Cea, uns traballos cofinanciados polo Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 6.
O importe de licitación base das obras ascende a 791.945 euros.
O obxectivo da intervención é velar pola conservación deste senlleiro mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural, e que constitúe ademais un importante atractivo cultural e turístico para a súa contorna.
As actuacións previstas como prioritarias para acometer por fases inclúen obras de limpeza e mellora na cuberta, na carpintería, en diferentes portas do conxunto, nos parámetros e nas pinturas murais principalmente, así como a mellora das condicións ambientais dalgunhas partes do monumento.
Así mesmo, substituirase a cuberta que conecta o claustro dos pináculos co dos medallóns, así como de toda a carpintería da fachada principal. Así mesmo, realizaranse traballos varios de limpeza, restauración de vexas, pintado e iluminación e repararase a fonte do Claustro de Cabaleiros.
Asemade, realizarase un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e á elaboración dun estudo de conservación preventiva, e dun documento técnico que sirva de base para a futura redacción dun Plan director do monumento.

A forte tormenta de saraiba caída este pasado domingo no Carballiño, e que anegou varias rúas do casco urbano, afectando a algúns locais e garaxes, puido prodiucir maiores danos de non ser pola rápida intervención do Grupo Local de Emerexencias, manifestan dende o concello carballiñés.
Tras a tormenta -indican- tanto na Policía Local como no Grupo de Emerxencias, recibíronse un total de 50 chamadas telefónicas en cada servizo, actuándose coa maior celeridade posible segundo a urxencia e a orde das solicitudes realizadas.
O operativo posto en marcha achicou auga nuns 30 locais, e hoxe prosigue con este labor.
"Dende o primeiro momento en que se produciu a incidencia da tormenta, tanto o alcalde, Francisco Fumega, como o concelleiro de Servizos Públicos, Adolfo Nogueira, puxéronse ao fronte da coordinación do operativo, co obxectivo de solucionar os problemas máis acuciantes atendendo á orde de importancia e necesidade", subliñan dende a institución municipal.
Tamén aseguran que "a maioría dos sumidoiros da vila limpáronse hai unhas semanas, pero os sedimentos e follas que arrastrou a saraiba, así como a cantidade de auga caída nun período curto de tempo, provocaron que non se dise evacuado toda a auga, anegándose algunhas rúas".
Non son da mesma opinión dende o Partido Popular,entenden que a resposta municipal non foi nin rápida nin eficaz "xa que na mañá do lúns aínda moitos sumidoiros estaban atascados e sen limpar".
Os populares lamentan que o concello non houbesen realizado traballos preventivos cando xa se coñecía con antelación as previsións meteorolóxicas que auguraban unha situacion destas características como a vivida na tarde deste pasado domingo no Carballiño.
Sr. Concejal de trafico de O Carballiño:
Acabo de leer un artículo sobre la bolarlización en zonas peatonales, lo cual me parece maravilloso, pues mire Ud., no estaría de màs, que se pasease por otras calles peatonales de este pueblo, que parecen auténticos aparcamientos privados, ( véase Margarita Taboada, por ejemplo), aunque a los comerciantes y transportistas les debe dar igual, porque siempre protestan donde no deben.
Reciba un cordial saludo

Sete orquestras, sete charangas, tres bandas, dúas corais, un festival de grupos locais, dous tributos, unha sesión de pirotécnia artística e diversas actividades infantís,culturáis e deportivas, conforman o programa das Festas do San Cibrao que se celebrarán do 14 ao 19 de setembro, e que foron presentadas hoxe conxuntamente co cartel, polo autor do mesmo, José Luis Diz; os concelleiros José Manuel Dacal e Diego Fernández, e os integrantes da comisión de festas, María Dolores Fernández e Miguel Angel Otero.
Ademáis, desenvolverase no barrio de Flores unha nova edición da Feira de Pepa Loba, e haberá un monólogo de Edu Soto e un espectáculo de maxia de Cayetano Yedó no auditorio.
O cartel reproduce unha imaxe das festas do ano 1945 da vella igrexa parroquial, cando ainda existía o Catro Olas e o Chupete, e que foi elaborado por José Luis Diz, engadindo un siluetado de neón e fogos de articifio. É un cartel sinxelo que evoca a visión nocturna e festiva dun rincón singular do Carballiño de mediados do século pasado, según dixo o autor. O cartel comezará a distribuirse hoxe, e a próxima semana o libro-programa de man.
Como preámbulo das festas, o xoves 14 desenvolverase un acto cultural co descubrimento dunha placa en homenaxe da escritora Emilia Pardo Bazán nunha columna da antiga Casa dos Quiroga, fronte á Praza Maior.
Ese mesmo día terá lugar o Festival Setembro´17 con grupos locais no auditorio da Veracruz.
Tamén haberá xogos populares a cargo de Aspadisi.
O venres 15 a animación musical correrá a cargo de dúas charangas e as orquestras Foliada e Oca Band. E tamén terá lugar no auditorio o monólogo de Edu Soto.
Este día inaugurarase en Flores a Feira de Pepa Loba, que transcorrerá ata o domingo, e cuxos actos centrais terán lugar o sábado.
O sábado 16, que é a feira, a mediodía haberá un concerto conxunto da Banda A Lira de Ribadavia e o Orfeón do Carballiño. Un grupo de gaitas e dúas charangas animarán as rúas. Pola tarde, a Coral Casablanca de Vigo ofrecerá un concerto no auditorio, e pola tarde-noite actuará o grupo Le Suite Band, con tributo á música dos anos 80, e verbena coa orquestra Claxon.
Ás 12 da noite terá lugar a sesión de pirotécnia na Praza da Veracruz.
O domingo 17 celebrarase a tradicional Misa Cantada na Veracruz e procesión do San Cibrao, co acompañamento da banda de música de Vilatuxe, que ofrecerá un concerto a continuación. A animación de rúa contará con dúas charangas. E a verbena correrá a cargo das orquestras París e D´Moda.
O luns 18, festivo no Carballiño, haberá pasarrúas de charangas e a banda de música do Carballiño, que ofrecerá un concerto a mediodía. Na “pista roxa” desenvolverase unha actividade de xogos infantís,e pola tarde haberá un espectáculo de maxia de Cayetano Yedó no auditorio. A orquestra El Combo Dominicano porá o fin de festa.
O martes 19 será a Romaría da Saleta.
Ademáis haberá diversas actividades deportivas, como concentración de Coches Clásicos, concurso de chave, artes marciais, etc…

Sr: alcalde de Maside: Deixe vostede de enganar e tomarlle o pelo á prensa, aos medios de comunicación, aos seus veciños, e a todo o mundo que se poña por diante. Maside non ten 2950- 2960 habitantes como vostede dixo neste medio Ten 2818. Deixo aquí a proba da súa nova falacia. Non quero nin pensar como é a súa interpretación desas gráficas de consumo que están no súa literatura, se non é capaz de interpretar un número tan sinxelo como o padrón de habitantes. Non apele vostede á solidaridade, e faga de alcalde esixindo que queN rouba a auga pra regar sen contador pague a auga.
E xa que somos os veciños de Maside os que pagamos as festas, non diga na propaganda que o concello de Maside invita as festas, diga que o pobo de Maside invita a todo o mundo as festas de Maside. Entendo que non é moi sinxelo pra vostede facer honor á verdade, pero home, xa que estamos de festas, FAGA UN ESFORCIÑO!!!
Permitímoslle que o seu socio Wenceslao o imite un chisco, mentindo co eso de que este ano aumentaban os premios da Festa do Cabalo. Pero todo ten un límite, e hai cousas que nin as grosas mentiras poden edulcorar.
Maside, o pobo que pensamos ca chegada da autovía...que levantaría cabeza, e nada de nada, AGONIZANDO, así e cómo se encontra.
A última mostra a Festa do Cabalo, queren seguir vendendo fume e como en todo, botarlle a culpa o calor, a crise, .......e preguntome EU de quen é a culpa?, e de que ninguen asente neste pobo?, e de que pechen masivamente os negocios? , e de que volva estar sucio?, e de que as" maravillosas" conversas con varias empresas que eiqui asentarian, non acaben de chegar?,.....digolle EU de quen é a culpa sres., somente, de intereses persoaís con ánimo de lucro, nada maís.
O malo de tal desfeita, é que veña quen veña isto ten difícil , por non dicir imposible solución, ainda así , vaian vostedes disfrutando e seguindo aproveitandose do que poidan que os Masidaos, parvos non somos.
Boas festas para xente destes pobo con dignidade.

A XXVIII edición da "Festa da Vendima" mesturará música, gastronomía e artesanía o día 27 de agosto no municipio de Leiro.
O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que se trata "dunha festa con arraigo na comarca do Ribeiro que serve de escaparate dun produto esencial da vida económica ourensá, o viño, pois a nosa provincia conta con catro das cinco Denominacións de Orixe galegas, sendo a do Ribeiro a máis antiga de Galicia".
Rosendo Fernández destacou que esta celebración, xa consolidada no calendario festivo da nosa provincia, "convértese nunha canle de promoción económica dun recurso endóxeno do Concello de Leiro". Pola súa parte, o alcalde de Leiro fixo un repaso pola historia desta festa que comezou a celebrarse "no ano 1963 e fixéronse tres edicións retomándose novamente no ano 1974 para celebrar catro edicións, e foi no ano 1996 cando volvemos a retomar esta festa para celebrala cada ano ininterrompidamente". Asemade, Francisco José Fernández destacou a "alta participación veciñal na celebración que contamos que, nesta edición, teña unha asistencia similar á de anos anteriores".
O programa de actividades comeza ás 10.00 horas coa recepción de acios a concurso e posterior exposición. Ás 11.30 horas será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello, para dar paso ás 12.00 horas á lectura do Pregón na praza do Cruceiro que nesta edición correrá a cargo da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Edelmira Barreira. O desfile de carrozas e charangas comezará ás 12.30 horas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e, ás 14.00 horas, será a visita ao XIV Mercado Artesanal que estará instalado no parque do Salgueiral, a beira do río Avia. O xantar popular comezará ás 14.30 horas.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas celebrarase a entrega de premio aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e continuarase con actividades infantís e festa no Salgueiral. O deporte terá o seu espazo tamén na celebración co partido de presentación do C.F. Leiro ás 17.45 horas. Por último, será a música a encargada de pechar esta celebración co concerto de corais da Vendima ás 20.00 horas e coa actuación en directo no Salgueiral ás 21.00 horas.
Un dos eventos máis atractivos da celebración é o desfile de carrozas que hai en modalidade infantil e adulta. "As carrozas deben facer referencia a motivos da vendima, da viña ou traballos da mesma e deben cumprir as características recollidas nas bases do certame, pois de non ser así, o xurado poderá descalificalos", sinalou o Concelleiro de Cultura, quen lembrou os premios do certame sendo para os adultos de 1.000 euros para o primeiro premio, o segundo 750 euros e o terceiro premio 600 euros, e por participar no concurso reciben 400 euros de premio. E na modalidade infantil son de 400 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro, e 50 euros por participar.
No relativo ao mercado artesanal, Ramón Álvarez dixo que levan 14 anos a celebralo e nesta edición "temos 25 artesáns confirmados procedentes principalmente da provincia de Ourense. Haberán artesáns de bixutería, esmaltes en frío, pedras, produtos alimentarios e viño".
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 515
- 516
- 517
- 518
- 519
- 520
- 521
- 522
- 523
- …
- seguinte ›
- última »