23, Xullo 2017

O gaiteiro Carlos Núñez ofrecerá este próximo venres dia 28 de Xullo un concerto no mosteiro de Stª María a Real de Oseira, enmarcado no programa "A Tradición Medieval", que desenvolve en colaboración coa Deputación Provincial, e que se completa con outros dous concertos nos mosteiros de San Pedro de Rocas e Montederramo.

Nestes concertos, Carlos Núñez presentará un repertorio con melodias medievais interpretadas con instrumentos que aparecen no Pórtico Da Gloria, recuperados e construídos polo artesán Brañas.

O concerto no mosteiro de Oseira comezará ás 20:30 horas e o prezo da entrada é de 18 euros. Poden adquirirse en https://entradas.ataquilla.com

21, Xullo 2017

Nalgunhas rúas do Carballiño, cando abrimos as portas dos nosos fogares, portas de garaxes ou dos coches, temos que estar atentos para que non nos entren as ratas para dentro. E xa levamos polo menos dous meses asi, como comprenderán, os veciños xa estamos cansados de esta situación.

E non se trata de ratos pequenos, se´non que son ratas enormes, como puños das nosas mans ou incluso máis grandes.

Eu pregúntome, si o noso alcalde ou calquera outra persoa con cargo importante, tiveran esta situación ó lado da súa casa, tivesen nenos pequenos, e cada vez que abrisen unha porta tiveran que vixiar para que non lle entraran as ratas para adentro, se non se cansarían desta situación.

Xa non é que sexa mala imaxe, e tamén vergonzoso nesta época de turistas no Carballiño, senón que xa é peligroso ter estas ratas grandes para os que temos nenos pequenos.

21, Xullo 2017

A Deputación de Ourense e a Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" cooperarán para promover o enoturismo e as actividades relacionadas con esta modalidade, co obxectivo de difundir os valores enolóxicos, culturais, históricos, gastronómicos e turísticos dun dos enclaves vinícolas máis importantes de España e da súa denominación de orixe.

Así o acordaron Manuel Baltar e Felicísicimo Pereira, presidente da Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro", na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, na que o presidente da Deputación amosou o interese do ente provincial por formar parte da dita asociación e comprometeuse a destinar nos orzamentos de 2018 un total de 30.000 euros para que a "Ruta do Viño do Ribeiro" non teña problemas de supervivencia, para darlle un impulso e para colaborar nas actividades da asociación e contribuír así á promoción enoturística do Ribeiro.

A Asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" está integrada por máis de cincuenta socios, que conforman unha rede establecementos de hostalería, enotecas, aloxamento e comercio, xunto a institucións e oficinas de turismo, que abranguen unha ampla oferta ao redor do viño do Ribeiro.

A Deputación de Ourense vén apoiando ao sector vitivinícola na provincia de Ourense a ás súas catro denominacións de orixe porque, segundo Manuel Baltar, "é un ámbito estratéxico da nosa economía e temos que seguir impulsando iniciativas que permitan visualizar a importancia que ten en Galicia e nacional e internacionalmente a produción vitivinícola ourensá". Neste sentido, accións de internacionalización como a recente misión USA-Ourense ou as reunións periódicas entre Deputación e consellos reguladores "posicionan e favorecen alianzas e oportunidades comerciais, para seguir distinguindo os nosos viños entre os mellores do mundo".

Baltar expresou, asemade, que a Deputación de Ourense seguirá mantendo en 2018 unha partida de axudas para os catro consellos reguladores por importe de 50.000 euros para cada un deles, "coa finalidade de apoialos nos ámbitos promocionais e tamén en aspectos relativos á produción vitivinícola".

19, Xullo 2017

A ministra de Emprego e Seguridade social, Fátima Bañez, e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, fixeron entrega da Medalla de Honra da Emigración na súa categoria de Ouro ao carballiñés Aurelio Miras Portugal. Tamén recibíu a distinción, neste caso a título póstumo, Fernando Amarelo de Castro.

O acto tivo como escenario para a súa celebración o Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

A ministra tivo palabras de recoñecemento para os dous condecorados "galegos que souberon trasladar tanto ao ámbito das administracións autonómicas como á xeral do Estado esos valores adquiridos e que son parte do ADN de todos os emigrantes: solidariedade, responsabilidade, sensatez na xestión e un espíritu de traballo inquebrantable", remarcou Fátima Bañez.

De Aurelio Miras salientou, ademáis que "sempre deu o mellor de sí mesmo para mellorar as condicións de vida dos nosos paisanos no exterior, cuidando especialmente dos máis vulnerables, dos nosos maiores e dos que por unha ou outra razón, quedaron apartados do éxito na súa vida migratoria", remarcou a ministra.

Aurelio Miras, que iniciou a súa actividade política como concelleiro da Corporación Municipal do Carballiño, e durante varias lexislaturas formou parte do Parlamente do Galicia, obstentou varios cargos de responsablidade relacionados coa emigración. Foi conselleiro de Emigración da Xunta baixo a presidencia de Manuel Fraga, e nos últimos anos exerceu como "Director General de Migraciones" do goberno español.

19, Xullo 2017

O Festival Holi Pulpo reunirá no Carballiño a máis de mil persoas procedentes dos máis diversos lugares de Galicia e incluso de Portugal. O evento, que se celebrará o sábado 29 de xullo, foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o promotor de iniciativas culturais e deportivas Uriel Bernardez.

Diego Fernández destacou a novedade deste festival que traerá ao Carballiño a moita xuventude e incluso a público familiar que quere participar nesta experiencia de ocio. Por eso agradeceu a iniciativa de promotores como Uriel Bernardez que organizan eventos cun gran atractivo, e que dan conta do dinamismo do Carballiño, conlevando ademáis unha notable afluencia de visitantes á vila.

Ao respecto, Uriel Bernardez asegurou que xa se venderon centos de entradas e que se percibía un gran interese non só dende o Carballiño e a contorna, senón dende todas as provincias galegas e incluso de Portugal. Así, dixo que esperaban superar o millar de persoas nesta festa, que ten a súa orixe na India, na celebración da primavera con pintura en polvo de cores, elaborada con fariña de arroz. “Sons uns polvos absolutamente ecolóxicos que non causan o menor dano medioambiental”, dixo.

A festa do Holi Pulpo comezará ás 17,30 h., na Praza Maior, para facer un percorrido pola rotonda da Alameda, Praza de Abastos e Parque Municipal. Na pista do kiosco, ás 18,30 h., comezará un festival musical no que actuarán os DJ De Melo, The Prieto Brothers, Big Browsers e Paula Docampo. O remate será sobre as 10 da noite.

O prezo da entrada é de 10 euros, e con ela entregarase unha mochila, unha camiseta, unha botella de auga, unha pulseira e unha bolsa con 100 gramos de pintura en polvo Holi. As entradas poden adquirirse en diversos locais do Carballiño como o Apathotel Arenteiro, a cafetería Loft 27, a cafetería das Piscinas e en Ourense e vilas da provincia.

18, Xullo 2017

Na calle Margarita Taboada,enfrente de Plumetti,hai unha lousa de pedra rota e levantada na cal ten tropezado moita xente incluso caido o chan,polo que insto a que por parte do concello se proceda a sua reparación na máxima brevedade ,antes de que haxa que lamentar algunha desgraza

18, Xullo 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que actuacións como o acondicionamento da Rúa Padre Eiján axudan a fomentar un urbanismo responsable, sustentable e participativo; xa que fomentan a colaboración e coordinación entre administracións, promoven o uso de zonas públicas e potenciase a relación e a integración das persoas.

Mato Otero visitou esta mañá as actuacións realizadas en Leiro, a cargo do Plan hUrbe, nas que a Consellería investiu un orzamento de preto de 150.000 euros. Engadiu que o valor destas actuación non só reside no investimento realizado, senón que é tamén importante os obxectivos que se acadan, como poñer en valor unha céntrica rúa, que tiña un pavimento moi deteriorado, unha iluminación inadecuada e carecía de infraestruturas subterráneas necesarias.

Despois dos meses de traballo, a rúa agora conta con nova pavimentación, que combinou formigón da zona central co lousado de granito das bandas laterais; modernizouse e ampliouse a iluminación e realizouse unha nova rede de saneamento de pluviais e revisouse a rede de saneamento de fecais.

A conselleira recordou que a Xunta puxo en marcha o Plan hUrbe no ano 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia, e a rúa Padre Eiján é hoxe un espazo máis humanizado que onte; favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos, esta obra é un bo exemplo, xa que o concello achegou o proxecto, e a Xunta o 100% do financiamento da obra; e promover o reequilibrio territorial na Comunidade, recuperando os espazos públicos, como este, para a Galicia do futuro.

Este esforzo ten o seu reflexo no investimento realizado, que só na provincia de Ourense, no período 2010-2017 supera os 10 millóns de euros, co que se puido e se pode financiar 65 actuacións en 35 concellos desta provincia, entre as que figura o acondicionamento das rúas Emilio Hermida e Prado, no Concello de Leiro, e na que se investiu case 50.000 euros.

Recordou que con cargo ao Plan Hurbe, este ano estanse executando ou se executarán 17 actuacións en outros tantos concellos da provincia por valor de máis de tres millóns de euros.

17, Xullo 2017

A Praza Abastos premiará as compras que se realicen durante este verán sorteando unha viaxe para dúas persoas a Palma Mallorca. Co eslogan de “Levámoste de vacacións" este verán a praza de abastos sortea unha viaxe a Mallorca”, a asociación de praceiros pon en marcha esta campaña de promoción das ventas, que comezará mañá, 18 de xullo e culminará o 14 de setembro, día no que se realizará o sorteo, ás 13,00 h.

Esta iniciativa foi presentada no concello do Carballiño polo concelleiro Adolfo Nogueira, o presidente da asociación, Eligio González, e a directiva da asociación Rosa Carou.

Adolfo Nogueira felicitou aos praceiros polo seu dinamismo e tamén por constituir legalmente a asociación, o que lles permitirá solicitar máis axudas institucionais. Asegurou que o compromiso do concello coa praza de abastos é absoluto, e que recentemente procedeuse a unha nova limpeza da pedra do exterior do edificio, ademáis de todas as melloras levadas a cabo mediante subvencións solicitadas polo concello á Xunta. Tamén ensalzou a unidade amosada polos propietarios dos postos da praza, reforzando o colectivo e permitindo levar a cabo actividades de promoción como esta campaña de verán.

O presidente dos praceiros presentou a campaña aducindo que esperaban un éxito semellante ás anteriores, e que a partir deste martes 18 de xullo a clientela xa podía cubrir as papeletas e introducilas nas urnas para optar ao premio dunha viaxe dunha semana para dúas persoas a Palma de Mallorca, con todo incluido: avión dende Santiago a Palma e regreso, así como a estancia dunha semana nun hotel de 3 estrelas en réxime de media pensión. Estas papeletas serán entregadas nos postos ata o día do sorteo, o 14 de setembro, a quen realice as súas compras no mercado municipal.

González asegurou que a praza de abastos estaba nunha etapa de claro crecemento, algo que veñen notando nos últimos dous anos, aumentando tanto en cantidade como en calidade. Ao respecto dixo que a praza é hoxe un lugar atractivo e funcional, ao que se lle está dando un gran dinamismo dende a asociación. Por iso agradeceu o traballo e a unión que amosan todos os propietarios dos postos.

16, Xullo 2017

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na IX Festa da Palabra, celebrada na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño), que somos "unha nación cultural, a mellor definición de Galicia, integradora e solidaria, na que loitaron os nosos devanceiros", citando como exemplo as achegas sociais e intelectuais de Curros, Lamas Carvajal, Vicente Risco, Otero Pedrayo¸ Cuevillas, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Antón Tovar e Carlos Casares.

Nesta edición o protagonista foi Carlos Casares, "cuxa memoria seguiremos a honrar pola súa personalidade e a súa obra, orgullosos como estamos do noso escritor, editor, xestor cultural con ideas renovadoras e proxectos participativos, e tamén, como non, do cidadán comprometido politicamente,", afirmou o presidente da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que Casares "está sempre presente na Ourensanía, un territorio e un sentimento que trascenden os lindes desta provincia e que debe ser tomado como o que é: a mellor maneira de sermos galegos".

Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2017: na modalidade de "Creación literaria", a Miguel Anxo Fernán Vello; en "Emigración", ao Centro Partido de O Carballiño en Bos Aires; na categoría "Iniciativa Cultural Destacada" ao grupo de teatro Tiruleque do Carballiño; á Plataforma Ríos Limpos, no apartado de "Medio Ambiente", e na categoría "Medios de Comunicación" ao programa radiofónico da Radio Galega "Diario Cultural", mentres que na categoría "Defensa da Lingua Galega" concedéuselle a premio ao médico Carlos Guitián. No apartado de "Artes Plásticas" o premio foi para Antón Pulido. Os galardóns consistiron nunha peza orixinal do escultor Manuel Buciños.

Xunto a Manuel Baltar, no acto participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; Damián Villalaín, colaborador de Carlos Casares na editorial Galaxia, e Christian Casares, fillo de Carlos Casares. O apartado musical contou coa participación do grupo Gelria e coa Real Banda de Gaitas.

Tralos discursos tivo lugar o develamento de peza escultórica de Buciños "Vento Ferido" e do texto gravado en pedra, situado na entrada da Insua dos Poetas, do que é autor Luis González Tosar e que da conta da historia deste espazo natural dedicado á cultura.

A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a Festa da Palabra desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez e Carlos Casares. González Tosar avanzou que a vindeira edición da Festa da Palabra estará dedicada ao poeta Víctor Campio Pereira.

14, Xullo 2017

O Concello de Boborás dará a coñecer a riqueza cultural e patrimonial da súa aldea Pazos de Arenteiro a través das "Noites teatralizadas" que se celebrarán todos os venres, do día 14 de xullo ata o 15 de setembro, ás 22.30 horas, unha actividade para todos os públicos e de balde.

A presentación desta proposta cultural tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e o representante da Asociación Cultural Plan B, Darío Rodríguez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que esta iniciativa cultural amosará "o universo medieval baixo a influencia da encomenda de Pazos de Arenteiro que é un dos fíos básicos dunha alternativa lúdico-cultural a desenvolver con base no século XIII: unha época marcada polo papel preponderante da Igrexa nas sinerxías socias dese tempo".

Rosendo Fernández dixo que se trata de "poñer en valor e de dar a coñecer o noso patrimonio, tanto aos turistas coma aos propios veciños, para que a través do teatro, poidan descubrir os lugares máis emblemáticos da zona antiga desta aldea".

Cada visita durará unha hora aproximada e ten "varios piares fundamentais: a interacción co público, a música en directo que lle dará máis espectacularidade e o compoñente lúdico, aínda que tratamos tamén de facer unha experiencia didáctica para ensinarlle aos espectadores o que foi Pazos na Idade Media", explico Darío Rodríguez, quen asegurou que será tamén importante "o factor sorpresa".

Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través dos números de teléfono: 645865080 ou 619442622, xa que o aforo está limitado a 30 persoas. "Para as visitas de mañá xa temos o aforo cuberto", dixo a tenente de alcalde de Boborás, quen destacou o papel que exerce o municipio a nivel provincial no eido cultural "organizando iniciativas para dar a coñecer o noso territorio".

Ademais, Patricia Torres dixo que para a o Concello de Boborás "a actividade cultural en xeral é unha cuestión fundamental porque cremos que a cultura ten que formar parte da vida dos nosos veciños e dos nosos visitantes, e que a cultura está ligada ao turismo polo tanto, toda actividade cultural que fagamos vai a incidir favorablemente no sector turístico do noso municipio".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS