Totalmente de acordo co BNG que o que fixo o alcalde xunto co das mareas é pailán e unha auténtica cacicada. Iso de ir a falar cos veciños, no seu nome, cando se fai cos cartos de todos é de cacicato tercermundista. E falando dos cartos de todos, a ver se aclaran que vai pasar coa recadación. Porque seguro que este bipartito pretende pasar un tupido velo sobre o asunto.

A elección faráse a través dunha votación popular atá o vindeiro dia 21 de Maio na páxina WEB https://www.escapadarural.com/
Leiro terá como rivias para esta elección como Capital do Turismo Rural 2017 en España a outras nove localidades,que xunto a Leiro, foron designados como os 10 finalistas.
Son Alfoz de Lloredo en Cantabria, Covarrubias en Burgos, Elizondo en Navarra, Garganta de los Montes en Madrid, Grazalena en Cádiz, Onís en Asturias, Torrecilla na Rioxa e San Joan de les Abadeses, en Grirona.
Inicialmente, presentaranse a esta elección un total de 350 candidaturas, de pobos repartidos por toda a xeografía española, dos que 26 conseguiran ser precandidatos. Finalmente, foron designados os 10 finalistas, entre eles Leiro.

A LV Festa do Pulpo do Carballiño será protagonista no salón gastronómico “Pulpo Pasión Madrid”, que se presenta este venres no espazo gastronómico gourmet Platea Madrid.
Na xornada inaugural, prevista para a tarde deste venres, elaborarase a Tapa de Pulpo máis grande de Madrid. O prato no que se preparará esta tapa foi cedido polo concello do Carballiño como promoción da Festa do Pulpo, atendendo a unha invitación da organización deste evento, que se desenvolverá ate o 15 de maio, e no que participan corenta restaurantes da capital de España. O prato ten 2,20 metros de diámetro e cubrirase con 110 kg de pulpo. Dase a circunstancia de que este prato, que está serigrafiado cos lemas e convocatoria da Festa do Pulpo do Carballiño, foi o primeiro que se utilizou no Carballiño para elaborar a Tapa de Pulpo Máis Grande do Mundo. Na Festa do Pulpo do pasado ano, o prato no que se eleborou esta tapa tiña 5,37 metros de diámetro, máis do dobre deste que se utilizará en Madrid.
Neste acto inaugural intervirá o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, para promocionar a LV Festa do Pulpo e destacar o papel do Carballiño e das súas pulpeiras e pulpeiros como unha referencia mundial na elaboración do “pulpo á feira”.
O salón Pulpo Pasión Madrid celebra a súa segunda edición, promovendo a gastronomía galega na capital de España.
O espazo gastronómico gourmet Platea Madrid ubícase no lugar que ocupaba antigamente o cine Carlos III, na rúa Goia (Praza de Colón), no corazón da capital de España. É un dos maiores espazos gastronómicos de Europa. Ocupa uns 6.000 metros cadrados e da cabida a unha vintena de establecementos especializados en gastronomía nacional e internacional.

Arredor de trescentos alumnos e alumnas dos centros educativos da comarca do Carballiño renderon hoxe unha homenaxe á natureza e á lingua galega.
Tratábase de celebrar o Día das Árbores, da Auga e da Poesía, que debía desenvolverse o pasado mes de marzo e que fora aprazado por causa da chuvia.
Participaron sete centros educativos: IES nº 1, IES Chamoso Lamas, Colexio Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, do Carballiño, e da comarca os colexios de Bearíz, O Irixo e Boborás. Cada centro elexiu un tipo de árbore e realizou unha actividade vencellada con esta árbore.
Así, léronse textos dramatizados, cantáronse cancións e se realizaron coreografías sobre o amieiro, o buxo, o loureiro, o madroño, a cerdeira, o Carballo e o salgueiro.
O acto estivo organizado polo Instituto Chamoso Lamas, e contou coa asistencia de numerosas autoridades. Así, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; o concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; a delegada territorial de Educación; os directores dos institutos do Carballiño, José Manuel Vázquez e Manuel Amil, e profesores e profesoras dos centros participantes.
Nos saúdas das autoridades convidadas fíxose especial mención ao entorno natural e artístico da Insua dos Poetas, e abogouse pola promoción da nosa língua, tanto escrita como falada.
Asemade, anunciouse que está previsto colocar un novo grupo escultórico na Insua dos Poetas adicado a Carlos Casares, que terá lugar o 22 de xullo durante a celebración da X Festa da Palabra. Esta escultura complementará ás nove que xa hai e que están adicadas a Rosalía de Castro, Paco Luis Bernardez, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Condal, entre outros escritores e escritoras.

O concello acometerá o proxecto de remodelación da rúa Otero Pedrayo, tras recibir a confirmación por parte da Deputación Provincial dunha subvención de 100.000 euros.
O proxecto, cuxo custo total é de arredor de 120.000 euros, consiste nun novo pavimento, con asfaltado en quente; un tramo de abastecemento de conexión entre a Avenida 25 de Xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo, e unha mellora no saneamento, co obxectivo de resolver un problema de anegamento que hai no cruce da rúa Otero Pedrayo coa Avenida 25 de Xullo; e, finalmente, o redeseño das prazas de aparcamento, que serán en batería e se incrementarán en 60 novas prazas. Isto será posible ao establecerse nesta rúa a dirección única.
Debido a numerosas intervencións na calzada desta rúa pola execución de zanxas para a instalación de infraestruturas, presenta zonas moi deterioradas, polo que é preciso regularizar o asfalto. Así mesmo, hai un tramo que non ten beirarrúa e hai que construila.
E con respecto ao problema de anegamento requísense varias medidas: recuperación do pozo de bombeo existente, adaptación da arqueta do verquido existente e prolongación, recollida de verquidos de augas fecais e construcción dun by-pass entre a tubería de evacuación de augas pluviais e a rede existente, na confluencia de Otero Pedrayo e Celso Emilio Ferreiro. E, finalmente, o deseño das prazas de aparcamento, pasos peatonais, flechas de indicación, etc. Con este proxecto, ademáis de mellorar esta rúa e resolver os problemas que ten actualmente, amplíanse as prazas de aparcamento e regúlase mellor o tráfico, aumentando a seguridade vial e peonil.
Tras esta remodelación, xunto cos proxectos levados a cabo anteriormente noutras rúas desta zona, teranse incrementado en máis dun centenar o número de novas prazas de aparcamento. Unha vez que se proceda á contratación destas obras, o prazo de execución está previsto en tres meses.
E isto será posible gracias á subvención de 100.000 euros concedida pola Deputación Provincial de Ourense, que acaba de ser comunicada.
Dende o concello do Carballiño "agradécese unha vez máis a colaboración do organismo provincial e da súa presidencia cos proxectos remitidos dende a Alcaldía, que redundan en beneficio da cidadanía e que doutra forma non se poderían levar a cabo polo seu elevado custo".
O Partido Popular felicítase pola colaboración institucional
O grupo popular no concello do carballiño considera que a colaboración da Deputación resulta fundamental para poder acometer proxectos estratéxicos no municipio do Carballiño.
Para acceder ao comunicado do Partido Popular prema no arquivo adexunto:

O grupo popular no concello do Carballiño propón, mediante unha moción que trasladará ao pleno da corporación municipal, a construcción dun heliporto no Carballiño.
Os populares acompañan coa proposta unha reportaxe fotográfica na que mostran as deficientes condicións nas que dias atrás un helicóptero de urxencias médicas aterrou no Carballiño para un traslado urxente, cando foi preciso recurrir a unha finca privada para realizar esta manobra.
Para acceder á moción que presenta o Partido Popular, prema no arquivo adxunto:

O concello do Carballiño adicará a próxima edición da Festa do Pulpo á cidade alemana de Nuremberg, e máis concretamente, ao Centro Galego desta cidade, que o próximo mes de xuño cumplirá o 25 aniversario da celebración da súa propia Festa do Pulpo.
Por este motivo, e co obxectivo de ultimar a documentación que se precisa para a consecución da denominación de Festa de Interese Turístico Internacional, é polo que se lle adica a 55 edición da Festa do Pulpo.
Hai unhos días o alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, reuníronse no concello co presidente do Centro Galego de Nuremberg, Gerardo Arias González, un emigrante de Valdeorras, e con Ramiro Bieito Vilas, un emigrante carballiñés e directivo do centro, para comunicar esta decisión e analizar a realización dun acto para presentar a LV edición da Festa do Pulpo do Carballiño, coincidindo coa celebración da Festa do Pulpo deste centro galego. Os directivos amosáronse moi receptivos a esta proposta e dende entón trabállase conxuntamente para ultimar os detalles da presentación, que terá lugar o sábado 24 de xuño.
A Festa do Pulpo que organiza o Centro Galego de Nuremberg reúne nas últimas edicións a máis de 10.000 persoas, que acuden durante toda a xornada para degustar os produtos típicos da gastronomía galega de romaría, na que o pulpo á feira é o prato estrela, así como para disfrutar dun programa de animación cultural que inclúe grupo de gaitas e un concerto. Nesta ocasión, co gallo do 25 aniversario desta festa, haberá unha actuación de Cristina Pato.
A Festa do Pulpo do Centro Galego de Nuremberg desenvólvese na propia rúa na que se ubica a entidade, e que ese sábado, mediante unha autorización do concello, péchase ao tráfico co fin de poder acoller os actos e a gran afluencia de xente que congrega.
Na pasada edición, a Festa do Pulpo do Carballiño adicouse a catro cidades da Eurorexión, tres portuguesas (Vilanova de Gaia, Braga e Viana do Castelo), ademáis de Pontevedra. A repercusión que tivo nos medios de comunicación do Norte de Portugal foi moi importante para elaborar un dossier de prensa, que deberá completarse coas noticias que se xeneren nos xornais de Nuremberg e da rexión de Babiera, e que é un dos requisitos que se precisan para conseguir a denominación de Festa de Interese Turístico Internacional.
Ademáis, está previsto convidar a un representante dun medio de comunicación impreso de Nuremberg coa finalidade de que coñeza O Carballiño e acuda o domingo 13 de agosto á LV Festa do Pulpo para vivir e informar do evento. Para isto cóntase coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.
É a segunda ocasión na que a Festa do Pulpo se adica a Alemaña, pois no ano 1995 xa se lle adicou aos emigrantes galegos dese país, pero sen concretar en ningunha cidade. Tamén se lle adicou aos centros galegos e emigrantes galegos en México (1989 e 2009), en Arxentina (1987 e 1998), en Venezuela (1988), en Panamá (1999), en Cuba (1991), así como en comunidades autónomas españolas, entre outras deditorias dende hai trinta anos.
Neste intre estase elaborando o cartel da LV Festa do Pulpo do Carballiño, que terá como lema, ademáis dun pulpo, a imaxe do castelo de Nuremberg, que é un dos seus símbolos históricos da cidade.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu en San Caetano ao alcalde de Piñor, José Luis González.
Ambos abordaron diferentes temas de interese para os veciños deste concello ourensán, centrados na mellora das súas condicións de vida.
Entre eles tivo unha atención especial todo o relacionado coa colaboración entre a Xunta e o Concello en materia de prevención e loita contra incendios forestais.

A última actualización de datos sitúa a cifra do paro nos 9 concellos da comarca nun total de 1.927 persoas, a maioría delas na capitalidade comarcal.
No municipio do Carballiño contabilízanse 1.091 persoas que están inscritas como demandantes de emprego, son 209 menos en relación a un ano atrás, ao mes de marzo de 2016.
Por tramos de idades, a porcentaxe máis alta, encontrámola nas persoas entre os 25 e os 44 anos, con 200 homes e 327 mulleres que buscan traballo. Entre os maiores de 45 anos, 237 son homes e 277 son mulleres. Finalmente, entre os menores de 25 anos, temos a 50 demandantes de emprego, dos que 30 son homes e 20 son mulleres.
No resto dos oito concellos da comarca, sumamos outras 836 persoas que están en situación de desemprego, según esta última actualización dos datos oficiais.
Abre a relación Maside, que rexistra 245 parados, seguido de Boborás con 165. Depois sitúase San Cristovo de Cea con 108 demandantes de emprego, e San Amaro que suma 87 parados.
O municipio de Piñor alcanza as 74 persoas inscritas no paro, O Irixo 73 persoas, Punxín conta con 58, e completa este ranking comarcal o municipio de Beariz, con 26 demandantes de emprego.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 528
- 529
- 530
- 531
- 532
- 533
- 534
- 535
- 536
- …
- seguinte ›
- última »