31, Outubro 2016

A concellería de Medio Ambiente encargará un proxecto de acondicionamento da escaleira de acceso e balaustrada do mirador da Pena dos Namorados.

Para isto, incluirá unha partida específica nos orzamentos que se elaboran neste intre co obxectivo de poder executar a reforma a comezos do próximo ano.

Esta medida ven condicionada polo deterioro que sufre o entorno deste monumento dende hai algúns anos, sen que se tivese realizado ningún tipo de mantemento ou resposición dos travesaños da escaleira nin das madeiras da balaustrada, poñendo en perigo a seguridade das persoas que suben ao mirador, sobre todo, cando se trata de nenos.

Precisamente por esta circunstancia, e en aras de evitar calquera posible accidente, a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Érika Paz, vai proceder ao seu precintado coa finalidade de prohibir o acceso mentres non se efectúe a reforma.

O obxectivo da concellería de Medio Ambiente é restituir as partes deterioradas para posibilitar o acceso ao mirador sen que haxa ningún tipo de perigo. A Pena dos Namorados é un dos lugares máis singulares da ribeira do río Arenteiro ao seu paso polo Carballiño.

Está situado fronte á antiga fábrica de papel da Labandeira, e o forman un conxunto de rocas graníticas de grandes dimensións, coroado por unha delas que se mantén pola súa base.

Os historiadores relacionan o lugar cun asentamento do período do Paleolítico, polos achados dos restos atopados nas súas cercanías, e cren que a Pena dos Namorados puido ser un monumento máxico-relixioso polos primeiros poboadores destas terras. Durante a limpeza, rehabilitación e acondicionamento levadas a cabo en 1996 pola Escola Taller Terras do Arenteiro apareceron restos dunha antiga ermita.

A configuración e a situación deste conxunto pétreo confírenlle un certo encanto a este lugar, xerándose ao longo da historia un sinfín de lendas relacionadas con tesouros e amoríos. E de aí o nome, que non se sabe con certeza a súa orixe e significado.

"Ver para creer" afirma o Partido Popular

"A Concelleira ven a estas alturas coa leria de que se mellorará a Pena dos Namorados logo de varios anos sen que se intervira nela, deixando caer que o anterior Goberno Municipal non fixera nada", manifestan dende o Partido Popular.

Recordanlle "á concelleira desmemorizada, que este lugar foi salvado ante o xulgado do mercantil de ser devolto aos seus anteriores donos e que por causa da INCAPACIDADE de Varios gobernos socialistas, costoulle a todos os veciños preto de 700.000€ que aínda se están pagando".

Engaden dende o Partido Popular que "a eso nos dedicamos no derradeiro mandato e durante os 4 anos e, por eso, nos parece unha desfachatez que diga o que dí".

"Foron anos nos que tanto a Pena dos Namorados, e a fábrica de papel correron grave risco de deixar de ser propiedade pública.
ou  acaso, nos esquezemos dos carteis de (se vende) colocados polos anteriores donos", remarcan os populares.

Finalmente, manifestan a súa satisfación dende o Partido Popular polo proxecto "se pense intervir nela pois agora si, e non antes se podía facer. E mais, incluso cando actuóu ali un obradoiro de Emprego, tampouco se podería ter feito, pois non estaba acreditada a titularidade tal como dixo o xulgado do mercantil"

 

28, Outubro 2016

O Plan Integral de Emprego “Carbaemprega” comezou hoxe a súa andaina. Un total de 60 persoas desempregadas e perceptoras de axudas foron seleccionadas para participar neste programa que ten por obxectivo acadar unha taxa de inserción no mercado laboral do 40% como mínimo.

A presentación deste plan realizouse esta mañá no concello coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega; o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; os concelleiros Argimiro Marnotes, do PP, e Marcos Reboredo, independente; así como os presidentes dos empresarios do Polígono e do Centro Comercial Aberto, e o director do grupo empresarial do sector eólico GRI; formadores, orientadores laborais e alumnos e alumnas.

Francisco Fumega comezou agradecendo o apoio da Consellería de Economía, que singularizou no director xeral, por aprobar o proxecto do Plan Integrado de Empleo presentado polo concello do Carballiño.

Ao respecto, dixo que “cremos que é unha boa iniciativa para integrar ás persoas desocupadas no mercado laboral”. Fumega asegurou que a búsqueda de emprego era a principal demanda que lle plantexaban os veciños e veciñas do Carballiño, e que non había ningunha outra cuestión que lle ocupase máis tempo. “Por iso é tan importante que este plan se desenvolva do mellor xeito e co maior aproveitamento posibles”, según dixo.

Finalmente abogou pola colaboración entre as administracións e o tecido empresarial para cambiar o rumbo da situación en materia de emprego, e animou a todos a aproveitar esta oportunidade e traballar duro para conseguir o obxectivo de inserción que prevé o plan.

A esta cuestión tamén se referiu Adolfo Nogueira, que puxo de manifesto o traballo desenvolvido para lograr a aprobación deste plan pola Xunta e a súa posta en marcha.

Malia a que se persigue un obxectivo de inserción do 40%, o concelleiro animou aos alumnos, formadores e os representantes do tecido empresarial para superar esa meta e conseguir a maior ocupación posible das persoas participantes no programa.

Neste sentido, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, dixo que, independentemente da inserción que se consiga, a formación incrementa as posibilidades de empregabilidade, porque sempre ten resultado e é moi útil.

Marnotes ensalzou o plan presentado polo concello, asegurando que era un bo plan, e o puxo como exemplo do traballo conxunto das administracións e o sector empresarial para que as 60 persoas seleccionadas poidan recibir orientación, información e formación específica en materias vencelladas coa industria local.

Asemade, informou que neste momento estaban en marcha na comarca do Carballiño cinco programas de formación laboral no que participaban 75 persoas, incluidos os obradoiros de emprego, e que a consellería de Economía destinaba 3 millóns de euros a esta cuestión en toda Galicia, coa participación de 1.700 persoas.

Por iso animou a aproveitar estas posibilidades que se ofrecen nestes programas e plans. Finalmente, puxo de manifesto o obxectivo da Xunta de baixar a taxa do paro do 16% ao 10% en catro anos.

28, Outubro 2016

O XXXIII Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral, que se celebra este sábado, 29 de outubro, no salón do Casino do Carballiño, terá como aliciente a interpretación dun tango polo grupo +QDANZA de Lalín, cun palmarés moi importante.

O festival, que contará coa Coral Polifónica Maruxía, de Bueu; o Grupo-Coral Santa Cecilia de Calvao, de Aveiro (Portugal), e coa Coral Polifónica do Casino do Carballiño, foi presentado esta mañá nun acto no que interviñeron o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal; o director e secretario da Coral do Casino, Jaime González e Antonio Luis Santiago, respectivamente; e as profesoras do grupo +QDANZA, Yolanda Ogando e Marta Maceira.

Jaime González destacou a importancia deste festival, que conta cunha longa historia e que é unha referencia no panorama das corais afeccionadas de Galicia. Asi mesmo, incidiu na calidade das corais invitadas a esta edición e na ampliación de programa a unha exhibición de danza coa colaboración do grupo +QDANZA de Lalín.

Precisamente, en relación a esta cuestión, as profesoras Marta Maceira e Yolanda Ogando sinalaron o reto de interpretar un tango clásico “El día que me quieras”, en dúas parellas de mulleres, tal e como se bailaban os tangos nos seus inicios, por parellas de homes ou mulleres, co acompañamento dun pianista e unha escenografía con 4 cadeiras. Ambas profesoras amosáronse encantadas de colaborar coa Coral do Casino e co Carballiño para ofrecer este espectáculo, co que estaban moi ilusionadas, segundo dixeron.

Pola súa parte, o concelleiro de Turismo agraeceu á Coral do Casino o traballo que veñen desenvolvendo dende 1983, sendo auténticos embaixadores do Carballiño en Portugal e en moitos outros lugares por donde teñen actuado ou traendo corais ao Carballiño.

Finalmente, Antonio Luis Santiago fixo un chamamento aos veciños do Carballiño e da comarca para asistir a este evento, que culminará coa interpretación conxunta dunha canción polas tres corais participantes.

26, Outubro 2016

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro, organiza este próximo sábado, 29 de outubro, unha andaina guiada ao xacemento arqueolóxico de Molín, que resultou moi afectado polo lume este pasado verán. Trátase de observar e explicar os efectos devastadores dos incendios forestais no patrimonio natural e no arqueolóxico.

A zona de Molín atópase nas parroquias de Brués e Moreiras, no concello de Boborás, que foi un dos lugares máis afectados polos incendios que acaeceron este pasado verán na comarca do Carballiño.

O percorrido desta andaina é duns 5 km., aproximadamente, e estará guiada polos responsables das seccións de Arqueoloxía e Bioloxía do Centro de Estudios Chamoso Lamas, así como por representantes do Grupo Outeiro.
A saída está prevista para as 10 da mañá, dende a igrexa de Brués, que é o punto de encontro.

Asemade, pola tarde, ás 7, terá lugar unha conferencia na Casa da Cultura, que será impartida polo presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC, Serafín González Prieto, e que leva por título “Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos”.

Tanto a andaina como a conferencia son de carácter aberto, polo que se convida a todas as persoas interesadas a asistir a ambos eventos.
Ambas iniciativas forman parte das actividades programadas polo centro de estudios para este último trimestre do ano.

26, Outubro 2016

A rúa Ben-Cho-Shey, unha das poucas rúas dos casco urbano do Carballiño sen servizos nin asfaltado nin beirarrúa mudará nestes próximos meses esta condición. Estes días execútase o proxecto de urbanización desta rúa, situada entre a Avenida 25 de Xullo e a rotonda da rúa Ourense. Ten 215 metros de lonxitude e 12 metros de ancho, e contará con todos os servizos de abastecemento, saneamento, luz pública, beirarrúas e zona de aparcamento en batería, con capacidade para uns 30 vehículos e circulación en dirección única.

É unha das obras de urbanización máis demandadas, pois trátase dunha rúa relativamente céntrica, con diversos edificios construidos, sobre todo na parte alta. De aí que o proxecto contemple dúas zonas con distintas infraestruturas, pois o tramo comprendido entre a rúa 25 de xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo está mellor acondicionado que o comprendido entre esta última rúa e a rotonda de Conde Vallellano.

En todo caso, o proxecto contempla unha nova canalización da rede de abastecemento e saneamento, que é o primeiro que se executa, así como un muro de contención nunha zona de parcelas ainda sen edificar. Asemade, incluirá rede e puntos de iluminación pública, beirarrúas con plaqueta, asfaltado en quente e pintado da calzada e dos aparcamentos.

As beirarrúas terán 2 metros de ancho e a calzada será de 10 metros. A rúa será de dirección única para poder fixar unha franxa de aparcamentos en batería, co obxectivo de ganar máis prazas.

Estas obras, que están sendo realizadas pola empresa BIDON Excavaciones, especializada en urbanizacións, ten un período de execución de seis meses e un custo de 146.000 euros, que son sufragados íntegramente polo concello do Carballiño.

400.000 EUROS PARA A MELLORA DE RÚAS

Neste intre, estanse realizando seis obras de interese no municipio carballiñés, fundamentalmente, no casco urbano. Así, ademáis desta obra de Ben-Cho-Shey, execútanse obras nas rúas Calviño, Río Avia, Galicia, Aldara e acceso ao núcleo rural da Barreira. O custo total destes proxectos supera os 400.000 euros, que son sufragados polas diferentes administracións, local, provincial e autonómica, segundo os diferentes proxectos.

25, Outubro 2016

Parabéns unha vez máis a ANPA A UCEIRA.

Gracias por defender, preocuparse e informar aos pais de temas serios que afectan aos cativos. Gracias por informar dese concurso de cabazas. Vese que o da convocatoria de folga do día 26 en contra das reválidas non é importante. Así imos! 

24, Outubro 2016

O concello do Carballiño está dando os pasos legais pertinentes para posibilitar o proxecto de reforma do Gran Balneario, que elabora o arquitecto Manuel Gallego Jorreto por encargo da xerencia deste establecemento termal, que cumpre cento dezaseis anos de existencia.

Este trámite, que será informado mañá na comisión municipal de Obras Urbanismo e Servizos Públicos, e que será levado ao próximo pleno para a súa aprobación, ven motivado pola procura de adapta-la regulación da zona edificable incluida na parcela do Balneario do Carballiño, acorde coas necesidades actuais da actividade, e para corrección de varios erros que existen no plano de ordenación A1-12 do PXOM.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Carballiño foi aprobado definitivamente o 11 de marzo de 1999, e tivo varias modificacións puntuais ata a data de hoxe.

Trátase dunha modificación puntual do plan xeral, que afecta únicamente á parcela do Balneario, e non supón cambios illados na clasificación e calificación do solo ou delimitación do ámbito dos polígonos, nin afectan á estrutura xeral e orgánica do territorio ou da clasificación do solo.

A reforma prevista no Gran Balneario non afectará aos edificios históricos, Casa de Baños e Fonte, nin ao arbolado e zona verde do recinto, senón que se realizará na parte media/baixa da parcela, onde se ubicarán as novas instalacións. O autor do proxecto será o arquitecto nado no Carballiño e galardoado co Premio Nacional de Arquitectura, Manuel Gallego Jorreto, que hai uns días nunhas xornadas adicadas a Daniel Vázquez-Gulías definiu a Casa de Baños do Balneario como unhas das boas obras deste arquitecto nado en Bearíz.

A previsión é que para o próximo ano poida rematarse este proxecto de reforma e comezar coas obras.

Dase a circunstancia, ademáis, que a finais deste ano 2016 será inaugurado o novo Balneario das Caldas de Partovia, polo que nun período de dous anos O Carballiño contará con dous establecementos termáis históricos completamente modernizados, o que suporá un cambio moi significativo para o relanzamento do Carballiño como unha das grandes vilas termais de Galicia

24, Outubro 2016

O concurso de ideas para o proxecto integral do Parque Municipal, convocado pola concellería de Medio Ambiente a finais do mes de xullo pasado, entra na recta final. Restan pouco máis de tres semanas para que remate o prazo previsto para a recepción de propostas, fixado para 15 de novembro.

Dende o 1 de agosto, data na que se abriu este prazo, producíronse numerosas entradas na páxina web do concello (www.carballiño.gal) na que se informa desta iniciativa e se ofrece un modelo de instancia para presentar as propostas, que se deberán formalizar a través do Rexistro do concello.

Hai xa propostas rexistradas pero espérase que neste tempo que resta se presenten moitas máis. A iniciativa, que fora aprobada polo pleno da Corporación Municipal a finais do mes de outubro do pasado ano, intenta facer partícipe a toda a sociedade carballiñesa deste proceso que ten por obxecto mellorar o entorno do parque municipal, tendo sempre en conta que se trata dunha superficie de 32 hectáreas de arbolado e zona verde, con prazas, avenidas e camiños que debe conxugar o respeto medioambiental co disfrute.

Así, invítase a todos os sectores da población, persoas físicas, asociacións legalmente constituídas, centros educativos, entidades e persoas xuridicas a realizar as súas propostas. En todo caso, debe respetarse dun xeito especial a esencia medioambiental do parque, procurando un uso sostible dos recursos naturais cos que conta, sen que as actividades de ocio e disfrute poñan en perigo a súa conservación.

Unha vez remate o prazo, avaliaranse as propostas coa finalizade de que poidan formar parte do Proxecto Integral de Reforma do Parque Municipal que se redactará no transcurso do próximo ano. Dende a concellería de Medio Ambiente, que sirixe Érika Paz, anímase aos veciños e asociacións a expresar as súas opinións e ideas sobre o mellor xeito de conservar e valorizar este entorno natural do Carballiño que pronto cumplirá os cen anos de existencia.

Precisamente, o concelleiro non adscrito da corporación carballiñesa Marco Antonio Reboredo, presentou un escrito dirixido á concellería de Medio Ambiente no que solicita darlle a maior difusión posible a esta esta recepción de propostas por parte da veciñanza para a mellora do parque municipal carballiñés.

Tamén se interesaba Reboredo polo estado na tramitación da solicitude, no seu dia aprobado en pleno, para incluir algunhos exemplares existentes no parque no catálogo de árbores senlleiras de Galicia e tamén a solicitude para a declaración do parque como Espazo Natural Protexido de Interese Local.

24, Outubro 2016

Plataforma Masidá advirte da temeridade do Concello de Maside

A Asociación advirte da existencia de numerosas vivendas en estado de ruina, e rexeita a actitude temeraria dos responsables municipais ante unha problemática que vai en aumento. Unha das vivendas desplomouse neste mes arroxando pedras de gran tamaño a unha vía pública en pleno centro urbano. Un dous responsables municipais acudiuse no lugar dos feitos, retirando parte dás pedras.

Plataforma Masidá pon de manifesto que non se exercitan as medidas para facer os oportunos apercibimientos aos propietarios destas vivendas, nin se sinaliza convenientemente ou seu perigo. O colectivo cualifica como irresponsable a actitude dos representantes municipais e ou feito de manter nas inmediacións do edificio colectores de recollida de lixo, obviando o perigo do esborralle de pedras de gran tamaño. Cusetionanse se na Corporación local existe alguén cun mínimo de sentido común.

A política urbanística ineficaz do Concello de Maside, que renunciou á elaboración do PXOM a pesar de recibir unha cuantiosa  subvención para a súa redacción, e unha política recadatoria neglixente na que non se pasa á vía executiva para o cobro de obrigacións tributarias que acaban prescribindo, motiva que este tipo de casos sexa cada vez máis común en pleno centro urbano de Maside, segundo denuncia o colectivo.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS