
O alcade socialista do Carballiño Francisco Fumega e o que a partir deste xoves dia 4 de xullo pasará a exercer como primeiro Tenetente de Alcalde, o popular Pepe Castro-Gil, presentaron o novo goberno municipal que nace do acordo que fai semanas atrás alcanzaron os grupos municipais de PSOE e Partido Popular para gobernar xuntos O Carballiño.
A alcaldía resérvase as competencias de Economia e Facenda, Orzamentos e Administracción Xeral.
Pepe Castro-Gil (PP) terá Urbanismo, Contratación Administrativa e Deporte.
Alberto Otero (PSOE) Obras, Persoal, Seguridade, Emerxencias, Mobilidade e Rexime Interior.
Diego Fernández (PSOE) Cultura.
Silvia Baranda (PSOE) Servizos Sociais, Sanidade e Vivenda.
Elvira Torres (PP) Medio Ambiente e Termalismo.
Rosa Fuentes (PSOE) Servizos Públicos e Benestar.
Miguel Fernández (PP) Medio Rural.
Diana González ((PP) Emprego, Comercio, Xuventude e Participación Cidadán.
Manolo Dacal (PSOE) Turismo e Industria.
Lorena Castro (PP) Promoción Social e Educación.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, fixo entrega a dúas familias de senllas vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro no municipio ourensán do Carballiño. No acto estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.
Trátase de dous pisos de 90 e 82,5 metros cadrados situados en dous inmobles da avenida de Compostela, das que son agora beneficiarias dúas familias, que abonarán alugueiros por importe mensual de entre 82 e 89 euros. En ambos casos, son vivendas de segunda transmisión, que foron rehabilitadas e inclúen rocho e praza de garaxe
Estes pisos forman parte dos dous grupos de promoción pública existentes no concello do Carballiño na actualidade, cun total de 109 pisos distribuídos en dous edificios, dos que o Instituto Galego de Vivenda e Solo é propietario de 22 vivendas en total e 21 delas están adxudicadas en réxime de alugueiro e unha mais está en proceso de reforma.
Por outra banda, na zona de A Uceira o IGVS é propietario de 5 vivendas en réxime de alugueiro. Hai que sinalar que existen na actualidade no Rexistro de Demandantes deste concello 13 unidades de convivencia inscritas, requisito imprescindible para poder acceder as vivendas de promoción pública.
Martínez Allegue agradeceu ás novas familias beneficiarias poder compartir o momento da súa entrada no seu novo fogar e reiterou que o acceso á vivenda de calidade en condicións asequibles para á cidadanía “é prioridade absoluta” nesta lexislatura para a Xunta. En materia de alugueiro social, a conselleira destaca que o obxectivo é que “máis familias poidan conseguir este tipo de alugueiro, facilitándolles así o acceso a unha vivenda, algo que sabemos que nestes momentos non é doado para moitas familias, tamén colectivamente, como sociedade”.
Recentemente innaguranronse as novas piscinas de Boboras, que quedaron bastante ben, a pasar dos retrasos que sufriu, pero o mais sangrante non e iso nin moito menos, senon algo que cheira mal, moi mal, tal como estan as cousas non e ilegal de todo pero dende logo que non e para nada ético,
1 Foi adxudicada a unha amiga da alcaldesa, que ofertou pagar 700€ o mes, o máximo permitido na licitación, veremos se lle e viable seguir aberto cando peche a piscina.
Cada un que pense o que queira

A Festa de Exaltación do Pan de Cea celebra esta fin de semana a súa edición número 31, durante a que “poremos a disposición do público máis de 1.500 pezas”. Así o indicou esta mañá o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, durante a presentación da XXXI Festa de Exaltación do Pan de Cea, que terá lugar este 6 e 7 de xullo no Campo da Saleta de San Cristovo de Cea.
Unha rolda de prensa na tamén participaron o deputado provincial de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; e a pregoeira deste ano Lucía Rodríguez. Tanto Fernández como Valladares coincidiron en gabar as calidades deste produto con indicativo de calidade e auguraron un novo éxito de convocatoria para esta exaltación gastronómica.
Rosendo Fernández destacou a importancia dun dos produtos máis senlleiros da provincia e recalcou “a perfecta simbiose entre Cea e o seu pan”. Así, puxo en valor que “Pan de Cea é a primeira Indicación Xeográfica Protexida de pan creada en Europa”, lembrando o feito de que mesmo recibiu antes esta distinción a nivel europeo que a nivel nacional. Así mesmo, destacou o carácter “socializador” deste tipo de festividades.
Pola súa banda, José Luís Valladares agradeceu “o apoio desde sempre” da Deputación de Ourense á Festa de Exaltación do Pan de Cea e puxo en valor tamén o traballo realizado por Carlos Rodríguez á fronte do Consello Regulador. Ademais de convidar a toda a cidadanía a participar nunha festa que xa supera as tres décadas de historia, Valladares destacou que o Pan de Cea comercialízase en todo o mundo: Estados Unidos, Italia, Xapón... e ten moitos seguidores: “sabemos que o comeu ata Fidel Castro e que a raíña Sofía o pedía sempre que tiña ocasión”.
Programa da XXX Festa de Exaltación do Pan de Cea
O presidente do Consello Regulador, Carlos Rodríguez, foi o encargado de presentar o programa definitivo de actividades para esta fin de semana, cuxas liñas xerais foron presentadas a semana pasada na Casa de Galicia de Madrid. Un acto que “é a primeira vez que se celebra en Madrid e que coincidiu coa derradeira participación do presidente da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, a quen lle agradecemos a súa colaboración”, apuntou Rodríguez.
A xornada grande, o domingo 7 de xullo, abrirase cun pasacalles ás 10.00 horas. Ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. A continuación inaugurarase a exposición “O Mosteiro de Oseira visto pola A.F. Potiños”, no centro multiúsos de San Cristovo de Cea. Unha escolma de fotografías realizadas polos integrantes desta asociación fotográfica de O Carballiño durante unha visita realizada hai uns meses ao Mosteiro de Oseira.
Ás 13:00 horas terá lugar o pregón da XXXI Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano correrá a cargo de Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión. Nada en Castro Caldelas e filla de panadeiros, esta xornalista ourensana ten traballado en distintos medios de comunicación como Onda Cero, Antena 3 Televisión, La Sexta ou TVG, onde traballou en distintos programas nos últimos dez anos e onde presenta actualmente o programa Sabadeando.
Unha vez finalizado pregón terá lugar unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e a entrega de agasallos dos colaboradores. Feitizo de Pau e a Agrupación Tradicional de Mosende encargaranse da ambientación musical.
Xa ás 14.30 horas terá lugar o tradicional xantar organizado coa degustación de produtos galegos con indicativo de calidade como empanada da IXP Ternera Gallega, polbo á feira e carne ao caldeiro da IXP Ternera Gallega con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia, acompañado polo Pan de Cea tamén con IXP. De sobremesa, queixos das DOP de Galicia, acompañados coa IXP Mel de Galicia, Requeixo das Neves con marmelada Nela Biosense, IXP Tarta de Santiago e, finalmente, café. Todo regado con Sidra de IXP Agricultura Ecolóxica de Galicia, viños galegos con Denominación de Orixe e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “So temos capacidade para que acudan cincocentas persoas”, concretou Carlos Rodríguez.
Ás 19:00 horas, verbena popular coa actuación de La Noria. Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará cun posto institucional onde estarán expostos produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co stand do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).
X Ruta dos Fornos e animación musical
O sábado 6 de xullo terá lugar a décima edición da Ruta dos Fornos. “O público poderá visitar os sete fornos antigos gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles, pois hainos de máis de 200 anos, que xa non se utilizan para elaborar pan pero poden visitarse para coñecer como se facía o pan daquela”, concretou o presidente do Consello Regulador, que salientou que “o ano pasado superamos o milleiro de visitantes”. A X Ruta do Fornos poderase percorrer entre as 18.30 e as 22.30 horas. Os tickets estarán á venda nos bares e no Concello de Cea durante os próximos días. Son limitados e o propio sábado haberá algúns á venda na Praza Maior de Cea. As propostas gastronómicas nos sete fornos participantes son as seguintes:
A) Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega con DPO Pemento de Herbón, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
B) Forno do Parapeta: mexillóns ao vapor e á vinagreta, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
C) Forno do Santo: empanada da IXP Ternera Gallega, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
D) Forno do Abade: queixos das DOP Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
E) Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
F) Forno da Eira: xamón a corte, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
G) Forno da Cruz: Tarta de Santiago, Chocolate de Oseira con Pan de Cea, rebanada de Pan de Cea con marmelada extra de kiwi e cenoria nela Gourmet, embutidos tradicionais, viño branco a tinto e auga
A X Ruta dos Fornos contará coa animación musical de Feitizo de Pau (Cea), a agrupación tradicional de San Xurxo de Mosende (O Porriño), Candaira (Castrelo do Val), Os Teimosos de Villasobrosa (Mondariz) e Pandereteiras do Forrollo (Vilar de Vaca, Cartelle). A maiores, o mago Pable Estévez ofrecerá un espectáculo de animación de rúa.
A partir das 19:30 horas, a Praza da Cebola acollerá un concerto da Agrupación de Amigos do Acordeón de Celanova. Finalmente, a Praza Maior de San Cristovo de Cea acollerá a partir das 22:30 horas un concerto do grupo de versións Los Camachuelos, mentres que Mega Disco Móbil LB encargarase do fin de festa a partir da medianoite.
Un millón de pezas
Finalmente, con respecto á comercialización de produtos da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez indicou que “cando comecei a traballar en Pan de Cea as nosas vendas era de 150.000 pezas ao ano. O ano pasado superamos s 750.000 e agardo chegar ao millón de pezas vendidas antes da miña retirada”. Rodríguez fixo fincapé no “peso da historia e a tradición do Pan de Cea, un pan artesanal cuxa tradición pasa de pais a fillos”.
Na actualidade os fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador son trece, os mesmos que o ano pasado. Algúns destes fornos distribúen o 80% da súa produción fóra de Galicia.

Desde o mediodida deste dia 1 de xullo están abertas as novas piscinas públicas promovidas polo concello de Boborás, tras unha inversión de 650.000 euros. A Xunta aportou o 70% da finaciación e a Deputación o 30% restante.
A piscina conta con dous vasos, un para adultos e outro infantil. Unha zona de 2.600 m2 tratatada para non esvarar, e acondicionado con céspede natural.
Unha edificación con tres volumes para bar-cafetería, vestiarios e enfermeiría, e zona de almacén. As instalacións contan cun peche perimetral, nunha zona toda ela urbanizada.
O horario de funcionamento diario durante a época estival será 12:00 a 20:00 horas, e a entrada será gratuíta durante todo o mes de xullo no que andamos.

A coñecida como Ponte Mandrás é unha ponte medieval que, ao tempo, dalle nome a unha aldea da parroquia de Mandrás, no Concello ourensán de San Cristovo de Cea. Segundo sinalan desde o BNG, “trátase dunha ponte dun arco de medio punto sobre o río Barbantiño no curso do Camiño Real entre Ourense, desde a zona de Amoeiro e Santiago de Compostela e que data orixinalmente do século XIII”, e engaden, “cabe sinalar que por aquí pasa tamén o Camiño de Santiago a través da Vía da Prata”.
O Portavoz municipal do BNG no Concello de Cea Manuel Pérez, sinala que “durante moitos anos esta ponte medieval tivo gran parte da súa calzada cuberta por terra e outros materiais, impedindo a vista da pedra. En época recente foi acometida unha reparación mediante a cal foi despexada esta superficie e foron reparadas diversas pedras coa colocación de novos materiais”.
“Ademais, houbo un acondicionamento na súa contorna. Porén, a día de hoxe obsérvase aínda a necesidade de rematar a limpeza e de resolver cuestións como a existencia dun cableado de luz que a atravesa sen unha colocación adecuada nin do punto de vista patrimonial nin da seguridade”.
Así mesmo, desde a formación nacionalista advirten que, “existe preocupación e confusión na veciñanza respecto de cal é o proxecto final para a zona, toda vez que nun dos accesos o vial parece sen rematar e sen saber cal vai ser a solución para o tráfico viario que continúa a pasar pola ponte sen que se habilitase por parte de administración ningunha alternativa próxima para o paso de vehículos rodados nin tampouco ningunha recomendación ao respecto”.
Co obxecto de obter resposta a todas as dúbidas existentes, para que rematen canto antes os traballos de mellora da Ponte e para a súa posta en valor, o BNG, a través do seu Grupo Parlamentar, ven de rexistrar varias iniciativas no pazo do Hórreo encamiñadas a que o Executivo galego aclare, entre outras, que actuacións vai desenvolver na Ponte, cal é o investimento e como vai ser súa valorización así como cando está prevista a conclusión dos traballos.
Outra das preocupacións nacionalistas baséase no feito de se o acondicionamento realizado é compatible co tráfico de vehículos e de non ser así, cal sería a alternativa para os mesmos.
O Partido Socialista de Leiro, se congratula de que no día de onte xoves se solucionara un problema de anos a catro familias que viven na rua de Rey de viana numero 1 que despois de moito esperar, xa teñen un ascensor para acceder a segunda planta do edificio, con unha achega de 34.000 € subvencionado por parte da Xunta de Galicia e asi o reflexou na visita que fixo a directora xeral de Administración Local e o delegado territorial da Xunta en Ourense o noso Concello de Leiro para coñecer de primeira man as melloras de accesibilidade na casa consistorial.
Tamen asistiron os dous altos cargos da xunta, xunto o rexidor e o tenente de alcalde a unha demostración de funcionamento da “maquina da discordia” e porque decimos esto os e as socialistas porque no seu momento, tras ter acceso a documentación, puidemos comprobar que das dúas empresas participantes na licitación, gaña a mesma a que presenta a oferta máis cara, cun diferencial de custes de case 9.000 euros, que pagados con fondos públicos.
Dende o grupo municipal socialista explican que a este proceso presentáranse dúas empresas, unha que ofrecía a máquina por importe total de 28.352,32 euros e outra cuxo prezo estaba fixado en 16.196,86 €, cun diferencial entre ambos de 8.754 €. Os e as socialistas esgrimen que unha das eivas principais da adxudicación radicaba nas puntuacións, xa que tal e como apuntan “sae beneficiada a empresa coa oferta máis cara por mor de que ofrece 2 anos de mantemento gratuíto e 2 de ampliación de garantía”. Neste senso, afirman que “non pode ser que a valoración do mantemento e a garantía sexa practicamente a mesma que a do prezo da máquina”.
O vicevoceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Pedro José González, sinala que a sorpresa “foi maiúscula” no momento de coñecer que dous altos cargos da xunta se prestaran para esta pantomima no dia de onte tanto no tema da accesibilidad e a maquina multiservizos
E finalmente os e as socialista apuntan, iso si, que “estamos a favor de que sexan as empresas locais as que participen nas obras e na subministración de maquinaria ao concello, pero sempre e cando isto non repercuta de forma notoria nas arcas públicas”.

Punto e aparte a unha nova temporada da "Tertulia dos Venres" en COPE O Carballiño, neste venres 28 de xuño.
Maria Luisa Rodríguez, Manuel Nogueira, José Antonio Barge, Sebastián Lamazares, Fátima Gómez e Xan Pinal completaron a última tertulia da tempada radiofónica 2023-2024.
A "Tertulia dos Venres" regresará á programación de COPE O Carballiño no próximo mes de setembro.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidíu a entrega dos XIII Premios DO Ribeiro, onde puxo en valor o bo facer dos viticultores, adegueiros e das persoas e entidades vinculadas a esta denominación de orixe ourensá, que se reflicte en produción de viño de calidade, recoñecido a nivel nacional e internacional.
No acto tamén estiveron presentes a recentemente nomeada como presidenta do Consello Regulador da DO Ribeiro, Concha Iglesias; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; entre outras autoridades. Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural trasladou os seus parabéns a todos os premiados e, de forma xeral, a todos os que fan posible o éxito do viños da DO Ribeiro.
Por iso, resaltou que é preciso consolidar aínda máis o prestixio destes viños para seguir avanzando na liña do éxito e para logralo, engadiu, tanto o sector como o consello regulador terán ao Goberno autonómico comprometido con esta tarefa.
A conselleira destacou a aposta da Xunta polo sector vitivinícola, ao que apoia a través de diferentes liñas de axuda destinadas tanto para os viños do Ribeiro como para as outras denominacións de orixe de viño galegas. Neste senso, María José Gómez puxo en valor algunhas como as achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo, as axudas para accións de promoción en terceiros países ou aquelas de apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Nos últimos anos, recalcou, a Xunta leva investidos máis de 40 millóns de euros, e só neste 2024 destínanse máis de 10 millóns para seguir potenciando o sector.
Por outra banda, a conselleira destacou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, coa que se traballar para situar ao viño como panca de desenvolvemento, neste caso, da bisbarra do Ribeiro, nos eidos económico, territorial, cultural e turístico.
A promoción do viño foi outro dos puntos que resaltou durante a súa intervención, sobre o que salientou o apoio da Xunta ás adegas en feiras e certames sectoriais nacionais e internacionais. Neste senso, fixo mención ao compromiso cos produtos galegos de calidade diferenciada, poñendo ao viño como exemplo.
En materia de calidade, sinalou a estreita colaboración cos consellos reguladores aos que se apoia para desenvolver os seus programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos con algún distintivo de excelencia.
Boa tarde,
Quería denunciar de segunda que na Rúa Ourense e Vicente Risco, hai un solar que é do señor Viñal e están as malas herbas medrando sin control. O único que fixeron foi cortar as malas herbas que subían polo edificio da Clínica Alameda, so iso fixeron no solar, Unha mínima parte de todo o solar.
Se unha persona e dona dunha finca, solar ou que sexa, terá que hacerse cargo e senón ponerle unha multa.
Ademáis das malas herbas, hay risco de proliferación de ratas e otros animáis indesexables que poden entrar ó edificio e a Clínica Alameda.
¡Por favor, fagan algo XA! ¡Basta de tanta deixadez!
Se tes un solar ¡Faite cargo! E senón que che poñan unha boa multa como corresponde.
Gracias.
Posdata: Unha persona que vive no edificio.
Se continúa igual, voy seguir denunciando, ata que dunha boa vez se faga algo. A ver se por aburrimiento se consegue solucionar o problema.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 51
- 52
- 53
- 54
- 55
- 56
- 57
- 58
- 59
- …
- seguinte ›
- última »