
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, desprazouse ata Portugal para asistir á xornada inaugural de Expocidades, que ten lugar en Vila Real.
Unha vez máis, o pulpo foi un dos grandes protagonistas deste evento, xa que centrou o interese das autoridades e medios de comunicación durante o recorrido polos diferentes stands. E, de feito, O Carballiño centra a súa oferta turística do verán na promoción da Festa do Pulpo e nos balnearios.
Unha ampla representación das cidades galegas e portuguesas integradas no Eixo Atlántico, entre elas O Carballiño, conxuntamente cos demáis concellos da Mancomunidade Turística Terras do Avia, mostran o potencial do turismo de proximidade na cuarta edición da Mostra de Turismo das Cidades do Eixo Atlántico, Expocidades, que se realiza en Vila Real ata o 17 de xuño.
25 stands ocupan unha feira que mostra as posibilidades turísticas das cidades participantes, unha oferta centrada no turismo de proximidade dada a relativa distancia que existe entre as cidades galegas e as portuguesas e a variedade de ofertas turísticas para o visitante.
A exposición ten lugar en pleno centro da cidade, na Alameda de Grasse en Vila Real. Paralelamente ao desenvolvemento da feira teñen lugar outras actividades como degustacións de produtos típicos das cidades, entre eles, o pulpo, o pan de Cea e o viño do Ribeiro.

A grave escaseza de precipitacións que está a sufrir desde hai meses a provincia de Ourense e a proximidade dun verán que, segundo as axencias de meteoroloxía, tamén se agarda seco e caloroso, é a premisa da que parte a moción presentada polo PP para poñer en marcha unha actuación urxente na contorna dos núcleos rurais para a súa protección fronte o elevado risco de incendios forestais.
A esta iniciativa engádese outra proposta do grupo provincial popular, ambas as dúas rexistradas esta mañá na Deputación, na que formulan unha liña de colaboración cos concellos para a elaboración dos inventarios municipais de bens inmobles.
No tocante á primeira das propostas, o grupo popular destaca que a Deputación de Ourense xa ven de colaborar coas administracións locais da provincia en tarefas de roza, así como coa administración autonómica facilitando maquinaria da institución provincial en traballos de extinción de incendios cando así se require.
Profundando nestas actuacións, os populares propoñen agora unha nova liña de cooperación co goberno autonómico “coa elaboración dun estudo urxente para a preparación de franxas de biomasa, como medida de protección contra incendios forestais nos núcleos de poboación dos concellos”.
Para o PP, o elevado risco de incendios pola grave seca deste ano obriga a prestar especial atención á protección dos núcleos rurais, moitas veces en perigo pola proximidade de árbores e matogueira. Por esta razón, engade o PP, compre controlar a existencia de biomasa con alto potencial combustible preto dos pobos, instalacións industriais e de recreo, asegurando a súa retirada. Neste sentido, a Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia xa fala da xestión da biomasa para a protección e seguridade das persoas.
A cooperación cos concellos tamén está na base da segunda das mocións rexistradas polo PP, que desta volta propón facilitar aos concellos os estudos e informes técnicos necesarios para elaborar os seus respectivos inventarios municipais de bens inmobles, “unha ferramenta esencial posto que facilita o rexistro, manexo e control de todos os bens e dereitos que integran o patrimonio local”, destaca a iniciativa. Os populares lembran que a xestión eficiente dos recursos municipais procura máximas garantías aos concellos no desenvolvemento de proxectos e actividades, ademais da posibilidade de obter unha maior rendibilidade dos mesmos.
Así, nos inventarios recóllense, con suficiente detalle, os datos necesarios para identificar a realidade patrimonial dun concello, a situación xurídica na que se atopan os seus bens, as limitacións que lles poden afectar, o destino e uso ou calquera outra circunstancia relevante.
Con esta proposta, o grupo popular quere facilitar os concellos que dipoñan dun completo, exacto e actualizado inventario do patrimonio que recolla as características, valor e importancia dos seus bens, axudando ao tempo a delimitar responsabilidades, á súa conservación e defensa.

A cantiga “Pulpeiriña do Arenteiro”, considerada como un Himno da Festa do Pulpo, estrenarase este próximo sábado, 17 de xuño, nun acto que terá lugar ás 12 do mediodía na Praza Maior. Neste evento intervirán un cuarteto de gaitas e pandereta da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e o Orfeón do Carballiño.
Será o primeiro acto no que se presente en público esta cantiga composta por Xosé Luis Foxo e Felipe Senén, autores da música e a letra, respectivamente.
O acto, que terá unha duración aproximada de 30 minutos, comezará coa interpretación dunha peza musical a cargo do cuarteto da Real Banda de Gaitas. A continuación o Orfeón do Carballiño interpretará tres cancións populares galegas do seu repertorio (Negra Sombra, A Rianxeira e o Galo comadre). E finalmente, todos xuntos interpretarán a cantiga da Pulpeiriña do Arenteiro, que pechará o acto.
Previamente, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e Xosé Luis Foxo, farán unha breve presentación do evento.
O acto desenvolverase ao aire libre pero baixo unha carpa que se instalará na parte superior da Praza Maior para ter sombra.
EDICIÓN DO CD
Por outra parte, xa está na imprenta o CD que edita o concello do Carballiño para dar a coñecer esta cantiga, e como promoción da LV Festa do Pulpo, e que contén outras cancións interpretadas pola Real Banda de Gaitas de Ourense. Este CD inclúe dous libriños con fotografias antigas de pulpeiras e da Festa do Pulpo, asi como un artigo de Felipe Senén sobre “Músicas e cantares no Carballiño”. A gravación da cantiga realizouse no auditorio municipal coa intervención do gaiteiro Marco Foxo, a pandereteira Cristina Pumar e a Coral Polifónica do Casino do Carballiño.
Está previsto presentar o CD a finais deste mes de xuño.

A xornada de traballo desenvolveráse este próximo sábado dia 17 de Xuño de 9 a 14,45 horas no colexio público de Beariz.
A actividade, orientada a persoal especializado na xestión de montes veciñais en mano común (MVMC), contará con 6 relatoriossobre aspectos administrativos así como identificación de potenciais recursos explotables eexemplos concretos de aproveitamentocon éxito dos terreos forestais en man común.
En canto a xestión forestal, Calixto Escariz, asesor de comunidades de montes, explicará posibilidades de investimento para Comunidades de MVMC acordes á Lei de Montes. Por outra banda, HiginioMougán, director-xerente de AGACA, trataráa xestión cooperativa dos recursos ociosos dos MVMC.
En canto a innovación, Manuel Eirín, director xerente da empresa Gaélica Solar, afondará en xeitos de lograr a eficiencia enerxética e na identificación de iniciativas innovadoras no medio rural.Exporasetamén o novo proxecto “O Dourado Verde” cofinanciado con fondos FEADER, que investiga as posibilidades de resinación de coníferas mediante electroestimulación.
A Xornada mostra dous exemplos de uso redible dosmontes veciñais:Enrique Fandiño, enxeñeiro técnico na empresa Hifas da Terra, especializada en cogomelo e fungo,explicará procedementos de cultivo de árbores micorrizadas; Diego Romero, pola súa banda, contará a experiencia da cooperativa de recente creación Tres Fuciños no eido da comercialización de porco celta.
A iniciativa está impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante a RedeEusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Fai unhos días salíu no periódico que a Xunta vai utlizar os autobuse dos colexios pra dar o servizo de transporte aos pasaxeiros, é dicir, aproveitar os buses dos coles para dar o servizo de transporte, se esa é a gran novedá mal imos xa que eso xa se está facendo ahora
Ademáis nos meses de verao navidá, semana santa... Que vai pasar?
Buenas tardes
Vexo que o alcalde saca peito de conseguir que Renfe adiantara 20 minutos o tren de mañá para permitir que enlazará en Ourense co tren a Madrid. E o mesmo co tren de tarde que enlaza co que vai a Barcelona. E o vende como un gran logro. Que pasa? que os carballiñeses van mais a madrid ou barcelona que a Santiago de Compostela ou a Coruña. O tren da maña chega a Ourense as 8:12 e o tren Avant cara Santiago e Coruña sae de Ourense as 7:55, non habendo outro ata as 12:10 (quedando ese vacío de 4 horas de espera). Porque xa sabemos que nos aínda conservamos o tren directo a Santiago pola vía vella, pero póñemo a unha tan intempestiva que normal que ningún o colla: sae do Carballiño as 2 da tarde, chega a Santiago as 15:15 e o tren de regreso sae de Santiago as 17:25, e dicir 2 horas escasas na capital de Galicia e pola tarde. Ante esta situacion hai moitoas posibles solucions que se poderían haber tomado:
1. Adiantar aínda mais o tren da maña a ourense para permitilo enlazar co avant das 7:55.
2. o mais facil, que renfe cambiara dunha vez ese horario infumable do rexional das 2 da tarde dende o carballiño e pona a primeira hora de maña (e o regreso a ultima hora da tarde) para permitir pasar todo o día en santiago xa sexa para coller outro modo de transporte cara a coruña, ir a universidade, a algun organismo publico, algun tramite ou turismo/ocio en xeral.
Pero non fixeron nada. E o alcalde sae presumindo. Manda nabo.

Arredor de 500 deportistas participarán este sábado, 10 de xuño, no Campionato Galego de Ximnasia Promoción, XI Memorial “Antonio Prada”, que se disputará na pavillón de deportes Paco Chao do Carballiño. En total, intervirán 80 clubes e 60 deportistas individuais de toda Galicia.
O evento, que está organizado pola Federación Galega de Ximnasia en colaboración co Club Marusia, foi presentado esta mañá polo concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez, e a directiva do Club Marusia, Marta Vittori.
As probas disputaranse en xornada de mañá e tarde, con dobre xurado para axilizar a competición, según dixo José Manuel Estévez.
Espérase que a este evento acudan unhas 1.500 persoas, entre deportistas, adestradores, técnicos e familiares acompañantes, polo que haberá un fluxo importante de autocares e coches particulares no entorno do pavillón de Deportes. Por este motivo, José Manuel Dacal agradeceu a colaboración da Policía Local, Protección Civil e Garda Civil. O concelleiro destacou a importancia desta competición parta O Carballiño, tanto dende o punto de vista deportivo como para a hostelería. E dixo que se había quince días encheuse o pavillón e os locais hosteleiros da vila, este sábado ía a ocorrer o mesmo.
Marta Vittori agradeceu á Federación que se volvese a solicitar a súa colaboración para organizar este campeonato, e que esperaba que fose un gran evento deportivo, que contará tamén con participación de ximnastas carballiñesas do Club Marusia.

Arredor dun centenar de modelos participarán este venres, 9 de xuño, na 5ª Pasarela do Centro Comercial Aberto. Nenos e nenas, seleccionados nun cásting, e modelos da Axencia Luena exhibirán peiteatos, prendas de vestir, zapatos e complementos dos 27 establecementos asociacios ao CCA que interveñen neste desfile.
O espectáculo será presentado pola actriz Teté Delgado, e contará tamén coas actuacións dos artistas David Royo e Alba Fernández, así como do grupo de danza oriental ENKA.
O evento foi presentado hoxe no propio escenario da pasarela, na Praza da Veracruz, polo presidente do CCA, Julián Garriga; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; o director da Axencia Luena, Manu Varela, e a xerente do CCA, Noelia Mares.
Julián Garriga dixo que se trataba dun magno acontecemento no que ían participar vintesete establecementos (cinco máis que na pasada edición) de todos os sectores: textil, calzado, xoias, froles, perruquería, papelería, etc. Invitou aos veciños do Carballiño e da comarca a asistir ao evento, e agradeceu a colaboración das institucións: Secretaría de Comercio da Xunta; Concello do Carballiño; Federación de Comercio de Ourense; a CEO e a Deputación Provincial, ademáis da Axencia Luena.
Manu Varela amosou a súa gratitude por convidalo a participar un ano máis no desfile, e resaltou a importancia do espectáculo, con artistas destacados, modelos e os máis de cen nenos e nenas que acudiron dende toda Galicia ao cásting para a selección. “É un gran espectáculo para todos os públicos –dixo-, que exaltará a calidade do comercio carballiñés”.
Noelia Mares agradeceu sobre todo a fidelidade dos asociados ao CCA, sinalando que moitos repiten polos bos resultados acadados tras a última pasarela, e que outros novos sumáronse pola ampla repercusión deste evento. Por isto reiterou a invitación ao público para acudir ese próximo venres á Praza da Veracruz.
Finalmente, Adolfo Nogueira referiuse ao excelente traballo que estaba a desenvolver o CCA, e que esta pasarela era o mellor escaparate para o comercio do Carballiño, que está moi vivo e ten un gran dinamismo, según dixo. Asemade, destacou a colaboración de todos os estamentos do concello para contribuir ao éxito do desfile.
A Policía Local do Carballiño denunciou ante a Xefatura Provincial de Tráfico aos propietarios de catro vehiculos da marca BMW por conducción temeraria, acelerando e frenando de xeito brusco, e realizando trompos e outro tipo de maniobras perigosas para os usuarios da vía e incluso das persoas que presenciaban este entretemento sancionable.
Os conductores destes coches participaban o sábado 8 de abril nun evento de vehículos BMW na Avenida do Arenteiro, no fondo do parque municipal. Sen embargo, só tiñan permiso para concentrarse e xantar, pero de ningún modo para realizar calquera tipo de conducción temeraria nin na Avenida do Arenteiro nin en ningunha outra parte, polo que actuaron dun modo totalmente irresponsable.
No informe da Policía Local dise que “sen comunicación previa e obviamente sen autorización, varios dos participantes, ás 13,30 h., dese día, estiveron no vial 3 do parque empresarial, un acto aparentemente previamente acordado, facendo derrapar os vehículos con acelerós e frenadas bruscas en presencia das persoas alí congregadas, estando ademáis a vía aberta para o resto dos usuarios e todo isto sen adoptar ningunha medida de seguridade, polo que se puxo en perigo tanto aos asistentes como ao resto de usuarios da vía”.
O máis sorprendente é que a Policía Local obtivo as probas a través dun video publicado no canal Youtube, xa que o sistema de video vixilancia que o concello ten instalado no polígono industrial resultou afectado por un inhibidor e non se poideron obter imaxes de calidade que permitiran identificar a matrícula dos vehículos e aos seus ocupantes. A sospeita do uso do inhibidor de frecuencias susténtase no feito de que as imaxes afectadas foron aquelas tomadas pola cámara instalada no vial 3 durante o tempo de permanencia polos participantes.
A través do vídeo publicado en Youtube, a Policía Local pudo identificar a catro dos vehículos participantes, entre eles un propiedade do organizador do evento e a persoa que coursou a petición para ocupación da Avenida do Arenteiro. Por este motivo, e independientemente da sanción que corresponda, a concellería de Deportes anuncia que non autorizará no futuro ningún evento coa mesma procedencia. De feito, no Carballiño celébranse diversas concentracións ao longo do ano, sen que en ningunha delas se teña producido un feito tan grave como este.
A sanción que conleva para os coductores este tipo de conducción temeraria, considerada unha infracción moi grave, é de 500 euros e perda de 6 puntos. Pero se non se identifica ao conductor, a multa para o propietario do vehículo é o triple, de 1.500 euros.

Máis de duascentas cincuenta persoas asistiron á 25ª Festa das Parroquias, na que se rendeu homenaxe aos presidentes e expresidentes das Asociacións de Veciños do municipio, que recibiron un diploma do concello.
Alcalde, concelleiras e concelleiros da corporación municipal, exalcaldes, presidentes e expresidentes das AAVV, así como veciñanza das parroquias e do casco urbano participaron nesta celebración no parque municipal, que comezou cun concerto da Banda Escola de Música do Carballiño e continou cun xantar, que estivo amenizado na sobremesa polos regueifeiros Benito Lobariñas e Suso de Sorner.
Tamén houbo xogos populares, campeonato de brisca e subastado, baile e entrega do ramo para a organización da próxima edición da festa.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 523
- 524
- 525
- 526
- 527
- 528
- 529
- 530
- 531
- …
- seguinte ›
- última »